Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 17 de decembro de 1996 pola que se regulan as axudas para a creación de empregos suplementarios e a contratación de servicios públicos con empresas de economía social constituídas por mozos, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Comunidade Autónoma para o exercicio de 1997.

De acordo co establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en coherencia co artigo 149.1.7 da C.E., así como co mandato constitucional de realizar unha política orientada ó pleno emprego, recollido no artigo 41.1º, e tendo en conta a grave situación de desemprego que afecta a nosa Comunidade Autónoma, faise necesario o establecemento de medidas que leven consigo a creación de postos de traballo.

A Unión Europea, coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na Comunidade, a través do Fondo Social Europeo, prevé, entre outras medidas, o cofinanciamento xunto con diversos poderes públicos dos estados membros de programas tendentes á consecución do emprego.

Coa mesma finalidade, o Consello da Xunta aprobou no seu acordo do vinteún de abril de mil novecentos noventa e catro o Plan de Emprego Xuvenil, como medida de choque ó alto índice de desemprego.

O devandito plan establece, entre outras medidas, a posibilidade de celebrar contratos de traballo en empregos non productivos para actuacións de interese social, co obxectivo de crear postos de traballo; así como incentiva-la contratación, por parte das corporacións locais, de servicios públicos de interese social con entidades de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por mozos menores de 30 anos.

Para a posta en marcha dos proxectos presentados ante o citado fondo, e unha vez aprobado o texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, é preciso dicta-las normas que regulen a concesión destas axudas, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galega para 1997 e cos fondos reflectidos no marco comunitario de apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel en que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ó crédito do programa 14.04.222S.460, que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento dos programas de empregos suplementarios e contratación de servicios públicos con empresas de economía social constituídas por mozos, enmarcados dentro do Plan Galego de Emprego Xuvenil, que vai desenvolver durante o presente exercicio económico de 1997 esta Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. As solicitudes, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; pola Lei de presupostos da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola presente orde de convocatoria.

Capítulo I

Programa de creación de empregos suplementarios

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto do presente programa é a promoción directa do emprego, subvencionado o custo salarial de accións que creen postos de traballo en empregos non productivos para actuacións de interese social.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os concellos galegos para a realización de obras ou servicios de interese social.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Os contratos poderán ser realizados con desempregados/as maiores ou menores de 25 anos, debendo ser a xornada completa e cunha duración de, alomenos, seis meses, tendo como tope máximo o do exercicio orzamentario de 1997.

2. As tarefas que se van realizar ó abeiro desta contratación deberán favorece-la inserción ou reinserción profesional dos contratados.

Artigo 5º.-Axudas.

1. A contía da axuda, no exercicio de 1997, poderá alcanzar, por traballador contratado, o 80% do custo salarial bruto, incluída a cota empresarial á Seguridade Social, ata un máximo de 90.000 ptas. mensuais.

2. A subvención máxima que un concello poderá recibir por este programa non excederá de 1.620.000 ptas.

3. No momento de conceder estas axudas, terase en conta o número de habitantes do concello ou provincia e a súa taxa de desemprego.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes dirixiránselle ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia en que radique o centro de traballo para o que se solicita subvención, e presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei

30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas, se é o caso, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) DNI da persoa que asina a solicitude e, se é o caso, acreditación para actuar en nome da entidade.

b) NIF.

c) Ficha de transferencia bancaria, en modelo oficial, que será facilitada nas respectivas delegacións provinciais.

d) Certificado bancario de existencia de conta.

e) DNI do/s traballador/es que se pretende/n contratar.

f) Tarxeta de demanda de emprego e/ou declaración xurada do/s traballador/es da súa situación real de desemprego, que se someterá a comprobación previa á concesión da subvención, por parte dos servicios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

g) Memoria explicativa da actuación de interese social que se pretende efectuar.

Artigo 7º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de marzo.

2. Se a solicitude tivese algún defecto ou non se presentase algún dos documentos preceptivos, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días, emende os defectos ou falta observada, advertíndolle que, no caso contrario, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Capítulo II

Contratación de servicios públicos con empresas de economía social constituídas por mozos

Artículo 8º.-Obxecto.

1. O obxecto deste programa é proporcionar axudas ás entidades públicas galegas de ámbito local, para incentiva-la contratación por parte destas, de servicios públicos de interese social con entidades de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por mozos menores de 30 anos.

2. Para os efectos do disposto no presente artigo, entenderanse por servicios públicos de interese social aqueles que redunden nunha mellora da calidade de vida e atención ó cidadán especialmente no ámbito rural, e por empresas de economía social, as cooperativas de traballo asociado, as sociedades anónimas laborais e os autónomos, sempre e cando estes últimos sexan menores de 30 anos e teñan contratados como traballadores por conta allea, alomenos, dous menores de 30 anos.

Artigo 9º.-Requisitos.

1. Poderán acceder a estas axudas as entidades públicas galegas de ámbito local que contraten a prestación de servicios públicos de interese social con empresas de economía social constituídas, preferentemente, por mozos menores de 30 anos, respectando, en todo caso, a lexislación vixente en materia de contratación de servicios por parte das administracións públicas; sempre e cando o servicio non se estea xa prestando por persoal propio ou contratado por parte

da corporación local ou deputación provincial, e que o tempo mínimo de duración do servicio non sexa inferior a 6 meses.

2. Terán preferencia os servicios que se vaian prestar naquelas corporacións locais situadas en zonas especialmente deprimidas ou cunha taxa elevada de desemprego.

Artigo 10º.-Axudas.

A axuda á que se refire o artigo anterior poderá acadar ata o 80% do custo da contratación do servicio, sen superar en ningún caso a contía de 2.000.000 de ptas., e tendo en conta que non se poderá contratar cunha empresa de economía social que preste o seu servicio a outra entidade pública galega de ámbito local.

Artigo 11º.-Solicitudes.

A solicitude deberá ser presentada ante a delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude pola entidade pública de ámbito local, e irá acompañada, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local solicitante no que se manifeste o outorgamento provisional da contratación, a súa duración e custo.

b) Memoria explicativa dos servicios que se van realizar, así como xustificante de que ese servicio non se está xa prestando por persoal propio ou contratado.

c) Datos identificativos da empresa concesionaria.

d) DNI e certificado de empadroamento dos membros da empresa de economía social.

Artigo 12º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de marzo.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados na presente orde ou a documentación achegada sexa insuficiente ou contivese erros, procederase da forma prevista no artigo 10.2º do Decreto 52/1994 citado anteriormente.

Capítulo III

Normas de procedemento comúns

Artigo 13º.-Incompatibilidades.

As subvencións establecidas nesta orde serán incompatibles con calquera outra que se poida percibir polo mesmo concepto proveniente de organismos ou institucións de carácter público ou privado.

Artigo 14º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios destes programas os contratos celebrados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, das persoas que desempeñen cargos representativos na entidade.

Artigo 15º.-Valoración.

1. Unha vez completados os expedientes remitiranse, para o seu informe preceptivo, á comisión de valoración, que efectuará proposta de resolución, que se elevará ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración estará composta polo xefe do Servicio de Formación e Emprego, que actuará como presidente, e serán vocais o funcionario competente en materia de emprego, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nomeado polo delegado.

Artigo 16º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, unha vez informadas pola comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e deberán serlles notificadas ós interesados, podéndose modificar estas pola alteración das circunstancias determinantes do seu outorgamento.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de axudas e subvencións que polas súas características así o aconsellen.

3. A resolución dos expedientes deberá realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ó de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 17º.-Aboamento e xustificación.

1. As subvencións faranse efectivas da seguinte forma:

A) Para os empregos suplementarios:

-O 50% ó inicio da contratación, logo de presentación do contrato e alta do traballador na Seguridade Social.

-O restante 50% unha vez finalizada a contratación e contra a remisión da certificación acreditativa da totalidade do gasto efectuado expedida pola correspondente entidade pública, así como unha memoria final da actuación realizada.

B) Para a contratación de servicios públicos con empresas de economía social constituídas por mozos:

-O 50% ó inicio da acción, logo da presentación da copia da contratación efectuada.

-O 50% restante, unha vez realizado o servicio previsto durante o período de tempo para o que foi solicitada a axuda, e acreditando o dito extremo coa presentación dun certificado expedido pola entidade pública correspondente.

2. A xustificación dos gastos deberá realizarse, en todo caso, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó remate da contratación.

Artigo 18º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo ó abeiro desta orde, deberá figurar no lugar onde se realicen, de forma visible, cartel publicitario, de acordo co modelo proporcionado pola Dirección Xeral de Formación e Emprego, no que se indique que esa acción se encontra cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Muller e Xuventude e o Fondo Social Europeo, ámbalas dúas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo ou a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo no Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais; a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos para 1997, e os compromisos que se reflicten no Marco Comunitario de Apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, e sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Sexta.-Aqueles concellos ós que no pasado exercicio de 1996 se lles concedese a subvención prevista no capítulo segundo da presente orde, poderán solicitar con cáracter excepcional, a prórroga durante 6 meses máis do mesmo servicio contratado, sempre e cando se acredite a necesidade de continuación deste.

Para os efectos do disposto nesta disposición adicional deberán presentar, en todo caso, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, acompañando á solicitude, unicamente documento acreditativo da necesidade de continuar co servicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9549