Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 108

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de decembro de 1996 pola que se regulan as subvencións para a creación de iniciativas locais de emprego e proxectos piloto de acción rural para 1997 e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma, en coherencia co artigo 149.1.7 da C.E., competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e a nivel de execución desempeña actualmente o Estado (Art. 29º.1).

Á alta taxa de desemprego xuvenil debe engadírselle o feito de que a inmensa maioría dos mozos que obteñen un emprego, o fan de xeito temporal, amparados por vantaxes derivadas de determinados tipos de contratación, e con poucas posibilidades de consolidarse como ocupados estables.

Así mesmo, debe mencionarse tamén o caso dos mozos traballadores baixo o chamado emprego familiar, que en Galicia é particularmente elevado, e a aparición acentuada nos tempos de crise, de distintas formas da chamada economía somerxida.

Ante o exposto anteriormente, e coa finalidade de tentar poñer freo ó alto índice de desemprego na nosa Comunidade, estableceuse o Plan Galego de Emprego Xuvenil.

Unido ós datos anteriormente citados, atopámonos con que neste intre, a taxa de emprego en Europa é a máis baixa dos países industrializados do mundo. O desemprego de longa duración converteuse nun mal endémico da Comunidade. Máis da metade dos desempregados levan sen traballo máis dun ano, sendo un problema que afecta especialmente ós mozos.

Por todo isto, a política de emprego da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, prevé, entre outras medidas o cofinanciamento, xunto con diversos poderes públicos, dos estados membros de programas tendentes á consecución do emprego coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na Comunidade.

Para a posta en marcha dos proxectos presentados ante o precitado fondo, e unha vez aprobado o texto definitivo do Plan de Emprego Xuvenil, por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de abril de mil novecentos noventa e catro, é preciso dicta-las normas que regulen a concesión de axudas do citado plan, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997 e cos fondos que se reflicten no marco comunitario de apoio da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Os programas que se desenvolven na presente orde axustaranse así mesmo ó disposto nos artigos 78 e

79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, pola Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola presente orde de convocatoria.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV, poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ó crédito orzamentario 14.04.222S.477 que figura no proxecto de Lei de presupostos xerais desta Comunidade Autónoma para 1997, e aqueloutros que se creen como consecuencia dos créditos correspondentes á cofinanciación do Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto o establecemento dos programas Iniciativas locais de emprego e Proxectos piloto de acción rural, previstos no Plan Galego de Emprego Xuvenil, que desenvolverá esta Consellería de Familia, Muller e Xuventude, durante o exercicio económico de 1997.

Capítulo I

Programa de iniciativas locais de emprego

Artigo 2º.-Obxecto.

1. O obxecto deste programa é proporcionar axudas á creación de novas iniciativas locais de emprego presentadas a través das corporacións locais, no exercicio de 1997, e que leven consigo a creación dunha actividade económica baixo a forma de sociedade mercantil ou cooperativa, con domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, de interese socioeconómico para o seu contorno e que resulte viable económica e financeiramente, e que supoña xeración de emprego.

2. Os ditos proxectos empresariais deberán ser promovidos, cofinanciados ou participados polas corporación locais, tendo en conta a súa capacidade e a incidencia da iniciativa no seu ámbito territorial, manifestando o seu apoio expreso a esta.

Artigo 3º.-Requisitos.

Os proxectos empresariais mencionados deberán estar promovidos alomenos por tres traballadores/as

desempregados, con empadroamento nalgún municipio desta Comunidade Autónoma e tendo en conta que, como mínimo, a metade dos promotores serán mozos desempregados menores de 30 anos.

Artigo 4º.-Axudas.

1. Estas axudas consistirán nunha subvención de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, sen que en ningún caso o importe total da subvención poida exceder de cinco millóns de pesetas ( 5.000.000 de ptas.).

2. A contía destas axudas determinarase en función dos postos de traballo xerados, volume de investimento do proxecto e do beneficio económico e social no seu ámbito de influencia.

3. Naqueles proxectos que leven consigo gastos totais de pouca contía, as axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido, destinada a financia-los gastos da posta en marcha e funcionamento dos seis primeiros meses.

4. Excluiranse dos gastos subvencionables para o inicio e posta en marcha da actividade citados no punto primeiro do presente artigo, os derivados de obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, stocks, construcción de edificios, leasing e todos aqueles que poidan ser considerados como investimento de capital en fixo. Non obstante, algún destes gastos ou outros, poderán acollerse ás medidas do Instituto Galego de Promoción Económica ou outros organismos públicos de acordo coa súa normativa específica.

Artigo 5º.-Devolución de axudas.

Se no prazo inferior a dous anos, contados a partir da data da concesión da subvención, se producise a liquidación da empresa, os socios deberán devolve-lo importe da subvención concedida.

Artigo 6º.-Incompatibilidade.

Esta subvención será incompatible con calquera outra que polos mesmos conceptos poida outorgar calquera outra administración pública.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. A solicitude acompañada de toda a documentación citada no punto 3 do presente artigo, deberá presentarse ante a corporación local que promova o proxecto, a cal a remitirá dentro do prazo establecido no artigo 14º desta orde, conxuntamente co documento acreditativo do acordo adoptado polo órgano competente desta, no que se manifeste a súa participación no proxecto, na forma e prazo previstos no artigo 13º.

2. Así mesmo, os promotores presentarán na delegación provincial da consellería documento acreditativo da presentación da solicitude na corporación local.

3. Á solicitude deberá acompañarse por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, a documentación seguinte:

a) Memoria explicativa do proxecto, que incluirá obrigatoriamente un estudio da súa viabilidade.

b) Orzamento detallado dos gastos que se van realizar, indicando as fontes de financiamento e especificando a que gastos vai ser destinada a presente subvención, tendo en conta o indicado no artigo 4º.4.

c) Documento que acredite a constitución da empresa ou o compromiso de constitución, no exercicio de 1997.

d) Tarxeta de demandante de emprego de cada un dos membros da sociedade ou declaración xurada destes, da súa situación real de desemprego.

e) Documento nacional de identidade e certificado de empadroamento de tódolos membros da sociedade.

f) A documentación indicada no artigo 13º.

Capítulo II

Programa de proxectos piloto de acción rural

Artigo 8º.-Obxecto.

1. A finalidade deste programa é a concesión de axudas para apoiar e promove-los proxectos piloto de acción rural, entendéndose como tales aquelas actividades que, xerando emprego para mozos desempregados menores de 30 anos, promovan o maior aproveitamento dos recursos endóxenos da zona, ou a mellora das estructuras productivas xa existentes, perseguindo con iso o seu desenvolvemento económico e social.

2. As accións e medidas incluídas nos proxectos piloto deberán ter carácter innovador na zona na que se implanten e consideraranse de especial interese aqueles que formulen obxectivos tales como a mellora das estructuras productivas e as rendas agrarias, a conservación e desenvolvemento do medio rural, así como a elevación do benestar social.

Artigo 9º.-Requisitos.

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, asociacións ou comunidades legalmente constituidas con veciñana administrativa e domicilio social en Galicia, e das cales as actividades ou fins estatutariamente establecidos estean relacionados co mundo rural e o seu desenvolvemento económico e social.

2. Os proxectos poderanse levar a cabo en tres fases diferentes, tendo en conta que cada unha delas non poderá superar un exercicio orzamentario e que será requisito imprescindible para solicita-la fase seguinte ter rematado na súa totalidade a anterior. Ademais, a segunda ou sucesivas fases do proxecto estará suxeita tanto ós resultados obtidos e a necesidade de continualos, como á continuidade deste programa nos próximos exercicios orzamentarios.

Artigo 10º.-Axudas.

1. Estas axudas alcanzarán un máximo equivalente ó 50% do custo da medida que se vaia implantar, e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados por outras consellerías, institucións e organismos, sen que a suma total das axudas percibidas para o desenvolvemento do presente programa poidan

supera-lo 100% do custo total do proxecto, unha vez computadas o resto das axudas obtidas.

2. As axudas previstas neste programa terán a natureza de subvencións non reintegrables en tódolos casos, e a súa contía fixarase segundo os seguintes criterios:

a) O interese da acción que se vaia executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada.

b) O carácter innovador e demostrativo do proxecto piloto, a súa coherencia, viabilidade e calidade técnica.

c) Os límites establecidos pola normativa da CEE que fose de aplicación en cada caso.

d) Os postos de traballo xerados.

3. Excluiranse do custo das medidas, para efectos da presente axuda, aqueles que se deriven de obrigas tributarias, taxas por autorizacións administrativas, o custo dos proxectos, estudios e informes, leasing e todos aqueles que poidan ser considerados como investimento de capital en fixo.

Artigo 11º.-Solicitudes.

A solicitude deberá ser presentada antes do inicio do gasto e irá acompañada, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación, se é o caso, do solicitante.

b) Memoria descritiva do proxecto da actividade, na que se farán constar: localización, relación e contía dos gastos, características técnicas e económicas, número de postos de traballo que se crean inicialmente, así como os previstos á súa finalización, programa de financiamento previsto, orzamentos xerais do proxecto e previsión de prazos para a execución do proxecto; débese especificar a que gasto vai ser destinada a presente subvención, tendo en conta o establecido no artigo 10º.3.

c) Relación de subvencións que se soliciten ou se obtivesen da Administración da CEE, central, local ou outras consellerías desta Comunidade Autónoma, tanto para o proxecto que se vai realizar neste exercicio, ou se é o caso, o xa realizado no exercicio anterior, de tratarse dunha segunda fase.

d) A documentación indicada no artigo 13º.

Artigo 12º.-Obrigas.

A entidade solicitante, no caso de ter obtida a subvención prevista neste programa, quedará obrigada a comunicar calquera variación orzamentaria que se produza na execución do proxecto.

Capítulo III

Normas de procedemento comúns

Artigo 13º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes a ámbolos dous programas incluídos na presente orde presentaranse no rexistro xeral das

respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ou en calquera das formas previstas no Art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación esixida en cada caso, así como coa documentación seguinte:

a) Ficha de transferencia bancaria, en modelo oficial, que será facilitada nas respectivas delegacións provinciais.

b) Certificado bancario de existencia de conta.

c) Declaración pola que se expresa a aceptación ás actuacións de comprobación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude previstas no artigo 14.2º do Decreto 52/1994, do 4 de marzo.

Artigo 14º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes, rematará o 30 de xullo. Este prazo poderá reabrirse en caso de existir remanente orzamentario.

2. No suposto de que as solicitudes non cumpran os requisitos sinalados para cada programa na presente orde ou a documentación achegada sexa insuficiente ou contivese erros, procederase da forma prevista no artigo 10.2º do decreto citado anteriormente.

3. Unha vez completos os expedientes, a delegación provincial emitirá un informe preceptivo que remitirá, xunto coa solicitude e a documentación, á Dirección Xeral de Formación e Emprego.

Artigo 15º.-Valoración.

1. Unha vez recibidos os expedientes na Dirección Xeral de Formación e Emprego remitiranse á comisión de valoración, para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación perante o órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polo subdirector xeral de Emprego que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Promoción de Emprego que actuará como secretario, e o xefe da Sección Técnica do F.S.E.

Artigo 16º.-Tramitación.

Para a concesión das axudas teranse en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego na actividade que se pretenda desenvolver, así como as promovidas por mulleres desempregadas, tendo en conta o indicado nesta orde nos artigos 2 e 8, respectivamente.

Artigo 17º.-Resolución.

1. A resolución das subvencións, unha vez informadas pola comisión de valoración e fiscalizadas as propostas polas respectivas intervencións, corresponderalle ó director xeral de Formación e Emprego, e deberán serlles notificadas ós interesados.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá

resolver sobre a concesión de subvencións para accións que se desenvolvan naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

3. A resolución dos expedientes deberá realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 18º.-Requisitos de aboamento.

Con independencia da súa contía e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das subvencións previstas nos programas da presente orde, terán que acreditar:

a) No programa de iniciativas locais de emprego, certificación expedida polo concello correspondente, de que os gastos para os que se concedeu a subvención foron efectuados.

b) Para as subvencións do programa de proxectos piloto de acción rural, certificacións de que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como documentación xustificativa de que os gastos para os que se concedeu a subvención foron efectuados.

Artigo 19º.-Aboamento.

O aboamento das subvencións farase efectivo da forma seguinte:

A) Iniciativas locais de emprego:

-Ata un 50% do total do orzamento de gastos subvencionado, en concepto de anticipo, no momento no que a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba certificación do concello correspondente, na que se notifique o inicio da actividade.

-O resto, unha vez recibida a documentación indicada no artigo anterior, tendo en conta que a xustificación deberá realizarse, en todo caso, antes do día 27 de decembro de 1997.

B) Proxectos piloto de acción rural:

-Ata un 50% do total da subvención aprobada, en concepto de anticipo, no momento en que a Dirección Xeral de Formación e Emprego reciba certificación da entidade promotora na que notifique o inicio da actividade, así como as certificacións de atoparse ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendiente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma e a documentación xustificativa dos gastos que se efectuaran.

-O resto, unha vez recibida a documentación indicada no apartado b) do artigo 18º, tendo en conta que a xustificación deberá realizarse, en todo caso, antes do día 27 de decembro de 1997.

Artigo 20º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo nos devanditos programas, deberá figurar no lugar onde se realicen estas, de forma visible, cartel publicitario, de acordo co modelo proporcionado pola Dirección Xeral de Formación e Emprego, no que se indique que esa acción se atopa cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia, Muller e Xuventude e o Fondo Social Europeo, ámbalas dúas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo no Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos presupostos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co interese de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das subvencións reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para 1997, da Comunidade Autónoma para o fin que perseguen e os compromisos que se reflicten no marco comunitario de apoio provenientes do Fondo Social Europeo.

Quinta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Formación e Emprego, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9551