Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 1997 Páx. 239

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 449/1996, do 26 de decembro, polo que se regula o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

O Decreto 162/1988, do 9 de xuño, modificado parcialmente polo Decreto 368/1990, do 28 de xuño, regula o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Desde a súa creación, o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, actuou como órgano consultivo e asesor da Administración en materia de seguridade e hixiene, medicina laboral e condicións de traballo. Non obstante nestas materias producíronse importantes avances e modificacións técnicas e lexislativas que aconsellan actualiza-la regulación da estructura e funcións do Consello para adecualas á situación actual.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, introduce un novo esquema de obrigas e responsabilidades para as administracións públicas que cómpre regular, e lles atribúe tamén novas funcións ós órganos de participación institucional de ámbito autonómico. Así, no artigo 7 regula, de maneira precisa, as actuacións das administracións públicas en materia laboral.

No artigo 11, a lei de referencia establece un mandato de coordinación entre as administracións laboral, sanitaria e de industria, así como coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, todas elas representadas no Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

A disposición adicional quinta da devandita Lei 31/1995 regula a creación dunha fundación que ten como finalidade promove-la mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo e establece que, nos ámbitos territoriais autonómicos con competencias de execución da lexislación laboral, será o órgano tripartito de representación institucional o responsable da xestión dos fondos desta.

Á súa vez, o Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, modificado polo Decreto 200/1994, do 23 de xuño, establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pola que se lle atribúe á Dirección Xeral de Relacións Laborais a presidencia e Secretaría do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Visto o anterior, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Título I

Consello Galego de Seguridade

e Hixiene no Traballo

Artigo 1º-Natureza.

O Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo é o órgano colexiado asesor da Administración pública na formulación das políticas de prevención e o órgano de participación institucional en materia de seguridade e saúde no traballo.

Artigo 2º-Adscrición orgánica.

O consello está adscrito á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ten a súa sede en Santiago de Compostela.

Artigo 3º-Composición do consello.

3º.1.-O consello estará formado, a partes iguais, por representantes dos traballadores, dos empresarios e da Administración, e terá en total dezaoito membros repartidos do seguinte xeito:

a) Seis representantes da Administración, que poderán ser membros por razón do seu cargo ou por designación do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais por proposta da autoridade de quen dependan.

a.1-Son membros do consello por razón do cargo, o director xeral de Relacións Laborais, que será o presidente, o subdirector xeral de Seguridade e Hixiene no Traballo, que será vicepresidente, e o xefe do Servicio de Seguridade e Hixiene, que actuará como secretario.

a.2-Dos tres membros restantes, un será un representante da Consellería de Industria e Comercio, outro representará á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o terceiro será un representante da Dirección Xeral da Inspección de Traballo e Seguridade Social do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

b) Seis representantes designados polas organizacións empresariais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Seis representantes das organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

3º.2.-Cada unha das partes designará un suplente por cada membro efectivo do consello, que o substituirá cando non poida asistir ás súas sesións por causa xustificada.

Cada suplente non poderá suplir á vez a máis dun membro titular.

Artigo 4º-Nomeamento e cesamento dos membros do consello.

Os membros do consello serán nomeados e cesados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais por proposta das respectivas consellerías, Dirección Xeral da Inspección de Traballo e Seguridade Social e organizacións empresariais e sindicais.

Artigo 5º-Funcións.

Son funcións do consello:

a) Coñece-las actuacións que desenvolva a administración pública en materia de prevención de riscos laborais e poderá informar e formular propostas, especificamente no que se refire a:

-Criterios e programas xerais de actuación.

-Proxectos de disposicións de carácter xeral.

-Plans, programas e proxectos en materia de prevención de riscos laborais que lle sexan remitidos pola Dirección Xeral de Relacións Laborais.

-Coordinación entre as administracións públicas competentes en materia laboral, sanitaria e de industria.

b) Asumi-las funcións e competencias que a fundación adscrita á Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no traballo lle atribúa á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Aprobación dun regulamento de funcionamento interno.

O Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo aprobará o seu propio regulamento interno que

substituirá o actual adaptándoo a este decreto, no que se especificará o réxime de adopción de acordos e o seu funcionamento en pleno, comisións e dos grupos de traballo que se constitúan, así como os cometidos da presidencia e da secretaría para efectos de formalización e aprobación das actas e documentos e outras cuestións conexas de análoga natureza.

O consello aprobará tamén o regulamento interno dos comités provinciais.

Artigo 7º.-Réxime de funcionamento.

7º.1.-O Consello funcionará en Pleno, integrado por tódolos seus membros, e en 3 comisións permanentes. Poderanse crear tamén os grupos de traballo que se consideren necesarios.

7º.2.-O Pleno reunirase alomenos unha vez cada tres meses.

7º.3.-Con carácter extraordinario reunirase cando sexa convocado polo presidente, por propia iniciativa ou por proposta da terceira parte dos seus membros.

Artigo 8º.-Presidente do consello.

Son funcións do presidente:

a) Desempeña-la representación do Consello.

b) Acorda-la convocatoria das sesións do Pleno, formula-la orde do día e presidir e modera-lo desenvolvemento dos debates.

c) Someter á consideración do Pleno do Consello os asuntos da súa competencia.

d) Velar polo cumprimento das normas de réxime interior do Consello.

e) Visa-las actas e certificacións dos acordos do Pleno do Consello.

f) Dirimi-los empates co seu voto.

g) Cantas outras sexan propias da súa condición de presidente.

Artigo 9º.-Vicepresidente do consello.

Correspóndelle ó vicepresidente:

a) Asistir ás sesións co presidente, constituíndo con este e co secretario a mesa do Pleno do Consello.

b) Substituí-lo presidente en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

c) Outras funcións que sexan inherentes á súa condición de vicepresidente.

Artigo 10º.-Funcións do secretario.

Correspóndenlle ó secretario do consello as seguintes funcións:

a) Efectua-la convocatoria das sesións do Pleno do Consello por orde do presidente e practica-las oportunas citacións dos seus membros.

b) Prepara-lo despacho dos asuntos que vai coñece-lo Pleno.

c) Recibi-las comunicacións dos membros do consello.

d) Asistir ás sesións e levantar acta do debatido e acordado no Pleno.

e) Expedir, co visto e prace do presidente, certificacións dos acordos, propostas e informes aprobados polo Pleno.

f) Cumpri-los acordos do consello e xestiona-la súa actividade administrativa.

Título II

Comités Provinciais

Artigo 11º.-Composición.

11º.1.-Os comités provinciais estarán formados a partes iguais polos representantes dos traballadores, dos empresarios e da Administración no ámbito provincial, tendo un total de quince membros repartidos do seguinte xeito:

a) Cinco representantes da Administración repartidos do seguinte xeito:

-O delegado provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que será o seu presidente.

-O xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social.

-O delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-O delegado provincial da Consellería de Industria e Comercio.

-O xefe da Área de Seguridade e Hixiene no Traballo, que será o seu secretario.

b) Cinco representantes designados polas organizacións empresariais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Cinco representantes das organizacións sindicais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

11.2.-En canto o seu nomeamento e cesamento, aplicarase o disposto no artigo 5 para o consello.

Artigo 12º.-Funcións.

Son competencias dos comités provinciais:

a) Coñece-los acordos do consello.

b) Elevarlle ó consello, para o seu estudio, propostas sobre prevención de riscos laborais no ámbito provincial.

c) Crea-las comisións de traballo que consideren necesarias, determinando as funcións, número de membros e composición delas.

d) Aqueloutras que lles fosen encomendadas polo consello.

Os comités provinciais deberanlle remitir ó consello unha copia das actas das súas reunións.

Artigo 13º.-Réxime de funcionamento.

13º.1.-Os comités provinciais reuniranse con carácter ordinario, alomenos unha vez cada mes.

13º.2.-Con carácter extraordinario, reuniranse cando sexan convocados polo presidente por propia iniciativa ou por proposta da terceira parte dos seus membros.

Disposición transitoria

Ata que, de conformidade co disposto no artigo 6 deste decreto, se aprobe o regulamento de funcionamento interno, seguirá aplicándose o regulamento aprobado pola Orde do 17 de marzo de 1989.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango en todo caso cando se opoñan ó esta

blecido nesta norma e, en especial, os decretos 162/1988, do 9 de xuño e 368/1990, do 28 de xuño, polo que se regula o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Disposicións derradeiras

1ª.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

2ª.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

0010