Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 06 de febreiro de 1997 Páx. 1.193

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de febreiro de 1997 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados polo persoal médico que traballa nos servicios especiais e normais de urxencias da provincia de Pontevedra desde o día 7 de febreiro de 1997 e tódolos venres, sábados e domingos, durante toda a xornada laboral por tempo indefinido.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada a folga que afecta o colectivo de médicos que traballan nos servicios especiais e normais de urxencias da provincia de Pontevedra, desde o día 7 de febreiro de 1997 e tódolos venres, sábados e domingos, durante toda a xornada laboral, por tempo indefinido, oído o comité de folga, esta consellería,

DISPOÑE:

Artigo 1º

A folga convocada desde o día 7 de febreiro de 1997 e tódolos venres, sábados e domingos, durante toda a xornada laboral por tempo indefinido, que afecta o colectivo de médicos que traballan nos servicios especiais e normais de urxencias da provincia de Pontevedra, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen nesta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, para

evitar de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos do 100% do persoal de presencia física necesarios para garanti-la asistencia imprescindible ós usuarios, consonte co criterio expresado polos representantes da Administración de conformidade co comité de folga no trámite da audiencia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

721