Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 1997 Páx. 801

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo extraestatutario de eficacia limitada da empresa Transportes Auto Galicia, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Transportes Auto Galicia, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 12-12-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e daa parte social, polos seus traballadores, toda vez que non ten cargo representativo sindical, trátase dun convenio colectivo extraestatutario, con forza de obrigar soamente ós seus asinantes. Polo que a teor do establecido no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dado o interese xeral do coñecemento da dita norma laboral, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación Arbitraxe e Conciliación do convenio colectivo extraestatutario de eficacia limitada da empresa Transporte Auto Galicia, S.L.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de decembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra (Vigo)

Convenio colectivo de traballo para a empresa Transportes Auto Galicia, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regula as relacións laborais da empresa Transportes Auto Galicia, S.L. e afecta a todo o persoal pretencente ó cadro de persoal, así como ós traballadores que ingresen durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 1996. Terá unha duración de dous anos e entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Sen prexuízo do anterior, os salarios pactados aplicaranse con vixencia dun ano, e os seus efectos rematarán o 31 de marzo de 1997.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan á totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria poidan establecerse no futuro, serán absorbibles polos aumentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situación persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou de lugar, implantadas pola empresa, que significarán condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que corresponden ó persoal afectado polo presente convenio e para o primeiro ano de vixencia, son os que figuran na táboa anexa, maila antigüidade, se é o caso.

Para o segundo ano de vixencia, observaranse as recomendacións do Goberno sobre esta materia, e no seu defecto convirase a porcentaxe de aumento para aplicar á dita táboa, entre as dúas partes do convenio, tendo como base os acordos asinados a nivel nacional polas centrais sindicais e organizacións empresariais.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, maila antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais. A data do seu desfrute fixarase de común acordo entre o empresario e o traballador, que tamén poderán convi-la división en varios períodos.

Artigo 10º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio terá dereito a percibir unha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axudas de custo.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira, se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo completas será o que a seguir se expón:

Territorio nacional: 2.172 ptas.

Desprazamentos a Portugal: 3.078 ptas.

Restantes países estranxeiros: 4.921 ptas.

A contía das axudas de custo revisarase nos mesmos períodos de tempo e con idénticas porcentaxes cós salarios do convenio.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de aloxamento e comida do traballador en substitución de axuda de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33 por 100, sen prexuízo da facultade que o precedente parágrafo lle recoñece á empresa.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12 horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase a parte de axuda de custo correspondente ó xantar, sempre que o traballador saia da súa residencia antes das 20 horas e a chegada sexa despois das 22 horas.

A pernoctación corresponde ós que cheguen á residencia despois das cero horas.

O importe de cada unha das comidas e da pernoctación representará respectivamente o 35 e 30 por 100 co custo do almorzo.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores. A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución no nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e o cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control; respectarase en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 8 de novembro, e demais normas específicas para o sector de transportes.

Artigo 12º.-Domingos e festivos.

Os domingos e festivos non recuperables, que por necesidades do servicio sexan traballados, ou ben se dará o descanso outro día da semana anterior ou posterior, ou serán aboados co incremento que sinale a lexislación laboral vixente.

Artigo 13º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer uin desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo, debido en máis do 20 por 100 das horas laborables, nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no apartado 1º do artigo 46 desta lei. No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que teña dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 14º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas do seu remate.

Para iso, o persoal comunicaralle á dirección da empresa, a data do seu cesamento cunha antelación mínima de quince días, excepto para o persoal non cualificado para o cal o preaviso será de oito días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo, sen que transcorresen os prazos sinalados, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que cumprido o trámite de preaviso, lle correspondense o cesamento.

Artigo 15º.-Uniformes.

Cumprirán a empresa e o traballador canto se refire ós uniformes, de acordo co que determina a vixente normativa laboral para as empresas de transportes por estrada.

Artigo 16º.-Excedencias.

Observarase o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 17º.-Retirada do carné de conducir.

En caso de que lle sexa retirado o permiso de conducir a un conductor no servicio da empresa e cun vehículo dela, esta terá a obriga de acoplalo a outro posto de traballo o máis parecido ó seu e cos condicionantes e tempos seguintes:

Se a infracción é administrativa, acoplarase por un tempo de 90 días naturais e unha vez ó ano.

Se a retirada se produce por sentencia xudicial firme, a empresa só terá a obriga de acoplalo a outro posto de traballo, se esta retirada de carné é por tempo máximo dun mes.

Artigo 18º.-Enfermidade e accidentes.

Axustarase ó establecido na lexislación labroal, no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións vixentes.

Artigo 19º.-Servicio militar.

O persoal que se incorpore ó servicio militar, terá reservado o posto de traballo que viña desempeñando, e computaralle o dito período para a antigüidade na empresa. Para iso deixará constancia por escrito da súa intención de volver á empresa unha vez rematado aquel e deberá incorporarse a ela no prazo máximo de 30 días naturais a partir do remate do servicio militar.

Artigo 20º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables a culpa ou neglixencia do traballador serán aboadas por este, en caso contrario serán aboadas pola empresa.

Artigo 21º.-Acción sindical.

Neste punto observarase o que dispón o Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará totalmente ó seu cargo un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, de 2.600.000 pesetas por cada un, de forma que en caso de falecemento por accidente laboral, ó servicio da empresa, a citada cantidade sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento dela.

Artigo 23º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto na normativa vixente

para as empresas de transportes por estrada e demais disposicións vixentes.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, a comisión paritaria estará formada por dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores, de entre os que tomaron parte na comisión negociadora.

Artigo 25º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio o xerente da empresa e os traballadores, por non existir delegado de persoal.

Vigo, 25 de novembro de 1996

Táboa de salarios

Vixencia do 1 de abril de 1996

ó 31 de marzo de 1997

Persoal administrativo

Oficial de 1ª86.859 ptas/mes

Oficial de 2ª79.617 ptas/mes

Auxiliar administrativo74.089 ptas/mes

Aprendicessalario mínimo s/idade

Cobrador de facturas74.447 ptas/mes

Persoal de transportes

Encargado de almacén97.725 ptas/mes

Conductor-mecánico3.065 ptas/día

Conductor2.958 ptas/día

Conductor de motocicletas e furgonetas2.860 ptas/día

Mozo especializado2.770 ptas/día

Mozo de carga, descarga e reparto2.680 ptas/día

Persoal do departamento comercial

Visitador88.375 ptas/mes

28