Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 1997 Páx. 247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de decembro de 1996 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora de balnearios.

O establecemento balneario foi un dos primeiros elementos xeradores de actividade turística na nosa comunidade autónoma, sendo claro exemplo disto o gran número deste tipo de establecementos existentes en Galicia, pero é a mediados deste século cando este tipo de turismo cede terreo claramente ó turismo denominado de «sol e praia» producíndose nalgúns casos o peche de establecementos ou nos casos máis favorables unha existencia de mera supervivencia.

Pero desde non hai moitos anos estase a producir un rexurdimento desta modalidade de turismo e Galicia non é allea a este fenómeno; de feito, a nosa oferta turística balnearia; está producindo uns máis que esperanzadores resultados aínda que os niveis de calidade deben de ser mellorados para ser acordes coas demandas dos usuarios.

Por todo isto, considerando que un dos principais obxectivos da política turística da Xunta de Galicia é o de potencia-los balnearios é polo que con cargo ós créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse unha serie de axudas destinadas á mellora dos balnearios e polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia poderá concederlles subvencións con cargo á aplicación 04.05.651A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1997, ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil) de establecementos de aloxamento e restauración con instalacións balnearias situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, haberá que aterse ó que dispón o artigo 40.Dos.B).2.e) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1997 e, se é o caso, de 1998.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á modernización e posta en valor dos balnearios. Abarca o obxecto da subvención tanto a remodelación e recuperación dos balnearios como a substitución dos seus equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1.-Os proxectos que se subvencionen terán que comezarse durante o ano 1997 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

2.-Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

3.-Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

4.-O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a vinte millóns (20.000.000) de pesetas, non considerándose investimento subvencionable os gastos xerais nin o beneficio industrial; tampouco forma parte del a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

5.-Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se prevén nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica máximo de ata o 50% sobre o investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Consellería de Industria e Comercio, de acordo co sinalado no Decreto 400/1996, do 31 de outubro, polo que se crea o portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minerais, termais e de manancial (DOG nº 226 do 19-11-1996), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dous meses contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Certificación bancaria actualizada da conta onde se aboará a subvención se é o caso.

e) 1º.-Proxecto básico, asinado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras. Así mesmo, será preceptivo remiti-lo dito proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vinculadas coa seguridade deste ou da dos seus usuarios.

2º.-Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións, sempre e cando estos investimentos non se atopen vinculados coa seguridade do establecemento ou da dos seus usuarios. Á dita memoria achegaránselle os correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto básico, orzamento porme

norizado por conceptos do investimento proxectado e planos a escala 1:50 cando o investimento afectase a distribución ou uso das instalacións existentes.

f) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia urbanística.

g) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

h) Documento acreditativo de inscrición do establecemento para o que se solicita a subvención no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

2.-Os interesados emendarán, a requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se cubrisen en tempo e forma.

3.-As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Secretaría Xeral para o Turismo. Todo isto de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112 do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indicar que este se axusta ós requisitos esixidos na convocatoria, serán estudiadas en cada provincia por unha comisión de valoración, constituída, cada unha delas, polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes de servicio de Fomento e Promoción, de Supervisión de Proxectos e Contratación e de Ordenación do Turismo da Secretaría Xeral para o Turismo, un representante da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública respectiva, así como o xefe do Servicio Provincial de Turismo correspondente que á súa vez exercerá as funcións de secretario da comisión.

1.-Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-A oferta de servicios existente no establecemento maila proxectada.

-O mantemento e xeración de postos de traballo.

-O estado actual das instalacións obxecto de modernización.

-A localización do establecemento atendendo ademanda turística na súa zona de influencia.

2.-Cada comisión de valoración, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos, e redactará a correspondente acta, que se lle remitirá á Comisión de Selección de Proxectos.

3.-A Comisión de Selección de Proxectos, constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes de Servicio de Fomento e Promoción e de Supervisión de Proxectos e Contratación da Secretaría Xeral para o Turismo, á vista da análise feita e da cualificación dada ás solicitudes polas respectivas comisións de valoración e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará ó respectivo delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública proposta de concesión ou denegación de subvención. Exercerá as funcións de secretario desta comisión o sinalado xefe do Servicio de Fomento e Promoción da Secretaría Xeral para o Turismo.

4.-O correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, vista a proposta elevada pola Comisión de Selección de Proxectos, dictará as resolucións de concesión de subvencións nas que se determinará cando proceda, en función das dispoñibilidades orzamentarias, a plurianualización do importe da subvención concedida con cargo ós orzamentos xerais de Galicia para 1997, 1998 e 1999. Así mesmo, o antedito órgano, dictará as resolucións de denegación.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida.

5.-De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

A) Da aceptación-renuncia das subvencións.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

B) Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo de dous mes desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios presentarán no

Servicio Provincial de Turismo correspondente a seguiente documentación:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada, informado favorablemente polo xefe do Servicio de Contratación e Supervisión da Secretaría Xeral para o Turismo, cando coa solicitude se precisara proxecto básico.

b) Plan de execución anual do investimento que ten que ser conforme, en canto a periodificación e cantidades de execución do investimento subvencionado, o determinado na resolución de concesión da subvención.

c) No caso de que o beneficiario fose persoa xurídica, documento acreditativo da súa constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil. Se o beneficiario fose persoa física, documento acreditativo de alta no imposto de actividades económicas.

Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, vista a proposta que lle formule la Comisión de Selección de Proxectos, poderá concederlles subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1.-Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se distribuíse en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1997: 15 de novembro de 1997.

Fase de 1998: 30 de xuño de 1998, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999.

Se a subvención se lle imputou só ó exercicio de 1997, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1997.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificala o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2.-O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3.-Para percibi-la subvención os beneficiarios remitiranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspon

dente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1 Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2 Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial no caso de que o investimento subvencionable se referira á realización das obras e/ou instalacións previstas no artigo 5º.1.e)1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións previstas no artigo 5º.1.e).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberá especifica-lo interesado, a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión da subvención corresponde cada unha delas.

3.3 Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisase e non se achegase coa solicitude da subvención.

3.4 Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da comunidade autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social, así como de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1997 ou, se é o caso de 1998, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 40. Dous. B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

4.-Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición adicional

No caso de concesión de subvención e logo de resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.B desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 1999. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no derradeiro parágrafo do artigo 7º.B) desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitarlle ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

12