Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 1997 Páx. 982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de xaneiro de 1997 pola que se regula a concesión de subvencións a xornais e revistas para a edición de suplementos didácticos.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 5, especifica que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

Segundo o artigo 27.20º, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva de promoción e o ensino da lingua galega en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto na Constitución e nas leis orgánicas.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu título IV, do uso do galego nos medios de comunicación, establece que serán obrigas da Xunta de Galicia contribuír ó fomento do galego nos medios de comunicación, con medidas que potencien a producción editorial e a súa difusión.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás empresas editoriais que elaboren xornais e revistas de carácter non institucional.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a edición de suplementos didácticos en lingua galega con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.470.1, por unha contía máxima total de 40.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionarase a edición de suplementos didácticos que cumpran as seguintes condicións:

1ª Estar correctamente escritos en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

2ª Publicarse entre o 1 de novembro de 1996 e o 15 de outubro de 1997.

Artigo 4º.-Exclusións.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación da presente orde, aínda que cumpran os requisitos esixidos no artigo precedente, os suplementos editados por xornais ou revistas institucionais, e aqueles suplementos que non teñan como fin principal a difusión didáctica da lingua galega.

Artigo 5º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1-De acordo co establecido no art. 19 da Lei 3/1983, daráselles preferencia a aqueles proxectos presentados por empresas xornalísticas que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

2-A periodicidade da publicación.

3-A tirada de exemplares e maila súa difusión.

4-O arraigo social do suplemento como vehículo de promoción lingüística.

5-O contido didáctico promocional do suplemento.

Artigo 6º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1-Solicitude, formalizada no anexo I da presente orde debidamente cuberto. O incumprimento desta obriga por parte dos interesados dará lugar ó arquivo das actuacións sen mais trámite.

2-Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente, constando a inscrición de ambos no Rexistro Mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase unha fotocopia compulsada do CIF do titular e xustificación de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

3-Un exemplar do suplemento, xunto co xornal ou a revista.

4-No caso de non ter elaborado o material, a maqueta do proxecto na que constarán tódolos datos referidos á subvención.

5-Fotocopia do CIF da empresa.

Artigo 7º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Edificio Sdministrativo de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela), no prazo de 30 días naturais a contar a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán tramitadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe-proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 9º.-Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe-proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-A subdirectora xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas de Ensino da Lingua Galega.

-Un representante do gabinete de prensa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un representante proposto pola Consellería de Cultura e Comunicación Social e nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-A xefa da Sección de Xestión e Promoción Lingüística que actuará como secretario con voz e sen voto.

Artigo 10º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que lle porá fin á vía administrativa.

Contra a resolución os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de publicación da resolución no Diario Oficial de Gali

cia, de acordo cos artigos 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Edificio Administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario Oficial de Galicia, notificándoselles así mesmo ós interesados.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e mailos compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

En toda a edición do material para o que se conceda a subvención constará impreso, coa mesma técnica que os créditos da empresa editora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 12º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o 15 de outubro de 1997.

Antes da citada data deberá remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos enviados:

1-Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, xunto cunha relación pormenorizada das facturas que incluirá o número de facturas, o nome do emisor, o importe, suma parcial folla por folla e suma total de toda a relación.

2-Certificado do editor no que constará expresamente a realización da edición e, como mínimo, a

tirada de exemplares que se mencionaba no proxecto de solicitude.

3-Certificación de atoparse ó día das súas obrigas tributarias, expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

4-Certificación de atoparse ó día das súas obrigas sociais expedida pola tesourería da Seguridade Social.

5-Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

6-Mostras dos suplementos publicados xunto cos números da publicación cos que apareceron.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de novembro de 1996 e o 15 de outubro de 1997, admitíndose unicamente en relación a:

a) Gastos de material (papel, pranchas, tintas e películas).

b) Gastos de persoal (autores, coordinación, debuxantes, montaxes, fotografía e persoal colaborador).

c) Gastos de distribución.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen mais trámite.

Artigo 13-Perda da subvención.

De o resultado da publicación non se axustar ós datos que figuran no impreso de solicitude ou incumprir algunha das normas contidas na presente orde, revogarase a axuda, e se fose o caso, a empresa terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a empresa terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

536