Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 1997 Páx. 253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de decembro de 1996 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural.

A situación das actividades primarias existentes no noso espacio rural, cunhas grandes fluctuacións debido á forte dependencia que estas economías teñen basicamente, da natureza y do clima, provoca que non se poidan manter comunidades economicamente eficientes, e isto determina un continuo éxodo da poboación que leva consigo, consecuentemente, o abandono de vellas casas e construccións perfectamente integradas no medio e na paisaxe. Para corrixi-las citadas fluctuacións económicas, e se é o caso, evitalas, é conveniente poñer en práctica unha estratexia definida por unha política de diversificación da economía local e para isto é preciso fomentar alternativas de investimento que determinen a creación de novos postos de traballo, así como un incremento das rendas familiares, feitos que deben de redundar na mellora da calidade de vida das comunidades rurais, así como na creación das circunstancias axeitadas que permitan voltar á súa terra ás xentes que o desexen.

A actividade turística é un dos vierios para acada-los obxectivos sinalados, xa que as actuais tendencias da demanda turística van cara ó consumo de novos productos que se caracterizan polo seu poder desestacionalizador e descentralizador e a capacidade para promover un turismo sostible, circunstancia que obriga á busca dun desenvolvemento turístico efectivo no rural.

Galicia posúe os elementos precisos para este tipo de actividade ó existir en unha serie de construccións cun grande valor cultural como son os pazos, mosteiros, castelos, casas grandes e incluso antigas casas rectorais, elementos que debidamente acondicionados poden ser destinados para un uso turístico dentro do denominado turismo rural pero, ante todo, deben de significar unha importante achega á calidade da oferta e, consecuentemente, ó desenvolvemento económico da zona. Por isto o acondicionamento destas construccións ten que realizarse a través de proxectos que afonden no coñecemento da historia e do lugar, que permitan resultados axeitados ó medio e ó mesmo tempo, respectuosos coas estructuras das edificacións, garantindo a autenticidade e a calidade nas intervencións e procurando un equilibrio entre o inmoble, o lugar e o seu novo uso, fuxindo do mesmo xeito tanto do folclorismo coma do intervencionismo.

Por todo isto e con cargo ós créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo en Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empre

sarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas a fomenta-lo turismo rural e, polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia poderá conceder subvencións con cargo á aplicación 04.05.651A.770.0 dos seus créditos orzamentarios para 1997, ás persoas físicas e xurídicas propietarias das construccións nas que se poidan realiza-los investimentos obxecto de subvención, segundo o sinalado no artigo 2º desta orde.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin e, así mesmo, cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, haberá que aterse ó que dispón o artigo 40.Dos.B).2.e) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, para os efectos do pagamento correspondente á anualidade do exercicio de 1997 e, se é o caso, de 1998.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de acordo co establecido nesta orde, os investimentos relativos á rehabilitación ou restauración de construccións situadas nos espacios rurais, sempre que polas súas características permitan a oferta de aloxamentos e outros servicios complementarios e estean encadradas, seguindo o sinalado nos artigos 2º e 3º da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de xaneiro de 1995, pola que se establece a ordenación dos establecimentos de turismo rural, modificada pola Orde do 7 de maio de 1996, na modalidade de hospedería dos grupos A ou B.

Considerarase investimento subvencionable tanto a execución material de obra como a redacción dos proxectos e a dirección de obra, no sendo subvencionable o mobiliario nin as taxas e impostos legalmente esixibles.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

Ademais do establecido na antedita Orde do 2 de xaneiro de 1995, os investimentos que se subvencionen deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Os proxectos serán de rehabilitación ou restauración, non de construcción ex novo, mantendo e recuperando a memoria histórica do inmoble e o seu contorno. Deberán ser respectuosos coa estructura da edificación nas suas relacións co lugar, así mesmo, respectaranse os seus usos tradicionais, e a sectorización segundo as plantas. Manteranse volumes e formas preexistentes e proporanse materiais e acabados propios da zona e das condicións do inmoble. Recuperaranse as estructuras tradicionais cos requirimentos técnicos esixibles. Terase especial coidado na resolución da cuberta, lucernarios e elementos auxiliares, así como o tratamento de fachadas. O proxecto deberá presentar solucións en canto á potabilidade da auga, a evacuación dos residuos e o seu tratamento.

b) Os proxectos serán globais, é dicir, comprenderán tódalas obras e instalacións, non só as pertencentes á propia edificación senón tamén, se é o caso, ás do contorno afecto á propiedade do predio, debéndose respecta-las características peculiares do medio rural galego.

c) A superficie pechada destinada a cuartos (e os seus baños), non poderá ser maior cá destinada a espacios comúns (salóns, comedor, biblioteca, cociña, etc.) sen contar espacios de circulación.

d) Os investimentos que sexan obxecto de subvención terán que empezar durante o año 1997 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada das obras realizadas, asinada por técnico facultativo e visada polo correspondente colexio oficial.

e) Os titulares dos establecementos de turismo rural subvencionados adquiren os seguintes compromisos:

1. Solicita-la autorización de apertura diante da Administración turística nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento.

2. Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince años, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística pois, en caso contrario, e consonte o sinalado no artigo 78.5.c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos xerais do Estado do exercicio correspondente.

3. Oferta-los seus servicios mediante prezos semellantes ós que operan no mercado desta Comunidade Autónoma para os establecementos análogos, sen prexuízo do disposto na lexislación vixente sobre prezos.

f) A titularidade dos establecementos de turismo rural que se subvencionen terán que te-la propiedade da vivenda obxecto de subvención, así como o pleno uso e desfrute dela. Cando o titular sexa unha persoa física corresponderalle a esta a xestión do establecemento. Non obstante, nos casos de condena por sentencia xudicial firme ou enfermidade grave da persoa beneficiaria da subvención, poderase facer cargo desta xestión, de modo temporal, outra persoa que resida na vivenda subvencionada, ou con carácter definitivo, nos casos de morte, xubilación ou incapacidade do sinalado beneficiario. En todo caso, calquera destas alteracións, precisará autorización previa da Administración turística.

Se a titularidade do establecemento de turismo rural que se subvencione corresponde a unha persoa xurídica, deberá residir na vivenda, alomenos unha persoa física con poder dabondo para representala e xestiona-lo establecemento. Este apoderamento, que deberá figurar inscrito no Rexistro Mercantil, presentarase verificado na súa suficiencia pola Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, no momento de solicitude de apertura do establecemento.

g) Os proxectos que se subvencionen terán que publicita-la colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características do dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos servicios provinciais de Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

h) Os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

1. Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar un máximo de axuda de ata o 50% do orzamento do investimento subvencionable pero, en todo caso, a contía máxima da subvención será:

-Para os proxectos encadrados no grupo A, é dicir, pazos, castelos, mosteiros, casas grandes e casas rectorais, un millón seiscentas mil (1.600.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público. Se o proxecto prevé a creación dun restaurante engadiráselle á contía anterior cento cincuenta mil (150.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada.

-Para os proxectos encadrados no grupo B, é dicir, casa de aldea, un millón duascentas cincuenta mil (1.250.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada ó público. Se o proxecto prevé a creación dun restaurante engadiráselle á contía anterior cen mil (100.000) pesetas por praza de aloxamento ofertada.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo e a documentación que de seguido se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo de dous meses, contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

d) Informe urbanístico emitido polo concello onde especificamente se determine se a execución do proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente.

e) Certificación bancaria actualizada da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

f) Proxecto básico asinado por arquitecto, facendo consta-lo seu número de colexiado, e no que se comprenda, obrigatoriamente:

-Memoria histórica do edificio, facendo referencia á súa catalogación ou inventariado.

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra.

-Plano de localización do investimento.

-Planos do estado actual e do proxecto a escala mínima 1:50.

-Información dos materiais e acabados propostos.

-Información dos mobles e equipamentos que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

g) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil.

h) Escrito motivado do solicitante, co visto e prace do director de obra, cando por razóns de índole técnica e aínda sendo o importe da execución material do investimento inferior a 25.000.000 de ptas., se considere preciso a plurianualización do investimento.

i) Declaración xurada doutras axudas solicitadas ou recibidas para o proxecto para o que se solicita a subvención.

2. Os interesados emendarán, por requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que no se cubrisen en tempo e forma.

3. Os solicitantes de subvención serán requiridos polo Servicio Provincial de Turismo para cubrir un cuestionario, para os efectos de valoración do expediente.

4. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Secretaría Xeral para o Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112 do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, e no que se deberá indicar que este se axusta ós requisitos esixidos na convocatoria, serán estudiadas en cada provincia por unha comisión de valoración constituída, cada una delas, polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes de servicio de Fomento e Promoción, de Supervisión de Proxectos e Contratación e de Ordenación do Turismo da Secretaría Xeral para o Turismo, o xefe da Área de Turismo Rural de Turgalicia, un representante da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública respectiva, así como o xefe do Servicio Provincial de Turismo correspondente que á súa vez exercerá as funcións de secretario da comisión.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1º. A localización do investimento atendendo á súa situación, accesos, infraestructuras básicas e oferta de servicios de utilización turística, así como á oferta existente de turismo rural na contorna.

2º. O estado actual e as características da construcción.

3º. As características da rehabilitación.

4º. A oferta de servicios proxectada para o establecemento.

5º. O mobiliario e os equipamentos proxectados.

6º. A xeneración de postos de traballo (incluso autónomos).

7º. A relación entre a oferta de servicios e o investimento proxectado.

8º. O cuestionario ó que se fai referencia no punto 3 do artigo 5º.

9º. O número de prazas ofertadas ó público que superen as mínimas esixidas.

10º. Que o solicitante sexa beneficiario do programa Lanza do Instituto Galego de Promoción Económica.

11º. Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Cada comisión de valoración, en vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos, redactándose a correspondente acta que se remitirá á Comisión de Selección de Proxectos.

3. A Comisión de Selección de Proxectos, constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación Institucional, que a presidirá, actuando como vocais os xefes de Servicio de Fomento e Promoción e de Supervisión de Proxectos e Contratación da Secretaría Xeral para o Turismo así como o xefe da Área de Turismo Rural de Turgalicia, en vista da análise feita e da cualificación dada ás solicitudes polas res

pectivas comisións de valoración e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará ó respectivo delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública proposta de concesión ou denegación de subvención. Exercerá as funcións de secretario desta comisión o sinalado xefe do Servicio de Fomento e Promoción da Secretaría Xeral para o Turismo.

4. O correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, vista a proposta elevada pola Comisión de Selección de Proxectos, dictará as resolucións de concesión, ou se é o caso, de denegación de subvencións.

A resolución de concesión, determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, 1998 e 1999, segundo o seguinte:

a) Cando o investimento subvencionable sexa inferior a 25.000.000 ptas. imputarase ó exercicio de 1997, salvo que razóns de índole técnica de execución do investimento subvencionado aconsellen imputalo ós exercicios orzamentarios de 1997 e 1998.

b) Cando os investimentos subvencionables sexan superiores a 25.000.000 de ptas. imputaranse ós exercicios económicos de 1997 e 1998. Excepcionalmente, investimentos superiores a 50.000.000 de ptas. poderanse imputar ós exercicios de 1997, 1998 e 1999, cando as disposicións orzamentarias así o aconsellen e sexan proxectos de especial relevancia a nivel turístico e de singular complexidade técnica.

5. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días naturais, comunicaranlle ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados quince días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. No prazo de dous meses, contados desde a presentación da aceptación da subvención, os beneficiarios remitirán ó servicio provincial de Turismo correspondente, a seguinte documentación, por duplicado exemplar:

a) Proxecto definitivo da acción subvencionada visado polo correspondente colexio oficial, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento.

Ó dito proxecto e programa, que teñen que ser conformes ó determinado na resolución de concesión da subvención, achegaráselles informe favorable do xefe do Servicio de Supervisión de Proxectos e Contratación da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Licencia urbanística de obras, expedida polo concello e con referencia explícita ó proxecto subvencionado, na que se indique que esta é para a rehabilitación ou restauración dunha edificación para establecemento de turismo rural. Excepcionalmente, e por razóns non imputables para o interesado, poderase apraza-la presentación deste documento.

c) Fotocopia compulsada de documento que acredite que o beneficiario da subvención é propietario do predio obxecto de rehabilitación. No caso de existir propiedade pro-indivisa, deberá achegarse poder notarial dos copropietarios, outorgándolle representación ó sinalado beneficiario, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumi-los compromisos derivados do establecido nesta orde.

d) No caso de que o beneficiario fose persoa física, documento acreditativo de alta no Imposto de Actividades Económicas nun epígrafe que posibilite a explotación da vivenda obxecto de subvención como establecemento de turismo rural consonte ás determinacións e obrigas que se sinalan nesta orde. Se transcorridos os ditos dous meses non se cumprise algunha das condicións anteriores, procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

3. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, vista a proposta que lle sexa formulada pola Comisión de Selección de Proxectos, poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos das correspondentes comisións de valoración.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude da presente orde e cando o importe dela se atribuíu en dúas ou máis anualidades terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 1997: 15 de novembro de 1997.

Fase de 1998: 30 de xuño de 1998, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de terse imputado a tres, 15 de novembro de 1998.

Fase de 1999: 30 de xuño de 1999.

Se a subvención se imputou só ó exercicio de 1997, a data límite de presentación será o 15 de novembro de 1997.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, asinada polo técnico director de obra e visada polo correspondente colexio oficial, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra, visado polo colexio oficial.

Nas facturas deberá ser especificado polo interesado a qué concepto do investimento que serviu de base á concesión de subvención corresponde cada unha delas.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social, así como de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

3.4. Licencia urbanística de obras, no caso de que non se achegara con anterioridade por causas excepcionalmente autorizadas.

3.5. Certificación de residencia do titular, emitida polo concello da localización do investimento subvencionado, se o solicitante é persoa física; e certificación, expedida polo Rexistro Mercantil, do domicilio social da empresa no municipio de localización do investimento subvencionado, se o beneficiario é persoa xurídica. Esta certificación, en calquera de ámbolos casos, será obrigatorio presentala coa última solicitude de pagamento e potestativo nos demais casos.

3.6. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recolla o compromiso a que se fai referencia no artigo 3º.e).2 da presente orde.

Por outra banda, no caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual e cando se solicite o pagamento da anualidade de 1997 ou, se é o caso, de 1998, ademais da documentación indicada no apartado 3 do presente artigo, tamén se deberá remiti-la documentación á que se fai referencia no artigo 40.dous.B).2 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

4. Para o non previsto anteriormente, haberá que aterse ó disposto nesta materia nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º.2 desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 terase que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 1999. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención consonte o sinalado no artigo 7º.3 desta orde.

Segunda.-Advertido erro no artigo 8.1º da Orde do 8 de xaneiro de 1996 pola que se anuncian subvencións para a creación de establecementos de turismo rural (DOG nº 49 do 8 de marzo de 1996), sinálase que a data de xustificación da fase de 1997 remata o 30 de xuño do dito ano.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado na presente orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dicta-las resolucións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9704