Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 04 de febreiro de 1997 Páx. 1.125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 1997 pola que se convocan dous cursos sobre atención ó cidadán.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre Atención ó Cidadán, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivos:

-Sensibiliza-lo persoal sobre a importancia que ten o servicio de información e atención ó cliente-cidadán.

-Mellora-la calidade na atención presencial.

-Dar a coñecer distintas estratexias de actuación para un tratamento correcto ó público.

-Empatizar cos diferentes tipos de clientes.

-Fomentar unha actitude de axuda ó cliente-cidadán.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán por curso será de 30.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 19 de marzo de 1997, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir firmadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro delegado e seladas; será este requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito conlevará á non admisión ós devanditos cursos.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos celebraranse en sesións de mañá e tarde, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

1. Servicio e imaxe de calidade.

1.1. Calidade e atención ó cliente-cidadán.

1.2. Técnicas para un servicio de calidade.

1.2.1. Técnicas de relación interpersoais.

1.2.2. Técnicas de resolución de problemas.

1.2.3. Estratexias de comunicación.

2. O tratamento ó cidadán.

2.1. Atención ó público.

2.1.1. Presencia e imaxe externa.

2.1.2. A conducta non verbal: xestos.

2.1.3. A conducta verbal: primeiras palabras.

2.1.4. Axuda: sondaxe de necesidades.

2.1.5. Actitude positiva.

2.1.6. Despedida: imaxe positiva.

2.2. Actitudes e técnicas.

2.2.1. Escoita activa: técnica de Rogers.

2.2.2. Técnicas de comunicación.

2.2.3. Empatía.

2.2.4. Confidencialidade e servicialidade

3. Tratamento de obxeccións e queixas.

3.1. Concepto.

3.2. Actitude diante das obxeccións e queixas.

3.3. Tipos de obxeccións.

3.4. Estratexias para rebater obxeccións.

3.5. Tratamento de reclamacións.

Datas.

Os cursos celebraranse en datas do 7 ó 11 de abril:

-1º curso: do 7 ó 11 de abril de 1997.

Horario: de 10 a 14 horas.

-2º curso: do 7 ó 11 de abril de 1997.

Horario: de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 25 de marzo, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

Os cursos desenvolveranse no Concello da Estrada, quedando por concreta-lo seu lugar de celebración, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate dos cursos entregaraselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a estes, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, conlevará á non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

97-568