Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 1997 Páx. 989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de xaneiro de 1997 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións e institucións sen fin de lucro para a realización de actividades de promoción da lingua galega.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de lle dar cumprimento ó disposto na Lei 3/1983, de normalización lingüística, que establece a posibilidade de lles conceder subvencións ás asociacións e institucións sen fin de lucro, constituídas na nosa Comunidade Autónoma ou fóra dela, que realicen actividades de promoción da lingua galega, desenvolvendo determinados proxectos ou organizando actuacións diversas coa mesma finalidade.

E considerando o feito da permanencia das actividades de asesoramento lingüístico dun xeito preferente pola súa relevancia práctica na promoción lingüística, cun maior efecto cás actuacións puntuais e concretas.

De acordo coas indicacións presentadas pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, e coa normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás institucións sen fin de lucro legalmente constituídas, agás as dependentes de entidades locais, as asociacións de pais de alumnos, os movementos de renovación pedagóxica e as diferentes agrupacións das entidades antes citadas.

Para os efectos da presente orde terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, no seu artigo 3.

Artigo 2º-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de actividades, proxectos e/ou organización doutras actuacións tales coma congresos, xornadas e simposios que teñan como finalidade principal a promoción da lingua galega. Estas subvencións suxeitaranse ás normas contidas na presente orde e irán con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.480.0 cunha contía máxima total de 79.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de catro millóns de pesetas por acción solicitada. Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderanse conceder subvencións en porcentaxes superiores ás anteriormente indicadas.

Artigo 3º-Requisitos.

Subvencionaranse as actividades obxecto da presente orde que empreguen correctamente o galego como lingua oficial, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novem

bro), e que teñan como fin principal a difusión e promoción da lingua galega. Estas actividades deberán realizarse entre o 1 de novembro de 1996 e o 31 de outubro de 1997.

Excluirase o financiamento de materiais ordinarios de traballo das institucións como: papel, selos, sobres, ordenadores, máquinas de escribir, rótulos e os elementos de publicidade como bolígrafos, acendedores, chaveiros, pins, etc.

Os textos e calquera información gráfica que figure nas accións de promoción que realice a institución terán que estar debidamente elaborados en galego pola entidade solicitante.

Artigo 4º-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1-O ámbito que abranga a actividade, tanto cuantitativa como cualitativamente considerado.

2-A súa relación cos eidos lingüístico-cultural da realidade galega no prazo de vixencia desta orde.

3-A viabilidade do proxecto.

Artigo 5º-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1-Solicitude, formalizada no anexo I da presente orde debidamente cuberto. O incumprimento desta obriga por parte dos interesados dará lugar ó arquivo das actuacións sen mais trámite.

2-Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente no que se lle concede a representación da entidade.

3-Fotocopia do CIF da entidade.

Artigo 6º-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán tramitadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 8º-Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo Director Xeral de Política

Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística que actuará como secretaria con voz e sen voto.

Artigo 9º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que porá fin á vía administrativa.

Contra a resolución, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo cos artigos 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela), e no Diario Oficial de Galicia, notificándose así mesmo ós interesados.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

As publicacións, escritos, comunicacións, relatorios, informacións e publicidade das distintas actividades, proxectos ou actuacións terán que se facer correctamente en galego, de acordo co disposto no artigo 3º da presente orde.

En todo o material citado no parágrafo anterior constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 11.º-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 31 de outubro de 1997.

Antes da citada data deberá remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1-Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente á axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada das facturas que incluirá o número de facturas, o nome do emisor, o seu importe, suma parcial folla por folla e suma total da relación.

2-Mostras que respondan ás actividades subvencionadas, se fose o caso, ou xustificación documental (dossier de prensa, vídeo, fotografías ou gravación magnetofónica) da realización da actividade e o correcto emprego do galego nos termos do artigo 3º da presente orde.

En relación cos xustificantes citados no núm. 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1996 e o 31 de outubro de 1997, admitíndose unicamente en relación a:

a) Gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentado xunto coa solicitude.

b) Gastos de persoal que nos casos de asesoramento lingüístico terá que ser licenciado en filoloxía galega ou equivalente, ou tratarse de profesorado especialista en lingua e literatura galegas.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do seu expediente sen máis trámite.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

De o resultado da actividade non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda e, se fose o caso, a entidade terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma entidade no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a entidade terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

660