Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 1997 Páx. 314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de decembro de 1996 pola que se regula a renovación da oferta de ensinanzas nos centros sostidos con fondos públicos de educación secundaria e escolas de arte durante o curso 1997/1998.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios de Administración

do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias e da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional e as artes aplicadas e deseño o de lles dar unha resposta puntual e axeitada ós requirimentos de formación provenientes do mundo productivo.

Este obxectivo implica, por unha parte, a necesidade de implantar uns plans de estudio acordes con eses requirimentos e, por outra, a de manter en todo momento actualizada a oferta formativa dos centros.

En canto ó primeiro aspecto, a Administración educativa pretende dar resposta ás necesidades actuais e futuras, formuladas polos diferentes sectores productivos, co novo catálogo de títulos dos ciclos formativos. Nesta mesma liña, tanto a educación secundaria obrigatoria como as distintas modalidades de bacharelato inclúen nos seus respectivos plans de estudio contidos de formación profesional de base que pretenden, por unha parte, a preparación dos alumnos e alumnas para acceder á formación profesional específica e, por outra, conseguir neles unha polivalencia que lles vai demanda-la dinámica social na que nos atopamos inmersos, propiciada, entre outros aspectos, polas normas e directrices derivadas da Unión Europea.

O segundo aspecto incide na necesidade de revisar periodicamente a oferta educativa dos centros, para adaptala ás necesidades de cada momento. Neste sentido, debe acometerse de xeito progresivo a substitución das actuais ensinanzas de formación profesional e de artes aplicadas e deseño polos novos ciclos formativos, dentro do calendario previsto, e procurarase a ampliación da oferta no contexto dos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo para Galicia 1994-1999.

Por outra parte, a progresiva implantación do ensino do novo sistema educativo fai que distintos centros poidan requirir durante o próximo curso 1997-1998 a implantación de ciclos formativos de graos medio e superior, como oferta para o alumnado que remata a educación secundaria obrigatoria e as diferentes modalidades de bacharelato.

Na súa virtude, visto o Decreto 346/1996, do 13 de setembro, polo que se establece a estructura

orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-A presente Orde regula as condicións polas que os centros sostidos con fondos públicos de ensino secundario e escolas de arte poderán solicita-la renovación dos ciclos formativos concedidos no curso 1996-1997 ou a implantación anticipada de ciclos formativos durante o curso 1997-1998.

Segundo.-Renovación dos ciclos formativos autorizados durante o curso 1996-1997.

Os centros que desexen renovar, durante o curso 1997-1998, os ciclos formativos para os que foron autorizados no curso 1996-1997, deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o 28 de febreiro de 1997, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) O proxecto didáctico, no que aproveitando a experiencia da actividade formativa no curso actual e considerando o contorno productivo do centro, recolla os obxectivos que se pretenden alcanzar, os contidos que se van desenvolver, a metodoloxía que se vai aplicar para cada un dos módulos do ciclo formativo e os sistemas de avaliación e recuperación previstos.

b) Compromiso formal do profesorado con destino definitivo nos centros, indicando os módulos que vai impartir cada un deles.

c) Relación das empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do módulo de formación en centros de traballo, de acordo co programa enunciado no correspondente documento base do título. Este compromiso de colaboración xustificarase documentalmente.

d) Actividades específicas de formación e actualización do profesorado que se consideren necesarias.

Terceiro.-Nova implantación de ciclos formativos durante o curso 1997-1998.

1.-Seguindo a metodoloxía utilizada en cursos anteriores, considérase oportuno continua-la implantación anticipada dos ciclos formativos aprobados nos respectivos reais decretos.

2.-Os centros que desexen solicita-la implantación durante o curso 1997-1998 dalgún dos ciclos formativos do catálogo de títulos deberán presentar na correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ata o 28 de febreiro de 1997, unha memoria na que consten os seguintes puntos:

a) Conexión co contexto productivo: xustificación da conveniencia de implanta-lo ciclo formativo, tendo en conta o sector productivo na área de influencia do centro.

b) Xustificación de que se cumpren os requisitos mínimos de espacios e instalacións especificados no correspondente documento base do título, así como as especificacións previstas para este tipo de ensinanzas polo Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño.

c) Relación dos recursos didácticos e tecnolóxicos dispoñibles para o desenvolvemento do ciclo formativo e relación dos que sería necesario adquirir, segundo o módulo de equipamento elaborado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

d) Proxecto didáctico, tomando como referencia a normativa que regula as correspondentes ensinanzas, no que se concretará as liñas xerais da programación do ciclo formativo, a súa temporización e a adaptación dos obxectivos e contidos del ó contorno do centro.

e) Desenvolvemento curricular de cada módulo:

-Metodoloxía e equipamento didáctico que se utilizará en cada caso.

-Sistemas de avaliación e recuperación previstos.

f) Compromiso formal do profesorado con destino definitivo nos centros, indicando os módulos que vai impartir cada un deles.

g) Relación das empresas do sector que, reunindo os requisitos de idoneidade, asumiron formalmente o compromiso de acolle-los alumnos para a realización do módulo de formación en centros de traballo, de acordo co programa enunciado no correspondente documento base do título. Este compromiso de colaboración xustificarase documentalmente.

h) Actividades específicas de formación e actualización do profesorado que se consideran necesarias para poder imparti-lo ciclo.

i) Aprobación pola comunidade educativa: certificación de que o proxecto foi aprobado polo departamento correspondente e o consello escolar do centro.

Cuarto.-Aprobación das ensinanzas.

1. As delegacións provinciais remitirán, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, antes do 31 de marzo, no caso de renovación de ensinanzas, un informe dos servicios provinciais de inspección no que se concrete claramente o cumprimento de tódolos requisitos mencionados no apartado segundo desta orde.

No caso de solicitudes de implantación de novos ciclos, as delegacións provinciais remitirán, na data indicada anteriormente, as correspondentes memorias-solicitudes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, acompañadas dun informe dos servicios provinciais de inspección relativo á oportunidade e interese da autorización, no que se concrete claramente o cumprimento de tódolos requisitos mencionados no apartado terceiro desta orde.

2. A aprobación ou denegación das ensinanzas recollidas nesta orde corresponderalle á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, logo de informe da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

As memorias-solicitudes entenderanse desestimadas no caso de non recaer resolución expresa no prazo de tres meses desde que rematou o período da súa presentación.

3. Terán prioridade para imparti-las ensinanzas reguladas nesta orde os centros que cumpran algún destes requisitos:

-Centros que por teren implantada a educación secundaria obrigatoria e os novos bacharelatos propoñan ofertarlles ós alumnos ensinanzas de formación profesional específica.

-Centros nos que a implantación destas ensinanzas sirva para reestructura-la oferta actual de ensinanzas de formación profesional en función das necesidades dun sector productivo.

Quinto.-Unha vez aprobada a renovación ou implantación anticipada das ensinanzas previstas nesta orde, o número mínimo de alumnos que se requirirán para poder impartilas será de 20 por aula, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional en sentido contrario. Esta condición dun número mínimo de alumnos debe ser posta en coñecemento dos interesados no momento da súa preinscrición.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional determinará en cada caso o número máximo de alumnos por grupo, atendendo ás condicións pedagóxicas e medios didácticos concretos. O número de alumnos de cada grupo será de 30, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor.

Sexto.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Autorízase as direccións xerais de Centros e Inspección Educativa e de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a dicta-las resolucións que coidan necesarias para o axeitado desenvolvemento do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9692