Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 1997 Páx. 637

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de xaneiro de 1997 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de accións de formación ocupacional cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ó exercicio de 1997.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Direccion Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións de que dispón a Xunta de Galicia, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional.

Así, o Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da antedita consellería en materia de formación, promoción de emprego e fomento da economía social establece, no seu Art.5, as axudas á formación ocupacional e orientación profesional e preconiza a necesidade de que a concesión delas se efectúe de conformidade cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, en aplicación do disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, á que se axusta a presente convocatoria.

Pola súa banda, o Regulamento (CEE) nº 2084/93, do 20 de xullo de 1993, polo que se modifica o nº 4255/88, polo que se aproban as disposicións de aplicacións no relativo ó Fondo Social Europeo no seu Art.1 e dentro do obxectivo 3 dos fondos estructurais sinala como unha das accións prioritarias a formación ocupacional, así como a creación de estructuras axeitadas de formación.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos no antedito decreto no relativo ás axudas dirixidas ós cursos de formación ocupacional para desempregados e para activos, preferentemente para aqueles que non poden beneficiarse da formación continua, en concreto os traballadores autónomos e os do réxime especial agrario, así como dar cabida a aspectos da realidade social, formativa e laboral, como son a formación no centro de traballo ou a impartición de cursos experimentais e os proxectos formativos con compromiso de contratación.

Como consecuencia da posta en funcionamento do Servicio Galego de Colocación o 1 de xaneiro de 1997, incorpórase a obriga das entidades impartidoras de introduci-lo currículo dos alumnos que rematen os cursos na base de datos do antedito servicio.

De conformidade co establecido no art. 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contrapres

tación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ós creditos dos programas 14.04.222S.473, 14.04.222S.474 e 14.04.222S.480 que figuran no proxecto de Lei de presupostos xerais da comunidade autónoma para 1997.

Consecuentemente con todo o anterior, e facendo uso da autorización expresa contida na disposición derradeira primeira do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego da Xuventude, en exercicio das facultades que me confire o Art.34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións de formación ocupacional cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ó exercicio de 1997, xestionadas pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego e das súas delegacións provinciais.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional realizarase ademais de nos centros de formación profesional de titularidade da Xunta de Galicia, naqueles de que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoria pública:

a) As centrais sindicais e organizacións empresariais legalmente constituídas, ben por si mesmas ou conxuntamente.

b) As entidades locais da Comunidade Autonóma de Galicia.

c) As asociacións e outras entidades de carácter social que carezan de ánimo de lucro e inclúan nos seus estatutos ou normas de funcionamento interno como un dos seus obxectivos a formación profesional.

d) Os centros colaboradores homologados sempre que os cursos que soliciten sexan para activos ou para desempregados que vaian ser contratados por unha ou máis empresas e acheguen os correspondentes compromisos destas de contratar polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso por un período inicial mínimo de seis meses.

e) As empresas ou grupos de empresas ou as entidades privadas que presenten un proxecto formativo específico para elas, cun compromiso de contratación de polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso por un período mínimo de seis meses.

f) As empresas ou grupos de empresas para a formación de activos.

Para a impartición das accións de formación profesional ocupacional poderá establecerse a sinatura de convenios entre a Consellería de Familia, Muller e Xuventude e as entidades concesionarias.

2. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a súa xestión e/ou impartición.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que se concretará no producto do número de horas do curso polo número de alumnos que asistisen transcorrido o seu primeiro cuarto e polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. Os módulos, que se fixarán por resolución do director xeral de Formación e Emprego, asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada.

3. Sobre as partes «A» e «B» do módulo efectivamente gastadas e xustificadas poderá calcularse un 10 por 100 correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberá imputarse, en todo caso, á parte «A» do módulo, e non poderá superar en ningún caso as cincocentas mil pesetas.

A cantidade global resultante, despois de efectuada a antedita aplicación, non poderá ser superior ó importe da subvención máxima deducido segundo as regras do parágrafo segundo do presente artigo.

4. A percepción desta subvención, que financia o 100 por 100 dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: «A» referida ós custos de persoal, «B» referida ó resto dos custos aboables do curso e «C» referida ás bolsas e axudas ós alumnos, agás nos cursos de activos, que non disporán de parte «C». A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «A» do módulo os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos, comprendendo os

soldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de Seguridade Social. Cando a totalidade do curso sexa impartido por un único docente, acudirase preferentemente a unha contratación laboral, permitíndose a utilización de contratos civís ou mercantís para os profesores que colaboren esporadicamente nun módulo especifíco para o que estea acreditada a súa especialización.

b) Gastos de persoal directivo e administrativo e do dedicado ó seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordinación sen que poida superarse, en ningún caso, o 15 por 100 da parte «A» do módulo. Estas actividades deberán ser realizadas por persoas físicas distintas das encargadas da impartición do curso.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte «B» do módulo os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno e os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinarias de duración superior a un exercicio anual.

En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25 por 100 da parte «B» do módulo, que se realizará de conformidade cos criterios que por resolución do director xeral de Formación e Emprego se establezan.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, que en ningún caso poderán supera-lo 10 por 100 desta parte «B» do módulo, comprendendo aqueles gastos que, sen estaren incluídos nas alíneas anteriores, deban imputarse ou teñan a súa orixe na actividade do curso: seguros, tanto de instalacións coma de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada e realizada de conformidade coas normas establecidas na presente orde, para a execución dos cursos aprobados e programados.

f) Gastos de alugueiros, tanto de instalacións coma de maquinaria, que non poderán supera-lo 35 por 100 desta parte «B» do módulo.

4. A parte «C» do módulo estará constituída polas bolsas, cando se trate de desempregados minusválidos, e as axudas de transporte ós alumnos, ás que terán dereito de conformidade coas normas que en

desenvolvemento da presente orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Emprego, sempre que a duración do curso sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 5º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para tódolos centros colaboradores no Art. 11 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, os beneficiarios das axudas deberán:

1º. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Pedir, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación:

-Copias compulsadas do seu DNI e da tarxeta de demandante de emprego actualizada.

-Ficha individual de cada alumno.

-Documentación acreditativa de atoparse nos supostos de concesión das bolsas ou axudas de transporte.

3º. Remitir, no momento que en cada caso se indica, a seguinte documentación:

a) Como mínimo dez días antes do inicio do curso á delegación provincial correspondente:

-As datas de inicio e remate e a planificación temporal daquelas actividades relacionadas co curso que se pretendan realizar.

-A relación dos docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa da súa formación e experiencia.

-O programa completo do curso temporizado por módulos, agás no suposto previsto no Art. 15º.1 d).

-O enderezo completo do lugar de impartición.

b) Transcorridos quince días lectivos desde o inicio do curso:

-Á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á delegación provincial correspondente, segundo quen concedera o curso:

* As fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO).

* A ficha individual de cada alumno.

* Copias compulsadas do seu DNI e da tarxeta de demandante de emprego actualizada.

* A solicitude de anticipo.

-Á delegación provincial correspondente, o resultado da selección dos alumnos no modelo establecido para o efecto, así como a relación dos alumnos que tiveran dereito á bolsa ou axuda de transporte.

c) Mensualmente á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á respectiva delegación provincial:

-As fichas SIFO de incidencias.

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores de bolsas ou axudas de transporte asinadas por eles.

d) Transcorridos, como máximo, quince días desde a finalización do curso ó órgano competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude:

-A ficha SIFO de finalización.

e) Como data límite o 31 de xaneiro de 1998, á Dirección Xeral de Formación e Emprego ou á correspondente delegación provincial, segundo quen concedera o curso, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación que deberá presentarse selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Certificación dos gastos por módulos.

4º. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, así como os deberes e dereitos dos alumnos e dos centros impartidores.

5º. Aboarlles mensualmente ós alumnos as axudas previstas no artigo 4º, así como ós profesores a súa remuneración, aínda que non percibiran anticipos da axuda.

6º. Realizar, no suposto de cursos de desempregados, un informe acerca da situación laboral dos alumnos formados, ós seis meses da finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación, no modelo establecido para o efecto.

7º. Introduci-lo currículo dos alumnos que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación, na forma que estableza a Dirección Xeral de Formación e Emprego.

8º. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas coma á súa xestión e tramitación administrativa e documental.

9º. Contratar un seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

10º. Se é o caso, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización de actividades relacionadas co curso.

11º. Comunicar ás delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade imprevista que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados.

12º. Solicitar ás delegacións provinciais con cinco días de antelación, autorización de calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

Artigo 6º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento de calquera das obrigas sinaladas na presente orde ou na súa normativa de desenvolvemento, poderá dar lugar ó reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no Art. 15 do decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, unha vez deducido, se procede, o importe correspondente ás bolsas e ás axudas de transporte daqueles alumnos que non teñan dereito a ela, no momento no que a delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Emprego, segundo proceda, reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio de tódolos cursos, así como a documentación sinalada no parágrafo primeiro do Art. 5.

b) O importe restante, unha vez rematadas as accións formativas e recibida a xustificación e a certificación, en modelo normalizado, do responsable da entidade por conceptos orzamentarios dos gastos realmente efectuados.

Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación non se realizará a liquidación final en tanto non se remitan copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

2. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta sexa correcta, emitirá certificación o Servicio Administrativo de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Emprego, nos servicios centrais, ou Servicio de Formación e Emprego nas respectivas delegacións provinciais, para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

En caso de que a xustificación ou a certificación foran incorrectas, requirirase á entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, sendo advertida de que, de así non facelo, se procederá, se é o caso, a reclama-lo reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinaladas no Art. 15 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

3. A presentación da documentación requirida para a xustificación final dos custos dos cursos deberá realizarse como data límite o 31 de xaneiro de 1998.

Artigo 8º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para comproba-lo cumprimento do disposto na presente orde ou na normativa que a desenvolva, a Dirección Xeral de Formación e Emprego, en coordinación coas delegacións provinciais, establecerá un sistema de seguimento e control que terá como obxectivo a realización de visitas a todos e cada un dos cursos aprobados para o presente exercicio.

2. Cando nun curso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser corrixidas no prazo concedido para o efecto polo delegado/a provincial correspondente e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase ó peche del por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión, coa obriga de reintegro da axuda concedida nos termos e coas condicións establecidas no Art. 15 do decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 9º.-Iniciación e remate.

Con carácter xeral as accións formativas de máis de 250 horas iniciaranse como data límite o 30 de xuño e o resto o 20 de setembro, rematándose todas elas dentro do ano 1997 e debendo estar xustificados os custos inherentes a elas o 31 de xaneiro de 1998.

Artigo 10º.-Colectivos beneficiarios.

Terán preferencia para participar nas accións previstas na presente orde os seguintes colectivos:

a) Desempregados maiores de 25 anos, en especial os que leven inscritos máis dun ano como parados e desempregados menores de 25 anos.

b) Os traballadores autónomos e os do réxime especial agrario.

Artigo 11º.-Seleción de alumnos.

1. Con carácter xeral, o número de alumnos participantes en cada curso será de 15; non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. No suposto de que o curso se inicie con 12 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro do seu primeiro cuarto; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no Art. 3º.2.

Excepcionalmente, e tan só cando se trate dos proxectos formativos con compromiso de contratación, o número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnos para o cómputo da subvención.

2. A entidade que vai imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública mediante anuncio que se publicará de conformidade coas instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Emprego, en modelo normalizado, no que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e do Fondo Social Europeo, polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia, e efectuará a selección entre os que acudan a ela mediante as probas que considere pertinentes e de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude e que deberá poñer en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, tendo en conta que os alum

nos seleccionados deben ser, agás nos cursos de activos, desempregados inscritos nalgunha das oficinas de emprego do INEM con anterioridade á súa incorporación ó curso, levantando a correspondente acta no modelo normalizado que estableza a Dirección Xeral de Formación e Emprego, que deberá remitírselle á respectiva delegación provincial transcorridos 15 días lectivos desde o inicio do curso.

O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos e a calquera outros, que puidera establecer a Dirección Xeral de Formación e Emprego non será aboado con cargo ás axudas previstas na presente orde.

3. De conformidade cos obxectivos establecidos no Plan de Emprego Xuvenil procurarase que, como mínimo, o 60 por 100 dos alumnos das accións formativas de cada entidade teñan menos de 30 anos.

4. De non se incorporaren os alumnos seleccionados ou de produciren baixas dentro do seu primeiro cuarto, poderán substituírse, a ser posible, por alumnos procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

5. Nos cursos nos que a pesar de que se intentara completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser pechados polo órgano en cada caso competente da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sempre e cando non transcorrera máis da metade do seu período lectivo. En caso de peche a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola comisión de avaliación prevista no artigo 17 e será aprobada pola conselleira de Familia Muller e Xuventude ou polo respectivo delegado/a provincial, calculada en función das circunstancias concorrentes en cada caso.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Os alumnos participantes nas accións formativas gozarán da gratuidade da formación.

2. Os que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nin para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

3. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos de formación ocupacional e a de facilita-la documentación que lle sexa solicitada pola entidade impartidora dentro dos 10 primeiros días lectivos, sendo causa de exclusión deles incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

4. Os que rematen os cursos con aproveitamento recibirán un diploma acreditativo da súa realización no que constaran os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido.

e) Entidade impartidora.

Poderá concedérlle-lo diploma a aqueles alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente considere que ten os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistira ó 75 por 100 das súas horas.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, agás no caso de activos, preferentemente en horario de mañá.

2. Con carácter xeral as accións formativas deberán estar comprendidas no ficheiro de especialidades e terán unha duración que se establecerá en función da especialidade que se vai impartir, tendo como obxectivo a obtención, por parte dos alumnos, dun nivel de formación que lles permita acceder ó mercado de traballo cando se trate de desempregados ou perfecciona-la súa cualificación profesional cando se trate de activos.

3. Os servicios de formación e emprego das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude revisarán os programas de cada curso e devolveránllelos, antes do inicio do curso, co seu visto e prace, ás entidades impartidoras cando consideren axeitado o seu contido docente, as dotacións e equipamentos, así como as instalacións de teoría e práctica.

Artigo 14º.-Prácticas non laborais en empresas.

1. Cando a entidade impartidora dos cursos considere pertinente que os alumnos realicen prácticas non laborais en empresas ou institucións públicas e así estea previsto no correspondente convenio de colaboración, deberá presentar, cunha antelación mínima de quince días hábiles á súa realización, perante a Dirección Xeral de Formación e Emprego, información sobre os seguintes aspectos:

a) Contido das prácticas que realizarán os alumnos.

b) Datas previstas e lugar da súa realización.

c) Documentación que acredite a aceptación da empresa ou institución da súa realización sen percibir compensación económica ningunha.

d) Número de alumnos que realizarán as prácticas e número de horas por alumno.

e) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

f) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan

os do traxecto ó lugar de realización das prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período da súa realización.

g) Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos para os bens e as persoas que poidan derivarse da realización das prácticas non laborais.

2. Antes do comezo das prácticas, unha relación mensual dos alumnos que as realizarán porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo.

3. As prácticas poderán iniciarse, ben simultaneamente á realización do curso, ou unha vez finalizado este, sempre que non transcorreran máis de 30 días desde a súa finalización, sen que en ningún caso superen a duración en horas do curso de referencia.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 15º.-Solicitudes.

1. As entidades que, estando incluídas no Art. 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente orde deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde e suministrarase nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Emprego ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado segundo o anexo II.

c) En caso de ter impartido cursos incluídos na programación da consellería correspondentes ó exercicio de 1995, deberán informar sobre o grao de inserción laboral acadado polos alumnos formados, nos modelos establecidos para o efecto e sempre que non os remitisen con anterioridade.

d) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola/s empresa/s que vaian contrata-los alumnos.

e) Cando as accións solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades, as entidades deberán achega-lo programa completo do curso temporizado por módulos que inclúa unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se utilizarán no desenvolvemento do curso e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc, xuntando planos, ademais dunha valoración do seu custo por alumno hora.

f) Cando se trate das entidades previstas no art. 2º.1 c), deberán xuntar copia dos seus estatutos ou normas de funcionamiento interno visados polo órgano da Administración que en cada caso sexa competente.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de trinta días naturais, agás no suposto de proxectos formativos con compromiso de contratación, que poderán presentarse ata o 15 de setembro.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, procederase da forma prevista no Art. 10º.2 do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 17º.-Procedemento.

1. O procedemento a seguir na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no Art. 9 e seguintes do antedito decreto coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados nos parágrafos 1º e 2º do Art. 10 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á comisión de avaliación para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos previstos no presente artigo a comisión de avaliación estará composta:

a) Nas delegacións provinciais, polo xefe de servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o xefe de sección competente en materia de programación de formación ocupacional, que actuará como secretario, e un funcionario designado polo delegado da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a esta.

b) Nos servicios centrais, polo director xeral de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais o subdirector xeral de Formación Ocupacional e os xefes dos servicios administrativo e técnico de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario.

4. A comisión de avaliación á hora de barema-las solicitudes terá en conta, como prioritarios, os seguintes criterios:

a) A existencia de compromiso de contratación.

b) A disposición por parte da entidade da homologación das especialidades formativas solicitadas

e da condición de centro colaborador da consellería de conformidade co disposto no decreto 208/1995, do 4 de xullo.

c) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio.

d) A adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se solicitan as accións formativas.

e) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos.

f) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, que conteñan información sobre as posibilidades de emprego abertas trala formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

g) A realización, acreditada, de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades que se impartirán entre as empresas do sector co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

h) A inclusión de accións que se leven a cabo en comarcas que teñan actuacións especiais en desenvolvemento do Plan de Comarcalización.

i) A realización de accións dirixidas ós colectivos máis desfavorecidos no emprego.

j) A poboación e o número de desempregados do territorio para o que se solicitan os cursos.

k) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 18º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de avaliación, do Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais ou dos comités provinciais de seguimento da formación ocupacional, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á conselleira de Familia, Muller e Xuventude ou ós respectivos delegados/as provinciais, segundo se subscriba ou non convenio e deberán de ser notificadas ós interesados. No primeiro caso, a concesión dos cursos estará suxeita á sinatura do correspondente convenio.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderán efectuarse resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro do mesmo ou cando existisen fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes dos módulos.

Neste caso, agás que se acudira a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Disposicións adicionais

Primeira.

A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.

Se, por calquera causa, no momento no que as comisións de avaliación teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para ó efecto designe o respectivo delegado/a provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Emprego, segundo proceda.

Terceira.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá financia-la elaboración do diagnóstico de necesidades e de plans de formación ocupacional e de reciclaxe profesional naqueles sectores productivos que considere oportuno, nos ámbitos local, comarcal e autonómico.

Cuarta.

Na resolución de concesión de cursos da conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá variarse a porcentaxe do compromiso de contratación prevista no Art. 2, en función do cadro de persoal e das posibilidades de contratación das empresas solicitantes, sempre que aquela non sexa inferior ó 30 por cento dos alumnos que inicien o curso.

Quinta.

As entidades que dispoñan de equipo para a transmisión informatizada de datos á Dirección Xeral de Formación e Emprego poderán optar por este sistema de remisión de documentación, de conformidade coas instruccións que para o efecto se dicten.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorízase o director xeral de Formación e Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

97-280