Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Luns, 23 de decembro de 1996 Páx. 11.763

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 1996 pola que se determina o prazo de presentación de solicitudes de axudas específicas para a adquisición e a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos no exercicio de 1997.

Por Orde do 29 de marzo de 1996 regulouse a concesión de axudas para a adquisición de inmobles en conxuntos históricos dentro do programa de vivenda a prezo taxado definido na normativa que desenvolveu o Plan de Vivenda e Solo 1996-1999. Igualmente regulouse a concesión de axudas á rehabilitación dos devanditos conxuntos históricos compatibles coas establecidas no dito plan.

O artigo 4º.4. da devandita orde dispón que, para os sucesivos exercicios, o prazo de presentación das solicitudes será determinado por resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes no exercicio de 1997 e indica as partidas orzamentarias nas que figuran os créditos que amparan as devanditas axudas.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992, do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Adquisición de vivendas.

As obrigas derivadas da aplicación do artigo 1º da Orde do 29 de marzo de 1996, atenderanse durante o exercicio de 1997 con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.783 do estado de gastos do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 2º.-Rehabilitación de vivendas.

As obrigas derivadas da aplicación do artigo 2 da orde do 29 de marzo de 1996, atenderanse durante o exercicio de 1997 con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.784 do estado de gastos do proxecto de lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 3º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 1997 e rematará o 31 de outubro de 1997.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 1996.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

9428