Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 1997 Páx. 241

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de decembro de 1996 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da infraestructura hoteleira.

No campo do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa que demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado desenvolvemento das empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións. Neste sentido cabe dicir que nos últimos anos o sector hoteleiro galego experimentou un considerable aumento na súa oferta de prazas como consecuencia da posta en funcionamento de novos establecementos; sen embargo é notorio que outros, que veñen desenvolvendo a súa actividade desde xa hai algún tempo, precisan moderniza-las súas instalacións para conseguir unha calidade óptima na oferta destes servicios nesta Comunidade Autónoma. Por todo isto, nos pasados exercicios económicos, a Secretaría Xeral para o Turismo, dentro das súas liñas de obxectivos, articulou unha serie de medidas de fomento destinadas á mellora dos sinalados establecementos hoteleiros e como queira que tal medida acadou basicamente os obxectivos inicialmente previstos pero existindo aínda necesidades de mellora dos establecementos no sector

hoteleiro, faise preciso articular no presente exercicio unhas novas medidas de fomento, na liña das dos pasados exercicios orzamentarios.

En consecuencia, e con cargo ós créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo que foron asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos

da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo de Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas a fomenta-la mellora da infraestructura hoteleira e polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651-A.772.0 dos seus créditos orzamentarios para 1997, ás persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, en calquera das formas de posesión que determina o Código civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

As referidas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co establecido nesta orde, as accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos hoteleiros que estean clasificados dentro dos grupos de hoteis ou de hostais. Abrangue esta modernización tanto a remodelación como a substitución de equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1.-Os proxectos, obxecto de solicitude de subvención, terán que cumpri-los requisitos esixidos pola normativa turística vixente.

2.-Os establecementos deberán acreditar que posúen autorización da Administración turística para exerce-la súa actividade con anterioridade ó 31 de decembro de 1985. Esta data, poderase substituír, logo de autorización do secretario xeral para o Turismo, visto o preceptivo informe da correspondente inspección de turismo, pola do 31 de decembro de 1987, naqueles casos nos que o establecemento que se pretenda modernizar teña unhas carencias notorias nas súas instalacións.

3.-Os proxectos que se subvencionen terán que comezarse durante o ano 1997 e estar rematados con tempo suficiente para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

4.-Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

5.-Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

6.-Non serán subvencionables os establecementos que desenvolvan a súa actividade por tempada.

7.-O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cinco millóns de pesetas para os hoteis e a dous millóns de pesetas para os hostais.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se prevén nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica

máxima de ata o 30% sobre o investimento subvencionable e non forma parte del nin a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos, así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

En todo caso a contía máxima da subvención para os hostais será de dous millóns de pesetas máis cincocentas mil pesetas por estrela; e para os hoteis de tres millóns de pesetas máis un millón por estrela.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes, dirixidas o secretario xeral para o Turismo, e a documentación que a continuación se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dous meses, contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF, segundo corresponda, e documento acreditativo do pagamento do IAE do ano 1996.

d) Certificación bancaria actualizada da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

e) 1º.-Proxecto, asinado por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á realización de obras. Así mesmo será preceptivo remiti-lo dito proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vinculadas coa seguridade del ou da dos seus usuarios.

2º.-Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento, á execución dun proxecto de decoración, a intervencións de remoción e pequenas reparacións, sempre e cando estes investimentos non se atopen vinculados coa seguridade do establecemento ou da dos seus usuarios. Á dita memoria achegaránselle os correspondentes certificados de idoneidade técnica.

En todo caso deberase achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto, orzamento pormenorizado, por conceptos do investimento proxectado, así como planos a escala 1:50, cando o investimento afecte a distribución ou uso das instalacións existentes.

f) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de face-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, se é o caso, que o investimento non precisa a sinalada licencia urbanística.

g) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita subvención.

h) Documento acreditativo de inscrición do establecemento, para o que se solicita subvención, no Rexistro

de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

2.-Os interesados, por requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, emendarán os defectos dos expedientes de solicitude de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se tramitasen en tempo e forma.

3.-As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais, da Secretaría Xeral para o Turismo. Todo isto de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3 do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112 do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda de 30 de xuño de 1992 pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se fará consta-lo número de estrelas do establecemento obxecto do expediente, así como o grupo no que se encadra e se desenvolve ou non a súa actividade por tempada. Na referida certificación tamén se fará constar se o expediente cumpre ou non os requisitos determinados na convocatoria e se o proxecto para o cal se solicita a subvención se axusta ós requisitos esixidos na normativa turística vixente. As ditas solicitudes serán estudiadas en cada provincia por unha Comisión de Valoración, constituída cada una delas, polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes de servicio de fomento e promoción, de supervisión de proxectos e contratación e de ordenación do turismo da Secretaría Xeral para o Turismo, un representante da Delegación Provincial da Consellería da

Presidencia e Administración Pública respectiva, así como o xefe do servicio provincial de turismo correspondente que á súa vez exercerá as funcións de secretario da comisión.

1.-Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-O aumento de categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

-A oferta de servicios existente no establecemento e a proxectada.

-O mantemento e xeración de postos de traballo.

-O estado actual das instalacións obxecto de modernización.

-A localización do establecemento atendendo a demanda turística na súa zona de influencia.

2.-Cada comisión de valoración, en vista dos expedientes e dos informes expedidos polos servicios pro

vinciais, analizará e cualificará os proxectos, e redactará a correspondente acta que se remitirá á Comisión de Selección de Proxectos.

3.-A Comisión de Selección de Proxectos, constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes de Servicio de Fomento e Promoción e de Supervisión de Proxectos e Contratación da Secretaría Xeral para o Turismo, á vista da análise feita e da cualificación dada ás solicitudes polas respectivas comisións de valoración, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará ó respectivo delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública proposta de concesión ou denegación de subvención. Exercerá as funcións de secretario desta comisión o sinalado xefe do Servicio de Fomento e Promoción da Secretaría Xeral para o Turismo.

4.-O correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, vista a proposta elevada pola Comisión de Selección de Proxectos, dictará as correspondentes resolucións de concesión de subvencións. Así mesmo, o antedito órgano, dictará as resolucións de denegación.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida.

5.-De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados a partir da data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1.-Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes no prazo de quince días, comunicaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos os quince días non se fixera manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2.-Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, vista a proposta que se formule pola comisión de selección de proxectos poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación suficiente, segundo os acordos das correspondentes comisións de valoración.

Artigo 8º.-Xustificación e pago das subvencións.

1.-Os beneficiarios de subvencións, unha vez executados os investimentos, deberán xustificalos o antes posible, nunca con posterioridade ó 15 de outubro de 1997, data límite para a presentación da xustificación.

2.-O proxecto xustificado deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención; se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta redu

cirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3.-Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento, dirixida ó secretario xeral para o Turismo, segundo o modelo do anexo III.

3.2 Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración así como certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización das obras e/ou instalacións previstas no artigo 5º.1.e)1º da presente orde.

Cando o investimento subvencionable se referise ás accións previstas no artigo 5º.1.e).2º da presente orde deberase remitir, ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado.

En calquera dos casos, nas facturas deberase especificar, polo interesado, a qué concepto do investimento que sirviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Licencia urbanística que posibilitara a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisase e non se achegara coa solicitude de subvención.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social, así como de estar ó día no Imposto de Actividades Económicas.

4.-Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición adicional

No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo o prazo para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 8º.1 desta orde teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. O dito prazo, en todo caso, no poderán ser posterior ó 15 de decembro de 1997. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no último parágrafo do artigo 7º.2 desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren necesaria para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase ó secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

0011