Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Martes, 14 de xaneiro de 1997 Páx. 379

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á internacionalización da empresa galega.

O proceso de liberalización económica internacional que se vén experimentando neste últimos anos e a tendencia á globalización da economía, plasmados na creación de grandes áreas económicas a nivel mundial e a eliminación de barreiras nas transaccións internacionais, provocou que a internacionalización da empresa se presente como un aspecto fundamental para o seu desenvolvemento e consolidación.

Ante esta situación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, vén levando a cabo unha serie de accións tendentes a prestarlles apoio ás empresas galegas no seu proceso de internacionalización, tanto mediante a apertura e consolidación de novos mercados como mediante o seu establecemento no exterior.

Á parte de actuacións puntuais como organización, participación e financiamento de encontros e xornadas empresariais e comerciais, dentro das accións do Igape destaca a súa presencia permanente en varios países, ben directamente mediante medios propios ou ben a través de acordos de representación. Esta presencia internacional permanente está reforzada ademais pola convocatoria de bolsas de promoción no exterior, a través das que xoves titulados universitarios adquiren unha formación teórica e práctica en comercio internacional á vez que, desde numerosos destinos nos cinco continentes, promocionan Galicia e prestan apoio ás empresas galegas.

Por outra banda, tendo en conta que a vía de cooperación empresarial constitúe un piar básico sobre o que se pode asenta-la saída ó exterior da empresa, recentemente se estableceron dentro do sistema promocional do Igape dous programas de axudas nesta liña: por un lado, apoiando financeiramente a adquisición por empresas galegas de capital de empresas do seu mesmo sector ou complementarios co fin de obter vantaxes competitivas, e por outro, mediante a concesión de subvencións sobre os custos e gastos en que poidan incorre-las empresas no proceso de establecemnto de acordos de cooperación empresarial.

Mediante o presente decreto vaise máis alá no apoio á internacionalización da empresa galega a través do establecemento dun novo réxime de axudas que se concreta en dúas liñas diferenciadas:

* Axudas de apoio ó aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación, fóra da Unión Europea, mediante subvencións a fondo perdido sobre

o custo das primas dos seguros que se concerten en cobertura de riscos de natureza comercial, política ou catastrófica e, no caso daquelas operacións de exportación concertadas en divisas, do seguro de cobertura do risco de tipos de cambio.

* Axudas de apoio ó establecemento da empresa no estranxeiro, que consisten en:

a) Subsidiación ós tipos de xuro das operacións financeiras destinadas a financiar investimentos de carácter permanente en países non membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a través da adquisición de activos fixos ou da toma de participacións financeiras, vinculadas estrictamente á creación ou ampliación de redes comerciais ou de instalacións productivas nos ditos países;

b) Subvencións a fondo perdido sobre o importe dos gastos necesarios para o establecemento e posta en marcha de redes comerciais no estranxeiro, así como sobre os gastos de homologación de productos ante organismos oficiais estranxeiros;

c) Subvencións a fondo perdido sobre o custo de contratación de persoal especializado destinado a prestarlle servicios á empresa no estranxeiro.

Así mesmo, o sistema de axudas establecido neste decreto vén a integrarse e reforza-lo programa promocional integral do Igape dirixido a prestar apoio en tódolos ámbitos que definen e configuran o sistema productivo e empresarial galego.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten como obxectivo establecer un réxime de axudas financeiras á internacionalización da empresa galega, mediante a concesión de axudas de apoio ó aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación e ó establecemento da empresa no estranxeiro.

Artigo 2º.-Convocatoria, concesión e xestión das axudas.

2.1. No marco do disposto por este decreto, corresponderalle á Consellería de Economía e Facenda a aprobación da normativa reguladora das distintas convocatorias de axudas. Nesta normativa ou nas convocatorias específicas estableceranse aquelas disposicións relativas á delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións destas, así coma os prazos de presentación, modelos de solicitude e demais trámites para a concesión.

2.2. A concesión e xestión das axudas previstas neste decreto efectuaraas o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Réxime de axudas.

Dentro das condicións e cos requisitos establecidos neste decreto poderanse concede-las seguintes axudas:

1. Axudas de apoio ó aseguramento dos riscos inherentes ás operacións de exportación.

Subvención a fondo perdido sobre o custo das primas de seguro que se concerten, en cobertura de riscos de natureza comercial, política ou catastrófica, correspondentes a operacións de exportación que realice o beneficiario, e, no caso daquelas operacións concertadas en divisas, do seguro de cobertura do risco dos tipos de cambios. Os apoios só cubrirán as operacións de exportación que se realicen fóra do ámbito dos países da Unión Europea.

2. Axudas de apoio ó establecemento da empresa no estranxeiro.

a) Subsidiación ó tipo de xuro das operacións crediticias concertadas con entidades financeiras destinadas a financiar investimentos de carácter permanente en países non pertencentes á Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a través da adquisición de activos fixos ou da toma de participacións financeiras, vinculadas estrictamente á creación ou ampliación de redes comerciais ou de instalacións productivas. Os investimentos subvencionables poderán realizarse directamente, mediante a creación, ampliación ou adquisición de sucursais ou establecementos permanentes no estranxeiro, ou ben indirectamente, xa sexa a través da constitución ou ampliación dos fondos propios de filiais estranxeiras participadas ó 100%, ou ben mediante a participación no capital de sociedades estranxeiras xa existentes.

b) Subvención a fondo perdido sobre o importe dos gastos necesarios para o establecemento e posta en marcha de redes comerciais de carácter permanente no estranxeiro, así como sobre os gastos de homologación de productos que se consideren necesarios para a comercialización destes a través das ditas redes.

c) Subvención a fondo perdido sobre o custo de contratación polas empresas de persoal especializado destinado a prestarlles servicios a estas no estranxeiro.

Artigo 4º.-Contía das axudas e prazo de subsidiación.

4.1. A contía máxima das axudas previstas neste decreto será a seguinte:

a) As subsidiacións ó tipo de xuro de operacións crediticias, poderán alcanzar ata 5 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro nominal para o beneficiario despois de descontada a subsidiación resulte inferior ó 3%, salvo que a operación subsidiada se concerte en divisas, no dito caso non se aplicará esta última limitación.

b) As subvencións a fondo perdido poderán alcanzar ata o 75% do importe das primas de seguro que resulten subvencionables e ata o 50% no caso dos gastos de establecemento e posta en marcha de redes comer

ciais permanentes no exterior e de homologación de productos, así como no dos custos de contratación de personal especializado.

4.2. O prazo máximo de subsidiación ó tipo de xuro das operacións crediticias será de sete anos.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas establecidas neste decreto as sociedades mercantís e sociedades cooperativas con enderezo social e fiscal e centro principal da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen algunha das actividades económicas sinaladas como subvencionables no artigo seguinte.

Non obstante o anterior e con carácter excepcional, no caso de subsidiación ó tipo de xuro das operacións financeiras destinadas a financiar investimentos de carácter permanente en países non pertenecentes á Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), poderán ser beneficiarias das ditas axudas as sociedades estranxeiras con capital que estea participado en máis dun 50% por sociedades que cumpran os requisitos establecidos no parágrafo anterior, sempre que adicionalmente se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a participación no capital da sociedade estranxeira lles permita á a/ás sociedade/s galega/s exerce-lo control e dirección efectiva da sociedade participada. No caso de que a participación en máis do 50% na sociedade estranxeira beneficiaria a posúan conxuntamente máis dunha sociedade galega, deberá quedar suficientemente acreditada a existencia de unidade de decisión a través dun acordo de sindicación.

b) A xuízo do Igape, a actividade da empresa estranxeira deberá ter unha vinculación directa ou complementariedade coa/s sociedade/s galega/s participante/s.

c) A sociedade estranxeira beneficiaria das axudas deberá destinar obrigatoriamente os fondos do préstamo ó pagamento dos investimentos en activos fixos que se consideren subvencionables, realizados directamente por esta no país ó que pertenza.

d) A sociedade estranxeira participada deberá cumpri-los requisitos establecidos neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento para as empresas beneficiarias.

Neste caso a/s sociedade/s galega/s participante/s na sociedade beneficiaria responderá/n solidariamente con ésta do cumprimento de tódalas súas obrigas respecto a estas axudas.

Artigo 6º.-Actividades subvencionables.

Son subvencionables ó abeiro deste decreto as actividades económicas seguintes:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, comercio, turismo, artesanía e servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionados con calquera das actividades anteriormente relacionadas.

Artigo 7º.-Resolución.

As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no prazo de catro meses consideraranse desestimadas.

Artigo 8º.-Obrigas.

8.1. Os beneficiarios das axudas e as entidades financeiras participantes quedan obrigados a comunicarlle ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que foron concedidas.

8.2. Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, a Consellería de Economía e Facenda e o Igape, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designen, poderán efectuar tódalas actuacións ou inspeccións que consideren convenientes, ou requirir dos beneficiarios a achega de certificacións ou auditorías externas ó seu cargo, para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento das condicións destas.

Artigo 9º.-Incumprimento.

Serán causas de perda da subvención, con obriga de devolución do percibido e o pagamento dos xuros de demora correspondentes, as consignadas no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o incumprimento das condicións ou obrigas establecidas no presente decreto, as disposicións de desenvolvemento ou na resolución de concesión das axudas.

Artigo 10.-Compatibilidade.

Salvo que se estableza o contrario na normativa de desenvolvemento deste decreto ou nas distintas convocatorias, as axudas previstas nel serán compatibles con calquera outra axuda ou subvención sempre que non se superen os límites legalmente establecidos.

Disposición adicional

Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución dos programas de axudas establecidos neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

0070