Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Luns, 30 de decembro de 1996 Páx. 11.913

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se clasifica como mixta a Fundación Galega para a Tutela de Adultos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galega para a Tutela de Adultos, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Teresa Rey Barreiro-Meiro, en calidade de representante legal da fundación, en escrito do 13 de novembro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 18 de outubro de 1996, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Manuel Julio Reigada Montoto, con número mil douscentos noventa e catro do seu protocolo, pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude e o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, interveñen, por razón dos seus cargos, en nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación é, entre outros, o exercicio da tutela e curadoría das persoas maiores

de idade incapacitadas legalmente, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que carezan de familia, persoa ou institucións idóneas ou estas non se encontren en condicións de exercelas, nos termos fixados no Código Civil, cando así o determine a autoridade xudicial.

4. O padroado da fundación estará constituído polo director xeral de Familia, que será o presidente, o director xeral de Servicios Sociais como vicepresidente e como vocais, un funcionario designado pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude, un funcionario designado pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, un funcionario designado pola Consellería da Presidencia e Administración Pública, un funcionario designado pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e actuará como secretario un funcionario designado pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Galega para a Tutela de Adultos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, ó cumprirse os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de decembro de 1996. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Galega para a Tutela de Adultos e adscribila á Consellería da Pre

sidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

96-9539