Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas á contratación cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1997.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en coherencia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e no nivel de execución ten actualmente o Estado.

A elevada taxa de desemprego entre a poboación xuvenil galega, que representa o 50% dos parados desta Comunidade Autónoma e que triplican as cifras europeas correspondentes a este segmento de poboación, fixeron necesario a elaboración dun Plan Galego de Emprego Xuvenil, como medida de choque ó alto índice de desemprego entre os mozos menores de 30 anos.

Por outra banda, o Consello Europeo, ante a preocupante situación do desemprego na Unión Europea, solicitou da comisión a elaboración dun libro branco sobre a estratexia a medio prazo para o crecemento, a competitividade e o emprego, co obxectivo de aportar novas análises e colaborar na toma daquelas decisións rexionais, nacionais ou comunitarias que permitan senta-las bases do desenvolvemento das economías europeas, facendo fronte á competencia internacional e creando ó mesmo tempo os postos de traballo necesarios.

A política de emprego da Unión Europea, desenvolvida a través do Fondo Social Europeo, prevé, entre outras medidas, o cofinanciamento, xunto con diversos poderes públicos de programas tendentes á consecución do emprego coa finalidade de intentar palia-lo problema do desemprego na comunidade.

Para a posta en marcha dos proxectos presentados ante o Fondo Social Europeo, e unha vez aprobado o texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de abril de mil novecentos noventa e catro, é preciso dicta-las normas que regulen a concesión das axudas do citado plan, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997 e cos fondos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Na presente orde desenvólvense os programas de axudas á contratación indefinida, de substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria e de reducción voluntaria de xornada con contratación de mozo desempregado.

No programa de axudas á contratación indefinida, co obxecto de integra-la política de emprego da Xunta de Galicia coa desenvolvida pola Administración do Estado nesta materia, establécense como colectivos beneficiarios aqueles que non están incluídos na Lei 22/1992, do 30 de xullo, de medidas urxentes sobre

o fomento do emprego e protección por desemprego; tamén se fomenta a conversión de contratos temporais en indefinidos sempre que non se encontren xa bonificados.

O programa de substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria ten por obxecto evita-la amortización de postos de traballo fomentando, pola súa vez, a contratación indefinida de mozos.

O programa de reducción voluntaria de xornada con contratación de mozo desempregado para cubri-lo tempo reducido trata de fomentar, mediante axudas tanto á empresa como ó traballador, o relevo entre traballadores repartíndose a xornada de traballo facilitando a incorporación ó mundo laboral dos mozos menores de 30 anos.

Os programas que se desenvolven na presente orde axustaranse ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, pola Lei de presupostos da Comunidade Autónoma galega para 1997, polo Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola presente orde de convocatoria.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.222S.471, 14.04.222S.472 e 14.04.222S.475, que figuran no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, e aqueloutras que se creen como consecuencia dos créditos correspondentes o cofinanciamento do

Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto o establecemento dos seguintes programas do Plan Galego de Emprego Xuvenil, que desenvolverá a Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o exercicio económico de 1997.

-Axudas á contratación indefinida.

-Substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria.

-Reducción voluntaria de xornada, con contratación de mozo desempregado para cubri-lo tempo reducido.

Capítulo I

Programa de axudas á contratación indefinida

Artigo 2º.-Axudas.

1. O presente programa ten por obxecto fomenta-la contratación indefinida daqueles traballadores desempregados que se encontren excluídos dos colectivos establecidos no artigo 2º da Lei 22/1992, do 30 de xullo, de medidas urxentes sobre o fomento do emprego e protección por desemprego.

2. Poderanse conceder axudas de ata 400.000 pesetas por traballador a aquelas empresas que contraten por tempo indefinido e a xornada completa:

a) A mozos menores de 25 anos, que leven en situación de desemprego menos dun ano.

b) A desempregados maiores de 25 e menores de 30 anos, que traballasen con anterioridade máis de tres meses.

c) A traballadores maiores de 30 anos e menores de 45, calquera que sexa o tempo que leven como desempregados.

d) A maiores de 45 anos que se encontren en situación de desemprego menos dun ano.

e) Á transformación dun contrato temporal en indefinido e a xornada completa, independentemente do momento de formalización do de carácter temporal, exceptuándose a transformación dos contratos en prácticas, aprendizaxe ou calquera outro que se encontre subvencionado ou bonificado.

Artigo 3º.-Importe máximo.

1. Os beneficios previstos na presente orde non poderán dar lugar a un financiamento superior ós gastos pertinentes, polo que se procederá á súa reducción proporcional cando o salario bruto anual que deba percibi-lo traballador, xa sexa este o salario mínimo interprofesional ou o que lle corresponda, en virtude de pacto colectivo ou individual, resulte inferior á axuda en principio determinada.

2. O tope máximo de subvención por empresa no excederá de oito millóns de pesetas.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Só poderán beneficiarse das axudas previstas neste programa as empresas que:

1. Teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma e contraten o traballador para prestar servicios neste ámbito.

2. Estean inscritas na Seguridade Social o día no que se produza a contratación.

3. Estean ó día no pagamento das cotizacións á Seguridade Social, ou teñan concedido o aprazamento no pagamento das cotas.

4. Estean ó día nos pagamentos das obrigas tributarias ou teñan concedido aprazamento no pagamento.

5. Non teñan pendente de pago ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. Incrementen o cadro de persoal fixo da empresa, como consecuencia da contratación e/ou transformación que se fomenta, de xeito que supere a media aritmética daquela no ano 1996.

7. Non estean en situación de suspensión de pagamento ou quebra e que, con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1996, non amortizaran postos de traballo por despedimento declarado improcedente, expediente de regulación de emprego ou pola causa prevista no apartado c) do artigo 52 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Requisitos.

Poderán acollerse ós beneficios recollidos nesta disposición as modalidades de contratación sinaladas no artigo 2º.2 apartados a), b), c) e d) que se leven a cabo desde o comezo do ano 1997, e no seu apartado e), sempre que a transformación se produza no año 1997, que se resolverán segundo o criterio recollido no artigo 22.a).

Artigo 6º.-Solicitude.

1. As empresas que desexen acollerse ás axudas do presente programa, deberán presentar solicitude para o efecto, á que se unirá por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, a seguinte documentación:

a) DNI da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder suficiente para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) Modelos TC1 e TC2 de cotización á Seguridade Social de 1996, así como os dos meses inmediatamente anteriores á solicitude, excepto o do mes inmediatamente anterior.

c) DNI do traballador que se pretende contratar ou transforma-lo seu contrato temporal en indefinido.

d) Compromiso de contratación, ou compromiso da empresa de convertelo en indefinido e a xornada completa no caso de que o contrato inicial estivera suxeito a temporalidade, tendo en conta, neste último caso, o establecido no apartado e) do parágrafo 2 do artigo 2º.

e) Só para os supostos recollidos nos apartados a), b), c) e d) do artigo segundo: tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada, do traballador que se pretende contratar, da súa situación real de desemprego con indicación do tempo que permaneceu nela; a dita situación someterase a comprobación, previa á concesión da subvención, por parte dos servicios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

i) Declaración xurada do cumprimento de tódalas condicións establecidas no artigo 4º.

j) A documentación indicada no artigo 18º.

2. As empresas de nova creación, no momento da presentación da solicitude, deberán presentar ademais, se é o caso, da documentación referida no número anterior, o último recibo do imposto de actividades económicas e modelo A de alta na Seguridade Social.

Artigo 7º.-Pagamento.

A subvención concederase e farase efectiva en forma de pagamento único e unha vez xustificada debidamente mediante a presentación do contrato indefinido rexistrado no INEM e a alta do traballador na Seguridade Social, así como coa documentación sinalada no artigo 24º.

Capítulo II

Programa de substitución voluntaria dun traballador por xubilación ordinaria

Artigo 8º.-Obxecto.

Este programa ten como obxecto establecer axudas para fomenta-la contratación de mozos desempregados menores de 30 anos, para ocuparen un posto de traballo vacante por xubilación ordinaria do seu titular, ou a vacante que se produza na empresa como consecuencia da reordenación do cadro de persoal con motivo da xubilación ordinaria dun traballador, coa finalidade de xerar emprego e evita-la amortización de postos de traballo, así como a acumulación do traballo inherente ó dito posto ó resto de traballadores.

Artigo 9º.-Requisitos.

Poderán acollerse ós beneficios previstos neste programa aquelas empresas que efectúen as citadas contratacións durante o exercicio de 1997 e ata o prazo de finalización de presentación de solicitudes, sempre e cando a contratación se efectúe a xornada completa e por tempo indefinido

Artigo 10º.-Axudas.

1. A axuda a que se refire este programa consiste nunha subvención de 700.000 ptas. ás empresas que substitúan un traballador que cause baixa por xubilación ordinaria, cun mozo parado menor de 30 anos.

2. O tope máximo de subvención por empresa non excederá de cinco millóns de pesetas.

Artigo 11º.-Solicitudes.

As empresas que desexen acollerse ós beneficios do presente programa deberán presentar solicitude para o efecto, á que se lle unirá por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, a seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder suficiente para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) DNI do traballador que se pretende contratar.

c) Documento acreditativo do paso á xubilación ordinaria do traballador substituído.

d) Modelo TC1 E TC2 de cotización á Seguridade Social do último mes no que figure o traballador substituído.

e) Tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada, do traballador que se pretende contratar, da súa situación real de desemprego.

f) A documentación indicada no artigo 18º.

Artigo 12º.-Pagamento.

A subvención concederase e farase efectiva en forma de pagamento único e unha vez xustificada debidamente, de acordo co establecido no artigo 24º da presente orde, así como mediante a presentación do contrato indefinido rexistrado no INEM e documento de alta na Seguridade Social do traballador contratado.

Capítulo III

Programa de reducción voluntaria de xornada con contratación de mozo desempregado para cubri-lo tempo reducido

Artigo 13º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é o de aboar unha axuda como complemento salarial, por unha soa vez, ós traballadores que, con contrato indefinido e a xornada completa, reduzan voluntariamente a súa xornada laboral nun 50%, cando lle falten entre un e tres anos para a xubilación ordinaria, sempre que a empresa o autorice e se comprometa a contratar un mozo parado menor de 30 anos, co obxecto de compensa-la reducción de xornada, percibindo así mesmo a empresa, igualmente por una única vez, unha subvención en concepto de axuda á contratación.

Artigo 14º.-Requisitos.

Poderanse acoller ás axudas previstas neste programa aquelas empresas e os seus traballadores que efectúen simultaneamente a reducción de xornada e a contratación de forma indefinida e a tempo parcial, durante o presente exercicio de 1997 e ata o prazo de finalización de solicitudes.

Artigo 15º.-Axudas.

As axudas a que se refire o presente programa consistirán nunhas subvencións polos importes e nos casos seguintes:

a) 300.000 ptas., ó traballador que acepte a reducción da súa xornada habitual nun 50%, cando lle falten entre un e tres anos para a xubilación ordinaria.

b) 400.000 ptas., á empresa que contrate con carácter indefinido e a tempo parcial (50% da xornada completa) un mozo menor de 30 anos.

O tope máximo de axuda por empresa non poderá exceder de tres millóns de pesetas.

Artigo 16º.-Solicitudes.

A solicitude para acollerse ás axudas previstas neste programa deberá ser presentada pola empresa, xuntándose a ela, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, a documentación seguinte:

a) Documento nacional de identidade da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, poder suficiente para actuar en nome da sociedade, debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

b) DNI do traballador que reduce a súa xornada.

c) DNI do traballador que se pretende contratar para a substitución da reducción de xornada.

d) Tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada, do traballador que se pretende contratar, da súa situación real de desemprego.

e) Aceptación expresa da empresa de reducción de xornada e compromiso de contratación para completala.

f) Aceptación expresa do traballador que reduce a súa xornada.

g) Modelo TC-1 e TC-2 do ano 1996, ata o momento de presentación da solicitude, exceptuándose, se é o caso, o mes inmediatamente anterior á solicitude.

h) A documentación indicada no artigo 18º.

Artigo 16º.-Pagamento.

A subvención concederase e farase efectiva en forma de pagamento único e unha vez xustificado debidamente, de acordo co establecido no artigo 24º da presente orde, así como mediante a presentación de copia ou fotocopia compulsada do contrato indefinido a tempo parcial debidamente rexistrado no INEM e documento de alta na Seguridade Social do traballador contratado.

Capítulo IV

Normas de procedemento comúns

Artigo 17º.-Incompatibilidades.

As subvencións e axudas descritas na presente orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar outras administracións públicas como medida de fomento de emprego.

Artigo 18º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes ós distintos programas recollidos na presente orde presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou en calquera das formas previstas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación esixida en cada caso, así como coa documentación seguinte:

a) Ficha de transferencia bancaria, en modelo oficial, que será facilitada nas respectivas delegacións provinciais.

b) CIF o NIF da empresa.

c) Certificado bancario de existencia de conta.

d) Declaración expresa de que non se percibe ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra Administración pública.

d) Declaración pola que se expresa a aceptación das actuacións de comprobación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude previstas no artigo 14.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Para o programa establecido no capítulo terceiro, deberase aportar igualmente a documentación indi

cada nos apartados a) e c) deste artigo, dos traballadores que reducen a súa xornada.

Artigo 19º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes, rematará o 30 de setembro. Non obstante, e por razóns de eficacia, as solicitudes presentadas ó abeiro do programa establecido no capítulo primeiro da presente orde resolveranse trimestralmente.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados para cada programa na presente orde ou a documentación aportada sexa insuficiente ou contivera erros, procederase da forma prevista no artigo 10.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de formación, promoción do emprego e fomento da economía social.

Artigo 20º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nos programas desta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais.

b) Os contratos celebrados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario individual ou dos que ocupen postos de alta dirección na empresa, cando esta adopte forma de sociedade, así como os celebrados cos socios.

c) As contratacións realizadas cos traballadores que nos vintecatro meses anteriores á data de contratación prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

d) As contratacións que se realicen co obxecto de cubri-las reduccións de xornada efectuadas ó amparo do disposto no artigo 37 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, polo que respecta ó programa regulado no capítulo terceiro.

Artigo 21º.-Valoración.

1. Unha vez completos os expedientes, remitiranse á comisión de valoración, para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá, e serán vocais un funcionario competente en materia de emprego, que actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, designado polo delegado.

Artigo 22º.-Tramitación.

Para a tramitación das axudas terase en conta:

a) Nas contratacións indefinidas que se realicen ó amparo do disposto no capítulo primeiro terán carácter prioritario as que se leven a cabo naqueles sectores con maior incidencia de desemprego, as efectuadas a mulleres, as realizadas por pequenas e medianas empresas e aqueloutras que supoñan a contratación do primeiro traballador.

b) Nas contratacións efectuadas ó amparo do indicado nos programas dos capítulos segundo e terceiro, aquelas que se realicen nos sectores productivos con maior incidencia de desemprego e as pequenas e medianas empresas.

Artigo 23º.-Resolución.

1. A resolución das axudas e subvencións, unha vez recibido o informe da comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións, corresponderalle ós delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. No caso de que o contrato polo que se solicita a subvención fose temporal, as delegacións provinciais comunicarán á empresa solicitante a obriga de presentar, no prazo de 10 días, a conversión do contrato en indefinido.

3. As resolucións poderán modificarse pola alteración das circunstancias determinantes do seu outorgamento.

4. Non obstante o sinalado no parágrafo primeiro, a conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de axudas e subvencións para accións que se desenvolvan no ámbito provincial naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

5. A resolución dos expedientes deberá realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ó de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaera resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 24º.-Requisitos de aboamento.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobro, os beneficiarios das subvencións e axudas recollidas nos diferentes programas da presente orde terán que acreditar que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 25º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios estarán obrigados a mante-lo cadro de fixos durante o prazo que estableza a normativa xeral aplicable. No suposto de cesamento dos traballadores polos que se concedera a subvención, a cobertura das vacantes por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos establecidos en cada un dos programas establecidos nesta orde, terase que realizar dentro dos 15 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado polas empresas á delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude

que concedese a axuda, dentro dos 10 días seguintes á cobertura da vacante.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, ou a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo no Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais; a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co interese de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, para 1997, para o fin que perseguen e os compromisos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes no puidera asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Sexta.-Coa finalidade de dar cumprimento ó establecido no texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, aprobado por acordo do Consello da Xunta na súa sesión do 21 de abril de 1994, poderanse celebrar convenios de colaboración, con entidades públicas ou con entidades privadas, para a creación dos viveiros de empresa e «juniors empresas».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9550