Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de decembro de 1996 pola que se establece o programa de axudas para o fomento da economía social e a integración laboral dos minusválidos.

As diversas medidas de fomento do emprego postas en práctica polos países membros da Unión Europea, pretenden o axuste macroeconómico e sectorial da política de emprego; actuacións de carácter xeral que convén completar con medidas de fomento e axudas a outras actividades non plenamente integradas no mercado libre económico-laboral, englobadas baixo o amplo concepto de economía social.

As iniciativas empresariais promovidas polos traballadores baixo fórmulas de asociación en cooperativas, sociedades anónimas laborais, a busca de autoemprego como traballadores autónomos e a creación de centros de traballo especiais para minusválidos, reveláronse tradicionalmente como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios rexionais, e fixación da man de obra productiva, establecendo lazos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

O fomento das fórmulas de economía social, sen que isto supoña interferir na libre competencia, é unha obriga dos poderes públicos, recollida no seu artigo 129.2º da Constitución española e recomendado no dictame 89/C298/16 do Comité Económico e Social da Comunidade Económica Europea.

Por outra banda, no título VII da Lei 13/1982, de integración social do minusválido, establécese como primordial finalidade da política de emprego, a integración laboral dos traballadores minusválidos no sistema productivo, mediante fórmulas especiais de traballo protexido.

Segundo o establecido no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axuda, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ó Traballo e segundo o artigo 19.4º da orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 21-2-1986, a xestión das axudas dos diversos programas de creación de emprego recollida nela.

A decidida vontade desta Administración de prestar apoio a tódolos programas xeradores de emprego, queda reflectida no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, que establece liñas básicas de actuación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude nestas materias, e nos acordos que sobre economía social se levaron a cabo coas centrais sindicais.

Os recursos económicos destinados ós distintos programas que se establecen no articulado da presente orde, procederán das partidas orzamentarias establecidas para o efecto nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma correspondentes ó exercicio de 1997 e aqueloutras que se creen como consecuencia da distribución territorial que a Administración central

do Estado fai dos créditos correspondentes ós programas de apoio á creación de emprego e do Fondo Social Europeo.

De conformidade co establecido no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán iniciarse no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se vaia materializa-la contraprestación, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que se someta á aprobación do Parlamento de Galicia, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación. Así, o financiamento destas axudas realizarase con cargo ós créditos dos programas 14.04.222A.470.00 e 14.04.222A.470.05., que figuran no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que se estableceron,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto da presente orde é o establecemento dos seguintes programas de apoio á economía social e fomento do emprego para o exercicio económico de 1997, que se axustarán ó disposto nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, pola Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, no Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola presente orde de convocatoria.

I. Programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades anónimas laborais

Artigo 2º.-Finalidade.

A finalidade deste programa é facilitar axudas económicas, así como subvenciona-la asistencia técnica e a formación, que contribúan á creación ou conservación de postos de traballo mediante a constitución ou ampliación do número de socios ou ó mantemento de cooperativas ou sociedades anónimas laborais.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias as cooperativas, as sociedades anónimas laborais (SALES) que teñan á súa sede no territorio e estean inscritas nos rexistros correspondentes desta comunidade e/ou os seus socios traballadores ou de traballo.

Artigo 4º.-Tipos de axuda.

1) Asistencia técnica. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá subvenciona-los gastos ocasionados pola asistencia técnica necesaria para a

creación, mantemento ou renovación das cooperativas ou sociedades anónimas laborais.

Esta asistencia técnica só poderá ser solicitada durante o primeiro ano contado desde a data de constitución da cooperativa ou SAL, e deberana prestar empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional e poderá consistir nalgunha das seguintes modalidades:

-Estudios de viabilidade, organización, comercialización e outros análogos.

-Axuda salarial, por un período máximo dun ano, para a contratación de directores, xerentes ou técnicos, tendo en conta o previsto para a contratación de asalariados pola lexislación de cooperativas e sociedades anónimas laborais.

-Labores de asesoramento, auditoría, diagnóstico, xornadas técnicas sobre xestión empresarial e economía social.

A asistencia técnica poderá ser solicitada e realizada con carácter individual ou conxuntamente para un sector de actividade, grupo ou comarca.

A asistencia técnica poderá ser subvencionada na súa totalidade pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude, cando sexa promovida de oficio, e ata un 50% do seu custo, e xustificarase cando sexa concedida por instancia de parte. En todo caso o importe da subvención non poderá supera-lo 10% do investimento en activo fixo, excepto no caso de contratación de directores e xerentes.

2) Formación profesional e difusión da economía social. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude promoverá e subvencionará accións de formación profesional dos socios das cooperativas de traballo asociado e de sociedades anónimas laborais, e así mesmo, dos traballadores que desexen constituírse ou integrarse en cooperativas ou sociedades anónimas laborais. As entidades que desenvolvan as ditas accións deberán ser universidades, centros colaboradores de formación ocupacional homologados pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou entidades e institucións do movemento cooperativo e das sociedades anónimas laborais.

Así mesmo, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá promover e financiar directamente actividades de difusión, fomento, formación e promoción da economía social.

3) Subvencións financeiras. Teñen por finalidade a reducción dos xuros dos créditos para investimentos en capital fixo, destinadas á constitución ou mantemento de cooperativas e sociedades anónimas laborais e solicitados a nome delas. Sen embargo, no caso de constitución, poderase destinar ata un 25% do importe dos ditos créditos a investimentos en circulante.

Esta subvención será como mínimo de dous puntos, e como máximo de seis, do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo e non

poderá supera-la contía de 500.000 pesetas por socio integrante, solicitándoa unha vez por socio.

Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser tramitados e concedidos por entidades de crédito que teñan subscrito convenio coa Comunidade Autónoma galega.

4) Rendas de subsistencia. Poderanse conceder subvencións por este concepto de ata 500.000 pesetas, de participar no financiamento o Fondo Social Europeo, por socio traballador que no momento de adquiri-la condición de socio, estea desempregado e sexa menor de 25 anos, ou maior de 25 anos parado de longa duración, e que en ámbolos casos non medien máis de 3 meses entre a data de alta na Seguridade Social e a data da solicitude. Non obstante, para aqueles que se desen de alta con posterioridade ó 30 de setembro de 1996 e con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, o referido prazo de tres meses computarase a partir da citada data.

5) Axudas excepcionais. Poderánselles conceder axudas de carácter excepcional, ás cooperativas de traballo asociado de nova creación cando estean constituídas exclusivamente por mozos menores de 25 anos, nunha contía de ata 400.000 ptas. por socio traballador, destinadas a investimentos en activos fixos.

II. Programa de promoción de emprego autónomo

Artigo 5º.-Finalidade.

A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar proxectos e iniciativas que faciliten o autoemprego.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os desempregados que proxecten a creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos.

Artigo 7º.-Tipos de axuda.

1) Subvención financeira. Para a reducción de xuros de créditos destinados a financia-los investimentos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo. Esta axuda estará suxeita ás mesmas indicacións do artigo 4.3º da presente orde.

2) Rendas de subsistencia. Poderán outorgarse por unha soa vez, na contía de ata 500.000 pesetas de participa-lo Fondo Social Europeo no seu financiamento, unha subvención que garanta, durante o inicio da actividade, uns ingresos mínimos ou rendas de subsistencia, cando se trate de desempregados que obtivesen a subvención financeira sinalada no apartado anterior, sempre que non medien máis de 3 meses entre a data de alta na Seguridade Social e a data da solicitude. Non obstante, para aqueles que se desen de alta con posterioridade ó 30 de setembro de 1996 e con anterioridade á data de entrada en vigor de esta orde, o referido prazo de tres meses computarase a partir da citada data.

III. Programa de integración laboral dos minusválidos

Artigo 8º.-Finalidade.

A finalidade deste programa é estimular, mediante o seu financiamento, calquera iniciativa que xere emprego, preferentemente estable, para traballadores minusválidos desempregados.

Artigo 9º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1) Os centros especiais de emprego, cualificados como tales pola Xunta de Galicia.

2) Os traballadores minusválidos desempregados, que se constitúan en traballadores autónomos.

Artigo 10º.-Axudas a centros especiais de emprego.

1) Para a creación ou ampliación de centros especiais de emprego, poderán concederse as axudas e subvencións seguintes:

a) Subvencións para a asistencia técnica, ata un máximo do 50% do seu importe, se é solicitada por instancia de parte e, ata un 100%, se fose concedida de oficio. Esta axuda estará suxeita ás mesmas condicións establecidas no artigo 4º.1 da presente orde.

b) Subvención parcial dos xuros, por un mínimo de dous puntos e un máximo de seis, dos préstamos destinados a investimentos en capital fixo que obtivesen das entidades de crédito que teñan subscrito convenio coa Xunta de Galicia. Esta axuda estará suxeita ás mesmas condicións establecidas no artigo 4º.3 da presente orde.

c) Subvencións para financiar parcialmente a investimento fixo en caso de proxecto de recoñecido interese social.

2) Para mantemento de postos de traballo:

a) Bonificación do 100% da cota empresarial á Seguridade Social, incluídas as de accidente de traballo e enfermidade profesional, así como as de recadación conxunta, despois de autorización administrativa da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, que lles será comunicada ós beneficiarios e á Seguridade Social.

b) Subvención do custo salarial dos postos de traballo ocupados por minusválidos que realicen unha xornada de traballo laboral normal e estean dados de alta na Seguridade Social, ata un importe máximo do 50% do salario mínimo interprofesional.

c) Subvencións para adaptación de postos de traballo e eliminación de barreiras arquitectónicas, ata o 80% do seu custo, cunha contía máxima de 300.000 pesetas por posto de traballo.

d) Subvencións, por unha soa vez, destinadas a equilibrar e sanear financeiramente os centros especiais, para alcanza-la súa reestructuración, de forma que se garanta a súa viabilidade e estabilidade.

e) Subvención para equilibra-lo orzamento nos centros que carezan de ánimo de lucro e sexan de utilidade pública e imprescindibles polo labor que realizan.

Artigo 11º.-Axudas ós minusválidos que se establezan como traballadores autónomos.

Os traballadores minusválidos en situación de desemprego que proxecten realizar unha actividade laboral como traballadores autónomos, poderán solicita-las seguintes axudas:

1) Subvención dos xuros de préstamos que obteñan de entidades de crédito nas mesmas condicións cás establecidas no artigo 4º.3.

2) Subvencións para investimentos en capital fixo, ata un importe de 400.000 pesetas como máximo.

3) Rendas de subsistencia, nas mesmas condicións e contías cás establecidas no artigo 7º.2).

Artigo 12º.-Requisitos.

1) As iniciativas e proxectos referentes ós centros especiais de emprego que soliciten os beneficios recollidos no artigo 10º.1, deberán reuni-los requisitos seguintes:

a) Ter viabilidade técnica, económica e financeira.

b) Supoñe-la creación de emprego estable.

A contía das subvencións non superará os 2.000.000 de pesetas por posto de traballo creado, excepto casos excepcionais nos que así o autorice a conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

2) As subvencións e axudas graduaranse en función do rendemento económico e social do centro, da capacidade productiva do cadro de persoal, valorada no seu conxunto, e só acadarán o seu grao máximo cando os contratos sexan indefinidos e a xornada completa.

3) A bonificación prevista no artigo 10º, apartado 2, punto a), será deducida directamente das cotas que se liquidarán mensualmente á Seguridade Social, unha vez que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude o autorice, autorización que deberá renovarse cada vez que se produzan alteracións no número e condicións dos contratos.

4) Non se poderán conceder subvencións para equilibrar orzamentos, cando os resultados económicos adversos se deriven dunha deficiente xestión do centro.

Normas de procedemento

Artigo 13º.-Solicitudes.

1) As solicitudes presentaranse no rexistro xeral das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa documentación esixida en cada caso, debendo ser, polo menos, un exemplar de cada documento, orixinal ou fotocopia compulsada.

2) Ás solicitudes de subvención de xuros para investimentos achegaráselle-lo contrato de préstamo ou o acordo da súa concesión por parte da entidade financeira no que figuren as características deste e se faga constar que se acolle ó convenio subscrito para tal fin.

3) Cando se trate de axudas á creación de emprego, só poderán presentarse solicitudes nas que os investimentos obxecto da subvención fosen levados a cabo no presente exercicio.

Artigo 14º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro.

Artigo 15º.-Tramitación.

1) As unidades administrativas receptoras examinarán as solicitudes recibidas, comprobando que a documentación presentada se axusta ó disposto na presente orde. Se se observase algunha deficiencia, notificaráselle ó solicitante para que, no prazo de dez días, se corrixan os defectos observados ou complete a documentación requirida, advertíndolle que, se así non o fixese, se arquivarán sen máis trámite.

2) Unha vez realizado o trámite anterior, remitiranselle os expedientes á comisión de valoración, que efectuará a oportuna proposta de resolución, e pasaralle o expediente á Intervención Territorial co obxecto da súa fiscalización.

3) Para efectos do disposto no apartado anterior, a comisión de valoración estará formada polo xefe de Servicio de Formación e Emprego, que a presidirá; como vocales, o xefe de sección competente en materia de promoción de emprego, que ademais actuará como secretario, e por un funcionario da respectiva delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude designado polo delegado.

4) A resolución dos expedientes, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalles ós respectivoss delegados provinciais. A resolución deberá producirse no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

5) A conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá reservar para si a resolución daqueles expedientes nos que, solicitando as subvencións recollidas nos distintos programas contidos na presente orde, excedan do ámbito provincial, así como os daqueles sectores productivos que, polas súas características, situación ou circunstancias especiais, así o aconsellen.

Artigo 16º.-Criterios de prioridade.

Cando se trate de axudas á creación de emprego, teranse especialmente en conta:

1) As solicitudes formuladas por membros de colectivos con especiais dificultades para acceder ó tra

ballo, parados de longa duración, mozos de primeiro emprego, mulleres, ex-reclusos, etc.

2) As solicitudes nas que o ámbito territorial de execución afecta a comarcas con altas taxas de paro, baixo desenvolvemento, aproveitamento dos recursos propios e que supoñan ocupación para gran número de traballadores.

Artigo 17º.-Pagamento e forma de xustificación.

1) Rendas de subsistencia.

A subvención faráselle efectiva dunha soa vez, pola súa totalidade, directamente ó beneficiario, socio da cooperativa ou traballador autónomo.

2) Subvencións financeiras.

A subvención financeira para a reducción de xuros dos créditos para investimentos en capital fixo, faráselle efectiva á entidade prestamista, conforme o convenio subscrito, e deberá acredita-lo beneficiario, no prazo de 30 días desde o seu coñecemento, a amortización do principal na contía subvencionada, mediante certificación para o efecto.

Para os efectos desta subvención, só se terán en conta, como investimentos en capital fixo, os seguintes conceptos:

-Compra, traspaso ou adecuación de locais comerciais o industriais, quedando excluída a vivenda habitual.

-Compra de maquinaria, moblaxe, instalacións e utensilios.

-Compra de vehículos comerciais.

3) Axudas para asistencia técnica e formación.

Cando sexa concedida para a creación de sociedades cooperativas e sociedades anónimas laborais, seralle aboada á empresa ou persoa física especializada, despois da xustificación do gasto, na forma establecida na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

4) Axuda excepcional.

No caso das cooperativas de traballo asociado constituídas por menores de 25 anos, faráselle efectiva á entidade solicitante despois de xustifica-lo investimento realizado.

Artigo 18º.-Seguemento e control.

Os beneficiarios das axudas recollidas nos apartados 1, 2 e 4 do artigo 17º están obrigados a realiza-la actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención por un prazo de, polo menos, 3 anos, salvo que poidan xustificar documentalmente o cesamento de súa actividade por causas alleas á súa vontade.

O seguimento e control das axudas concedidas de acordo coa presente orde, realizarase a través dos ser

vicios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os traballadores de 25 ou máis anos que se acollan ás modalidades de creación de emprego establecidas na presente orde, poderán ser beneficiarios dunha axuda equivalente á establecida no artigo 4º.4, aínda que non reúnan a condición de ser desempregados longa duración, nos seguintes casos:

1) Os emigrantes retornados que residisen ininterrompidamente no estranxeiro durante os 4 anos anteriores ó seu retorno, ou realizasen nos últimos tres anos unha campaña de traballo no estranxeiro de polo menos seis meses en cada un deles.

2) As mulleres que accedan ó seu primeiro emprego ou se reincorporen ó mercado de traballo tras un período de inactividade e que realizasen un curso previo de formación ocupacional aprobado polo Instituto Nacional de Emprego ou pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude relacionado directamente coa súa actividade ou posto de traballo.

3) Os traballadores que, para mante-lo seu posto de traballo, adquiran os bens inventariables da empresa na que prestaban os seus servicios, e adopten a forma xurídica de cooperativa ou sociedade anónima laboral.

Segunda.-Non obstante o disposto nos artigos 1º e 13º.3 desta orde, as accións subvencionables ó abeiro da Orde do 9 de xaneiro de 1996, pola que se establece o programa de axudas para o fomento da economía social e a integración laboral dos minusválidos, ás que afectase o contido do artigo 14 da citada orde, poderán ser atendidas no presente exercicio, e comezarán a computarse os prazos a partir da entrada en vigor da presente orde.

As solicitudes de axudas feitas de acordo ás ordes de exercicios anteriores que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas actualmente tendo en conta a incidencia social e económica do solicitante.

Terceira.-As subvencións e bonificacións recollidas nos apartados a) e b) do número 2º do artigo 10º, non están suxeitas ó exercicio económico anual e presentaranse dentro dos corenta e cinco días seguintes á conclusión de cada trimestre.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como, a percepción doutras axudas non declaradas, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Quinta.-As cooperativas de traballo asociado cualificadas como centro especial de emprego, poderán beneficiarse das axudas establecidas no programa III,

que non sexan concorrentes con outros programas para os seus socios traballadores, sempre que estes optasen pola súa incorporación ó réxime xeral da Seguridade Social.

Sexta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes no puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o respectivo delegado provincial e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio ca el.

Sétima.-Cando por razóns de interese social, as circunstancias así o aconsellen, a conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá conceder unha subvención, de oficio ou por instancia de parte, por unha soa vez, para o mantemento da entidade.

Oitava.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas.

Novena.-A concesión das subvencións recollidas na presente orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito da súa competencia, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1996.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

9385