Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 1997 Páx. 308

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 452/1996 do 20 de decembro, de axudas a familias numerosas para a adquisición de vivenda familiar.

O Decreto 170/1995, do 3 de xuño, regulaba a concesión de axudas a familias numerosas para a adquisición de vivenda familiar en consonancia co acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de outubro de 1994 sobre as medidas tendentes a facilitarlles ás familias numerosas o acceso á vivenda en condicións de igualdade co resto das familias, e unha vez asinado o correspondente protocolo entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, en execución dos programas sobre o sector da vivenda recollidos no Plan Integral de Apoio á Familia.

O presente decreto, en continuidade co anterior, perfecciona diversos aspectos do procedemento, amplía o ámbito das axudas para acolle-las familias numerosas que promoven a súa propia vivenda, e dados os recursos limitados, dirixe estas axudas a aquelas familias numerosas con ingresos familiares ponderados que non excedan de 5,5 veces o salario mínimo interprofesional.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente disposición facilitárlle-lo acceso á vivenda ás familias numerosas de Galicia, a través do outorgamento de subvencións a fondo perdido.

Artigo 2º.-Familia numerosa.

Para os efectos do disposto neste decreto, entenderase por familia numerosa aquela que acredite estar en posesión do título de familia numerosa expedido pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1.-Poderán solicita-las subvencións reguladas polo presente decreto as familias numerosas residentes en Galicia con ingresos familiares ponderados que non excedan de 5,5 veces o salario mínimo interprofesional que cumpran os seguintes requisitos:

-Formalización da escritura pública de compravenda dunha vivenda nova ou usada dentro do prazo que se determinará por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, ou

-Formalización da escritura pública de declaración de obra nova rematada dentro do prazo que se determinará por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, nos seguintes casos:

-Familias numerosas cooperativistas ou en comunidades de propietarios que acrediten a adxudicación en documento público dunha vivenda.

-Promotores dunha vivenda para uso propio.

Entenderase que cumpren o requisito de residencia en Galicia as familias que acrediten estar en posesión do título de familia numerosa ó que se refire o artigo 2º da presente disposición.

2.-Ningún membro da familia solicitante poderá ser propietario de ningunha outra vivenda na Comunidade Autónoma, nin titular dun dereito real de uso ou desfrute sobre ela, agás nos seguintes casos:

-Que a vivenda teña unha superficie insuficiente, entendéndose por tal cando a cada membro integrante da familia numerosa lle correspondan menos de 10 m de superficie útil, non computándose, para estes efectos, a correspondente a baños, corredores e tendedeiras.

-Que a vivenda posúa unha configuración arquitectónica, distribución espacial, situación e accesos que supoñan unha grave reducción da súa funcionalidade para a familia numerosa por causa de diminución física ou porque impida aloxar separadamente os seus membros de distinto sexo, agás os cónxuxes ou persoas unidas por vínculo de análoga natureza.

3.-En ningún caso a vivenda para a que se solicitan as axudas terá unha superficie útil inferior a 10 m por cada membro integrante da familia numerosa, non computándose, para estes efectos, a correspondente a baños, corredores e tendedeiras.

Artigo 4º.-Subvencións.

As subvencións, así como as súas contías, outorgaranse en función da puntuación obtida por cada familia como resultado da aplicación dun baremo que se establecerá por orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O antedito baremo avaliará o número de fillos, os ingresos da unidade familiar e, de se-lo caso, a condición de familia monoparental e a minusvalidez dalgún membro da familia numerosa.

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia coas concedidas polas administracións ou entes públicos e privados, nacionais e internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes.

A orde de desenvolvemento do presente decreto determinará o prazo de presentación das solicitudes, o modelo ó que se axustarán e a documentación que os solicitantes deberán xuntar.

As solicitudes e maila documentación presentaranse nas delegacións provinciais do Instituto Galego da

Vivenda e Solo , que correspondan segundo a situación da vivenda obxecto das axudas, ou segundo o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As competencias para a tramitación e resolución dos expedientes, así como para a concesión dos beneficios da presente disposición serán exercidas polas delegacións provinciais do IGVS sen prexuízo das competencias exercidas pola comisión de selección creada polo artigo 7º do presente decreto.

Artigo 6º.-Selección de beneficiarios.

No caso de que o número de solicitudes presentadas supoña excedelas dispoñibilidades da aplicación orzamentaria asignada a esta finalidade, a aprobación das subvencións efectuarase de acordo coa seguinte orde de selección:

1.-Terán preferencia aquelas solicitudes que obteñan un maior número de puntos, ata esgota-lo importe total da aplicación orzamentaria.

2.-Nos casos de igualdade de puntuación, a orde de prelación será a seguinte:

1º) As solicitudes que obteñan máis puntos por razón dos ingresos familiares.

2º) Aquelas que obteñan un maior número de puntos por razón do número de fillos.

3º) Aquelas con mais puntos por razón de minusvalidez.

4º) Aquelas con puntos por razón da súa condición de familia monoparental.

5º) Segundo orde de presentación.

Artigo 7º.-Comisión de selección.

Co obxecto de realiza-la selección dos beneficiarios en aplicación do establecido no presente decreto e na orde que o desenvolva, constituirase unha comisión de selección, que terá a seguinte composición:

Presidente: o director técnico de Administración e Fomento do IGVS.

Vocais: os xefes das áreas provinciais do IGVS.

Actuará como secretario un funcionario designado para tal efecto polo IGVS.

Artigo 8º.-Resolución de expedientes.

A comisión de selección, á vista das solicitudes e da documentación presentadas, do crédito orzamentario dispoñible e da puntuación que resulte en cada caso e logo das comprobacións que se coide oportunas, elevará proposta de selección e de resolución dos expedientes perante o delegado provincial do IGVS que corresponda.

En vista da proposta da comisión de selección, o delegado provincial do IGVS resolverá sobre as solicitudes presentadas.

A resolución aprobatoria comprenderá a puntuación acadada polo expediente, a situación da vivenda e a subvención que se conceda.

Será motivo de denegación non cumprir algún dos requisitos establecidos na normativa que rexe estas axudas, así como non acada-la puntuación necesaria para ser seleccionado.

A resolución denegatoria será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer contra a dita resolución recurso ordinario perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. En todo caso, trascorridos cinco meses desde a presentación das solicitudes, se non recaese resolución expresa entenderanse desestimadas.

Artigo 9º Pagamento da subvención

1.-Será requisito indispensable para o cobro da subvención que o beneficiario se atope ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teña pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

O beneficiario, para acredita-lo cumprimento do devandito requisito, de non o ter feito con anterioridade, deberá presentar na delegación provincial do IGVS que corresponda, no prazo máximo dun mes a partir da notificación da resolución aprobatoria, o certificado da Consellería de Economía e Facenda.

2.-O pagamento realizarase a través de transferencia bancaria á conta que o beneficiario indique no momento da presentación da solicitude.

Artigo 10º.-Obrigas e limitacións á facultade de disposición.

A vivenda resultante das actuacións subvencionadas ó abeiro da presente disposición deberase dedicar a residencia habitual e permanente da familia numerosa solicitante durante, polo menos, cinco anos a partir da data da formalización da escritura de compravenda ou, de se-lo caso, da declaración de obra nova rematada, e non poderá durante o mesmo prazo ser obxecto de transmisión intervivos por ningún título sen solicitar do Instituto Galego da Vivenda e Solo a autorización de venda. Autorizada a venda, reintegraráselle ó IGVS o importe da subvención recibida xunto cos xuros legais desde o momento da súa percepción. Exceptúanse os casos de traslados por motivos laborais, para os que se presentará solicitude de non reintegro ó IGVS. A comisión de selección, logo da comprobación da situación alegada, elevará perante o delegado provincial que corresponda a proposta de non reintegro para a súa resolución.

A limitación á facultade de disposición descrita neste artigo farase constar expresamente na escritura pública de compravenda ou de declaración de obra nova rematada.

Artigo 11º.-Obriga do requisito de residencia.

O non cumprimento do requisito de residencia habitual e permanente do artigo 10º do presente decreto levará consigo a obriga de reintegra-las cantidades percibidas en concepto de subvención e mailos corres

pondentes xuros legais desde o momento da súa percepción.

Artigo 12º.-Incompatibilidades.

Os beneficios da presente disposición concederanse por unha soa vez e son incompatibles cos beneficios percibidos ó abeiro do D. 170/1995, do 3 de xuño, de axudas a familias numerosas para a adquisición de vivenda familiar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá dictar, no marco das súas competencias, as disposicións que cumpran para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

0131