Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 1997 Páx. 995

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xaneiro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Envases Carnaudmetalbox, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Envases Carnaudmetalbox, S.A., que tivo entrada na Delegación Provincial de Pontevedra o día 26-12-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data 13-12-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 1412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de xaneiro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para 1996

Envases Carnaudmetalbox, S.A. Fábrica de Vigo

Capítulo 1

Consideracións xerais

Artigo 1º.-Ámbito.

O presente convenio afectará a todo o peroal que preste os sus servicios no centro de traballo de Envases Carnaudmetalbox, S.A., sito en Baixada á Gándara nº 32 Coruxo-Vigo.

Artigo 2º.-Vixencia.

O presente convenio colectivo terá unha duración dun ano.

Logo do cumprimento dos requisitos legais que establezan as leis ó respecto, o presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1º de xaneiro de 1996 e durará ata o 31 de decembro de 1996.

Considerarase prorrogado por un período dun ano máis, se non é denunciado legalmente por calquera das partes antes da data do seu vencemento. Non obstante, subsistirá o seu contido normativo e económico ata a entrada en vigor do novo convenio que o substitúa.

Artigo 3º.-Normas supletorias. Preeminencias.

Serano: o Estatuto dos traballadores, a ordenanza laboral da Industria Metalgráfica ou acordo sectorial que a substitúa e os regulamentos de réxime interior deste centro de traballo.

O pactado neste convenio é preeminente sobre a ordenanza laboral. Se a lexislación supera en algo o convenio, haberá que aterse ó disposto na lexislación. O contido deste convenio establece un mínimo obrigatorio das condicións aquí pactadas.

Artigo 4º.-Dereitos adquiridos.

Respectaranse as condicións superiores pactadas e os dereitos adquiridos tanto colectivos como individuais que se teñan establecidos neste centro de traballo, así como as condicións máis beneficiosas de todo o persoal ó que lle afecte o presente convenio.

Artigo 5º.-Comisión paritaria de aplicación, arbitraxe e interpretación.

En cumprimento da lexislación vixente ó respecto, créase unha comisión paritaria, integrada por 5 representantes legais dos traballadores e igual número de persoas por parte da empresa Envases Carnaudmetalbox, S.A. Cada parte nomea un secretario portavoz. A convocatoria das reunións corresponderalles ós secretarios por instancia de parte, e nun prazo non superior a 10 días.

O cometido da devandita comisión paritaria consistirá en informar e asesora-las partes interesadas sobre a interpretación e aplicación das cláusulas e preceptos deste convenio, así como das incidencias que puidesen producirse con relación a este. A falta de acordo, someterase a cuestión consultada á autoridade competente.

Para que os acordos da comisión paritaria sexan válidos, requirirase o acordo do 80% dos membros que a compoñen.

As funcións da comisión paritaria interpretativa serán as seguintes:

1) Interpretación da totalidade das cláusulas do convenio.

2) Arbitraxe da totalidade dos problemas que se deriven da súa aplicación.

3) Vixilancia do cumprimento do pactado.

4) Outras actividades que tendan á maior eficacia práctica do convenio.

Artigo 6º.-Comisión negociadora.

Discutiron, pactaron e asinaron o presente convenio colectivo as seguintes partes:

Pola económica, a representación da dirección da empresa formada polos seguintes Sres.:

Pascual Arcos Cholvi.

Jesús Millán Montiel Gozalo.

Eduardo Caso Gómez.

Antonio Vidal Pérez.

Pola social, en representación dos traballadores, os delegados sindicais, Sres.:

Enrique Alonso Acuña (CC.OO.).

Luis Fernández Fernández (CIG).

Ramón Sangiao Costas (UGT).

E os membros do comité de empresa:

Eloy Alonso Misa.

Elena Rodríguez Giráldez.

Pilar Alonso Alonso.

Emilio Pérez Pérez.

José R. González Bosco.

Gonzalo Riveiro Lojo.

Ángel Rodríguez Viéitez.

Benjamín Vázquez Sio.

Bernardino Muñiz Domínguez.

Mª José Rodríguez Goberna.

Carmen Prado López.

Juan Iglesias Carreira.

Francisco Lago Tizón.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 7º.-Incremento salarial.

O incremento salarial para 1996 será do 3,5% sobre os valores vixentes o 31 de decembro de 1995, en tódolos conceptos retributivos do convenio a excepción das horas extraordinarias que mantén os valores de 1995.

Artogo 8º.-Salario base.

Estabécese como salario base para categoría profesional o especificado na táboa que figura no anexo I.

Artigo 9º.-Antigüidade.

A antigüidade comezará a percibirse a partir do terceiro ano, a razón do 3% sobre o salario base de cada categoría. Anualmente incrementarase nun 1% ata o límite máximo do 30%.

Segundo establece o artigo 38 do Regulamento de réxime interior, xunto coa paga extraordinaria de Nadal, aboaranse, a partir do quinto ano de antigüidade, dous días de salario, incrementándose en dous máis cada tres anos ata o límite máximo de 10 días.

Artigo 10º.-Plus de asistencia e puntualidade.

Envases Carnaudmetalbox, S.A. aboaralle ó seu persoal un plus de asistencia e puntualidade equivalente ó 10% do salario base maila antigüidade de cada categoría profesional.

Este plus computarase por períodos semanais.

A primeira falta de puntualidade non suporá a perda do plus; a segunda falta dentro da semana suporá a perda do plus do día: a partir da terceira falta de puntualidade na semana perderase o plus de toda ela.

Esta normativa só poderá ser aplicada dúas veces ó mes.

Os esquecementos de fichar no reloxo de control non serán considerados para efectos de descontos, cando o xefe respectivo, mediante a súa sinatura nos impresos confeccionados para este fin, xustifique que o productor estaba no seu posto de traballo ó inicio ou ó remate da xornada laboral.

Artigo 11º.-Mellora voluntaria.

As melloras voluntarias para 1996 serán as resultantes de incrementar nun 3,5% as existentes o 31 de decembro de 1995. Rexerán os valores que figuran na táboa do anexo II.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

a) Aboaranse 3 pagas extraordinarias: marzo, xuño e decembro.

b) O importe da paga de marzo para 1996 será de 118.108 ptas., para tódalas categorías.

c) O importe de cada unha das pagas de xuño e decembro será o equivalente a 30 días de salario

real (base + antigüidade + PAP + mellora voluntaria).

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

1) Non se poderán facer horas extraordinarias fóra do límite máximo previsto no Estatuto dos traballadores. A empresa informará mensualmente o comité do número de horas extraordinarias realizadas no mes precedente.

2) As fórmulas de compensación aplicables ás horas extraordinarias serán as seguintes:

a) Poderanse pagar ata 40 horas por persoa e ano, ós valores que figuran no anexo III.

b) Unha reducción de xornada en épocas de baixa demanda de traballo, equivalente ó tempo traballado como extraordinario, máis unha compensación económica por hora realizada da metade do valor para a súa categoría segundo a táboa do anexo III.

c) Unha reducción da súa xornada de traballo en épocas de baixa demanda equivalente ó dobre do tempo traballado como extraordinario.

O máximo de horas extras pagadas sumando as que se aboen segundo a modalidade a) e as que se aboen segundo a modalidade b) non poderá supera-lo máximo previsto pola lei, é dicir, 80 por persoa e ano.

3) O valor da hora extra será o que resulte de aplica-la seguinte fórmula de cálculo:

H = ((salario día x (365+30+30)) / xornada anual) x 1,75

Sendo:

H = valor da hora extra normal para cada categoría.

Salario día = resultado de sumar:

-Salario base da categoría.

-Antigüidade media de todo o persoal.

-PAP correspondente.

-Mellora voluntaria media por categoría.

Xornada anual = a que se fixe no calendario laboral de cada ano.

A antigüidade media de todo o persoal en 1996 é de 23 anos e a xornada anual de 1.704 horas.

O valor da hora extra nocturna será 1,25 h.

O valor da hora extra festiva será 1,40 h.

Non obstante o expresado nos parágrafos anteriores, o valor das horas extras por categoría para 1996 será o que aparece no anexo III, manténdose os vixentes o 31 de decembro de 1995.

4) Durante o período de inactividade do persoal fixo discontinuo, non se realizarán horas extraordinarias de ningunha índole, excepto aquelas de forza maior ou estructurais, substituíndose por descanso segundo o convenio vixente.

Artigo 14º.-Nocturnidade.

O complemento de nocturnidade para o persoal que preste os seus servicios na quenda de noite será de 266,84 ptas. por hora traballada, para tódalas categorías.

Quedan excluídos deste artigo aqueles traballadores contratados ou trasladados doutros departamentos da fábrica para cometidos específicos durante a noite (vixilancia, porteiros, sereos).

Todo traballador que sexa designado no taboleiro de anuncios para traballar na quenda de noite e sexa pasado ás quendas de día por petición da empresa, percibirá o plus de nocturnidade de toda a semana.

Artigo 15º.-Plus de distancia.

Os traballadores acollidos ó presente convenio terán dereito a un plus por día de asistencia do valor que teña o billete normal de transporte público urbano, sempre que a súa residencia estea situada fóra dun radio de 2 km tomando como referencia este centro de traballo.

O traballador ó ser admitido na empresa sinalará e xustificará o lugar da súa residencia.

Artigo 16º.-Plus de quenda de tarde.

Os traballadores acollidos ó presente convenio que traballen na quenda de tarde, percibirán un plus de 30 ptas. por día traballado.

Os artigos 15 e 16, que aparecen no presente convenio colectivo, xa viñan sendo aplicados por figurar no Regulamento de réxime interior.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Nos desprazamentos e estadías motivados por viaxes oficiais autorizadas pola empresa, as axudas de custo que se devengarán serán para 1996:

Axuda de custo completa: 6.227 ptas./día

Almorzo: 667 ptas./día

Xantar ou cea: 3.457 ptas./día

Quilómetro: 42 ptas./unidade

Os gastos de transporte e aloxamento serán por conta da empresa.

Nos desprazamentos e estadías en países estranxeiros, as axudas de custo incrementaranse como mínimo nun 25%, exceptuando Portugal que terán o mesmo valor ca para España.

Logo da comunicación ó departamento de persoal, a empresa asegurará os traballadores que realicen estes desprazamentos e polo tempo que estes duren, mediante un seguro complementario de accidente nas seguintes contías:

Morte: 8 millóns de ptas.

Invalidez permanente absoluta: 16 millóns de ptas.

Artigo 18º.-Socorristas.

Os socorristas percibirán por día de presencia a cantidade de 252 ptas., cando na súa quenda de traballo non haxa persoal do servicio médico ou no caso de ausencia deste.

Os socorristas serán substituídos nos seguintes supostos:

a) Temporalmente, no caso de ILT, sendo automaticamente substituídos por un suplente a ser posible da mesma sección.

b) Definitivamente, no caso de probada ineptitude.

Artigo 19º.-Axuda a estudios.

Aboaráselle a cada traballador con fillos con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos a cantidade mensual de 2.165 ptas./fillo.

Comprende 12 meses do ano. A correspondente ó mes de xullo pagarase coa de agosto.

Aboarase, así mesmo, unha axuda para estudios posteriores, equivalente ó 40% do importe da matrícula estatal, logo da xustificación.

Par renovar estas axudas, terá que acreditarse o aproveitamento nas materias obxecto de axuda, no curso anterior, xa sexa na convocatoria de xuño e/ou setembro.

Artigo 20º.-Axuda a diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais.

a) Os traballadores beneficiarios da prestación por diminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais da Seguridade Social percibirán, por parte da empresa, unha axuda económica por beneficiario de 18.154 ptas./mes.

Esta axuda é independente de calquera outra que percibise por dereito.

b) Os casos especiais que poidan presentarse serán estudiados de xeito individual entre comité e empresa.

Artigo 21º.-Bolsas para estudios.

Para o cadro de persoal fixo, que curse estudios de materias que teñan relación coa actividade da empresa como enxeñería técnica industrial, formación profesional grao 1 e 2 nas ramas de matricería e moldes, máquinas ferramenta, electricidade e electrónica, informática, económicas, empresariais, enxeñería superior, a empresa concederá, logo da autorización da dirección, bolsas de estudios consistentes no aboamento do 75% do importe da matrícula estatal e unha bolsa de estudios que para 1996 será de 19.291 ptas./ano.

Para ter dereito a estas bolsas, xuntarase á solicitude o xustificante de matrícula con indicación das materias matriculadas. Para renovar estas bolsas, o interesado deberá acredita-lo aproveitamento nas materias obxecto de axuda no curso anterior, nas convocatorias de exame de xuño e/ou setembro.

A empresa adptará o horario do traballador ós seus estudios, dentro das posibilidades existentes.

Artigo 22º.-Incapacidade laboral transitoria.

A empresa aboará a diferencia entre a prestación pagada pola Mutua Patronal de Accidentes de Traballo e o salario do traballador, cando a situación de ILT fose motivada por accidente de traballo. No caso de hospitalización por enfermidade común debidamente xustificada e mentres a dita hospitalización dure, aboarase a diferencia entre o salario do traballador e a prestación aboada pola Seguridade Social.

Capítulo III

Xornada laboral, vacacións e permisos

Artigo 23º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo distribuídas en xornadas diarias de 8 horas de luns a venres.

Con obxecto de que o cambio de xornada semanal de 38,33 a 40 horas e da xornada diaria de 7,666 a 8 non supoña incremento da xornada laboral considerada en cómputo anual, defrutaranse doce días laborables de luns a venres, que serán fixados no calendario laboral correspondente, desfrutándose preferentemente as pontes naturais e o resto en épocas de baixa demanda de traballo.

A xornada anual para 1996 será de 1704 horas.

Durante a vixencia do presente convenio, as paradas para toma-lo bocadillo non se computarán como traballo efectivo.

Artigo 24º.-Vacacións.

1. Os traballadores acollidos ó presente convenio desfrutarán 24 días laborables de vacacións anuais retribuídas, de luns a venres. Estas vacacións desfrutaranse segundo o calendario laboral acordado polos representantes dos traballadores e a empresa.

Estas vacacións tomaranse en función do calendario laboral pactado, distribuídas no período xullo-agosto a razón de 15 días laborables ininterrompidos.

2. As vacacións interromperanse cando o traballador contraia matrimonio durante estas, sempre que con anterioridade ó seu comezo, llo comunique á empresa.

Tamén se interromperán por situación de IT, segundo as seguintes regras:

a) Ata seis meses en IT, terase dereito ó total dos días de vacacións pendentes.

b) Máis de seis meses en IT, terase dereito á parte proporcional dos días pendentes.

3. As vacacións terán que desfrutarse dentro do ano ó que corresponden e soamente as que non se tomen por mor de accidente de traballo que pertenzan ó mes de decembro, poderán desfrutarse en xaneiro do ano seguinte.

4. As vacacións aboaranse segundo a lexislación vixente, (salario base, antigüidade, plus se asistencia e puntualidade, mellora voluntaria e a medida dos pluses existentes no período transcorrido desde as derradeiras vacacións).

Artigo 25º.-Permisos retribuídos.

Percibirase a totalidade dos emolumentos nos seguintes supostos:

1. Falecementos

1.1. Tres días, dos cales polo menos dous serán laborables, no caso de falecemento de pais, fillos, cónxuxe, irmáns, netos ou avós, que poderán ampliarse en tres máis (naturais), cando o traballador precise realizar un desprazamento para o efecto fóra da provincia de residencia, logo da notificación.

Cando por circunstancias anormais fose preciso, concederase un día máis, logo da xustificación, no caso de falecemento de pais, fillos ou cónxuxe. Para irmáns, netos ou avós, este día concederase cando formen parte da unidade familiar.

1.2. Dous días naturais no caso de falecemento de tíos e sobriños consanguíneos. No caso de afinidade, terán dereito ó tempo necesario para acudir ó enterro, logo de notificación e xustificación.

En caso de falecemento de curmáns non se terá dereito a permiso retribuído, mesmo cando figure no Regulamento de réxime interno.

2. Maternidade

2.1. Tres días, dos cales polo menos dous serán laborables, por parto da esposa ou necemento ou adopción de fillos, que poderán ampliarse en tres máis (naturais), cando o traballador precise realizar un desprazamento para o efecto fóra da provincia de residencia, logo da notificación telefónica e posterior confirmación co libro de familia.

Cando por circunstancias anormais fose necesario, concederase un día máis, logo da notificación e xustificación.

3. Enfermidade grave de parentes

3.1. Tres días laborables no caso de enfermidade grave de pais, fillos ou cónxuxe.

3.2. Dous días naturais no caso de enfermidade grave de irmáns, netos ou avós, que poderá ampliarse nun día máis, se conviven na unidade familiar.

Os permisos correspondentes ós apartados 3.1 e 3.2 poderán ampliarse en tres días naturais, cando o traballador precise realizar un desprazamento para o efecto fóra da provincia de residencia, logo da notificación.

3.3 Un día natural no caso de enfermidade grave de tíos consanguíneos.

4. Matrimonio do empregado.

4.1. Dezasete días naturais, que poden ser ampliados en 10 máis, non retribuídos, no caso de que fosen solicitados con anterioridade á data da voda.

4.2. Un día natural por matrimonio de fillos, irmáns ou pais.

5. Asistencia a consulta médica.

O tempo que sexa necesario, sempre que sexa xustificado coa sinatura e selo do médico ó que asiste.

6. Lactancia.

Os traballadores con fillos lactantes terán dereito a unha pausa dunha hora no seu traballo, que poderán dividir en dúas fraccións, cando a destinen á lactancia do seu fillo menor de nove meses. O traballador, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora, coa mesma finalidade, durante seis meses.

7. Deberes públicos.

O tempo necesario, no caso de obrigas legais ou decretadas por autoridades lexítimas, cando o traballador teña que acudir a cumprir un deber público inescusable imposto pola lei ou disposicións administrativas, mediante xustificación.

8. Traslado do domicilio habitual.

Un día.

Os parentescos citados en tódolos apartados 1.1, 3.1, 3.2, 4.2 entenderanse tanto en grao de consanguinidade como de afinidade.

As normas de aplicación destes permisos figuran no anexo IV.

Artigo 26º.-Permisos non retribuídos.

Nos casos extraordinarios debidamente acreditados, outorgaranse permisos con carácter voluntario por parte da empresa, polo tempo que sexa preciso, atendendo ás circunstancias e sen dereito a ningunha retribución.

No caso de excedencia por maternidade aplicarase a lexislación vixente.

Capítulo IV

Réxime de traballo

Artigo 27º.-Contratos de traballo.

a) A empresa contratará un número de aprendices equivalente ó 5% do cadro de persoal de oficio desta, de acordo co artigo 36 da ordenanza laboral da industria metalgráfica.

b) Cando existan vacantes e sexa preciso cubrilas terán preferencia, en igualdade de capacitación, os fillos ou familiares dos traballadores da empresa.

c) No caso de contratación de persoal eventual, seguiranse os criterios de selección que sexan fixados con anterioridade entre comité e empresa.

d) No caso de contratación de persoal fixo, terán preferencia en igualdade de capacitación, os fillos de traballadores falecidos durante a vixencia do seu contrato coa empresa.

e) Non se admitirán xubilados, retirados nin persoas que perciban calquera remuneración por outra actividade laboral.

f) O comité terá acceso ás probas de aptitude para a contratación de persoal cualificado, así como ás cualificaciones obtidas polos opositores, sempre que as probas se realicen na empresa. Así mesmo recibirá copia básica de tódolos contratos que se celebren, de acordo coa Lei 2/1991, do 7 de xaneiro de 1991.

g) Se por calquera circunstancia fose preciso persoal eventual, contratarase un número de diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais, equivalente ó 2% do cadro de persoal, sempre e cando se adapten ó tipo de traballo.

h) Non obstante o reflectido nos apartados f) e g), terán preferencia os acordos ó respecto entre goberno, patronal e sindicatos.

i) Creación dunha comisión de clasificación de postos de traballo.

Artigo 28º.-Vacantes e revisións de categorías.

1. Suprímense as categorías de peón e traballos secundarios para o cadro de persoal fixo da empresa, quedando soamente para o persoal eventual.

2. Vacantes.

a) Os postos vacantes de superior categoría que se produzan na fábrica serán ocupados de maneira preferente por persoal do seu cadro de persoal. Cando se trate de vacantes de igual ou inferior categoría, o comité será debidamente informado.

b) A convocatoria para cubrir estes farase pública no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 29º.-Pezas de traballo.

A empresa facilitaralles ós traballadores fixos ou eventuais as pezas de roupa necesarias para o exercicio do seu labor e cometido. A entrega non poderá ser inferior a dous equipos cada 12 meses.

Equipo de verán: (entrega no mes de marzo). Estará formado por pantalón e camisa ou bata.

Equipo de inverno: (entrega no mes de setembro). Estará formado por pantalón, camisa e cazadora ou bata.

Para as pezas de roupa de protección necesarias, haberá que aterse que determine en cada caso o Comité de Seguridade e Saúde da fábrica.

Artigo 30º.-Formación técnico-profesional.

a) A empresa promocionará a formación continua entre os seus traballadores con base nos acordos subscritos polos sindicatos e os empresarios (FORCEM).

Cada traballador que asista a un curso de formación fóra da súa xornada laboral percibirá unha compensación de mil (1.000) ptas. por cada hora lectiva máis duascentas (200) ptas. por día para cubrir gastos de desprazamento.

Os monitores percibirán setecentas (700) ptas. por hora lectiva, se o curso se imparte dentro da súa xornada laboral e o equivalente ó valor da hora extra para a súa categoría no caso de que se fixese fóra de tal xornada.

b) Igualmente, a empresa facilitará, tendo en conta tanto os obxectivos de formación en materia de seguridade e hixiene, como as súas necesidades de traballo noutras prioridades, a asistencia ós cursos que sobre seguridade e hixiene ou outras materias preventivas poida convoca-lo ente autonómico. Nestes casos serán de aplicación as condicións establecidas no artigo 17 (axudas de custo).

As partes asinantes do presente convenio adhírense ó acordo nacional sobre formación continua, do 16 de decembro de 1992.

Capítulo V

Aspectos sociais

Artigo 31º.-Fondo social.

A aportación económica da empresa ó fondo asistencial social será:

1. Unha cantidade fixa de 2.126 ptas por traballador e ano para 1996.

2. Unha aportación mensual equivalente ó importe da suma das cotas que aboan actualmente os traballadores socios ó devandito fondo. Calquera incremento na cota non terá, para estes efectos, carácter vinculante para a empresa durante a vixencia deste convenio.

Así mesmo, a empresa entregará ó finaliza-lo ano ó Fondo Social o importe dos descontos que se realicen por aplicación do PAP.

Artigo 32º.-Seguro de vida.

Manteranse as condicións actuais do seguro de vida.

a) Por falecemento ou incapacidade permanente un millón duascentas cincuenta mil (1.250.000) ptas.

b) Por falecemento en accidente laboral dous millóns cincocentas mil (2.500.000) ptas.

c) A empresa fará todo o posible para que, no caso de falecemento, a indemnización se faga efectiva no prazo marcado na póliza do seguro.

Artigo 33º.-Servicio militar e obxección de conciencia.

Durante o período do servicio militar e/ou no seu lugar o correspondente por obxector de conciencia, o traballador percibirá as pagas extraordinarias previstas neste convenio colectivo.

O traballador casado e con fillos ó seu cargo percibirá o 25 % do seu salario real (base + PAP + mellora voluntaria), sempre que estea incorporado ó servicio militar ou tempo equivalente no caso de obxección de conciencia. Este artigo afectará soamente o persoal fixo de cadro de persoal.

Artigo 34º.-Servicio médico.

O servicio médico da empresa contará cun médico e un ATS titulados.

Os socorristas prestarán os seus servicios en caso de enfermidade ou ausencia do ATS e, se esta ausencia fose prolongada, a empresa comprométese a substituílo por instancia do responsable do servicio médico.

A empresa garántelle ó persoal do seu cadro de persoal unha revisión médica anual de acordo coa normativa vixente sobre seguridade e hixiene no traballo, que constará de: análise de sangue e orina, revisión polo médico da empresa e audiometría.

Artigo 35º.-Xubilacións.

Ás persoas que pidan a xubilación voluntaria entre os 60 e 63 anos, a empresa comprométese a entregarlles unha indemnización no momento do cesamento, equivalente á diferencia entre o soldo bruto que estivese a percibir (base + antigüidade + PAP + mellora voluntaria) e a cantidade que, en concepto de xubilación, lle fose asignada pola Seguridade Social. Esta diferencia mensual multiplicarase polo número de mensualidades que faltasen ata cumpri-lo xubilado os 65 anos.

Aqueles traballadores que teñan entre 58 e 60 poderán acollerse ás condicións arriba mencionadas, pero considerados como se tivesen 60 anos.

Ás persoas que se xubilen ós 63 ou 64 anos a empresa comprométese a entregarlles unha indemnización equivalente á diferencia entre o soldo bruto no momento do seu cesamento (base + antigüidade + PAP + mellora voluntaria) e o importe da indemnización que puidese corresponderlles logo dos trámites legais).

Tódalas persoas ás que puidese interesárlle-la xubilación anticipada, poderán elixir entre o anterior ou ben recibir un premio fixo das seguintes contías:

-De 58 a 61 anos: 1.100.000 ptas.

-De 61 a 63 anos: 700.000 ptas.

-De 63 a 64 anos: 600.000 ptas.

-De 64 anos: 500.000 ptas.

O contido do presente artigo queda sen aplicación ata o convenio do ano 2000, segundo acordo do expediente homologado por resolución da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, con data 5 de xullo de 1994.

Artigo 35º bis.-Traslados.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente (Estatuto dos traballadores).

Artigo 36º.-Traballos nocivos, molestos e perigosos (ruídos).

Durante o presente convenio destinaranse para diminuí-lo nivel de ruídos na fábrica (non entran

nesta cantidade os gastos destinados a proteccións auditivas persoais nin cabinas para maquinaria de nova instalación), a cantidade de catro millóns corenta e nove mil catrocentas dezasete (4.049.417) ptas.

A empresa e o comité controlarán o investimento destas partidas.

Capítulo VI

Cuestións sindicais

Artigo 37º.-Dereito de reunión dos traballadores fóra das horas de traballo.

Os traballadores poderán solicitar da dirección reunirse nun local da empresa, sempre que o pida un 25% do cadro de persoal.

Artigo 38º.-Competencias do comité de empresa.

a) Recibir información, que lle será facilitada polo menos trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence: Envases Carnaudmetalbox, S.A.

Coñece-lo orzamento por partidas que anualmente confecciona a empresa.

Ó comité e delegados dos traballadores da empresa daráselles, en cada reunión mensual ordinaria coa dirección, información sobre producción e productividade, vendas, stocks, contratación de persoal, investimentos, absentismo, ascensos e sancións sobre faltas graves e moi graves (neste caso a información darase con dous días de antelación como mínimo á data da súa aplicación).

b) Recoñécense os comités e delegados do persoal como representacións colectivas dos traballadores na negociación dos convenios colectivos da empresa.

c) A empresa entregará mensualmente copia dos TC2.

d) Coñece-lo balance, a conta de resultados, a memoria e os demais documentos que se lles dean ós accionistas e nas mesmas condicións ca a estes.

e) Coñece-los modelos de contrato escrito que se utilizan na empresa e recibir da dirección fotocopia dos contratos de traballo que se efectúen, segundo a lexislación vixente.

f) Controlar e vixia-las condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo na empresa.

g) Dispoñer de 40 horas retribuídas ó mes para o desempeño da súa función sindical.

h) Os comités que o crean conveniente, poderán acumula-las horas previstas para o desenvolvemento das súas funcións sindicais nun ou varios compoñentes, sen supera-lo máximo total previsto.

i) Coñece-las probas de aptitude para ascensos, así como as cualificacións obtidas polos opositores.

j) No caso de mobilidade de persoal, informarase o comité con antelación suficiente.

k) Cando a empresa queira facer uso do dereito concedido no artigo 52.1c) do Estatuto dos traballadores e conforme o procedemento previsto no artigo 53 do mesmo texto legal, deberá entregar, ademais da comunicación prevista na norma e, asemade, unha memoria explicativa que faga referencia á causa de extinción, tanto ó traballador ou traballadores afectados coma ós representantes dos traballadores na empresa.

Sen prexuízo da eficacia e executividade do acordo extinto, conforme o procedemento establecido na lei, os representantes dos traballadores emitirán informe motivado sobre a decisión empresarial e a causa extintiva alegada no prazo de quince días.

Dos informes ós que se fai referencia no parágrafo anterior darase traslado á dirección da empresa para a súa unión ó expediente, entendéndose que, transcorridos os prazos previstos para a súa emisión sen facelo, se desiste de tal dereito.

O procedemento previsto no presente artigo non suspenderá nin interromperá os prazos previstos no artigo 53.1 c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 39º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados a centrais sindicais, a empresa descontaralles na súa nómina o importe da cota sindical correspondente.

O traballador interesado na realización desta operación remitiralle á dirección da empresa un escrito que expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertence e a contía da cota. A empresa efectuará as anteriores detraccións, salvo indicación en contrario.

Artigo 40º.-Taboleiros de anuncios.

A empresa para ó dispor do comité, e en lugar ben visible, polo menos un taboleiro de anuncios, no que o comité colocará os escritos que coide de interese, asinados e baixo a súa responsabilidade.

Artigo 41º.-Comité intercentros.

Constitúese un comité intercentros que representará os traballadores de tódolos centros de traballo do sector metalgráfico do grupo Carnaudmetalbox, existentes actualmente en España e os que se creen ou adquiran no futuro. O dito comité intercentros estará constituído, como máximo, por 15 membros elixidos de entre e polos membros dos comités de empresa existentes nos centros de traballo, gardando a proporcionalidade dos resultados obtidos polos sindicatos nas eleccións sindicais considerados globalmente e garantindo a presencia de tódalas empresas e centros de traballo existentes.

O comité intercentros dotarase dos órganos necesarios para o seu funcionamento debendo contar como mínimo, cun presidente e un secretario, elixidos de entre os seus membros. Así mesmo dotarase dun regulamento de funcionamento na súa primeira reunión que deberá desenvolver todo o referente á composición, organización, funcións, reunións e

relacións deste, debendo negociarse previamente coa dirección xeral do grupo aqueles aspectos que lles afecte.

Constituirase un pleno que integrará os compoñentes do comité intercentros, así como unha comisión de xestión cun máximo de cinco membros (incluíndo o presidente e o secretario).

O dito comité intercentros terá análogas funcións e competencias ás dos comités de empresa, referidas ás actividades xerais do grupo. Terá capacidade como órgano colexiado para exerce-las súas accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito das súas competencias, por decisión maioritaria dos seus membros.

Dentro das competencias do comité intercentros estará:

Recibir información que lle será facilitada trimestralmente polo menos dentro da reunión do pleno, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence o grupo de empresas, sobre a situación da producción e evolución e vendas das distintas empresas do grupo, sobre os seus programas de producción e evolución probable das empresas do grupo.

Coñece-los balances, as contas de resultados, a memoria do grupo consolidada, así como os demais documentos que se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións ca estes.

Coñecer e emitir informe no prazo de 15 días, cando a fusión, absorción ou modificación do estatus xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte o volume do emprego.

E igualmente nas decisións adoptadas por parte do empresario sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuracións de cadros de persoal e cesamentos totais ou parciais, definitivos ou temporais.

b) Traslados totais ou parciais dos traballadores, maquinaria ou instalacións.

c) Plans industriais (expedientes).

d) Coñece-los puntos comúns dos traballadores do grupo en canto a xubilación, seguros de vida, axudas de custo, formación, etc. para a súa negociación.

E, en xeral, todas aquelas competencias recollidas no artigo 64 do Estatuto dos traballadores para os comités de empresa, que previamente lle sexan conferidas por estes e negociadas coa dirección do grupo Carnaudmetalbox, sempre que lles afecte.

Os membros do comité intercentros, ademais das garantías e dereitos que a lei lles atribúa ós membros dos comités de empresa, terán as seguintes garantías específicas:

O presidente do comité intercentros poderá ter dedicación plena a tempo total, para o desenvolvemento das súas funcións.

Dispoñer dos medios técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, facilitado pola empresa. Entre eles estará un local o cal será sede do comité intercentros e estará situado na empresa da cal sexa o presidente, así como un taboleiro de anuncios no mesmo emprazamento. (O dito local será o mesmo do comité de empresa).

Serán aboados os gastos de viaxe e manutención, para as reunións que se celebren tanto no pleno como da comisión de xestión, sendo estas:

-Unha reunión trimestral do pleno.

-Unha reunión mensual (nos meses non coincidentes co pleno) da comisión de xestión.

As citadas reunións serán dun só día incluídos os desprazamentos, sempre e cando a distancia e os medios o permitan.

As ditas reunións serán en horas de traballo.

A seren asistidos no desenvolvemento das súas funcións por asesores sindicais das centrais máis representativas.

Artigo 42º.-Seccións sindicais.

A empresa recoñece o dereito á existencia, no seo desta, de seccións sindicais en base ó seguinte:

a) Segundo o artigo 8 da LOLS

b) O delegado desta sección sindical non terá por que ser membro do comité.

Artigo 43º.-Dereitos e funcións das seccións sindicais e dos delegados sindicais.

Serán funcións dos delegados sindicais as seguintes:

a) Representar e defende-los intereses do sindicato ó que representan e dos afiliados a este na empresa e servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical e a dirección da empresa.

b) Poderán asistir ás reunións do comité de empresa, comité de seguridade e saúde e comités paritarios de interpretación, con voz e sen voto.

c) Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa deba poñer á disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias en que legalmente proceda.

d) Posuirán as mesmas garantías e dereitos recoñecidos pola lei e o presente convenio colectivo, cós membros do comité de empresa.

e) Serán oídos pola empresa no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten ós traballadores en xeral e ós afiliados ó seu sindicato.

f) Serán así mesmo informados e oídos pola empresa con carácter previo, dos despidos e sancións que afecten ós afiliados ó seu sindicato, en materia de reestructuración de cadro de persoal, regulación de emprego, traslado de traballadores, cando revista carácter colectivo ou do centro de traballo en xeral,

e sobre todo proxecto ou acción empresarial que lles poida afectar substancialmente ós intereses dos traballadores, así como sobre implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas consecuencias.

g) Poderanlles recadar cotas ós seus afiliados, repartir propaganda sindical e manter reunións con estes, todo isto fóra das horas efectivas de traballo.

Artigo 44º.-Asembleas en horas de traballo.

O comité de empresa poderá convocar dúas asembleas ó ano, en horas de traballo, para tratar sempre asuntos relacionados co convenio colectivo e para outras cuestións transcendentes que afecten á totalidade do cadro de persoal.

O tempo empregado en cada asemblea, regulado por toque de sirena, será o seguinte:

1ª quenda: 1h. 30 minutos

2ª quenda: 1h.

3ª quenda: 1h.

Anexo I

Táboa salarial

CategoríaSalario

mensual 1996

Aprendiz de 1ª81.431 ptas.
Aprendiz de 2ª91.782 ptas.
Traballo secundarios90.068 ptas.
Peón90.068 ptas.
Especialista de 2ª111.582 ptas.
Especialista de 1ª113.262 ptas.
Oficial de 3ª114.536 ptas.
Oficial de 2ª115.663 ptas.
Oficial de 1ª120.117 ptas.
Oficial de 1ª Espec. Litog.125.642 ptas.
Encargado de sección126.781 ptas.
Capataz114.536 ptas.
Garda sereno114.536 ptas.
Porteiro114.536 ptas.
Ordenanza111.582 ptas.
Almaceneiro114.536 ptas.
Xefe de 1ª administrativo130.817 ptas.
Xefe de 2ª administrativo128.235 ptas.
Oficial de 1ª administrativo120.117 ptas.
Oficial de 2ª administrativo115.663 ptas.
Auxiliar administrativo114.536 ptas.
Aspirante de 16 anos102.888 ptas.
Aspirante de 17 anos109.360 ptas.
Telefonista114.436 ptas.
Delineante de 1ª123.793 ptas.
Delineante de 2ª121.019 ptas.
Delineante de 3ª117.885 ptas.
Mestre encargado130.817 ptas.
Xefe de organización130.817 ptas.
Técnico de organización120.286 ptas.
Titulado de grao medio131.536 ptas.
Titulado de grao superior152.455 ptas.

Anexo II

Táboa de melloras voluntarias 1996

CategoríaMellora 1996

Especialista de 2ª40,47 ptas./hora
Especialista de 1ª B41,44 ptas./hora
Especialista de 1ª A46,23 ptas./hora
Porteiro57,27 ptas./hora
Almaceneiro57,27 ptas./hora
Oficial de 3ª57,27 ptas./hora
Oficial de 2ª C83,53 ptas./hora
Oficial de 2ª B92,50 ptas./hora
Oficial de 2ª A102,16 ptas./hora
Oficial de 2ª Esp.102,16 ptas./hora
Oficial de 1ª C117,24 ptas./hora
Oficial de 1ª B123,02 ptas./hora
Oficial de 1ª A139,29 ptas./hora
Oficial de 1ª FC145,28 ptas./hora

Anexo III

Horas extraordinarias ano 1996

CategoríaDiurnasNocturnasFestivas

Especialista de 2ª2.1662.7063.031
Especialista de 1ª2.1942.7433.072
Oficial de 3ª2.2542.8173.157
Porteiro2.2542.8173.157
Almaceneiro2.2542.8173.157
Oficial e 2ª2.3652.9543.310
Oficial de 1ª2.5143.1433.519
Xefe de equipo3.0263.7824.237

Anexo IV

Criterios de aplicación dos permisos retribuídos

1. Falecementos.

Apartado 1.1

-Consideraranse días laborables os que figuran no noso calendario laboral como tales, é dicir, de luns a venres.

-Os días correspondentes ó permiso terán que collerse a partir do día seguinte ó do falecemento.

O día do falecemento poderá ser considerado, a petición do beneficiario:

-Ou como parte do permiso

-Ou, no caso de se ausentar do traballo, tomar ó seu cargo o tempo correspondente.

Apartado 1.2

-Considerarase tempo necesario para caso de afinidade, un máximo de tres horas.

-Servirá como xustificación a nota necrolóxica ou, no caso de non poder establecerse o parentesco por ela, unha certificación do párroco correspondente.

2. Maternidade.

Apartado 2.1

-A consideración de día laborable será igual ca no apartado 1.1 de falecementos.

-Os días laborables que correspondan poderanse coller dentro dos cinco seguintes á data do nacemento.

-A xustificación será a fotocopia da folla do libro de familia na que se reflicte o nacemento.

3. Enfermidade grave de parentes.

Apartado 3.1

-O permiso poderase coller dúas veces ó ano pola mesma causa de enfermidade, no caso de que o parentesco sexa cónxuxe ou fillos. Nos demais casos, unha soa vez.

Apartados 3.2 e 3.3

-Serán de aplicación unha soa vez ó ano polo mesmo motivo de enfermidade.

4. Asistencia a consulta médica

-Xustificación:

-Ou ben polo boletín no que se fagan consta-las horas de entrada e saída, certificadas coa sinatura e selo do médico coa consulta á que se asista.

-Ou, no caso de que non se reflicta a hora de entrada á consulta, tres horas como máximo.

-Os casos especiais serán estudiados entre comité e dirección.

-Farase constar, no boletín de asistencia á consulta médica, o centro no que ten a consulta o interesado.

5. Traslado de domicilio habitual.

-O permiso desfrutarase o día en que se solicite o cambio de domicilio no concello.

-A xustificación será o resgardo da dita solicitude ou certificación equivalente do dito Concello.

554