Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Mércores, 05 de febreiro de 1997 Páx. 1.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 23 de xaneiro de 1997 sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX).

A experiencia adquirida desde que se puxo en marcha o Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX) e o desenvolvemento das liñas básicas definidas nel, así como a importancia do sector de gando vacún dentro da renda agraria da nosa comunidade, aconsellan continua-las accións emprendidas como o mellor medio para a incorporación ó sector gandeiro de novos criterios de manexo e de mellora xenética.

Por outra banda, as novas orientacións a nivel nacional e internacional no desenvolvemento destes programas, fan das asociacións e agrupacións de productores a canle axeitada para a progresiva participación do sector e a garantía da súa viabilidade futura.

Así pois, débense regula-las actuacións contidas no devandito plan e fixa-las axudas que, para o seu desenvolvemento, establece a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (en adiante, consellería).

Por todo esto, faise necesario establecer un marco legal de ordenación e promoción destas actividades na nosa Comunidade Autónoma.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A comprobación dos rendementos - leiteiro e cárnico - do gando en Galicia ten por obxecto o estudio e determinación dos parámetros productivos necesarios para documenta-los programas de mellora xenética e de manexo establecidos a nivel nacional, rexional ou en propia explotación.

Artigo 2º

O control da reproducción ten como obxectivo prioritario dispoñer de información dun dos principais parámetros que condicionan a rendibilidade das propias explotacións gandeiras. Supón, así mesmo, unha avaliación das actuacións dos programas de dotación de recursos xenéticos que conforman o PIMX.

Artigo 3º

A Mesa Técnica de Mellora Xenética, creada pola orde da consellería, do 1 de marzo de 1991, de acordo co establecido no PIMX, é o órgano consultivo para impulsar, potenciar e coordinar tódalas accións expostas no plan.

Artigo 4º

As asociacións provinciais de gandeiros de vacas frisonas, para o control de rendementos leiteiro e reproductivo, así como a súa federación, son as unidades básicas para o desenvolvemento da actividade do control leiteiro e do libro xenealóxico do gando vacún de leite.

Artigo 5º

Os gandeiros que ó desexen poderán solicita-lo seu ingreso na asociación provincial correspondente. Estas, unha vez comprobadas as esixencias regulamentarias para o seu ingreso, quedan obrigadas a admiti-las novas explotacións e tramita-la solicitude de alta na consellería, a quen lle corresponde resolver definitivamente sobre ela.

As explotacións que, realizando o control leiteiro nos dos últimos anos, controlasen, durante un período continuado de seis meses no último ano, seis vacas ou menos, sen causa grave que o xustifique, causarán baixa no control leiteiro.

Artigo 6º

A realización do control leiteiro debe facerse segundo a normativa estatal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e demais normas complementarias fixadas nesta orde.

Artigo 7º

1. Será de uso regulamentario para as explotacións en control leiteiro a inseminación ata xestación e parto, con seme de touros en proba de, polo menos, o 20% dos seus efectivos, empezando, con carácter preferente, coas vacas para un segundo parto.

Para cumprir con esta condición, empregaranse os touros en proba dos anos 1995, 1996 ou 1997.

O termo touros en proba ou en xeral touros do centro refírese xenericamente a aqueles sementais do Centro de Escolma de Fontao que se dispoñan en cada momento para realiza-las probas de avaliación xenética.

2. Os titulares das explotacións en control leiteiro deberán proporcionarlles ós controladores tódolos datos das incidencias de carácter reproductivo que se produzan na súa explotación.

3. A consellería disporá a realización de probas de paternidade para calquera das actuacións referidas a fillas de touros en proba e como garantía do libro xenealóxico.

Artigo 8º

Co fin de promociona-los programas contidos na presente orde, establécense axudas, respectando as limitacións sectoriais previstas no Regulamento CEE 2328/1991, ás que poderán optar aquelas explotacións que inicien o control leiteiro e aqueloutras que durante o último ano cumprisen as liñas marcadas pola orde desta consellería, do 6 de maio de 1996, sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética.

I. Para as asociacións provinciais ou a súa federación:

1. A consellería subvencionará, así mesmo, ás asociacións provinciais de control, co 50% dos custos derivados polas operacións de control leiteiro.

O cálculo mensual das devanditas subvencións farase de acordo cos baremos contidos na táboa seguinte, non podendo alcanzar no cómputo anual de subvención, cos incrementos debidos ó control dobre nin pola porcentaxe de partos á que se fai referencia máis adiante, a porcentaxe máxima do 50% dos gastos totais do control leiteiro.

Explotacións controladasPtas./Explot.mes

de 1 á 4003.350

401 en adiante3.000

A cantidade resultante de aplica-los datos desta táboa refírese ó control único (control dunha das muxiduras diarias). Para as explotacións que realicen dous controis no día, incrementarase a subvención da táboa anterior nun 35%. Á subvención resultante ata aquí denominarémola subvención base.

Non se contabilizarán como subvencionables, ademáis das previstas no primeiro parágrafo deste artigo, o número de explotacións que exceden das que se poidan controlar nos días de control, 1 explotación diaria a control dobre e dúas explotacións a control único.

A subvención base incrementarase en función dos partos habidos que se deban a inseminacións con seme de touros en proba dos anos 1995, 1996 ou 1997 (porcentaxe de partos). As asociacións poderán acceder a estas subvencións só se a porcentaxe de partos é igual ou superior ó 20%.

Nestes casos, a subvención base incrementarase en porcentaxe de partos, que supere o 20%.

Por outra banda, tamén sobre a subvención base se producirá un incremento do 10% sobre a porcentaxe dos partos habidos que se deban a inseminacións con seme de touros do centro, non incluídos no parágrafo anterior.

Ademais, no ánimo de obter un control completo e fiable, establécese unha subvención para a asociación correspondente en función das lactacións finalizadas nun montante de 250 pesetas por lactación válida finalizada segundo a información xerada polo Servicio Técnico de Producción Animal e referidas ó período dun ano. Esta subvención será librada unicamente cando as asociacións presenten un programa especial de gasto ó que se debe imputa-lo importe da subvención.

2. A consellería establece unha subvención do 40% para a xestión en Galicia do libro xenealóxico da raza frisona.

O cálculo para determina-las devanditas subvencións fíxase en 4.500 ptas. anuais, por cada explotación colaboradora do control leiteiro, pagadoiras

trimestralmente, e baseándose no número de explotacións ó principio de cada semestre natural.

3. Para garantía do libro xenealóxico da raza frisona fíxase unha subvención do 70% dos gastos de realización das probas de paternidade, por mostraxe entre os animais rexistrados.

4. Para a promoción da raza frisona fíxanse axudas para organizar un concurso rexional e unha escola de xuíces gandeiros.

As axudas fixadas para o concurso estarán en función da concorrencia de animais e dos efectos de promoción da raza (premios ás descendencias de touros do centro, confirmada a súa veracidade coas correspondentes probas de paternidade), de acordo co seguinte:

Unha cantidade fixa de 1.200.000 pesetas e por cada animal fillo de touros do centro, coas seguintes cantidades: 15.000 ptas. por cada animal menor de 25 meses e 25.000 ptas. se son maiores ou iguais á devandita idade.

A subvención máxima que se concederá para a celebración do concurso rexional será de 2.500.000 pesetas, sempre que concorran a el gandeiros de alomenos tres provincias galegas, ou de 1.300.000 pesetas en caso de que a concorrencia sexa menor. En calquera caso, a subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos de organización.

4.1. Como subvención para os gandeiros establécense premios para as descendencias dos touros do centro, repartidos a partes iguais entre as seccións de animais menores de 25 meses e as seccións de animais maiores ou iguais a 25 meses. Os importes dos devanditos premios son de 250.000 ptas. para o concurso rexional referido no punto anterior e 125.000 ptas. para os demais concursos, ata un máximo de catro concursos deste tipo.

4.2. Para a celebración da escola de xuíces gandeiros establécese unha subvención de 10.000 ptas, por cada asistente que sexa profesional gandeiro inscrito en control leiteiro, sendo a subvención máxima de 1.000.000 de pesetas. A subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos da organización.

II. Axudas ós gandeiros en control leiteiro.

1. Cada gandeiro integrado na correspondente asociación provincial de control de rendementos recibirá unha subvención máxima do 20% dos gastos que orixine nas explotacións a realización do control leiteiro.

O cálculo das devanditas subvencións farase en función das lactacións válidas finalizadas xa que o censo de gando determina o maior ou menor custo de realización do control leiteiro. Estas lactacións serán certificadas no Servicio Técnico de Producción Animal, referidas ó período dun ano.

1.1. Subvencións de 800 pesetas por lactación para as fillas de calquera touro non referido nos puntos seguintes.

1.2. Subvención de 1.200 pesetas por lactación para as fillas de touros do centro.

1.3. Se a lactación válida e finalizada corresponde a unha primeira lactación dunha filla de touro en proba do ano 1993 ou posteriores, a subvención concederase en función do número de parto da nai que xerou a vaca que finaliza a lactación.

Se o devandito parto é o 2º, a subvención será de 15.000 pesetas e se é outro número, a subvención será de 10.000 pesetas.

O dereito a calquera das subvencións deste punto 1 será excluínte das demais deste mesmo punto.

2. Gastos de tramitación inicial e incorporación no control leiteiro.

Para as explotacións de recente incorporación ó control leiteiro, subvención de 10.000 pesetas para atende-los gastos de tramitación inicial e incorporación, para as explotacións que o inicien, e o realicen de forma continuada, durante polo menos seis meses no último ano e non recibisen unha subvención por estes conceptos no pasado ano.

III. Doses seminais.

1. Explotacións en control leiteiro o pasado ano:

Considéranse unhas necesidades, incluídas as da recría propia, de 2,5 doses por cada vaca controlada efectivamente durante o derradeiro ano. Enténdese por número de vacas controladas efectivamente na explotación o que resulta de face-la media do número de vacas controladas nos meses nos que se fixese o control na explotación ó longo do período anteriormente determinado.

Subministración gratuíta de doses de touros en proba para cubri-lo 20% das necesidades da explotación e subvención máxima do 65% do custo das doses seminais subministradas pola consellería.

2. Ganderías de nova incorporación ó control leiteiro: as necesidades de doses de touros en proba fíxanse nunha cantidade de ata 1,6 doses por cada vaca e ano, cun mínimo de 10 doses de seme por cada explotación. A subministración destas doses terá unha subvención de ata o 100%.

3. Subministración de doses seminais producidas no Centro de Escolma de Fontao, co 60% de subvención, para a expansión da mellora xenética a tódalas explotacións leiteiras.

IV. Axudas á transferencia embrionaria.

Poderán solicita-las axudas de transferencia embrionaria as agrupacións de gandeiros que exerzan as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e que, entre os seus fins, teñan o fomento de actuacións de mellora xenética.

A) Formación do persoal integrado nun programa de transferencia. Ata o 50% dos gastos persoais de formación, excluíndo materiais e desprazamentos, cun importe máximo por persoa de 1.500.000 ptas.

B) Adquisición e implantación de embrións.

A subvención para este réxime de axudas non superará os custos do programa.

Subvención máxima de 20.000 pesetas por preñez obtida.

C) Difusión da xenética galega de alta calidade, vía materna, para un programa que inclúa algunha das 50 mellores vacas por ICO e cualificación morfolóxica de, alomenos, 84 puntos, propiedade dos gandeiros galegos, subvención de 10.000 ptas. por preñez obtida, non superando as subvencións, en ningún caso, os custos orixinados na transferencia.

A implantación deberá ser supervisada por técnicos da consellería.

Estas subvencións faranse efectivas cando a agrupuación xustifique as preñeces obtidas, coa sinatura do gandeiro e do técnico que realizou a implantación, que deberá cumprir coa normativa oficial que rexe as actuacións profesionais dos técnicos implantadores.

V. Axudas ós gandeiros con gando de raza rubia galega.

Como axudas á mellora da calidade xenética, por cada femia avaliada xeneticamente ó longo deste ano e incluída no rexistro definitivo da raza, establécese unha axuda do 70% dos custos ocasionados, cun importe máximo de 40.000 ptas. Esta axuda non poderá asignárselles ás femias que recibisen subvención segundo as correspondentes ordes de recría establecidas pola consellería en anos anteriores.

Artigo 9º

1. As solicitudes de axudas ás que se refire a presente orde irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e presentaranse no rexistro da consellería, no das súas delegacións provinciais ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Establécense os seguintes prazos de presentación de solicitudes:

a) Agrupacións de gandeiros: o prazo remata ós 15 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Gandeiros individuais: o prazo remata ós 45 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

c) Os gandeiros de raza rubia galega, así como os de raza frisona que se incorporan ó control leiteiro ó longo deste ano, presentarán a súa solicitude de subvención no mes de outubro deste ano.

O expediente será resolto polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e a consellería comunicará, no prazo de 90 días, a aprobación ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no devandito prazo entenderase desestimatoria das peticións de axuda.

Artigo 11º

A consellería solicitará dos peticionarios a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, con obxecto de comproba-la realización das actuacións subvencionables.

Artigo 12º

Poderán ser beneficiarios destas axudas agrupacións de gandeiros ou ganderías individuais. En cada tipo de axuda especifícase cáles poden ser solicitadas por agrupacións de gandeiros e cáles o serán polas ganderías individuais.

A documentación que se presentará en cada caso é a seguinte:

a) Agrupacións de gandeiros:

1. Solicitude segundo anexo I.

2. Acta de constitución da entidade.

3. Fotocopia do código de identificación fiscal e certificado de conta bancaria.

4. Memoria do programa que se pretende e medios humanos e materiais para desenvolvelo.

5. Avaliación económica do investimento que se vai realizar.

6. Avaliación económica da subvención solicitada.

b) Ganderías individuais:

1. Solicitude segundo anexo II.

c) Gandeiros de raza rubia galega:

1. Solicitude segundo anexo III.

Artigo 13º

As solicitues formuladas ó abeiro da orde do 6-5-1996 (DOG do 23-5) ás que non lles fose concedida a subvención solicitada serán tidas en conta na presente convocatoria, agás indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes. A tramitación dos expedientes continuará desde a fase na que se encontraba ó remate do exercicio anterior.

Artigo 14º

As subvencións ás que se refire a presente orde serán consideradas como subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, en función da realización dos programas propostos, por limitacións orzamentarias ou cando exista concorrencia doutras axudas oficiais.

Artigo 15

O incumprimento do disposto na presente orde dará lugar á perda das subvencións e devolución, se é o caso, do percibido, sen prexuízo das responsabilidades civís ou penais que puidesen derivarse deste feito.

Artigo 16º

Correspóndelle á consellería o seguimento e inspección das actividades desenvolvidas polas organizacións colaboradoras segundo se determina na presente orde.

Artigo 17º

As subvencións recollidas na presente orde financiaranse con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.614-A.771.0 (82.000.000 de ptas.); 09.03.614-A.781.0 (167.000.000 de ptas.); 09.03.613-A.780.0 (15.038.000 de ptas.); 09.03.731-A.770.0 (20.000.000 de ptas.); dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9004