Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Luns, 30 de decembro de 1996 Páx. 11.985

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 27 de novembro de 1996 pola que se declara a caducidade da cetaria sita na Balandra, porto de Cariño, distrito marítimo de Ortigueira, titularidade de Comercializadora de Mariscos, S.A. (Comasa).

Visto o expediente de caducidade incoado a Comercializadora de Mariscos, S.A. (Comasa) na súa condición de titular da concesión administrativa dunha cetaria sita na Balandra, porto de Cariño, distrito marítimo de Ortigueira outorgada por Orde do 24-1-1931.

Resultando que con data 3-6-1996 a Delegación Territorial da Coruña acordou a incoación do expediente de caducidade á citada concesión pola causa recollida no artigo 72.C da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

Resultando que o citado acordo de incoación de expediente de caducidade foi notificado ó titular da concesión en data 7-2-1996.

Resultando que no tempo e forma o titular presentou escrito de alegacións nas que sinala que:

1. Sorprende ó comparecente o comunicado recibido, toda vez que a prórroga está solicitada en tempo e forma, e se tramita para o efecto o oportuno expediente. O citado expediente está identificado co nº 504A 94/111-1, e encóntrase en fase de corrección de defectos. O pasado mes de decembro a entidade que representa aínda recibiu un comunicado do Centro de Información Administrativa, dependente da Consellería da Presidencia, no que se recordaba que o dito expediente continuaba aberto e se informaba sobre o seu estado actual. Xúntase copia.

2. Por conseguinte a prórroga foi solicitada en prazo legal e non concorre a causa mencionada no artigo 72,c da Lei 6/1993, do 11 de maio. O citado precepto recolle o suposto de non solicitude de prórroga, suposto ó que non son asimilables situacións como a presente na que, aínda que sendo interesada, esta non foi concedida polo momento e existe un procedemento aberto e pendente de resolución.

Resultando que con data 29-8-1996 se dicta proposta de resolución por parte do instructor na que se propón a caducidade da concesión supracitada.

Resultando que con data 26-9-1996 o titular da concesión presenta escrito de alegacións no que sinala:

1. Na consellería consta o expediente 504A 94/111-1, relativo á prórroga de establecemento de cultivos mariños e auxiliares, o dito expediente encóntrase en fase de recepción de corrección de defectos desde o 14 de novembro de 1994. Así o comunicou a entidade Comasa, S.A. á Consellería da Presidencia o 18-12-1995.

2. Isto significa que a prórroga se solicitou con anterioridade a esta data e que está en trámite. O considerando segundo da resolución notificada resulta inexplicable: ¿Como non hai constancia do expediente da solicitude de prórroga se en decembro de 1995 comunícase a esta parte a existencia dun procedemento en vigor. A Administración está suxeita polos

seus propios actos e non pode vulneralos; con este comunicado sobre tramitación de expedientes, emitido de oficio, provoca que o administrado permaneza á espera dunha resolución, na crenza de que a súa solicitude inicial continúa en trámite. En tanto non se resolva expresamente o citado expediente non resulta procedente incoa-la declaración de caducidade.

Considerando que o expediente se tramitou conforme a dereito.

Considerando en canto ó fondo do asunto, que as alegacións formuladas polo titular da concesión non desvirtúan a causa de caducidade invocada por canto resulta acreditado que o titular solicitou a prórroga con posterioridade ó remate da vixencia da concesión.

Vistas a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, Lei 22/1988, do 29 de xullo, de costas, Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento xeral para o desenvolvemento da Lei de costas, Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños e demais disposicións aplicables ó caso.

Esta consellería acorda, en exercicio das súas atribucións e competencias, confirma-la caducidade da concesión supracitada á vista da proposta de resolución emitida polo instructor do expediente.

A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na forma e prazos previstos no artigo 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo do 27 de decembro de 1956.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

9427