Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 1997 Páx. 290

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se establecen axudas para mantemento e realización de programas sociais para desenvolver por entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade e minorías étnicas, atribuíndolle o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gastos imputables ó capítulo IV, no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materialice a prestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no Proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade galega para o ano 1997.

Con este fin, no devandito Proxecto de Lei de orzamentos, nas aplicacións 14.02.212D.484.1 e 14.02.212D.484.2 existen partidas orzamentarias consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas destinadas a entidades privadas de iniciativa social ben para o seu mantemento ou para a realización dos programas sociais que se especifican no artigo 4º.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas reguladas na presente orde as entidades privadas de iniciativa social que se atopen inscritas no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e que teñan como función principal, conforme os seus estatutos, a atención socio-asistencial a aqueles grupos que a Lei 4/1993, de servicios sociais da Comunidade Autónoma galega, nos seus artigos 12.1º e 17.1º, define como servicios sociais de atención especializada.

Artigo 3º.-Exclusións.

Non poderán acceder ás subvencións reguladas na presente orde aquelas entidades que polo seu ámbito específico e prioritario de actuación poidan acceder a subvencións convocadas para os mesmos fins polos distintos departamentos desta Administración autonómica. Así mesmo, aquelas asociacións de iniciativa social que teñan subscrito convenio de colaboración coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o mantemento de centros de atención a menores, non poderán solicitar para este fin subvencións ó abeiro desta orde.

Artigo 4º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De mantemento de asociacións e outras entidades de iniciativa social.

b) De realización de programas sociais destinados a familia, infancia e menores, así como a minorías étnicas e orientados a:

-Facilita-la compatibilidade da vida familiar e a vida laboral.

-Efectuar actividades que promovan a integración social, a solidariedade, os grupos de autoaxuda, o asociacionismo e a convivencia.

-Realizar programas de carácter formativo ou científico.

Artigo 5º.-Criterios para a selección dos proxectos.

Os criterios para a selección dos proxectos para subvencionar serán os seguintes:

-A súa adecuación ós obxectivos incluídos no Plan Integral de Apoio ás Familias.

-O maior grao de participación financeira por parte da entidade solicitante na execución dos programas.

-Os iniciados en exercicios anteriores e que sexa conveniente a súa continuidade.

-Que o programa sexa desenvolvido por persoal voluntario ou que estea a face-la prestación social substitutoria.

Non obstante terán prioridade aqueles programas de carácter integral e de utilización conxunta con outros recursos.

Artigo 6º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As subvencións, tanto de mantemento como de realización de programas sociais, poderán significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos e privados e percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

b) As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia ás entidades de iniciativa social.

c) As axudas reguladas na presente orde poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a entidade beneficiaria e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

As entidades deberán presentar xunto coa solicitude (anexo I ou anexo II, segundo proceda) a documentación que a continuación se relaciona:

1. Documentos comúns a tódalas solicitudes.

a) Certificación bancaria da conta na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención.

b) Acreditación da personalidade e representación da entidade.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

e) No caso de que a entidade participe economicamente no proxecto, deberá achegar un compromiso expreso da dita participación, no que faga consta-lo importe co que vai contribuír.

f) Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda téndoa solicitada, sufran variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións efectuadas neles.

As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida para as distintas axudas, a documentación estatística relativa á institución debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo III da presente orde.

2. Documentos específicos para cada tipo de subvención.

2.1. Para subvencións de mantemento.

Memoria explicativa da entidade solicitante, na que consten, entre outros, os seguintes aspectos:

a) O seu obxecto e fins.

b) Actividades que leva a cabo.

c) Persoal asalariado, se é o caso.

d) Formas de financiamento.

e) Orzamento solicitado.

2.2. Para subvencións de programas sociais.

a) Descrición pormenorizada das actividades que se pretenden realizar.

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento.

c) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35º.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

En caso de solicitar axuda, tanto para mantemento como para realización de programas sociais, deberase achegar unha solicitude para cada axuda.

Artigo 8º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

A/s solicitude/s e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, sendo de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, as delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde, e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para completa-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese no prazo de dez días, se arquivará o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, estes remitiranse á comisión provincial ou central de valoración, segundo proceda, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas ó órgano competente.

3. A composición das comisións de valoración será a seguinte:

a) Na esfera provincial:

Presidente/a: xefe/a de servicio de familia, infancia e menores.

Vocais: tres funcionarios da delegación provincial designados polo/a delegado/a, actuando un deles como secretario.

b) Na esfera central:

Presidenta: a directora xeral de Familia.

Vocais: tres funcionarios designados pola conselleira por proposta da directora xeral, actuando un deles como secretario.

En ámbalas dúas comisións, poderá asistir, con voz pero sen voto, un representante da intervención correspondente.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración competente, e unha vez fiscalizada pola respectiva intervención, correspóndelles ós/ás delegados/as provinciais da consellería, agás aquelas destinadas a subvencionar actividades que se vaian desenvolver no territorio de máis dunha provincia, que serán resoltas pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude, de acordo co Decreto 88/1990, do 15 de febreiro.

O prazo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización do prazo de solicitudes. As solicitudes non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

2. As resolucións seranlles notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

3. Así mesmo, o órgano competente poderá modifica-las devanditas resolucións se houbese alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención procederase ó pagamento e xustificación, na forma que se indica a continuación, agás nos casos nos que se establezan convenios, nos que se aplicará o que neles se sinale.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no Proxecto de Lei de presupostos xerais de Galicia para 1997 da seguinte forma:

Para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria certificación acreditativa de que foi realizada a actividade subvencionada cun gasto igual ou superior á axuda concedida e que foi destinada ó fin outorgado.

Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da entidade do inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria certificación acreditativa de que foi realizada a actividade subvencionada cun gasto igual ou superior á axuda concedida e que a mesma foi destinada ó fin outorgado.

Independentemente da contía da axuda, a última certificación de gastos deberá presentarse antes do 31 de decembro de 1997 ante o organismo competente.

Non obstante o anterior, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, en calquera momento, poderá solicita-los documentos orixinais que acrediten os datos que constan na dita certificación.

No caso de que se concedese axuda para a realización de programas sociais, a entidade deberá presentar antes do 31 de xaneiro de 1998, ante a delegación provincial respectiva ou a Dirección Xeral da Familia unha memoria das actividades realizadas.

Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán ademais:

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de subvencionada pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

c) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades, amais do control financeiro por parte da Consellería de Economía e Facenda e as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas.

d) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determine a concesión da axuda ou subvención.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.2º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins.

En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

20