Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 26 de decembro de 1996 Páx. 11.816

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de novembro de 1996 pola que se modifica a do 8 de agosto de 1985, pola que se regulan os equipos psicopedagóxicos de apoio na Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola Orde do 8 de agosto de 1985 (DOG do 3 de setembro) creáronse os equipos psicopedagóxicos de apoio na Comunidade Autónoma de Galicia e reguláronse as súas funcións e funcionamento, ó mesmo tempo que se lles asignaba a dependencia directa da Dirección Xeral de Educación Xeral Básica.

As modificacións sufridas pola nosa sociedade desde o ano 1985 influíron tanto na aparición de nova normativa como na estructura da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que se adaptou ás novas necesidades xurdidas da Lei 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo.

Cómpre, xa que logo, actualiza-la ordenación dos equipos psicopedagóxicos de apoio asignándolles a dependencia da dirección xeral competente, segundo lle corresponda a proposta de actuacións para atende-las necesidades educativas especiais e a diversidade dos alumnos no decreto polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por outra parte, a experiencia acumulada desde o ano 1985 fai aconsellable descentraliza-la aprobación e o seguimento dos plans de actuación dos equipos. Cómpre, polo tanto, proceder á derrogación da comisión central establecida na Orde do 8 de agosto de 1985, sen renunciar por iso á existencia de canles de comunicación cos servicios centrais.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que ten atribuídas,

DISPÓN:

Artigo 1º

Modifícase a Orde do 8 de agosto de 1985, pola que se regulan os equipos psicopedagóxicos de apoio na Comunidade Autónoma de Galicia nos termos que se establecen a continuación:

1. O punto 2º i) queda redactado como segue: «i) Colaborar na elaboración do deseño das necesidades concretas do sector que se elevará a través da inspección educativa á dirección xeral competente, segundo o decreto polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.»

2. O punto 4º queda redactado como segue: «a dirección xeral competente, segundo o decreto polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asignaralle a

cada equipo psicopedagóxico, despois da proposta do inspector director do mesmo, un sector xeográfico de actuación sobre o que realizará as funcións sinaladas no punto 2º desta orde».

3. A disposición derradeira primeira queda redactada como segue:

«1. Autorízaselle á dirección xeral competente, segundo o decreto polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido nesta orde».

Artigo 2º

Quedan derogados os puntos 5º, 6º, 7º e 8º da Orde do 8 de agosto de 1985, pola que se regulan os equipos psicopedagóxicos de apoio na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9497