Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 1997 Páx. 949

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 decembro de 1996 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1997.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 51.1º que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 63.1º establece que os poderes públicos desenvolverán accións de carácter compensatorio en relación coas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción a de promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

Co fin de potenciar cantas accións sexan conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas e á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións cada vez máis consolidadas, así como iniciar novos proxectos que lles proporcionen a estes cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa, promocionarse profesionalmente ou prosegui-los seus estudios.

Os proxectos tendentes a alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e a evolución do mercado de traballo encádranse dentro da acción F.1.-Formación Profesional Educación do obxectivo 1.7 do Marco de Apoio Comunitario para o período 1994-1999, polo que son considerados entre os proxectos susceptibles de ser cofinanciados co Fondo Social Europeo.

Entre as accións a desenvolver seguen incluíndose as accións orientadas a supera-las probas de ensinanzas non escolarizadas de formación profesional de primeiro grao, conducentes á obtención do título de técnico auxiliar que, ademáis de proporcionar unha cualificación profesional, habilita para proseguir estudios regrados de 2º grao de FP ou de BUP, co que se facilita a promoción cultural e académica dos que abandonaron os seus estudios básicos sen titulación.

Por último e a teor do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1997, en trámite parlamentario.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo alfabetizar ou eleva-lo nivel de formación básica ou cualificación profesional da poboación adulta, que se deberán realizar entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro do ano 1997, e que o período no que se desenvolven a/s actividade/s non sexa inferior a tres meses.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorre-las corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídos os centros docentes que proxecten desenvolver actividades que teñan como obxectivo prio

ritario a alfabetización ou outras actividades relacionadas coa educación de adultos.

Terceiro.-Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente nas partidas 07.04.322H.480.0, 07.04.322H.460.0, 07.04.322S.460.0 e 07.04.322S.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997 e en ningún caso a totalidade dela superará os 100.000.000 de ptas.

Cuarto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, ata o día 14 de febreiro de 1997, inclusive.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de actividades, tamén por duplicado, conforme o anexo II. Así mesmo, acompañarán á documentación sinalada, unha certificación bancaria da conta corrente a nome do titular ou representante legal da entidade solicitante na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

Sexto.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional poderá requerir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a efecto as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que acompaña á solicitude deberá ser comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-Catro inspectores correspondentes ós Servicios Provinciais de Inspección.

-O xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

-Dos funcionarios da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional; un deles actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevarana ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, quen resolverá o que proceda.

A selección e contía das axudas estableceranse de acordo coas seguintes prioridades:

a) Actividades que teñan como principal obxectivo a alfabetización.

b) Formación de base conducente á obtención do certificado de escolaridade ou título de graduado escolar.

c) Preparación para a obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional que facilite a integración laboral e permita o acceso á educación secundaria non obrigatoria para persoas adultas.

En todo caso, daráselles prioridade ós proxectos que se realicen en concellos ou comarcas que non conten con centros de educación de adultos ou de formación profesional regrada e nos que non se desenvolvan actividades de oferta pública para educación de adultos.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

Noveno.-Unha vez aprobada a axuda, enviarase á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, a programación da/s actividade/s que se pretenden realizar, na que se reflictan: contidos, obxectivos, actividades, metodoloxía, avaliación..., para a súa posterior supervisión.

A dirección xeral e os centros de educación permanente de adultos, Cegebad, e centros de formación profesional, asesorarán as entidades beneficiarias na elaboración das programacións e achegarán a documentación de apoio que sexa necesaria.

Décimo.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas fundamentalmente a sufraga-los gastos de persoal e de funcionamento xerados polo proxecto. En todo caso, os gastos referidos a funcionamento non superarán o 30% do importe total da subvención. Estas axudas serán aboadas da seguinte forma:

1º. Concederase o 10% da contía subvencionada no momento da resolución desta orde, logo de aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezada/s a/as actividade/es.

2º. Libraranse, en concepto de pagamentos parciais, as cantidades que xustifiquen as entidades no prazo sinalado, sen exceder, en ningún caso, o 70% da cantidade total da subvención.

3. A cantidade restante librarase unha vez finalizada a actividade no momento da súa completa xustificación por parte do beneficiario e entrega da memoria dela, acompañando certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada para o efecto do disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles comunique a súa concesión.

Undécimo.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-A gratuidade das actividades.

-A xestión directa do proxecto subvencionado.

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

-A cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-Comunica-lo número real de participantes e os axustes realizados.

-A presentar copia dos contratos do persoal laboral contratado visados pola oficina pública de emplego.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Duodécimo.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 15 días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso, deberán organizarse as actividades con obxecto de poder presentar no seu momento e, sempre antes do 15 de outubro de 1997, a memoria e a xustificación de gastos.

Décimo terceiro.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional realizará o seguimento dos proxectos subvencionados.

Décimo cuarto.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das accións formativas conducentes á obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional e que se desenvolven ó amparo desta orde, así como nos lugares onde se realicen as referidas accións, deberá figurar que estas están confinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Fondo Social Europeo, ámbalas denominacións cos seus respectivos logotipos.

Décimo quinto.-A subvención poderá ser revogada, despois da audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto subvencionado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se é o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente.

Décimo sexto.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sétimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional

591