Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 1997 Páx. 842

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 8/1997, do 9 de xaneiro, sobre vivendas residencia en réxime de alugueiro para maiores de 60 anos.

O novo plan de vivenda 1996-1999 que comporta, con carácter xeral, unha continuación das liñas de actuación fixadas no plan anterior (1992-1995), introduce determinadas modificacións destinadas a mellora-la súa eficacia social, entre as que convén subliñar a posibilidade de que se acollan ó financiamento cualificado unha serie de vivendas de nova tipoloxía intermedias entre as vivendas individuais e as residencias colectivas.

A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no artigo 27 do seu Estatuto, ten competencia exclusiva en materia de vivenda, o que lle permite adopta-los seus propios instrumentos normativos para garantir a tódolos cidadáns o acceso a unha vivenda adecuada. Neste sentido, considera como unha actuación primordial dedicarlle unha atención singular ás persoas maiores de 60 anos, que polas súas específicas circunstancias necesitan vivendas adecuadas ás súas características.

En concreto, este decreto, ó abeiro da nova tipoloxía definida no artigo 1.4º do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999, ten por obxecto regula-la promoción de vivendas en réxime de alugueiro para persoas maiores de 60 anos que constitúan fórmulas intermedias entre a vivenda individual e a residencia colectiva, xestiona-las axudas estatais que para estes efectos prevé o referido real decreto e establecer axudas públicas para protexer estas actuacións a cargo da Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Finalidade.

O presente decreto ten como obxecto:

1. Regula-la promoción de vivendas en réxime de alugueiro para persoas maiores de 60 anos, ó abeiro do establecido no artigo 1.4º do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999.

2. Establecer axudas públicas para protexer estas actuacións a cargo da Comunidade Autónoma.

3. Xestiona-las axudas estatais que para estes efectos prevé o referido real decreto.

Artigo 2º.-Vivendas protexidas.

Enténdese por vivendas protexidas aquelas que, promovidas de acordo co regulado no artigo 1.4º do Real decreto 2190/1995, sexan destinadas a domicilio habitual e permanente, cumpran os requisitos establecidos no presente decreto e disposicións que o desenvolvan, e sexan cualificadas como tales polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Artigo 3º.-Características destas vivendas.

A superficie útil das vivendas non poderá supera-los 50 metros cadrados.

Para a determinación da superficie útil das vivendas así como da súa calidade e deseño aplicaranse as normas que rexen para as vivendas de protección oficial,coas seguintes excepcións:

1. As superficies mínimas das habitacións axustaranse ó establecido na normativa sobre habitabilidade das vivendas. Non será de aplicación o establecido nas ordenanzas provisionais de VPO números 9 e 17.

2. As vivendas estarán dotadas de mobiliario.

As vivendas axustaranse ás disposicións do Decreto 286/1992, do 8 de outubro, sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 4º.-Características do edificio.

O uso maioritario do edificio será residencial e a superficie máxima que poderá destinarse a servicios comúns, computable para os efectos de obte-las axudas previstas, será equivalente ó 15 por 100 da superficie útil total destinada a vivendas, ou do 20 por 100 en caso de que a actuación comprenda operacións de rehabilitación.

Artigo 5º.-Destino das vivendas.

1. A cualificación como protexidas das vivendas reguladas no presente decreto, implicará a súa vinculación ó réxime de alugueiro durante un período de, polo menos, 10 anos.

2. Estas vivendas unicamente poderán ser cedidas en réxime de alugueiro a persoas maiores que reúnan as seguintes condicións:

a) Que teñan máis de 60 anos.

b) Que non sexan propietarios de ningunha vivenda de protección oficial nin doutra vivenda libre no mesmo concello no que se sitúa a vivenda obxecto de actuación protexible.

c) Que teñan uns ingresos familiares ponderados que non superen 5,5 veces o salario mínimo interprofesional, determinados e acreditados de acordo co establecido no Real decreto 2190/1995 e na orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, do 26 de febrero de 1996.

3. As vivendas destinaranse a domicilio habitual e permanente dos arrendatarios. Nos contratos de arrendamento deberá incluírse, como cláusula obrigatoria, a prohibición de cede-lo uso da vivenda, por calquera título, por parte do arrendatario.

Artigo 6º.-Condicións dos arrendamentos.

Os arrendamentos das vivendas axustaranse ás seguintes condicións:

a) A renda anual inicial será como máximo equivalente ó 7,5% do prezo de venda que correspondería a unha vivenda de protección oficial en réxime xeral cualificada provisionalmente na data do contrato de alugueiro.

b) A renda inicial poderá ser actualizada anualmente de acordo coa evolución do índice xeral de prezos o consumo.

c) O arrendador poderá percibir, ademais da renda inicial ou revisada, o custo real dos servicios dos que goce o inquilino e que sexan satisfeitos polo propietario así como as outras operacións autorizadas pola lexislación vixente.

d) O propietario deberá entregar ós arrendatarios as vivendas en condicións axeitadas de uso e conservación.

e) En garantía do bo mantemento e do uso axeitado da vivenda, deberá depositarse, por parte do arrendatario, unha fianza por un importe dunha mensualidade, de acordo co disposto na lexislación aplicable en materia de fianzas.

A duración e prórroga dos contratos de alugueiro rexerase polo establecido na vixente Lei de arrendamentos urbanos. Igualmente observarase ó regulado na devandita lei nos supostos de separación, divorcio ou nulidade matrimonial.

Artigo 7º.-Obrigas dos propietarios.

As reparacións necesarias e as operacións de mantemento co fin de conserva-las vivendas en condicións de uso axeitado, serán por conta do arrendador, propietario do edificio ou da empresa xestora administradora, de conformidade co que establece a lexislación de arrendamentos urbanos.

O promotor deberá dispor da documentación necesaria para que a Administración poida comprobar que os inquilinos cumpren os requisitos esixidos polo presente decreto.

Artigo 8º.-Axudas económicas.

1. Con cargo ós orzamentos do Ministerio de Fomento, o Instituto Galego da Vivenda e Solo recoñecerá ós promotores destas actuacións as axudas establecidas nos artigos 11 e seguintes do Real decreto 2190/95 para as promocións de vivendas

de protección oficial en réxime xeral cualificadas para arrendamento.

2. Con cargo ós orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo concederase ós promotores unha subvención que terá carácter complementario coa recoñecida a cargo do Ministerio de Fomento.

3. Ó abeiro do Plan de Vivenda 1996-1999, as axudas económicas contidas neste decreto financiaranse, polo que respecta ó exercicio de 1997, con cargo ó crédito existente na aplicación orzamentaria 06.50.331A.783 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo. As axudas que se concederán en exercicios futuros estarán condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias que para tal fin se establezan.

Artigo 9º.-Características das axudas outorgadas polo Ministerio de Fomento.

Os promotores que obtiveran o préstamo cualificado terán dereito ás seguintes axudas:

1) Subsidiación de préstamo cualificado. O tipo de xuro subsidiado será do 7 por 100 anual, tanto durante o período de carencia como ó longo do período de amortización, sempre que se manteña o destino das vivendas.

2) Subvención equivalente ó 15 por 100 do prezo máximo de venda que correspondería a unha vivenda de protección oficial de réxime xeral no momento da súa calificación definitiva.

O pagamento da subvención farase unha vez obtida a cualificación definitiva e en función das vivendas arrendadas.

Artigo 10º.-Características das axudas outorgadas pola Comunidade Autónoma.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo subvencionará os promotores de vivendas protexidas destinadas para arrendamento a persoas maiores de 60 anos na contía do 20 por 100 do prezo máximo ó que puidera venderse unha vivenda de protección oficial de réxime xeral no momento da cualificación definitiva.

A solicitude destas axudas deberá presentarse no modelo oficial xunto coa solicitude da cualificación provisional de vivenda protexida. O aboamento da subvención practicarase unha vez obtida a cualificación definitiva.

Artigo 11º.-Cualificación provisional.

1. Os promotores de vivendas protexidas para persoas maiores de 60 anos deberán presentar nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo solicitude de cualificación provisional, que terá a consideración de trámite inicial, e á que deberá xuntarse a documentación esixida para o mesmo trámite nas vivendas de protección oficial de promoción privada de réxime xeral.

2. Á vista da documentación aportada e dos informes dos órganos competentes, o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo logo da presentación da licencia municipal de obras, se non se fixo con anterioridade, outorgará se procede a cualificación provisional de vivendas protexidas.

Artigo 12º.-Cualificación definitiva.

Rematadas as obras, os promotores de vivendas protexidas para persoas maiores de 60 anos deberán solicita-la cualificación definitiva, no modelo oficial, acompañado da documentación que nel se especifique.

A cualificación definitiva será outorgada polo delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo logo dos trámites e nos mesmos termos que corresponden a unha cualificación de vivenda de protección oficial de promoción privada en réxime xeral.

Artigo 13º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes e maila documentación que se deberá xuntar axustaranse ó modelo establecido no anexo I deste decreto e poderán presentarse, desde a data da súa entrada en vigor, nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

As disposicións do presente decreto serán de aplicación ás actuacións que entre a data da súa entrada en vigor e o 31 de decembro de 1999, obtiveran a cualificación provisional de vivendas protexidas.

En todo caso, a súa vixencia, para os efectos do recoñecemento do dereito a acceder ó financiamento cualificado e demais axudas económicas previstas na presente disposición, estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. No que respecta ó recoñecemento e ó exercicio dos dereitos de obtención do financiamento cualificado e demais axudas do artigo 8.1º do presente decreto con cargo ós fondos do Estado, quedarán limitados polo esgotamento dos volumes de recursos asignados segundo o establecido nos artigos 1.6º e 58 do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro.

2. No que respecta ás axudas do artigo 8.2º do presente decreto con cargo os orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo quedarán limitados polo esgotamento dos volumes de recursos asignados ó Plan Cuadrienal de Vivenda 1996-1999 pola Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primera.-Nas materias non reguladas neste decreto aplicaranse as normas establecidas na lexislación de vivendas de protección oficial, no Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, e disposicións de desenvolvemento.

Segunda.-A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dicta-las disposicións que requira a aplicación e desenvolvemento do presente decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

524