Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Venres, 03 de xaneiro de 1997 Páx. 67

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 446/1996, do 20 de decembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia.

Trala promulgación do Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, sobre ampliación do servicio farmacéutico á poboación, a Comunidade Autonóma galega procedeu a desenvolve-las previsións contidas no artigo 4 do devandito real decreto, referente á xornada e horario dos servicios farmacéuticos, baixo os principios de liberdade e flexibilidade.

Neste sentido a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou o Decreto 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, determinando a xornada e horarios, as quendas de urxencia nocturna e diurna, as vacacións, a publicidade de horarios e os calendarios de quendas de urxencia.

Non obstante o anterior, as diversas cuestións presentadas na aplicación do decreto aconsellan a modificación puntual dalgúns aspectos del así como precisa-lo alcance dalgún dos seus artigos.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de Farmacéuticos de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Dáse nova redacción ó artigo 1º do Decreto 253/1996, do 20 de xuño, que queda redactado como segue:

«Artigo 1º.-Xornadas e horarios.

1. As oficinas de farmacia deberán permanecer abertas ó público os días laborais de luns a venres como mínimo entre sete e nove horas, comprendidas entre as 9 e as 14 horas e as 16 e as 20 horas.

Os sábados laborables deberán permanecer abertas un mínimo de catro horas comprendidas entre as 9 e as 14 horas.

Co fin de facilita-lo acceso dos usuarios ó servicio farmacéutico, os horarios mínimos deben ser uniformes dentro do mesmo municipio, correspondéndolles ós colexios oficiais de farmacéuticos a súa fixación de acordo co establecido nos parágrafos anteriores.

2. As oficinas de farmacia que permanezan abertas ó público fóra dos horarios ou xornadas sinaladas como mínimos no apartado anterior, deberán comunica-la dita circunstancia, con carácter previo, á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a través dos colexios oficiais de farmacéuticos.

3. As oficinas de farmacia que opten polo establecemento dun réxime de apertura máis amplo có sinalado con carácter de mínimos, deberán manter ese réxime polo menos durante un ano natural, entendendo por tal o período entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do mesmo ano, debendo comunicar tal opción con carácter previo durante o mes de novembro; así mesmo durante o dito mes deberán comunica-las variacións que se é o caso pretendan realizar sobre o horario ou xornada que teñan establecidas, ou a súa intención de non continuar co dito réxime.

4. En todo caso ese horario máis amplo có establecido maioritariamente de xeito uniforme en cada municipio, segundo o disposto no número 1 deste artigo, deberá coincidir co horario enteiro establecido para as urxencias diúrnas e/ou nocturnas, tanto en días laborables como en festivos.

5. A presencia e actuación profesional do farmacéutico é condición e requisito inescusable para a dispensación ó público de medicamentos».

Artigo 2º.-Dáse nova redacción ó artigo 2º do Decreto 253/1996, quedando redactado como segue:

«Quendas de urxencia nocturna e diurna.

Fóra do horario ordinario e co fin de mante-la continuidade do servicio, estableceranse quendas de urxencia nocturna e diurna.

Considérase quenda de urxencia diurna aquela que se realice dun xeito continuado e ininterrompido durante toda a xornada diurna, dando comezo na hora normal de apertura establecida en xornada matinal para as farmacias do municipio, e finalizando ás 22 horas.

Considérase quenda de urxencia nocturna aquela que se realice desde as 22 horas ata a hora normal de apertura establecida en xornada matinal para as farmacias do municipio».

Artigo 3º.-Dáse nova redacción ós parágrafos 3º, 4º e 6º do artigo 3 do Decreto 253/1996, quedando redactados como segue:

«3. Na organización das quendas de urxencia poderase autoriza-lo establecemento de quendas entre oficinas de farmacia abertas ó público en distintos municipios colindantes, sempre que se respecte a distancia máxima de 15 quilómetros entre elas.

4. Nos municipios de poboación maior de 20.000 habitantes os mínimos para o establecemento das quendas de urxencia axustaranse ós seguintes criterios, sen menoscabo do previsto nos puntos 5 e 6 deste artigo:

PoboaciónNº oficinas farmaciaNº oficinas farmacia

de urxencia diurnade urxencia nocturna

De 20.001 a 70.000 habit.11

De 70.001 a 150.000 habit.32

Desde 150.001 habit.53

A localización das oficinas de farmacia de urxencia establecerase de forma que se garanta a adecuada accesibilidade da poboación.

6. Os municipios con tres ou máis oficinas de farmacia e máis de 12.000 habitantes terán, polo menos, unha en servicio de urxencias».

Artigo 4º.-Engádese un número 7 ó artigo 3º, coa seguinte redacción:

«7. Os municipios menores de 12.000 habitantes terán polo menos unha farmacia en servicio de urxencias, sen prexuízo do disposto no número 3 deste artigo».

Disposición transitoria

Os horarios vixentes nas oficinas de farmacia antes da entrada en vigor deste decreto deberán acomodarse ó que nel se establece nun prazo de 1 mes contado a partir da súa publicación.

Con carácter excepcional, as ampliacións horarias ás que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 1º, con efectos para o ano 1997, poderán ser comunicadas no prazo máximo dun mes contado desde a publicación do presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9540