Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 68

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de decembro de 1996 pola que se regula a concesión de axudas a organizacións non gobernamentais de cooperación o desenvolvemento (ONGD) para actividades formativas de sensibilización e educación ó desenvolvemento.

As relacións entre a Xunta de Galicia e as ONGDs, iniciadas en 1994, puxeron de manifesto a vontade

de ámbalas partes en comprometérense coa solidariedade e a cooperación para o desenvolvemento dos países empobrecidos. Desta vontade xorde a necesidade de implicármonos na concienciación da nosa sociedade, un proceso que pasa pola realización de actividades de carácter educativo, de reflexión e debate, de capacitación e participación nos ámbitos relacionados coa cooperación ó desenvolvemento.

Como no proxecto dos orzamento desta Comunidade Autónoma para o próximo exercicio orzamentario, o mesmo que nos anteriores, se fixa unha partida específica destinada a facer fronte ás axudas económicas que puidesen interesarlle ás ONGDs para a execución do seus proxectos; entendemos que debe recollerse coa posibilidade de colaborar economicamente coa execución de proxectos formativos de sensibilización e educación. Precísase dárlle-la necesaria cobertura legal e ó mesmo tempo racionalizar, simplificándoos e normalizándoos, os procesos económico-administrativos que para adxudicación e fiscalización das axudas se requira seguir,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

A presente orde ten por obxecto regula-las axudas que, para o exercicio económico de 1997, lles conceda a Comunidade Autónoma de Galicia ás ONGDs inscritas no rexistro de ONGDs (creado por orde desta consellería do 4 de abril de 1994 ,DOG do 6 de abril), para realización das actividades que se concretan nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Obxecto das axudas.

Serán susceptibles das axudas previstas no artigo anterior aquelas actuacións que teñan por obxecto a realización de actividades formativas para a sensibilización ou a educación para o desenvolvemento, dirixidas a estamentos sociais relacionados ou interesados no proceso de cooperación para o desenvolvemento, no ámbito propio de actuacións das ONGDs.

Quedan excluídas de toda axuda as actuacións formativas dirixidas exclusivamente a membros da propia organización.

Artigo 3º.-Requisitos para a concesión de axudas.

Os proxectos formativos para os que se soliciten as axudas reguladas nesta orde deberán de cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que se executen dentro do territorio desta Comunidade Autónoma.

b) Que a súa dirección, coordinación e control sexan exercidos directamente pola entidade solicitante.

c) Que vaian dirixidas á formación técnica de equipos multidisciplinares.

d) Que a oferta de formación se dirixa a calquera sector relacionado coas técnicas aplicables á execución dos proxectos de cooperación que se configuran como obxecto da acción das ONGDs.

Artigo 4º.- Criterios para a concesión das axudas.

A concesión de subvencións a proxectos formativos realizarase en función de concorrencia dos seguintes criterios selectivos:

a) Tecnicidade da formación e do equipo formador.

b) Carácter interdisciplinar dos coñecementos que se impartirán.

c) Carácter teórico-práctico da formación que se impartirá.

d) Número de persoas ás que se dirixe a actividade.

e) Pagamento de matrícula ou dereitos de formación.

f) Terán carácter preferente para acceder ás subvencións recollidas nesta orde aqueles proxectos presentados por dous ou máis ONGDs co compromiso solidario de poñelo en marcha no caso de recibi-los fondos solicitados.

Artigo 5º.-Cobertura das axudas.

O importe da axuda susceptible de ser outorgada non excederá do 75% dos seguintes gastos que resulten necesarios para a impartición da formación para a que se solicite auxilio económico:

a) Gastos de locais para a impartición de formación, incluídos os de subministración de auga, gas e electricidade e os de limpeza.

b) Axudas de custo e viaxes do profesorado.

c) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade.

d) Gastos de material de oficina xerados pola convocatoria e desenvolvemento da actividade.

Quedan excluídos de toda axuda os gastos xerados pola organización, dirección, control, e supervisión da actividade formativa, así como calquera outro análogo que puidese derivarse dela, que sexa achegado pola ONGD solicitante.

Excepcionalmente, o límite establecido no parágrafo primeiro deste artigo poderá ser superado cando o proxecto presentado se englobe dentro dun plan de acción integral sobre unha zona ou sector xeográfico que se vaia tratar en programación plurianual ou a desenvolver coordinadamente entre varias ONGDs.

Artigo 6º.-Solicitudes e a súa formalización.

A solicitude de axudas regulamentadas na presente orde formularase a través de escrito formalizado segundo o modelo recollido no anexo desta orde.

Toda solicitude deberá ir acompañada de copia fidedigna do proxecto formativo que, alomenos, deberá estar composto polos seguintes documentos:

a) Programa formativo.

b) Relación de profesionais encargados de imparti-la disciplina ou as disciplinas que configuren o proxecto de formación, así como titulación deles.

c) Número de perceptores da formación.

d) Importe da matrícula ou dos dereitos de formación que hai que satisfacer, se os houbese.

e) Data prevista para a iniciación da actividade programada.

f) Calendario para a impartición do programa, con indicación de: número de días lectivos, horario diario de formación, total de duración horaria da actividade formativa con desagregación do adicado ás distintas disciplinas ou técnicas que se van impartir, distribución horaria da actividade maxistral e a teórico-práctica.

g) Orzamento de gastos desagregado por partidas en función da natureza dos gastos que se van realizar para a execución da actividade.

h) Compromiso de contribución, directa ou por medio de financiamento de terceiros, da diferencia entre o custo total da actividade para a que se solicita o auxilio económico e a contía da axuda concedida.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, presentaranse directamente en calquera dos rexistros de entrada da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Poderán tamén presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes poderán presentarse ata o día 28 de febreiro de 1997.

Artigo 9º.-Resolución de solicitudes.

As solicitudes serán resoltas pola comisión de avaliación de actividades de desenvolvemento prevista no parágrafo primeiro do artigo 10 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de xuño de 1995, dentro do prazo de tres meses contados desde o día seguinte ó da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes entenderanse desestimadas se dentro do expresado prazo non se lle notificase a súa resolución ó solicitante.

Artigo 10.-Aboamento da subvención.

No caso de que a subvención concedida non acadase a cubri-la porcentaxe de gastos establecida no artigo 5º desta orde, con carácter previo ó seu aboamento, a ONGD beneficiaria deberá proceder a formalizar declaración complementaria da regulada na letra h) do parágrafo segundo do artigo 6º desta orde, referida á diferencia entre aquela porcentaxe e a axuda concedida.

Artigo 11º.-Información sobre a execución.

As ONGDs beneficiarias de axuda regulada por esta orde deberán, se é o caso, poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Relacións Institucionais, antes do inicio da actividade:

a) Calquera modificación do proxecto formativo, para a súa autorización, se procede.

b) Calquera incidencia que implique alteración do calendario establecido.

En todo momento, o persoal designado pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais poderá proceder a inspecciona-lo desenvolvemento da actividade subvencionada; igualmente, os órganos específicos da Administración autonómica poderán efectuar inspeccións de carácter económico.

Artigo 12º.-Xustificación dos investimentos.

Levada a cabo a actividade formativa, dentro dos 15 días seguintes ó da súa finalización, e en todo caso, tendo como prazo máximo o día 31 de outubro de 1997, a ONGD beneficiaria da axuda remitirá a Dirección Xeral de Relacións Institucionais unha memoria comprensiva dos seguintes extremos:

a) Cadro numérico de participantes na actividade formativa desagregado por profesións, titulacións ou oficios.

b) Cadro de incidencias.

c) Valoración dos resultados formativos.

d) Relación de gastos efectuados para a execución da actividade, acompañada de copia das facturas satisfeitas.

A anterior memoria irá acompañada de copia das facturas, gastos efectuados e comprobantes dos ingresos obtidos para a execución da actuación formativa. Tal documentación será conformada polo director xeral de Relacións Institucionais.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

As ONGDs beneficiarias, están obrigadas á devolución das axudas concedidas, incrementadas cos correspondentes xuros de demora, nos seguintes casos:

a) Non execución da actividade subvencionada. Entenderase non executada a actividade cando, transcorridos dous meses desde a data sinalada no parágrafo segundo letra e) do artigo 6º desta orde, aquela non fose iniciada.

b) Incumprimento do disposto no derradeiro parágrafo do artigo anterior.

c) Modificación substancial do proxecto formativo sen a correspondente autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Institucionais. Para estes efectos presúmese substancial a eliminación do pro

grama de calquera das disciplinas que se van impartir ou a súa substitución por outras non programadas, modificación do cadro de profesorado e a reducción horaria.

Artigo 14º.-Dotación orzamentaria.

A contía global asignada ás axudas reguladas por esta orde fíxase en catro millóns de pesetas (4.000.000 de ptas.), con cargo á partida orzamentaria 04-13-121.A-490.0.

Disposicións adicionais

Primeira.-De conformidade co disposto na Orde do 2 de xuño de 1986 da Consellería de Economía e Facenda, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991 (DOG do 19 de xuño e 29 de outubro, respectivamente) sobre tramitación anticipada de expediente de gasto, non se lles comunicará a resolución das concesións ós beneficiarios, ata que resulten aprobados os créditos do programa 121.A (axudas ó exterior) ó abeiro do gasto correspondente. Os citados créditos figuran no proxecto de Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Segunda.-No non previsto nesta orde, deberase ter en conta o que preceptúan os artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o que dispoña ó respecto a Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Terceira.-De conformidade co establecido no proxecto de Lei de presupuestos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, artigo 40. A, unha vez tramitado o correspodente expediente administrativo, e se é o caso, logo do acordo do Consello da Xunta de Galicia, poderá acordarse no momento da concesión da axuda un anticipo de pagamento. O resto librarase no momento da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda e demais condicións esixidas na presente disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Institucionais para dicta-las resolucións precisas no desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9691