Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 1997 Páx. 285

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 450/1996, do 20 de decembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 5.960 m situado no parque de Teis (Vigo), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro destinado á terceira idade.

O Pleno da Corporación Municipal de Vigo, reunido en sesión extraordinaria o día 5 de xullo de 1990, acordou a cesión dun terreo á Comunidade Autónoma de Galicia destinado a centro da terceira idade.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Vigo acordou a cesión, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta do terreo de 5.960 m situado no parque de Teis, pertencente ó Concello de Vigo, que linda: norte, co comezo da rúa e fondos dos edificios números 265 ó 270 da rúa de Sanjurjo Badía; sur, fondos dos edificios números 2 a 48 da rúa de Boán; leste, rúa de Buenos Aires; e oeste, con camiños da rúa de Boán.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Vigo, no tomo 1.739, folio 77 do libro 809 de Vigo, predio número 55.447.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro destinado á terceira idade.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no rexistro da propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

69