Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Luns, 23 de decembro de 1996 Páx. 11.762

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga convocada referente ós médicos e ATS-DUE interinos das provincias de Ourense e A Coruña dependentes da Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde, para os días 23, 26 e 30 de decembro de 1996 e 2, 7, 9, 13 e 16 de xaneiro de 1997.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ós médicos e ATS-DUE interinos das provincias de Ourense e A Coruña dependentes da Atención Primaria do Sergas, que se levará a efecto os días 23, 26 e 30 de decembro de 1996 e 2,7,9, 13 e 16 de xaneiro de 1997, previa audiencia ó comité de folga,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada que se levará a efecto os días 23, 26 e 30 de decembro de 1996 e 2,7,9, 13 e 16 de xaneiro de 1997, desde as 00.01 ás 24 horas de cada un dos días sinalados, que afecta ós médicos e ATS-DUE interinos dependentes da Atención Primaria do Sergas que prestan os seus servicios nas provincias de Ourense e A Coruña, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos necesarios en adecuada correspondencia cos criterios rectores que se explicitan neste artigo.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios dos centros sanitarios, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos, polas características do servicio dispensado.

E por iso, mantéñense os servicios mínimos necesarios para garanti-la asistencia imprescindible e urxente ós usuarios, que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servicios mínimos, establécense os criterios rectores de determinación deles que se explicitan do seguinte xeito:

Atención primaria.

* Persoal facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

II. Con carácter xeral, un facultativo xeneralista, pediatra ou odontólogo en cada centro de traballo.

Do dito criterio xeral quedará exceptuada a determinación dos servicios mínimos daqueles centros nos que o número de interinos convocados á folga exceda de 4 efectivos na mesma categoría. Neste caso, se designarán como servicios mínimos dous efectivos por quenda.

* Persoal sanitario non facultativo:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

Polas circunstancias e necesidades sanitarias actuais, considérase tamén actividade urxente, toda a relacionada coa campaña de vacinación da meninxite.

II. Con carácter xeral, un ATS/DUE en cada centro de traballo.

Do dito criterio xeral quedará exceptuada a determinación dos servicios mínimos daqueles centros nos que o número de interinos convocados á folga exceda de 4 efectivos na mesma categoría. Neste caso, designaranse como servicios mínimos dous efectivos por quenda.

Con tales premisas, polos directores xerentes dos centros sanitarios afectados se determinarán, en relación ó persoal deles dependente, o número concreto de servicios mínimos do persoal afectado pola folga, por grupos profesionais, e centros de traballo.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada tamén polo director-xerente, e procederase a súa publicación nos taboleiros de anuncios de tódolos centros de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos centros sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

José Mª. Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

96-9341