Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 92

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Pescanova, S.A. (Mariña Mercante).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Pescanova, S.A. (Mariña Mercante), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 25-10-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 11-10-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995 de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de novembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio será de aplicación á empresa Pescanova, S.A. e ó persoal de flota dos seus buques en tráfico mercantes.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996 con independencia da data de publicación no BOP.

A súa vixencia será de un ano con efectos ata o 31 de decembro de 1996 e será denunciado por escrito polo menos cun mes de antelación á data do seu vencemento; en caso contrario, prorrogaráse por períodos anuais sucesivos.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos, o presente convenio constitúe unha unidade indivisible, polo que non poderá pre

tenderse a aplicación de unha ou varias das súas cláusulas desbotando o resto, senón que terá que ser aplicado e observado na súa integridade e considerado globalmente.

Se a autoridade laboral competente non aprobase algunha das normas deste convenio e este feito desvirtuase o seu sentido, a xuízo das partes, quedará sen eficacia a totalidade do convenio, que deberá ser considerado de novo pola comisión negociadora.

Artigo 4º.-Compensación e absorcións futuras.

O conxunto das condicións salariais pactadas neste convenio absorberá e compensará no seu conxunto en cómputo anual, calquera outra mellora parcial que, por disposición legal de carácter xeral ou específica para o sector, pactada por calquera orixe que fose, no futuro puidesen establecerse.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

En todo o establecido neste convenio respectaranse as condicións máis beneficiosas colectivas e ad personam existentes, sempre que no seu conxunto e en cómputo anual sexan superiores ás establecidas no presente convenio.

Artigo 6º.-Período de proba.

1. Toda admisión de persoal fixo para as actividades abranguidas neste convenio considerarase provisional durante un período de proba variable, de acordo co labor ó que o tripulante se dedique, que non poderá ser superior á establecida na seguinte escala:

a) Titulados: 2 meses.

b) Mestranza e subalternos: 35 días.

2. No caso de que o período de proba remate no transcurso dunha travesía, este considerarase prorrogado ata que o buque toque porto, pero a vontade por parte do armador de rescindi-lo contrato de traballo por non supera-lo período de proba deberá ser comunicada por escrito ó tripulante nos prazos recollidos no número anterior.

No caso de non se cumprir co recollido no parágrafo anterior, considerarase o tripulante como fixo no cadro de persoal.

3. Nos casos en que a rescisión de contrato por fin de período de proba sexa vontade do traballador, os gastos da viaxe serán ó seu cargo. No caso de que a rescisión sexa por vontade da empresa, os gastos de viaxe ata o domicilio habitual do traballador, serán por conta da empresa.

4. Concluído a satisfacción de ámbalas partes o período de proba, o tripulante pasará a figurar no cadro de persoal fixo da empresa e o tempo do período de proba seralle computado para efectos de antigüidade.

5. A empresa, no suposto de rescisión durante o período de proba, entregará a documentación relativa ó tempo efectivamente traballado e o certificado de empresa das cotizacións efectuadas á Seguridade Social.

6. Unha vez rematado o período de proba por vontade da empresa e coa chegada a porto, o traballador percibirá as axudas de custo recollidas neste convenio para trasladarse ata o seu domicilio. Así mesmo, percibirá unha gratificación de viaxe consistente en dous días de salario.

7. A situación de incapacidade temporal durante o período de proba interrompe o seu cómputo.

Artigo 7º.-Comisión de servicio.

Entenderase por comisión de servicio a misión profesional ou cometidos especiais que circunstancialmente ordene a empresa realizar ós tripulantes en calquera lugar, así como a expectativa de embarque cando o tripulante se encontre fóra do seu domicilio por orde da empresa.

En comisión de servicio, os tripulantes devengarán o salario real que viñan desfrutando no seu posto normal de traballo, así como vacacións de convenio.

Se a comisión de servicio se realiza fóra do domicilio do tripulante, este percibirá as axudas de custo estipuladas neste convenio.

Cando a comisión de servicio teña unha duración superior a 15 días e se realice no domicilio do tripulante, devengaranse vacacións segundo o establecido na O.T.M.M. En calquera caso, os gastos que poidan realizarse, aboaranse logo de xustificación; a empresa deberá adiantar unha cantidade estimada polo importe dos ditos gastos.

Artigo 8º.-Transbordo.

Enténdese como tal o traslado do tripulante dun buque a outro da mesma empresa en tráfico mercante dentro do transcurso do período de embarque. Existen dúas clases de transbordo.

a) Por iniciativa da empresa. Por necesidades de organización ou de servicio, o transbordo será disposto pola empresa e para este efecto seguiranse os seguintes criterios:

a.1. Criterio de excepción para os delegados membros do comité de empresa.

a.2. Orde inversa á de antigüidade na empresa.

a.3. Non ter sido transbordado máis dunha vez durante o período de embarque.

a.4. Se o tripulante fose transbordado a un buque onde a percepción salarial fose menor á que tiña en condicións homoxéneas de traballo, percibirá por unha soa vez por campaña e en concepto de indemnización, unha cantidade equivalente á diferencia que resulte entre o percibido no seu último destino e no novo.

b) Por iniciativa do tripulante. Cando por razóns de situación do seu domicilio ou outras causas xustificadas, o tripulante así o solicite e a empresa poida proporcionarllo. En ámbolos casos, ata que o traballador non estea enrolado no novo buque, permanecerá nas condicións que viña desfrutando no buque anterior do cal desembarcou, sendo por conta da empresa os gastos de transporte que ocasione o tripulante.

Artigo 9º.-Expectativa de embarque.

Considerarase expectativa de embarque a situación do tripulante que está no seu domicilio, procedente dunha situación diferente á de embarque ou comisión de servicio dispoñible e a ordes da empresa. A expectativa de embarque durará ata o día anterior en que o tripulante saia do seu domicilio para entrar en situación de servicio á empresa.

En ningún caso se poderá manter ó tripulante por un tempo superior a 15 días, pasando a partir deste momento a situación de comisión de servicio.

Durante a expectativa de embarque, o tripulante percibirá o salario profesional e desfrutará das vacacións de ordenanza.

Artigo 10.-Licencias.

1. Con independencia do período convido de vacacións, recoñécese o dereito a desfrutar de licencias polos motivos que a seguir se enumeran:

De índole familiar, para asistir a cursos ou exames para a obtención de títulos ou nomeamentos superiores ou cursos de carácter obrigatorio, complementarios ou de perfeccionamento e capacitación na mariña mercante e para asuntos propios.

2. A concesión de toda clase de licencias corresponde ó armador. O peticionario deberá presenta-la oportuna instancia e o armador adoptará a resolución sobre ela dentro dos 30 días seguintes á súa solicitude.

Nos supostos de licencias por motivos de índole familiar, os permisos que se soliciten deberán ser concedidos polo capitán no momento de seren solicitados, desembarcando o tripulante no primeiro porto cos medios máis directos de desprazamento e dentro dos límites xeográficos recollidos no apartado 3.

Todo isto sen prexuízo das sancións que poidan impoñerse posteriormente a quen non xustifique en forma debida a causa alegada ó formula-la petición.

3. Os gastos de desprazamento para o desfrute de licencias serán por conta do peticionario a excepción dos ocasionados por morte do cónxuxe ou fillos e as do apartado 5.4 e 5.2, que serán por conta do armador; quedará restrinxido o dereito a desembarque e reembarque a tódolos portos de Europa, mar Mediterráneo, mar Negro e os portos de África ata o paralelo de Noadibou. Non obstante, quedan exluídas destas limitacións xeográficas as causas de enfermidade grave e morte do cónxuxe ou fillos.

4. Licencias por motivo de índole familiar.

Estas licencias serán retribuídas nos seguintes casos:

-Matrimonio: 20 días.

-Nacemento de fillos: 15 días.

-Enfermidade grave do cónxuxe, fillos, pais e irmáns, incluso políticos, ata: 10 días.

-Morte do cónxuxe ou fillos, mesmo políticos: 15 días.

-Morte de pais ou irmáns, mesmo políticos: 12 días.

-Traslado de domicilio: 2 días.

Non obstante estes prazos e atendendo ás excepcionais circunstancias que poidan concorrer nalgunhas situacións xustificadas, a empresa concederá os días necesarios.

Tódalas licencias poderán acumularse a vacacións.

Os tripulantes que desfruten das licencias previstas neste apartado percibirán o seu salario profesional.

As licencias empezarán a contar desde o día seguinte ó desembarco.

5. Licencias para asistir a cursos, cursiños e exames.

5.1. Cursos oficiais para a obtención de títulos ou nomeamentos superiores na mariña mercante.

-Antigüidade mínima: 2 anos.

-Duración: a do curso.

-Salario: profesional.

-Número de veces: retribuída unha soa vez.

-Vinculación á compañía: 2 anos desde o remate do curso.

-Peticións máximas: 6% dos postos de traballo considerando as fraccións superiores ó 0,5% como unidade.

Mensualmente enviaralle á compañía xustificación de asistencia expedida pola escola para ter dereito á retribución. Se se suprimisen os cursiños oficiais, abondará coa presentación do certificado de exame.

5.2. Cursiños de carácter obrigatorio complementarios ós títulos profesionais.

-Antigüidade mínima: sen limitación.

-Duración: a do cursiño.

-Salario: profesional.

-Número de veces: retribuída unha soa.

5.3. Cursiños de perfeccionamento e capacitación profesional dos tripulantes e adecuados ós tráficos específicos de cada empresa.

-Antigüidade mínima: 2 anos.

-Duración: a do curso.

-Salario: profesional.

-Número de veces: unha soa vez.

-Vinculación á compañía: 1 ano.

-Peticións máximas: 3% dos seus postos de traballo, considerando fraccións superiores ó 0,5% como unidade.

En todas estas licencias seguirase a orde de recepción das peticións ata completa-los topes establecidos. As empresas atenderán as peticións formuladas ata os ditos topes, podendo concederllos durante o período de vacacións.

Se os tripulantes se integrasen a calquera dos cursos durante as vacacións, estas quedarán interrompidas. Unha vez rematado o curso, seguirá o desfrute delas.

5.3.1. Cursos e cursiños organizados pola Administración

Tódolos tripulantes con antigüidade mínima de dous anos, poderán acceder a cursos e cursiños organizados pola Administración de carácter profesional, relacionados coa mariña mercante. O tempo do curso enténdese para tódolos efectos como tempo de traballo, cunha limitación de tres meses como máximo e o 6% dos postos de traballo en cada categoría.

En todas estas licencias seguirase a orde de recepción das peticións ata completa-los topes establecidos. As empresas entenderán as peticións formuladas ata os ditos topes e poderán concedelos durante o período de vacacións.

Se os tripulantes se integrasen a calquera dos cursos nas vacacións, estas quedarán interrompidas. Unha vez rematado o curso seguirá o seu desfrute.

5.4. Cursiños por necesidade da empresa.

Cando algún dos cursos dos apartados anteriores se realice por necesidade da empresa, o tripulante estará en situación de comisión de servicio todo o tempo que duren os cursiños.

5.5. Licencias para asuntos propios.

Os tripulantes poderán solicitar licencias por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora por un período de ata seis meses que poderán concederse polo armador en atención ós fundamentos que expoña o solicitante e as necesidades de servicio.

Estas licencias non terán dereito a retribución de ningunha clase.

Artigo 11º.-Excedencias.

1. Excedencia voluntaria.

Poderá solicitala todo tripulante que conte polo menos cun ano de antigüidade na empresa. As peticións resolveranse no prazo dos 30 días seguintes á data de presentación.

O prazo mínimo para as excedencias será de seis meses e o máximo de 5 anos. Se o excedente, un mes antes de remata-lo prazo para o que se lle concedeu a excedencia, non solicitase o seu reingreso na empresa, causará baixa definitivamente nela.

Se solicitase o reingreso, este efectuarase tan pronto como exista vacante na súa categoría.

No suposto de que non existise vacante da súa categoría e o excedente optase voluntariamente por algunha categoría inferior, dentro da súa especialidade, percibirá o salario correspondente a esta ata que se produza a súa reincorporación á categoría que lle corresponde.

O excedente, unha vez reincorporado á empresa, non poderá optar á solicitude dunha nova excedencia ata que non transcorresen, polo menos, 4 anos de servicio activo na compañía desde o remate daquela.

O tempo transcorrido nesta situación non se computará para ningún efecto.

2. Excedencia forzosa.

Dará lugar á situación de excedencia forzosa calquera situación orixinada polas seguintes causas: nomeamento para cargo político ou sindical de ámbito provincial ou superior, electivo ou por designación.

Nos casos de cargo político ou sindical, a excedencia abranguerá todo o tempo que dure o cargo que o determine e outorgará dereito a ocupa-la mesma praza que desempeñaba anteriormente, computándose o tempo de excedencia como en activo para tódolos efectos.

O excedente deberá solicita-lo seu reingreso dentro dos 30 días seguintes ó cesamento no seu cargo político ou sindical. No caso de non exerce-la dita petición dentro deste prazo perderá o seu dereito ó reingreso na empresa.

Artigo 12º.-Escalafóns.

A empresa levará obrigatoriamente un escalafón público onde figure todo o seu persoal, co seu cargo e antigüidade.

O dito escalafón deberá atoparse actualizada semestralmente e a disposición directa dos tripulantes de cada buque, entregándolle unha copia ó comité de empresa.

Artigo 13º.-Premios, faltas e sancións.

En aplicación e desenvolvemento dos artigos 173 e seguintes da O.T.M.M. na apertura de expediente, estará presente en todo caso o delegado do buque ou membro do comité de empresa, que será para tódolos efectos testemuña cualificada.

Artigo 14º.-Axudas de custo e viaxes.

Axuda de custos é a cantidade que se devenga diariamente para satisface-los gastos de manutención e estadías que se orixinen no desprazamento fóra do domicilio ou do buque de enrolamento.

Percibiranse axudas de custo nos seguintes casos:

1. Comisión de servicio fóra do domicilio.

2. Durante o tempo de viaxe necesario para o embarque ou desembarque ata a chegada ó seu domicilio.

3. En expectativa de embarque fóra do seu domicilio.

As axudas de custo en territorio nacional estarán integradas polo conxunto dos seguintes conceptos e valores:

-Xantar: 2.372 ptas. día.

-Cea: 2.174 ptas. día.

-Aloxamento: 6.587 ptas. día.

Durante a estadía en estaleiro ou estando en situación de embarque a empresa, de non poder subministrar servicios de comidas, aboarálle-las cantidades recollidas no presente convenio baixo o concepto de axudas de custo.

No caso de que por motivos xustificados teñan que realizarse gastos superiores, entregaránselle á empresa os recibos oportunos para a súa consideración para efectos de reembolso.

No estranxeiro, a empresa estará obrigada a facilita-los medios de transporte e aloxamento máis idóneo e adecuado ó tripulante.

A empresa aboará os gastos de viaxe elixindo o tripulante o medio de transporte máis idóneo, adecuado e directo, quedando excluídos os taxis de alugueiro e as clases de luxo. Para os taxis de longo percorrido considerarase como tal as distancias superiores a 25 quilómetros.

En caso de uso destes medios, a súa utilización deberá estar axustada por falta de billetes doutro tipo para o seu urxente embarque ou porque da súa utilización se deriven maiores economías que os propios gastos. O tripulante presentará os comprobantes.

En todo caso o tripulante percibirá por adiantado da compañía ou armador ou do seu representante o importe aproximado dos gastos de locomoción e axudas de custo, no caso de que non se lle entreguen os correspondentes billetes de pasaxe.

No caso de que os gastos de desembarco por accidente ou enfermidade sexan aboados pola empresa ós tripulantes, estes estarán obrigados a enviarlle a aquela os correspondentes xustificantes.

Artigo 15º.-Manutención.

A empresa achegará a cantidade necesaria para a alimentación a bordo para que esta sempre sexa sa e abundante, a base de productos de calidade e en perfecto estado de conservación.

Formarase unha comisión composta polo delegado ou membro do comité de empresa, o mordomo ou cociñeiro, un titulado e un non titulado, supervisada polo capitán. A elección dos membros será realizada pola tripulación do buque mediante votación da que se levantará acta e entregaráselle ó capitán.

A comisión será a encargada do exacto cumprimento das normas sobre manutención e as súas funcións serán as de:

-Controla-las propostas de pedidos, as facturas e realizar inventario de pesos e calidades.

-Realiza-lo inventario de despensa ó rematar cada mes para coñece-lo gasto por tripulante día.

-Vixiar que os frigoríficos e oficios a disposición dos tripulantes conteñan un surtido de alimentos básicos, así como durante a noite os frigoríficos terán que ter artigos de primeira necesidade, tales como leite, queixo, embutidos, galletas, etc. A comida será adaptada ás necesidades do clima.

-Elaboración de minutas.

A todo o persoal que acredite encontrarse a réxime, elaboraráselle a comida adecuda ó seu tratamento, con cargo á empresa. A comisión vixiará diariamente a relación entre comidas preparadas e tripulantes que efectúen a comida, de maneira que a cociña coñeza

coa debida antelación o número de tripulantes que as van realizar.

Artigo 16º.-Entrepot.

O entrepot normal será adquirido pola empresa e descontado na columna correspondente da nómina ou pagado directamente polo tripulante.

O reparto do entrepot será efectuado pola comisión sobre cantidade e calidade da comida a bordo de acordo co establecido segundo o artigo 15, baixo a supervisión directa do capitán.

Incluiranse dentro do entrepot: licores, cervexas, viños de marca, tabacos e outros artigos que poden supoñer unha vantaxe económica.

Artigo 17º.-Xornada laboral.

A xornada laboral, en aplicación da Lei 4/1983, do 29 de xuño e do Real decreto 2001/1983, do 28 de xuño, será de 40 horas semanais. A diferencia entre esta xornada e a que se realice na mañá do sábado compensarase en descansos anuais para os tripulantes na forma en que se detalla no artigo 19 do presente convenio. Os sábados tarde, domingos e festivos soamente se empregarán para gardas de mar, gardas de fonda, emerxencia do buque á carga, así como para as manobras de porto e fondeo sempre e cando se realicen dentro da xornada laboral que ten asignada a tripulación nun día ordinario, suplementándose mediante un plus de gardas e traballos, que se establece en 500 ptas. hora.

No caso de que estes traballos se realizasen fóra do horario establecido para os tripulantes nun día ordinario, pagarase o valor establecido para a hora extraordinaria de acordo coa respectiva categoría.

O persoal non poderá realizar unha xornada total diaria superior a doce horas, entre ordinarias e extraordinarias, tanto se o buque está no porto como no mar, agás nos casos de forza maior en que perigue a seguridade do buque ou da carga ou se trate de prove-lo buque de víveres, combustible ou material lubricante en casos de premente necesidade, ou de descarga urxente por deterioración da mercadoría transportada.

Entre o remate dunha xornada e o comezo da seguinte, o traballador terá dereito a un descanso mínimo de oito horas na mariña mercante, calculándose como tempo de descanso no mar aquel no que o persoal estea libre de todo servicio.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán de libre ofrecemento por parte do armador ou dos seus representantes e a prestación destas será sempre voluntaria por parte dos tripulantes, agás nos seguintes supostos:

1. Os traballos de fondeo, atraque e desatraque, emendadas previstas, aperturas e peches de zapóns e arranches.

2. No mar, sempre que as necesidades da navegación así o esixan para levar a boa fin a viaxe iniciada polo buque e en porto cando a programada de saída do porto o requira.

3. Atención á carga e as operacións necesarias para que o buque poida realiza-la carga e descarga, así como o aprovisionamento sempre e cando por te-lo buque que zarpar inmediatamente, non poida realizarse en xornada normal. Nestes casos utilizarase unicamente o persoal estrictamente necesario.

4. Atención de autoridades en porto e traballo similares de ineludible realización.

5. En situación de socorro a outros buques ou persoa en perigo ou cando fosen necesarias ou urxentes durante a navegación para a seguridade do buque, persoas ou cargamento.

6. Nos supostos de formalidades aduaneiras, corentena e outras disposicións sanitarias.

A natureza das horas extraordinarias na mariña mercante, teñen carácter especial, dado que estas se producen por continxencias necesarias na navegación, imprevisibles na maior parte dos casos. A consideración do buque como centro de traballo da tripulación no réxime especial da mariña mercante, fai que a compensación retributiva das horas extraordinarias teña unha natureza específica de cálculo do seu valor.

O valor unitario da hora extra, así como a garantía mínima e o número de horas que abrangue, está recollido nas táboas salariais anexas.

Artigo 19º.-Vacacións.

As vacacións devengaranse a razón de 0,4 días por cada día de embarque. Ademais, e en compensación da reducción de xornada á que se fai referencia no artigo 17, os tripulantes desfrutarán descansos no seu domicilio a razón de 0,117 por cada día de embarque, o que equivale a 0,517 días de vacacións e descansos compensatorios por cada día de embarque. Cando por necesidades do servicio fose necesario o embarque dun tripulante antes de remata-las súas vacacións, os días non desfrutados acumularanse ó seguinte período de vacacións, se ben o embarque non se producirá antes do desfrute das 4/5 partes delas. En calquera caso o embarque anticipado non deberá producirse en dúas ocasións consecutivas. En casos de alta de enfermidade ou accidente, o tripulante pasará a desfruta-las vacacións que teña devengadas, non rexendo o parágrafo mínimo a que se refire o parágrafo anterior.

Considerarase como situación asimilada a embarco para efectos de vacacións as seguintes: expectativa fóra do domicilio, desprazamentos para embarque, reparacións do buque e baixas por accidente de traballo ou enfermidade, que requira hospitalización e polo tempo que precise a dita hospitalización.

Artigo 20º.-Relevos do persoal en vacacións.

Empresa e tripulantes están obrigados ó estricto cumprimento do réxime de vacacións establecido neste convenio, non podendo, en ningún caso, ser compensadas economicamente, admitindo como límite de flexibilidade o regulado a seguir:

1. A empresa poderá efectua-los relevos do persoal que teña que desfrutar das súas vacacións da seguinte forma:

1) O período de embarque será de 120 días.

2) Este período poderá ampliarse cando existan causas xustificada que alteren o desenvolvemento normal dos relevos, logo de comunicación e acordo co comité de empresa, nestos casos, os traballadores ademais de devengaren o establecido no artigo 19, serán compensados cun día máis de descanso por cada cinco días de exceso en unha cantidade equivalente á súa retribución.

3) O relevo poderase facer 15 días antes daquel que corresponda ó devengo delas ata 15 días despois do dito prazo do devengo.

Artigo 21º.-Incremento salarial.

O incremento salarial pactado está reflectido na táboa salarial anexa a este convenio.

Tódolos incrementos salariais teñen efectos retroactivos ó 1 de xaneiro de 1996, aboándose os atrasos coa nómina de outubro.

Artigo 22º.-Fondo social.

A empresa destinará oitocentas mil pesetas para o ano de vixencia do convenio ó fondo social de nova creación, que será distribuído polo comité de empresa para bolsas de estudio e outros fins sociais.

Artigo 23º.-Traballos sucios, penosos e perigosos.

Estarán abranguidos neste artigo todos aqueles traballos que en determinadas circunstancias deben ser realizados e que pola súa especial condición, índole ou natureza, implican suciedade, esforzo ou perigo superior ó normal.

Traballos que deberán ser realizados polo persoal alleo ó buque:

-Limpeza, picado ou pintado do interior da caixa de cadeas.

-Limpeza, picado ou pintado do interior do tanque de lastre.

-Limpeza, picado ou pintado ou encalichado de tanques de auga doce.

-Limpeza, picado ou pintado no interior de cofferdams.

-Picado con chorro de area ou chorreado.

-Limpeza de tanques de aceite ou combustible.

-Traballo de extracción de sedimentos ou residuos en tanques de carga en buques petroleiros. Cando estes traballos deben realizarse navegando, consideraranse sucios, penosos ou perigosos.

No caso de que estes ou parte deles deban realizarse no mar por seguridade do buque ou se as condicións hixiénicas así o esixisen, observarase, en canto á súa consideración económica, a táboa anexa.

Traballos que deban realizarse pola dotación do buque e que teñen a consideración de traballos sucios, penosos e perigosos:

-Traballos no interior da caixa de cadeas e limpeza necesaria para a súa realización.

-Traballos no interior de cofferdams e limpeza necesaria para a súa realización.

-Traballos no interior de tanques de lastre ou auga doce e limpeza necesaria para a súa realización.

-Traballos baixo pranchas da sentina de máquinas e limpeza necesaria para a súa realización.

-Limpeza completa do interior do cárter do motor principal.

-Limpeza ou traballos sen limpeza do interior da galería do varrido.

-Limpeza do interior de conductos de fume, caldeiras e caldeiretas.

-Traballos no mar ocasionados por avarías do propulsor principal.

-Limpeza de sentinas corridas de adega.

-Traballos en cadros eléctricos a alta tensión.

-Encalichado ou cementado en recintos pechados.

-Traballos en interiores por debaixo de -5ºC ou por riba de +45ºC (considerando cámara de máquinas como exterior). As adegas non frigoríficas consideraranse como exteriores.

-No mar, subidas a alturas superiores a 1,5 metros en paos, sempre que sexa necesario para a seguridade do buque. En caso contrario será totalmente prohibido.

-Estiba de cadeas en caixas cando se teña que permanecer no seu interior.

-Recepcións ou festas oficiais nas que o servicio ou preparación están a cargo do persoal de fonda.

-Limpeza de adegas e tanques altos laterais:

a) Cando exista prema.

b) Fóra da xornada de traballo.

c) Cando a carga que se transportase o converta en traballo sucio, penoso ou perigoso e en especial no caso de líquidos en depósito ou substancias en po, pedra ou gran en sacos cando houbese perdas.

Estes traballos terán a consideración económica seguinte:

1. Os encadrados na táboa segundo esta. Nas referencias ó total calcularase o tanto por cento que corresponda cando sexa parcial.

2. Os traballos especiais de limpeza de adega terán a seguinte consideración económica: de 701 ptas./hora e por cada un dos puntos a), b) e c), aboaránselle 701 ptas. pero en ningún caso o total poderá exceder de 2.100 ptas./hora traballada por tripulante.

3. O resto aboarase como horas extras as que se realicen dentro da xornada de traballo e como horas extras dobres as que se realicen fóra dela.

4. Traballos en adega. Cando por razóns de carga e descarga haxa que utilizar persoal de a bordo para vixia-la estiba e desestiba nas adegas cunha temperatura inferior a -5ºC, terá unha remuneración económica de 1.290 ptas./hora por tripulante.

Artigo 24º.-Servicio á empresa.

Enténdese por servicio á empresa as seguintes situacións:

1. Situación de enrolamento.

2. Hospitalización por accidente de traballo ou enfermidade profesional fóra do concello do seu domicilio.

En tódalas demais situacións regularanse as vacacións segundo ordenanza, a excepción do regulado no artigo 7º.

Artigo 25º.-Traballos especiais.

Teñen consideración de traballos especiais aqueles a realización dos cales, en condicións normais, non é obrigatoria para os tripulantes, por corresponde-los ditos traballos a traballadores de terra.

Ningún tripulante poderá ser obrigado á realización destes traballos, agás en circunstancias especiais nas que perigue a seguridade do buque ou da carga, ou cando non existise censo de traballadores portuarios ou non fose suficiente e cualificado a xuízo de sindicatos e organizacións portuarias.

A súa realización ofrecerase a tódolos tripulantes sen discriminación pero tendo preferencia os do departamento afectado, establecéndose quendas entre o persoal que o desexe e estea capacitado cando o volume do traballo o permita.

O tratamento económico destes traballos pactarase libremente a un tanto global entre o armador ou o seu representante e as tripulacións.

Nos casos en que de acordo co parágrafo 2º a súa realización non revista o carácter de voluntariedade, manterase o tratamento económico pactado entre tripulación e empresa segundo a táboa salarial anexa.

Terán igualmente dereito á súa percepción aqueles tripulantes encargados de dirixir directamente as operacións.

Son traballos especiais:

a) Trincaxe e destrincaxe de calquera tipo de mercadoría, tanto de cuberta como na adega, sempre que sexa necesario o emprego de elementos ou medios tradicionais de trincaxe (cabos, cabos de Hércules, cables, cadeas, correas, tensores, calzos, cornos, mordazas, zapatas, angulares, grillóns, etc.).

b) Exceptúanse do parágrafo anterior todos aqueles buques especializados e modulados para o transporte de contedores con infraestructura adecuada en adegas e cuberta para ela, incluíndo guías, e que estean dotados dos medios adecuados seleccionados e elaborados a medida e lixeiros e con elementos ou fundamentos fixos de trinca e que a operación de trincaxe sexa sinxela.

A determinación dos buques que reúnan estas condicións será realizada pola comisión paritaria.

Este traballo, por seguridade do buque, realizarase antes de saír de porto, baía, rada ou río.

c) Carga, descarga, estiba e desestiba de mercadorías que precisen a súa manipulación, incluídos vehículos a motor en réxime de equipaxe e correo.

d) O transporte e embarque de víveres para o consumo da dotación ou pasaxe será realizado pola dotación do buque. O resto de provisión de cada departamento efectuarao o persoal deste ó cal correspondan os pertrechos, realizando o transporte, estiba e trincaxe. Todos estes traballos serán realizados dentro da xornada laboral e no seu defecto, aboados como horas extraordinarias.

Non será considerado traballo especial a distribución e estiba de víveres e pertrechos en paiois e despensa cando aqueles fosen depositados ó costado do buque no lugar idóneo por persoal alleo á dotación do buque.

Segundo o apartado c) consideraranse traballos especiais os transbordos de mercadorías. Farase un reparto lineal entre toda a tripulación que directa ou indirectamente participe. Aquel que non queira participar non terá dereito a cobra-los transbordos. O comité de seguridade é o encargado de velar pola colaboración de todos.

Durante o transbordo as gardas do departamento de máquinas serán realizadas polo xefe de máquinas e oficiais, seguindo a quenda normal de gardas establecida, e non superará, en ningún caso, as catro horas de forma continua. O persoal subalterno participará nos labores de transbordos, no ben entendido sempre que se respectase o carácter de voluntariedade.

Os transbordos pagaranse a razón de 2.533 ptas. por tonelada movida. Como mínimo pagarase o 50% do transbordo no porto en que se efectúe, en moeda cotizable a ser posible.

Artigo 26º.-Baixas por enfermidade profesional ou accidente laboral.

Durante o tempo de baixa por enfermidade profesional ou accidente laboral, así como nos supostos de enfermidade común con hospitalización e mentres dure a efectiva hospitalización (tempo de internamento) percibirase o 100% do salario real, referido ó mes embarcado inmediatamente anterior ó da baixa, e devengaranse vacacións de convenio, excepto no caso de hospitalización por enfermidade común, en que só se devengarán vacacións de convenio a partir do vixésimo primeiro día de hospitalización.

Os traballadores que con ocasión dun accidente resulten incapacitados para o exercicio da súa profesión mariña terán dereito preferente a incorporárense a un posto no cadro de persoal de Pescanova, S.A., de terra nos postos de nova creación ou vacantes que se produzan na categoría profesional adecuada. Se fose necesario mesmo se facilitaría a reciclaxe profesional adecuada.

Artigo 27º.-Mercadorías explosivas, tóxicas ou perigosas.

As tripulacións dos buques que transporten mercadorías conceptuadas como perigosas, conforme o indicado no presente artigo, terán dereito a percibir

unha remuneración en función do incremento do risco a que están expostos e conforme se establece neste mesmo artigo. Todo isto sen prexuízo das medidas de seguridade a tomar durante a carga, transporte e descarga das ditas mercadorías conforme as disposicións legais ó respecto e ás consideracións da IMCO, segundo a táboa adxunta.

A) Naqueles buques especializados e dedicados habitualmente ó transporte das mercadorías de referencia, con carácter de exclusividade, e que pola súa construcción ou posteriores modificacións estean especialmente acondicionados e debidamente preparados para o seu transporte percibirán o establecido na OTMM.

B) Nos buques que circunstancialmente transporten as materias indicadas, en concepto de carga, aboaranse durante o tempo en que dure o seu transporte as remuneracións abaixo indicadas, en función do grao de perigosidade asignado á mercadoría e do tanto por cento que o peso dela supoña en relación co peso morto do buque indicado, este en certificado de arqueo.

No caso de diferentes mercadorías asignadas todas ó mesmo grupo, sumaranse os seus pesos para os efectos do cálculo da porcentaxe de remuneración. No caso de mercadorías asignadas a diferentes grupos, sumaranse os productos dos pesos de cada mercadoría polo número asignado ó grupo que corresponda, e dividirase o total entre o total de peso das ditas mercadorías, sendo o cociente o que marque o grupo a que se debe asigna-lo conxunto destas mercadorías. Se considerando as mercadorías por separado a remuneración fose superior, haberá que aterse a isto último.

Grupos de perigosidade.

As referencias a clases, tipo, división, grupo de compatibilidade, observacións e os condicionamentos reseñados para a clase 7 fan referencia ós vocábulos e referencias utilizadas no código internacional marítimo de mercadorías perigosas da IMCO.

Os grupos de perigosidade son divisións entre as mercadorías a que fai referencia a anterior publicación en función do risco que, en xeral, poden supoñer para a vida dos tripulantes dos buques que as transporten.

Grupo A.

Mercadorías reseñadas como pertencentes a:

-Explosivos: clase 1. División 1-1. Grupo de compatibilidade A ó F.

-Infecciosos: clase 6-2.

-Radioactivos: clase 7. Cando se trate de materias radioactivas, explosivos ou de acordos especiais.

Grupo B.

-Explosivos:

Clase 1. División 1-1. Grupo de compatibilidade G.

Clase 1. División 1-2.

Clase 1. División 1-3. Grupos de compatibilidade A, B, C e nº 0019.

Grupo C.

-Explosivos:

Clase 1. División 1-3. Resto de mercadorías non incluídas grupo B.

-Gases inflamables tóxicos:

Clase 1, nº ONU 1016, 1023, 1016, 1017, 1589, 1045, 1051, 1052, 1053, 1975, 1067, 1076 e o gas de auga.

-Radioactivos:

Clase 7. Mercadorías das que a aprobación do modelo de embalaxe e a da expedición corresponden a tódolos países afectados pola expedición.

Grupo D.

-Líquidos inflamables con punto baixo de inflamación:

Clase 3-1.

-Radioactivos:

Clase 7. Mercadorías das que a aprobación do modelo de embalaxe corresponda ós países de orixe, destino e tránsito e se requira notificación previa a tódolos países afectados.

Grupo E.

-Explosivos:

Clase 1. División 1-4.

-Líquidos inflamables con punto medio de inflamación:

Clase 3-2, cando son ademais mercadorías tóxicas.

Grupo F.

-Radioactivos:

Clase 7. Mercadorías das que a aprobación do modelo de embalaxe corresponda ó país de orixe da expedición e se requira notificación previa da expedición a tódolos países afectados.

-Gases inflamables:

Clase 2, cando sexan inflamables.

Clase 3-2, mercadorías non tóxicas.

Grupo G.

Clase 2, cando sexan tóxicas non inflamables.

Inflamables: clase 3-3.

Tóxicos: clase 6-1.

Grupo H.

-Sólidos inflamables espontaneamente:

Clase 4-2, excepto nº ONU 1361, 1361, 1857 e 1387.

-Peróxidos orgánicos:

Clase 5-2.

Grupo I.

-Radioactivos:

Clase 7. Mercadorías das que a aprobación do modelo de embalaxe corresponda ó país de orixe e non se requira notificación nin aprobación da expedición polas autoridades competentes.

-Corrosivos:

Clase 8, cando en observacións estea anotado que provocan graves queimaduras e desprenden gases moi tóxicos.

Grupo K.

-Sólidos inflamables en presencia de humidade:

Clase 4-3.

-Corrosivos:

Clase 8, cando en observacións estea anotado que provocan graves queimaduras ou que desprenden gases moi tóxicos.

Artigo 28º.-Zonas de guerra.

Cando un buque teña que partir cara a unha zona de guerra efectiva, a tripulación terá dereito:

a) A non partir nesta viaxe, sendo o tripulante, neste caso, transbordado a outro buque. No caso de que non sexa posible o transbordo inmediato, o tripulante desfrutará das vacacións que lle correspondan.

b) Os que accedan voluntariamente a saír de viaxe e mentres dure este, percibirán unha prima especial de 9.801 ptas. diarias.

c) No caso de que, sen previo coñecemento ó partir de viaxe, o buque se encontrase en zona de guerra efectiva, os tripulantes percibirán o 200% de aumento en tódolos seus conceptos salariais fixos durante o tempo en que estean na dita zona.

d) Así mesmo, a empresa, mentres dure a estadía en zona de guerra efectiva suplementará o seguro de accidentes ata cinco millóns de pesetas por invalidez permanente e tres millóns de pesetas por morte.

Para os efectos deste artigo entenderase por zona de guerra efectiva aquela na que a compañía de seguros coa que contrate a compañía naval requira unha cobertura de Bolching and Trapping e o importe da sobreprima que se aboará supere o 0,7% do valor asegurado do buque.

Os ditos límites que cualifican o concepto de zona de guerra efectiva poderán ser reconsiderados pola comisión paritaria do presente convenio cando exista constancia expresa da súa variación xeneralizada e aplicarase, logo de acordo da dita comisión, desde a data de entrada en vigor da variación.

Artigo 29º.-Permanencia en lugares insalubres e epidémicos.

Consideraranse portos insalubres e epidémicos aqueles que así fosen declarados pola Organización Mundial da Saúde, durante o tempo en que estivese vixente a dita declaración.

As tripulacións dos barcos que escalen os ditos portos, anteporto, baías ou radas ou que deban realizarse ascensións ou descensos por ríos de lugares declarados insalubres e epidémicos, ademais da adopción de tódolos medios preventivos precisos para garanti-la sanidade a bordo, percibirán como compensación á permanencia nos ditos lugares durante a estadía un incremento do 50% sobre o salario profesional máis trienios.

Non obstante, de acordo coas informacións recibidas a través da OMS e outras fontes oficiais, o delegado dará por escrito ó capitán un informe de valoración desta situación.

Artigo 30º.-Seguro de accidentes.

Á parte do seguro obrigatorio de accidentes e como complemento deste, a empresa establece ó seu cargo e a favor dos tripulantes un seguro de accidentes, cubrindo os riscos de morte e invalidez permanente na súa actuación profesional, cos capitais asegurados seguintes:

-Por morte: 7.741.798 ptas.

-Por invalidez permanente: 9.032.097 ptas.

Artigo 31º.-Perda de equipaxe a bordo.

No caso de perda de equipaxe a bordo, por calquera membro da tripulación debido a naufraxio, incendio ou calquera outro accidente, non imputable ó ou ós prexudicados, a empresa aboará como compensación as seguintes cantidades:

a) Por perda total 217.346 ptas.

b) Por perda parcial unha cantidade que non será superior ás 217.346 ptas. a xuízo do capitán, unha vez oídos o delegado dos tripulantes e o interesado.

No caso de que por parte da empresa se aboe indemnización por vestiario ou se faciliten uniformes e estes artigos fosen danados, na indemnización reducirase un 20%.

No caso de falecemento do tripulante, esta indemnización será aboada ós seus herdeiros.

Artigo 32º.-Incorporación a outras empresas do grupo.

Os traballadores afectados por este covenio colectivo poderán ser destinados a outras empresas do mesmo grupo de empresas cando existan razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción, previstas no artigo 40 do E.T. que o xustifiquen. De igual foma, existindo vacantes noutros posto de traballo das empresas do grupo, o traballador poderá solicita-lo traslado, sempre que se trate de postos de traballo de igual ou inferior categoría á que viñese desempeñando.

O novo posto de traballo pertencerá ó mesmo grupo profesional e, en caso de non existir este na empresa de destino, estará dentro do ámbito funcional dunha categoría igual ou superior á do traballador afectado.

A decisión de incorporación á nova empresa deberá ser comunicada e negociada previamente co comité de empresa, cunha antelación de 15 días.

Acordado o traslado, o traballador afectado poderá, en caso de desacordo con el, optar por unha extinción do seu contrato, percibindo neste caso unha indemnización de 30 días por ano de servicio cun tope de 18 mensualidades. No suposto de que o cambio de empresa esixise un cambio de domicilio e o traballador optase pola rescisión do seu contrato, a indemnización será de 30 días por ano de servicio, sen topes.

Os traballadores afectados por este artigo incorporaranse ó cadro de persoal da empresa do seu novo destino, conservando a súa categoría profesional e a garantía mínima composta por: salario profesional, pagas extras, garantía de horas, antigüidade e plus de mando (se o ten), establecido no último convenio de mariña mercante en vigor. Cando a decisión de cambio de empresa afecte a traballadores maiores de cincuenta anos, conservarán como garantía persoal o dereito previsto no artigo 53º; o exercicio deste dereito será incompatible coa indemnización ou premio de xubilación que poida existir na empresa do seu novo destino; o traballador deberá optar entre un ou outro.

Se a incorporación prevista neste artigo significase para o traballador un incremento nos seus gastos, debidamente acreditado, a empresa haberá de compensalo por iso.

A empresa daralles trato preferente ós tripulantes fixos da súa flota sobre o persoal alleo a ela, co obxecto de ocupar prazas en terra. Iso sempre que os mariños reúnan as condición esixidas pola empresa para ocupa-las prazas, recoñecéndolle-la antigüidade adquirida na flota.

A dita preferencia no trato inclúe a espera para os casos en que o tripulante estea embarcado.

O persoal que resultou excedente do cadro de persoal da Mariña Mercante e foi recolocado noutras empresas do grupo conserva dereito preferente de reingreso, se no futuro se producise vacante da súa categoría.

Artigo 33º.-Permanencia de familiares a bordo.

Todo o persoal pode solicitar da empresa directamente ou a través do capitán, ser acompañado pola muller ou fillo mentres estean embarcados.

A empresa admitirá a solicitude sen que, en ningún caso, poida excede-lo marco das normas establecidas para o buque por SEVIMAR. En todo momento daráselles prioridade a aquelas persoas (garantías, técnicos, sobrecargos, etc.) que por necesidades da empresa deban embarcar no buque.

Para efectua-lo enrolamento, o acompañante deberá posuír unha póliza de seguro que cubra os riscos que poidan producirse mentres se atopa en situación de embarque. Igualmente xuntará certificado médico, actualizado cada ano ó embarcar.

Non poderán ser enroladas mulleres en estado de xestación, fillos menores de 8 anos en viaxes superiores a 3 días sen escalas e, en ningún caso, o familiar que estea afectado de calquera enfermidade que poida afectar ou sentirse afectado pola navegación.

O capitán, de acordo coas circunstancias e sen exceder en ningún caso os límites, establecerá a quenda de embarque no que sempre dará preferencia, dentro do ano, ó tripulante que non fose acompañado ningunha vez no mesmo período.

Igualmente, e no suposto de que, cuberto o límite, un tripulante solicitase ser acompañado, o familiar que máis tempo leve embarcado cederá o seu posto á nova petición, e sempre que o peticionario non fose acompañado nun prazo non inferior ós 6 meses.

Os tripulantes que carezan de camarote individual con baño poderán dispoñer, logo de autorización do capitán e durante a estadía de familiares a bordo, dos camarotes dispoñibles que cumpran esta condición.

Terase en conta a prioridade segundo os lazos sanguíneos da familia dos tripulantes.

Esixirase unha orde, segundo as peticións de embarque.

O acompañante tomará ó seu cargo o coidado completo dos aloxamentos do tripulante, exceptuando despachos e recintos comúns e non solicitará servicios extras do departamento de fonda. As comidas serán servidas no comedor en que se sirva ó tripulante ó que acompaña. O familiar acompañante está obrigado a cumprir tódalas normas de seguridade que rexen no buque.

A muller ou o acompañante non alterará en ningún momento a convivencia a bordo nin a marcha normal dos traballos do buque.

Artigo 34º.-Correspondencia.

Os capitáns deberán expoñer nos taboleiros de anuncios os enderezos postais dos consignatarios ou axentes nos portos onde o buque vaia facer escala proximamente ou indicar se o buque sae a ordes.

A empresa adoptará medidas co fin de enviar ós buques as cartas dirixidas ós tripulantes que se recibisen na compañía.

Cando o buque estea en porto estranxeiro as cartas remitidas polos tripulantes serán entregadas para o seu franqueo ó consignatario, ou enviada por calquera outro medio máis eficaz.

Artigo 35º.-Natalidade.

Tódolos tripulantes fixos ó servicio da empresa percibirán a cantidade de 23.951 ptas. por nacemento de cada fillo.

Será requisito formal para o aboamento indicado a presentación do libro de familia ou certificado de inscrición no Rexistro Civil.

Artigo 36º.-Gratificacións extraordinarias.

As dúas gratificacións extraordinarias de vencemento periódico superior ó mes, aboaranse ordinariamente con ocasión das festas de Nadal e outra durante o mes de xullo, con ocasión da festividade de Nosa Señora do Carme, patrona da mariña mercante.

As empresas que veñan distribuíndo nas 12 mensualidades as dúas gratificacións extraordinarias poderán continuar facéndoo especificando, no recibo do salario, que a paga ordinaria está incrementada coa parte correspondente das dúas gratificacións extraordinarias.

Artigo 37º.-Cambio de horarios de traballo.

Non se iniciará unha manobra, nin se efectuará ningún traballo agás forza maior para a seguridade do buque ou perda de mareas ou situacións que na práctica e a xuízo do capitán se tomen dentro dun apartado como excepcional, durante o horario de comidas. Nunca se deixará de respecta-los horarios de comidas. Non se considerará para estes efectos como termo excepcional a provisión do buque, pertrechos e documentación.

A xornada non se poderá partir en ningún concepto en máis de dous períodos de traballo.

Os cambios de horario produciranse a criterio do capitán, logo de audiencia dos delegados dos tripulantes, os que lle comunicarán a aquel a súa aprobación ou oposición argumentando esta por escrito. Neste último suposto, o capitán trasladará a súa decisión ó delegado ou membro do comité de empresa por escrito e con expresión dos argumentos en que basee esta.

En todo caso, o delegado ou membro do comité de empresa, poderá recorrer ante o armador.

Artigo 38º.-Seguridade e hixiene.

O traballador, na representación dos seus servicios a bordo, terá dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene.

Na inspección e control das ditas medidas que sexan de observación obrigatoria polo empresario, o traballador ten dereito a participar por medio do seu representante no buque.

En todo caso formará parte do comité de seguridade e hixiene o delegado dos tripulantes ou membro do comité de empresa.

Tanto o comité de seguridade e hixiene nos buques en que está formalmente constituído, como representantes legais dos tripulantes, cando aquel non estea constituído, que aprecien unha probabilidade seria e grave de accidente pola inobservacia da lexislación aplicable na materia, requirirán ó armador por escrito, a través do capitán do buque, para que adopte as medidas oportunas que fagan desaparece-lo estado de risco; se a petición non fose atendida no prazo de catro días, dirixiranse á autoridade competente. Se o risco de accidente fose inminente a paralización das actividades poderá ser acordada pola totalidade dos traballadores do buque.

Tal acordo será comunicado de inmediato á empresa naval e á autoridade laboral, a cal en vintecatro horas anulará ou ratificará a paralización acordada.

As compañías navais comprométense a cumpri-los acordos ratificados polo Estado español coa Organización Internacional do Traballo sobre seguridade,

convivencia e hixiene no mar; así mesmo, comprométense a que estes acordos estén ó dispor dos tripulantes e delegados sindicais a bordo do buque (convenio ou recomendación 133 OIT), unha vez que se publicasen no BOE.

Artigo 39º.-Cambio de horario de saída.

Con catro horas de antelación á saída estimada do buque deberá comunicárselle á tripulación, por medio dos taboleiros de anuncios existentes no buque. Non obstante, haberá un período de flexibilidade de unha hora de demora de saída, a partir da cal, considerarase traballo efectivo o tempo que puidese transcorrer ata a iniciación da manobra, agás que existisen causas de forza maior. A chegada dun buque a porto, comunicarase a través do taboleiro de anuncios do buque un horario estimativo de saída e destino.

Artigo 40º.-Fondeadas.

Cando un buque fondee en rada, baía ou ría pechada, sen que exista risco, que obrigue á tripulación a permanecer a bordo, a empresa, e sempre que as condicións do tempo e os usos e costumes do porto o admitan, comprométese a facilitar un servicio de lanchas; o seu horario e frecuencia establecerao o capitán segundo as circunstancias e de acordo co delegado dos tripulantes ou membro do comité de empresa de flota, que deberán adaptarse ó dito horario.

Procurarase que se adecúe o horario e frecuencia do servicio das lanchas para que poidan trasladarse o maior número posible de tripulantes.

Artigo 41º.-Medios de transporte.

Os buques que atraquen en zonas arredadas da cidade e de difícil comunicación e que non teñan transportes regulares e frecuentes, dotarán de transportes apropiados a tódolos tripulantes do buque, ben entendido que os tripulanes terán que adaptarse ó horario dos servicios e frecuencias que se establecesen.

Procurarase que se adecúe o horario de frecuencia do servicio de transportes para que poida trasladarse o maior número de tripulantes por viaxe.

Artigo 42º.-Servicios recreativos e culturais.

A empresa dotará tódolos seus buques dun aparello de TV e un de radiocasete por cámara, sendo por conta daquela tódolos gastos de instalación. Nos buques de navegación de altura disporase de cine ou video.

Os buques disporán dunha asignación para o ano 1996 de 3.385 ptas. por tripulante. Para fixa-lo número de tripulantes, observarase o que determine o cadro indicado establecido para o buque, sendo gratuítos os libros profesionais seleccionados por unha comisión nomeada para o efecto.

A cantidade asignada empregarase na compra de xogos recreativos e libros para biblioteca e será xestionada polos membros do comité de empresa.

Recoméndase que na renovación de material se teñan en conta as novas técnicas procurando incorporar sistemas de video.

Artigo 43º.-Roupa e servicio de lavandería.

1. A roupa de traballo será por conta da empresa atendéndose ó establecido nas normas de seguridade e hixiene no traballo.

2. O lavado da roupa de cama, toallas e servicio de fonda, será por conta da empresa, así como proverá ós buques de medios pertinentes para o lavado dos efectos persoais dos tripulantes (lavadora, prancha ou pranchadora e secadora).

Roupa de frío. A empresa subministrará ó persoal a roupa de frío suficiente para realiza-los traballos que teñan a dita consideración, segundo necesidades.

Roupa de traballo a bordo. Todo o persoal embarcado disporá en perfecto uso, que se entregará persoalmente a cada tripulante no almacén cada ano, dos efectos seguintes:

a) Oficiais de ponte e radiotelegrafistas.

Disporán de funda, un equipo de auga completo, un casco, lanterna e luvas, segundo as necesidades e en cantidades suficientes.

b) Oficiais de máquinas.

Disporán de dúas fundas, un casco, calzado especial de seguridade, lanternas e luvas, segundo as necesidades e en cantidades suficientes.

c) Contramestres e mariñeiros.

Disporán de tres fundas ou similares, unha chaqueta de frío, un equipo de auga, un casco, calzado especial de seguridade, lanternas e luvas, en cantidades suficientes, segundo as necesidades.

d) Caldeireta, electricista e engraxadores.

Percibirán os mesmos efectos que os de cuberta, excepto roupas de auga que utilizarán a xa citada comunmente para o departamento de máquinas.

e) Persoal de cociña.

Os cociñeiros disporán de dúas chaquetas curtas brancas, dous pantalóns, tres camisetas brancas e seis mandís.

Os camareiros de dúas chaquetas brancas e dous pantalóns.

Os axudantes de cociña o mesmo cós cociñeiros.

Todo o persoal embarcado disporá dunha cartilla onde reflicta a roupa e efectos que reciben. Os efectos transferibles (casco, lanterna, chuvasqueiro, etc.) serán entregados ó desembarco ós seus respectivos xefes de departamento.

Os criterios para cambio de roupa serán levados segundo o estado de uso dos ditos efectos.

A comisión de a bordo, delegado dos tripulantes ou membro do comité de empresa de flota, xunto co xefe de departamento, determinará o seu estado.

Artigo 44º.-Alumnos.

Os alumnos de calquera especialidade percibirán, e con independencia da axuda familiar a que tivesen dereito durante o tempo que estean embarcados, unha

gratificación de 81.605 ptas. mensuais durante 1996, segundo o anexo I.

Artigo 45º.-Comisión paritaria.

Para integrar e vixia-la aplicación do presente convenio, créase unha comisión paritaria de catro membros, composta por dous pertencentes á parte social e dous pola parte económica, que interviñesen na comisión negociadora do presente convenio. Así mesmo, poderán dotarse dos asesores que coiden convenientes. As partes someterán cantas dúbidas, discrepancias ou conflictos puidesen derivarse da interpretación ou aplicación do convenio a esta comisión, que resolverá o que proceda no prazo máis breve posible e deberá reunirse non máis tarde de 7 días laborables despois de cada requirimento das partes.

Artigo 46º.-Limpeza de interiores.

Establecerase que un tripulante (mozo de limpeza) se dedique exclusivamente á limpeza de interiores. Así mesmo está obrigado a asistir ás manobras de cuberta.

Artigo 47º.-Forma de cobramento.

A partir da sinatura desta acta queda establecido que as nóminas se confeccionarán mensualmente, liquidándose en igual período de tempo, en cumprimento do artigo 29 da Lei 8/1980 (ET) e enviarase a copia da nómina ó domicilio do interesado.

Artigo 48º.-Golfo de Guinea.

Durante a permanencia en augas do golfo de Guinea, os tripulantes terán dereito a un aumento do soldo do 50% do salario profesional. A navegación en augas do golfo de Guinea queda recollida entre os límites xeográficos 20º e 30' N e 15º 30' S conforme a O.T.M.M. Este artigo aplicarase sempre que haxa unha estadía efectiva en porto.

Artigo 49º.-Horas nocturnas.

As horas extras realizadas entre as 22 horas e as 6 horas aboaranse cun incremento do 40% sobre o valor recoñecido para a hora extra do presente convenio.

Artigo 50º.-Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un recoñecemento médico ó ano, como mínimo, a cargo da empresa. Neste recoñecemento médico teranse en conta circunstancias como índice de alcoholismo e tabaquismo.

Artigo 51º.-Finiquitos.

Queda facultado expresamente calquera membro do comité de empresa para intervir na liquidación-finiquito de calquera tripulante da empresa.

Artigo 52º.-Aire acondicionado.

A empresa procurará, no prazo máis breve posible, dota-los seus buques de calquera clase de equipo de aire acondicionado, que permita facer chegar este ós camarotes e zonas de descanso do buque.

Artigo 53º.-Xubilacións.

Con carácter obrigatorio e unha vez alcanzado o 100% da base reguladora, os tripulantes terán que xubilarse tendo dereito a percibi-las seguintes cantidades en razón da súa idade:

-55 e 56 anos: 2.000.000 de ptas.

-57 anos: 1.500.000 ptas.

-58 ou máis anos: 1.000.000 de ptas.

Os capitáns quedarán exceptuados da aplicación deste artigo e entenderanse coa empresa.

Artigo 54º.-Control sobre os contratos de traballo.

A empresa aplicará, en todo momento, a Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, en relación con este artigo.

Disposición adicional primeira.-Comisión de seguridade e hixiene.

Con criterio de unificación das normas e os servicios de seguridade e hixiene no traballo nos buques da flota, e buscando a cooperación efectiva das tripulacións a empresa, baixo a supervisión do capitán e como continuación do labor que nesta materia se vén realizando, constituirá unha comisión de seguridade e hixiene no traballo a bordo dos buques coas atribucións e competencias que a lexislación vixente lles recoñece, co obxecto de logra-la maior participación real das súas dotacións, así como o mellor cumprimento das normas nunha área de tanta importancia.

1. Formarase unha comisión de seguridade, baixo a presidencia e supervisión do capitán, composta por:

-Xefe de máquinas.

-Primeiros oficiais de ponte e máquinas.

-Un titulado e un non titulado.

-Delegado dos tripulantes ou membro do comité de flota.

Se a xuízo dos membros da comisión fose necesario, dada a natureza do tema que se vaia tratar, poderá formar parte dela, eventualmente, un bombeiro, un electricista, un mecánico ou o cociñeiro.

2. Obxectivos.

a) Auna-los esforzos de toda a tripulación para que o buque poida ser considerado un lugar seguro de traballo.

b) Evita-los accidentes a bordo.

c) Mellora-las condicións de seguridade.

d) Recomendar modificacións e recibir suxestións encamiñadas ó logro dunha maior garantía de seguridade, tanto dos tripulantes como do buque.

e) Solicitar ás empresas para que se poña a disposición da comisión de seguridade e hixiene en cada buque a normativa e circulares vixentes na materia.

3. Funcións.

a) Velar a bordo que se cumpran coas normativas de seguridade vixentes.

b) Promover que se observen as medidas para a prevención de accidentes.

c) A presentación ás empresas de suxestións, propostas e recomendacións, para a adopción de calquera medida de seguridade a bordo.

d) A comprobación e correcto funcionamento dos aparellos para a prevención e loita contra incendios e accidentes.

e) Análise dos accidentes ocorridos a bordo, facendo as recomendacións necesarias para evita-la repetición.

f) A vixilancia da execución dos exercicios de seguridade regulamentarios. Os exercicios de adestramento e práctica a bordo (abandono, contra incendios, emerxencias, etc.) realizaranse periodicamente.

g) Propoñe-la concesión de recompensas ó persoal que se distinga polo seu comportamento ou intervención en actos meritorios, así como sancións a quen incumpra normas e instruccións sobre seguridade.

h) Propoñerlle á empresa a adquisición dos títulos daquelas publicacións en materia de seguridade que deban formar parte da biblioteca do buque.

i) Participar, xunto coa empresa, na programación de cursos sobre seguridade.

Con obxecto de interesar a toda a tripulación nos temas relativos á seguridade e hixiene nos buques, as suxestións que sobre esta materia formule calquera tripulante levarase a cabo mediante a confección dun parte por triplicado, destinándose unha copia para a comisión, outra para o interesado e a última será remitida á dirección da empresa, xunto cun informe da propia comisión.

Reunións.

A comisión reunirase cada mes con carácter obrigatorio en sesión ordinaria e con carácter extraordinario, cando así o considere conveniente o capitán por propia iniciativa ou por petición razoada dos 2/3 dos membros da comisión.

O capitán, como representante e presidente da comisión, convocará e presidirá tódalas reunións e tomará as debidas medidas para asegura-la asistencia total dos seus compoñentes. O final de cada reunión, levantarase a correspondente acta, facéndose consta-los asuntos tratados, as medidas adoptadas e as suxestións e recomendacións que se desexen elevar á dirección.

Disposición adicional segunda. Actividade sindical.

Norma 1

O tripulante ou tripulantes que resulten elixidos como representantes, delegados ou membros do comité de empresa, exercerán as súas funcións sindicais representativas con toda liberdade durante o tempo para o que fosen elixidos, a salvo sempre das súas obrigas de traballo.

O exercicio destas funcións concrétase nas seguintes facultades:

1. Expresar con enteira liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera de representación sindical.

2. Reunirse co resto da tripulación para deliberar sobre temas de actividade sindical.

3. Promove-las accións a que haxa lugar para a defensa dos dereitos ou do interese sindical dos seus representados.

4. Ser protexidos contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte ó libre exercicio da súa función.

5. Interrompe-la súa actividade laboral no buque cando as esixencias da súa representación sindical impoñan unha intervención directa ou inadiable para intentar solucionar calquera problema que afecte ós intereses dos tripulantes, logo de aviso ó capitán a través do seu xefe de departamento.

Norma 2

Os delegados do buque disporán dunha reserva de ata 40 horas laborables retribuídas mensuais para o exercicio da súa actividade nos seguintes casos:

a) Asistencia a congresos, asembleas, consellos, coordinadoras, se é o caso, e en xeral, a calquera clase de reunións a que fosen convocados polo seu sindicato.

b) Participación en seminarios, cursos ou actividades de carácter formativo sindical, promovidos polo sindicato ó que pertenza ou cando expresa ou persoalmente sexa convocada.

c) Actos de xestión que deban realizar por encargo do seu sindicato ou por razón das súas obrigas específicas. Para os mesmos casos poderán, ademais, utilizar ó seu cargo, as horas necesarias.

Para a utilización das 40 horas e das de ó seu cargo, os delegados darán oportuno aviso previo ó capitán.

Os delegados garanten a non demora do buque pola súa asistencia a cursiños.

Norma 3

Dereitos e funcións dos delegados do buque:

1. Vixia-lo estricto cumprimento das normas laborais regulamentarias ou pactadas, especialmente as relativas a xornada, vacacións e horas extraordinarias.

2. Integrarse nas comisións sobre manutención a bordo e de seguridade e hixiene.

3. Non ser transbordado, contra a súa vontade mentres dure o exercicio do seu cargo sindical.

4. No caso de que unha vez finalizadas as súas vacacións existise a imposibilidade de incorporar a un delegado de buque a aquel en que foi elixido e se prevexa a dita imposibilidade por un período de tempo superior a 15 días, excepcionalmente a empresa poderá dispoñer del para outro buque por un tempo limitado comprometéndose a reincorporalo ó buque de que é delegado á primeira oportunidade.

5. Convoca-la asemblea do buque por propia iniciativa ou cando llo solicite un tercio da tripulación.

6. Informar por escrito, preceptiva e previamente, o capitán sobre sancións impostas ós tripulantes por faltas moi graves.

7. Utilizar tódolos servicios de impresión, comunicación e oficina de a bordo para o desenvolvemento das súas funcións sindicais, se fose necesario, logo de autorización do capitán que procurará concedela se non prexudica o normal desenvolvemento dos servicios e necesidades do buque e dando preferencia ós servicios oficiais.

Aquelas comunicacións que afecten a ámbalas partes, correrán a cargo da empresa; as que sexan única e exclusivamente de carácter sindical, serán por conta dos tripulantes.

8. Cando a actuación do delegado do buque, realizada fóra do centro de traballo, supoña xestión en defensa dos intereses dos seus representados no buque, e se exerza ante a empresa ou ante a autoridade laboral logo de citación desta, considerarase que se atopa en situación asimilada á comisión de servicio, percibindo a totalidade dos devengos que lle correspondese percibir de ter prestado a súa actividade laboral.

Norma 4

Os tripulantes poderán exerce-lo seu dereito de asemblea logo de aviso ó capitán do buque.

A asemblea non entorpecerá as gardas, nin quendas de traballo, quedando en todo caso, a salvo a seguridade do buque e a súa dotación.

O delegado do buque ou os membros do comité de flota serán responsables do seu normal desenvolvemento.

Norma 5

Durante a estadía do buque en porto ou aproveitando o servicio de enlace con terra establecido polo buque caso de estar fondeado, os representantes dos sindicatos legalmente constituídos e unha vez acreditada a súa condición ante o capitán ou oficial de garda, poderán efectuar visita a bordo co fin de cumpri-las súas misións e sempre que isto non obstaculice o cumprimento das gardas a bordo e quendas de traballo.

Os visitantes observarán as normas de seguridade establecidas e así mesmo a empresa non se fará responsable dos accidentes que poidan ocorrerlles durante a súa estadía a bordo e durante a travesía.

Norma 6

Poderán acollerse a excedencia por motivos sindicais aqueles tripulantes que fosen asignados para ocupar calquera cargo de responsabilidade en calquera sindicato legalmente establecido.

Esta excedencia concederase a todo tripulante calquera que fose a súa antigüidade na empresa pola prazo de duración do seu cargo.

O excedente ocupará a mesma praza que desempeñaba anteriormente, computándose o tempo de excedencia para efectos de antigüidade. O reingreso deberá ser solicitado polo interesado dentro do mes seguinte ó seu cesamento no cargo sindical que ostente.

Norma 7

O comité de flota é o órgano representativo e colexiado dos traballadores da flota da empresa. Constituirase naquelas empresas cun censo de postos de traballo, independentemente do número de buques, que sexa superior a cincuenta tripulantes.

Norma 8

O comité de flota terá as seguintes funcións:

1. Negociar e vixia-lo cumprimento do convenio e as actas de aplicación deste na empresa e os demais pactos que se asinen entre esta e os seus tripulantes.

2. Ser informado pola dirección da empresa:

a) Semestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa sobre a evolución dos negocios e a situación da producción e vendas da entidade sobre o seu programa de producción e evolución probable do emprego na empresa.

b) Anualmente, coñecer e ter ó seu dispor o balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións de cantos documentos se dean a coñecer ó consello de administración.

c) Como carácter previo á súa execución pola empresa sobre as reestructuracións do cadro de persoal, venda e posta en situación de fóra de servicio ou cambio de bandeira dos buques e sobre os plans de formación profesional da empresa.

d) En función da materia de que se trata.

-Sobre a implantación e revisión de sistemas de organización de traballo e calquera das súas posibles consecuencias.

-Sobre a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa cando isto supoña calquera incidencia que afecte ó volume de emprego.

-O empresario facilitaralle ó comité de flota o modelo ou modelos de contrato de embarque que habitualmente utilice, estando lexitimado o comité para efectua-las reclamacións oportunas ante a empresa e, se é o caso, ante a autoridade laboral competente.

No referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidade profesional e as súas consecuencias, os índices de sinistrabilidade, o movemento de ingresos e cesamentos e os ascensos.

3. Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

a) Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o respecto

dos pactos, condicións ou usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas ante a empresa e os organismos ou tribunais competentes.

b) A calidade da docencia e da efectividade dela nos centros de formación e capacitación da empresa.

4. Participar, como regulamentariamente se determina, na xestión das obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores ou das súas familias.

5. Colaborar, coa dirección da empresa, para consegui-lo cumprimento de cantas medidas acordadas polas partes procuren o mantemento e o incremento da productividade da empresa.

6. Os membros do comité de flota e este no seu conxunto observarán sixilo profesional en todo o referente ós apartados a) e c) do punto 1 desta norma, aínda despois de deixar de pertencer ó comité de flota e en especial de todas aquelas materias sobre as que a dirección sinale expresamente o carácter reservado. Esta obriga de sixilo estenderase ós expertos que asesoren o comité.

7. Aqueloutras que se lle asignen neste convenio.

8. Calquera membro do comité de empresa poderá convocar asemblea en calquera buque da empresa.

O comité de flota, para o cumprimento destas funcións, reunirase coa dirección da empresa como mínimo unha vez cada catro meses. Previamente a cada reunión, a empresa deberá enviarlle información sobre os puntos que se van tratar propostos por esta.

Para o mellor exercicio destas funcións, o comité de flota poderá estar asesorado polos expertos que libremente designe.

Naquelas empresas nas que non haxa posibilidade de constituír comité de flota, as facultades e funcións atribuídas a este órgano representativo exerceraas o colectivo de delegados de buque desta.

9. Poderá concretarse un pacto de acumulación de horas sindicais como desenvolvemento do artigo 68 do Estatuto dos traballadores.

Comidas especiais.

Enténdese por comidas especiais as que se preparan para datas sinaladas como os días: 1º de maio, Nosa Señora do Carme, Noiteboa e Noitevella. A cantidade, calidade e tipo de comida para estes días será a criterio do cociñeiro e comisión de comidas e a compañía correrá cos gastos.

A manutención para ningún efecto terá a consideración de salario; por conseguinte, non será esixible durante as vacacións, permisos, licencias, baixa por enfermidade, accidente e outras situacións similares. Tampouco se aboará coas pagas extraordinarias nin con calquera outro devengo que recoñeza a ordenanza de traballo da mariña mercante.

TÁBOA SALARIAL ANO 1996

CategoríasSalario

profesional

G. mandoAntigüidadeValor

hora Ext.

Garantía mínima (1)

Capitán350.48530.5198.4281.62255.891 (34)

X. máquinas274.17624.4317.8671.46755.018 (37)

1º oficial221.822--6.5581.22350.612 (41)

2º oficial198.457--6.0321.01250.612 (45)

Mestranza156.921--4.224 90936.376 (40)

Camareiro Mar. Pref. engraxador142.548--3.819 80726.249 (32)

Mariñeiro, mozo124.311--3.594 772245.459 (33)

Alumno 81.763---- 52023.731 (45)

Transbordos

Establécese un transbordo de 2.533 ptas. por tonelada removida.

(1) Número de horas que acolle a garantía mínima.

Trincaxe

A retribución será de 1.936 ptas. hora de trincaxe por tripulante.

1001 a

3000 TRB

Limpeza total da caixa de cadea31.721
Limpeza total de interior de cofferdams24.671
Limpeza completa do interior do tanque de lastre e/ou auga doce31.721
Limpeza baixo pranchas da sentina de máquinas 3.871
Limpeza completa de cárter do motor principal 7.045
Limpeza do interior da galería de varridos 6.342
Limpeza completa de conductos de fume caldeiras e caldeiretas91.638
Picado e pintado total de interior de caixa de cadeas, cofferdams, tanques de lastre, tanques de auga doce con encalichado59.915
Limpeza baixo pranchas de toda a sentina de máquinas52.870
Limpeza de tanques de aceite ou combustible24.671
Limpeza completa do interior de tanques de servicio de aceites35.246
Picado e pintado de toda a sentina de máquinas98.689

P.P.= por persoa.

ANEXO I

En Chapela o once de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Reunidos: dunha parte, os delegados do comité de empresa da flota mercante, José Pérez Gómez, Juan Patiño Oujo e José Carlos González Casal, asesorados por Serafín de Sa Pazo do Sindicato Libre da Mariña Mercante e, da outra, Susana San Segundo Fernández e Fernando Ilarri Junquera, en nome e representación de Pescanova, S.A.

Acordan:

1. A empresa comprométese a dota-lo convenio colectivo dun índice xeral.

2. Exporase no taboleiro de anuncios a relación das horas extras e as de frío.

3. Os atrasos pagaranse coa nómina de outubro.

4. Realizaranse ademais modificacións nos artigos 17º, 20º, 21º, 22º e 32º.

5. Anúlase o artigo 55º.

6. Anúlase a disposición adicional 3ª, que se incorpora ó artigo 32º.

7. Garantía mínima de horas: para o segundo oficial redúcese o mínimo de horas de 50 a 45.

ANEXO II

O día 16 de xullo, festividade de Nosa Señora do Carme, patrona da mariña (O.T.M.M. artigo 15), ten a consideración de festivo non recuperable.

E en proba de conformidade, asínano no lugar e data ó principio indicados.

En Chapela o once de outubro de mil novecentos noventa e seis.

Reunidos: dunha parte os delegados do comité de empresa da flota mercante, José Pérez Gómez, José Carlos González Casal e Juan Patiño Oujo, asesorados por Serafín de Sa Pazo do S.L.M.M. e doutra Susana San SEgundo Fernández e Fernando Ilarri Junquera, en nome e representación de Pescanova, S.A.

No día de hoxe procédese á sinatura do convenio colectivo para o persoal de flota mercante para o ano 1996. O convenio está composto dun total de trinta páxinas.

En proba de conformidade, asínano no lugar e data ó principio indicados.

9553