Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas á contratación de traballadores desempregados de difícil reinserción no mercado de traballo.

A reinserción social de colectivos tales como extoxicómanos, minorías étnicas, etc., constitúe un reto ineludible que debe afrontar toda a sociedade, tendo en conta as necesidades específicas que nun proceso coma este se van producir.

Ó abeiro do disposto no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, de acordo co artigo 149.1.7º da Constitución española, a esta comunidade correspóndelle a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Neste contexto, e de acordo co Decreto 52/1994, do 4 de marzo, que establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de promoción e fomento do emprego, procédese a pór en práctica este programa de axudas á contratación de traballadores desempregados de difícil reinserción no mercado laboral.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ó credito do programa 14.04.222A.470.00, que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.-O obxecto da presente orde, que se someterá ó disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, e no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, é conceder axudas a empresas que contraten traballadores/as desempregados de difícil reinserción no mercado de traballo, e que responden ó seguinte detalle:

a) De xeito temporal, cunha contía máxima de 300.000 pesetas e sempre que o contrato teña unha duración mímina dun ano.

b) De xeito indefinido, cunha contía máxima de 750.000 pesetas.

2.-Para os efectos da presente orde, entenderase por traballadores de difícil inserción no mercado laboral aquelas persoas que, polas súas características físicas, biolóxicas ou culturais, ou polos seus antecedentes vitais, sofren un rexeitamento social que os sitúa en inferioridade de condicións para supera-los

procesos selectivos de entrada no mercado de traballo, como puideran se-las minorías étnicas, os toxicómanos e extoxicómanos, os seropositivos, os expresidiarios e outros semellantes.

Artigo 2º

1.-Os beneficios previstos na presente orde non poderán dar lugar a un financiamento que exceda dos gastos pertinentes, polo que se procederá á súa reducción proporcional cando o salario bruto anual que deba percibi-lo traballador, xa sexa este o salario mínimo interprofesional ou o que lle corresponda, en virtude de pacto colectivo ou individual, resulte inferior á axuda en principio determinada.

2.-Estas subvencións serán incompatibles con outras que se perciban, en concepto de axuda salarial, como medida de fomento de emprego.

3.-O límite máximo de subvención por empresa non excederá de tres millóns de pesetas.

Artigo 3º

Só poderán beneficiarse das axudas previstas nesta orde as empresas que:

1.-Teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma e contraten ó traballador/a para prestar servicios neste ámbito.

2.-Estean inscritos na Seguridade Social o día en que se produza a contratación.

3.-Estean ó día no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, excepto que teñan concedido o aprazamento no pagamento das cotas.

4.-Estean ó día nos pagos das obrigas tributarias ou teñan concedido aprazamento no pago.

5.-Non estean en situación de suspensión de pagamentos ou quebra e que, con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1996, non amortizaran postos de traballo por despedimento declarado improcedente, expediente de regulación de emprego ou pola causa prevista no apartado c) do artigo 52 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º

1.-Poderán acollerse ós beneficios desta disposición as modalidades de contratación sinaladas no artigo 1 que se leven a cabo desde o comezo do ano 1997, que se resolverán segundo o criterio recollido no artigo 7º.

2.-O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro.

Artigo 5º

Exclúense dos beneficios desta orde os contratos celebrados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario individual ou dos que ocupen postos de alta dirección na empresa, cando esta adopte forma de sociedade, así como os celebrados cos socios.

Artigo 6º

1.-As empresas que desexen acollerse ós beneficios recollidos na presente orde deberán presentar solicitudes para o efecto, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.-Á solicitude deberá unírselle, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, a seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade da persoa que asina a solicitude, e se é o caso, poder suficiente para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) DNI do traballador que se pretende contratar.

c) Tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada do traballador que se pretende contratar da súa situación real de desemprego, con indicación do tempo que permaneceu nesta situación; a devandita declaración someterase a comprobación, previa á concesión da subvención, por parte dos servicios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

d) Solicitude de transferencia bancaria en modelo oficial, que será facilitado polas delegacións da Consellería de Familia, Muller e Xuventude; código de identificación fiscal ou número de identificación fiscal e certificado de existencia da conta no banco ou caixa.

e) Declaración expresa de que non se percibe ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra Administración pública.

f) Declaración pola que se expresa submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

g) Informe social do traballador que se vai contratar. Este informe non será preciso no caso de colectivos tales como o das minorías étnicas.

Artigo 7º

1.-Ás solicitudes presentadas outorgaráselles, por rigorosa orde de entrada, un número correlativo.

2.-Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos preceptivos, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende os defectos ou a falta observada, advertíndoo de que, no caso contrario, será arquivada a súa solicitude sen máis trámite.

Artigo 8º

1.-Unha vez completos os expedientes, remitiranse, para o seu informe preceptivo, á Comisión de Valoración, que unha vez estudiada cada solicitude, efectuará proposta de resolución, que se elevará ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2.-Para efectos do disposto no parágrafo anterior, a Comisión de Valoración estará composta polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que actuará como presidente, e serán vocais o funcionario con competencia en materia de emprego, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, designado polo delegado.

Artigo 9º

1.-A resolución das axudas, unha vez que conten co informe da Comisión de Valoración, e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións territoriais, corresponderalle ós delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2.-As respectivas resolucións deberánselles notificar ós solicitantes, podéndose modificar pola alteración das circunstancias determinantes do seu outorgamento.

3.-A resolución dos expedientes deberá realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ó remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 10º

1.-Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais, e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2.-A subvención concederase e farase efectiva en forma de pago único e unha vez xustificada debidamente mediante a presentación do contrato indefinido, ou temporal, segundo o caso, debidamente rexistrado no INEM, e copia do documento de alta do traballador na Seguridade Social.

Artigo 11º

No suposto de cesamento dos traballadores polos que se concedeu a subvención, a cobertura das vacantes terase que realizar dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que deberá comunicarse polas empresas á delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude que concedeu a axuda, dentro dos 10 días seguintes á cobertura da vacante.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma; a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, da Unión Europea, Administración institucional, autonómica ou local, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-

As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para este fin, para 1997.

Quinta.-Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asis

tir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas com

petencias, as resolucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9552