Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 04 de febreiro de 1997 Páx. 1.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN de 20 de xaneiro de 1997 pola que se convoca un curso básico de capacitación para policías locais.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso básico de capacitación para policías locais, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los policías dunha formación teórico-práctica que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, para que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta, antes do 19 de

marzo de 1997, para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito a Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e os datos das persoas incluídas na lista referidos ás probas de oposición, para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 19 de marzo de 1997.

3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase na sede da Academia Galega de Seguridade en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outras, as seguintes áreas:

-Misión e funcións policiais.

-Policía e sociedade galega.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Área de reforzo.

-Formación en centros de traballo.

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na sede da Academia Galega de Seguridade e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas.

O curso principiará no vindeiro mes de abril de 1997, quedando por determina-la súa data de comenzo, que se comunicará coa suficiente antelación.

O horario será de 9.30 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade, durante o seu período de permanencia na academia, rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable superar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar tódalas materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificá-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

710