Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 26 de decembro de 1996 Páx. 11.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 432/1996, do 13 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 20 kV ó centro de transformación do Viso, no termo municipal de Carnota, provincia da Coruña. (Expediente 52722).

Electra del Jallas, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na praza da Constitución nº 17, 15270

Cee, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea, a 20 kV de 262 m de lonxitude, con conductor de LA-56, desde a L.M.T. Pontella-Alivia ata o C.T. do Viso, concello de Carnota (A Coruña). (Expediente 52722).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 21-6-1994, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 16-8-1994, no BOP de A Coruña do 4-8-1994, e no BOE do 28-7-1994.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados publicáronse no DOG do 5-6-1996, no BOP da Coruña do 15-6-1996, no xornal El Correo Gallego do 26-6-1996, e no taboleiro de anuncios da casa do Concello de Carnota e no da delegación provincial, ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente ó interesado que figura na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública formulou alegación Ramona Álvarez Cambeiro, respecto do predio número 34, argumentando que o seu predio ten a cualificación de urbano polo concello de Carnota, polo que a servidume que se vai constituír produciría grandes prexuízos, engadindo que de ser absolutamente necesaria a constitución da servidume, debería facerse polo punto menos prexudicial, e non na forma prevista, solicitando ademais que a liña se instale soterrada nesa zona concreta.

Vistas as alegacións de Ramona Álvarez Cambeiro e da empresa beneficiaria, dedúcese que non se pode acepta-la cualificación do predio dado pola alegante, xa que non cumpre os requisitos esixidos no artigo 336 e demais concordantes e de pertinente aplicación do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, ó carecer dos servicios que o mencionado real decreto e a lei do solo establecen. Por outra parte, a afección do referido predio é de 8 metros lineais, o que pon en evidencia que por onde se establece a servidume é imposible edificar ó non reuni-las condicións mínimas esixidas nesta materia. Polo que se refire á instalación soterrada da liña, non se pode aceptar ó ter en conta o que establece o artigo 26.3º do xa citado regulamento, que contempla que considerarase non

admisible a variante cando o custo dela sexa superior nun 10% ó orzamento da parte da liña afectada pola variante, e no presente caso, ó facerla soterrada o incremento sería moi superior. En consecuencia, desestímanse as alegacións efectuadas por Ramona Álvarez Cambeiro.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para ós efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Cóidase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Electra de Jallas, S.A., xa que con esta liña se pretende subministrar de enerxía ó centro transformador no Viso, para poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade na dita zona, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de decembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta Electra de Jallas, S.A., da liña eléctrica aérea ó centro transformador do Viso, concello de Carnota.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Carnota (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, trece de decembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9420