Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Xoves, 19 de decembro de 1996 Páx. 11.621

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector de empresas de alugueiro de caixas plásticas portadoras de peixe.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector empresas de alugueiro de caixas plásticas portadoras de peixe, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-10-1996, subscrito en representación da parte económica pola Unión de Exportadores de Pescado, S.A. (UEPSA), e da parte social, pola central sindical CC.OO., con data 7-10-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, 11 de novembro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para as empresas de alugueiro de caixas plásticas portadoras de peixe da provincia de Pontevedra

I. Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afecta as empresas que teñan como actividade o alugueiro de caixas plásticas portadoras de peixe na provincia de Pontevedra e regula as relacións laborais de todo o persoal que preste servicios nas citadas empresas e nos seus distintos postos de traballo.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Entrará en vigor o mesmo día da súa sinatura, independentemente da súa publicación no BOP.

A súa duración establécese por dous anos e os seus efectos enténdense retrotraídos ó día 1 de xaneiro de 1996.

Artigo 3º.-Denuncia.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente por un ano, salvo que sexa denunciado por algunha das partes nos tres últimos meses de duración.

Artigo 4º.-Condición máis beneficiosa.

Tódalas melloras obtidas neste convenio establécense co carácter de mínimas. Os pactos actualmente existentes en calquera empresa ou costume máis beneficioso sobre condicións de traballo serán respectados.

Artigo 5º.- Absorción e compensación.

Terán carácter de absorbibles aquelas melloras existentes pactadas ou que, durante a vixencia do convenio, ou por disposicións legais, puidesen establecerse.

Artigo 6º.-Comisión mixta de vixilancia.

Para unha mellor interpretación e cumprimento do texto articulado do presente convenio, constitúese a comisión mixta de vixilancia, composta por 3 vocais e igual número de suplentes, por cada unha das partes, que velará polo estricto cumprimento da lexislación laboral vixente; ámbalas partes, logo dun acordo, designarán o presidente e secretario desta comisión mixta de vixilancia.

II. Condicións laborais

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada será de 36 horas semanais de traballo efectivo. A xornada de 36 horas realizarase, como é habitual, en quendas rotativas durante as 24 horas do día e de luns a domingo, ambos inclusive, e iso cos beneficios expresados de flexibilidade e de descanso no caso de xornada continuada.

Artigo 8º.-Descanso semanal: domingos e festivos.

Haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e normas complementarias. Fíxase un incremento do 150% para as horas traballadas en domingos e festivos.

Artigo 9º.-Vacacións.

O descanso anual retribuído do persoal abranguido no presente convenio é de 30 días naturais, e establécese a data para o seu desfrute desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro, sempre que fose posible; confeccionarase, para tal fin, unha lista de vacacións que deberá estar exposta nas empresas antes do 31 de marzo e fixarase no primeiro trimestre do ano, por orde de antigüidade e orde rotativa en sucesivos anos; no caso de non haber acordo, quince días serán sinalados polo empresario e quince días polo traballador.

Artigo 10º.-Licencias con soldo.

Todo traballador terá dereito a licencia retribuída polas circunstancias e días naturais que se indican:

a) Por matrimonio: 20 días

b) Por falecemento do cónxuxe, ascendentes, descendentes, irmáns, sogros e cuñados: 5 días. Por falecemento de avós políticos: un día.

c) Por enfermidade grave dalgún dos familiares anteriormente citados, agás o avó político, así como por nacemento de fillo: de 2 a 5 días, dependendo das circunstancias e especialmente do desprazamento ó que tal feito dea lugar.

d) Por cambio de domicilio: un día.

Artigo 11º.-Incorporación ó servicio militar.

Durante o tempo que o traballador permaneza incorporado ó servicio militar, reservaráselle a praza que viña desempeñando ata dous meses despois do seu licenciamento, e computarase o tempo que permaneza nel para efectos de antigüidade co aboamento, durante a súa permanencia en filas, das pagas extraordinarias que se estipulen no presente convenio.

Artigo 12º.-Compensación por vestiario.

Co obxecto de que todo o persoal adquira e use as roupas, luvas e calzado axeitados para o traballo que realice, aboaráselle en nómina, calquera que sexa a súa xornada laboral e baixo o epígrafe de vestiario, a cantidade de 2.494 ptas. mensuais para 1996. A dita percepción terá carácter extrasalarial para tódolos efectos.

Artigo 13º.-Día da patroa.

Establécese como día festivo non recuperable o día 16 de xullo, día da Virxe do Carme, sempre e cando se chegue ó acordo e descansen os traballadores da colla.

III. Condicións económicas.

Artigo 14º.-Retribucións.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá, segundo a súa categoría laboral, o salario base que se especifica na táboa salarial anexa.

Para o 2º ano de vixencia (1997), a táboa anexa incrementarase no IPC do dito ano, mais un punto.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias, baixo a denominación de xullo, Nadal e beneficios, consistentes en 30 días de salario máis antigüidade, que se farán efectivas os días 15 de xullo, 20 de decembro e 31 de marzo respectivamente.

Artigo 16º.-Antigüidade.

En concepto de antigüidade aboaranse cuadrienios que se lle acumularán a todo productor ata a súa xubilación, e fixarase o valor de cada cuadrienio nun 6% sobre a remuneración que a cada categoría lle corresponda.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Consideraranse horas extraordinarias aquelas que superen as 36 horas de traballo efectivo no seu cómputo semanal, e terase en conta, polo tanto, o pactado ó respecto sobre flexibilidade de xornada, sen que iso signifique variación ou deterioramento do disposto legalmente, de considerarse hora extraordinaria aquela que supere as 9 horas de traballo efectivo diario.

Artigo 18º.-Axudas de custo.

Cando, por necesidades de traballo, o traballador teña que efectua-la súa comida ou cea fóra do domicilio, a empresa estará obrigada a aboarlle ó traballador o importe de 2.432 ptas. para 1996, e a dita cantidade mailo incremento previsto para 1997, por cada unha delas.

Artigo 19º.-Plus de transporte.

Os traballadores afectados polo presente convenio percibirán, por tal concepto, calquera que sexa a súa xornada laboral, a cantidade de 12.470 ptas mensuais durante 1996, e a dita cantidade mailo incremento previsto para 1997, agás en vacacións e pagas extraordinarias.

Artigo 20º.-Complementos, prestacións, Seguridade Social.

As empresas aboaranlles ós seus traballadores en situación de incapacidade temporal (IT) a diferencia entre as prestacións económicas da Seguridade Social que lles correspondan e o seu salario máis antigüidade.

Para evita-lo absentismo fraudulento ou reiterado, a comisión mixta constituirase en comisión de vixilancia, actuará por denuncia do empresario e quedará facultada para anularlle este beneficio ó traballador en cada caso concreto.

Artigo 21º.-Negociación colectiva.

O texto do convenio colectivo de ámbito provincial para as empresas coa súa actividade abranguida no alugueiro de caixas plásticas portadoras de peixe, situadas na provincia de Pontevedra, é subscrito pola Unión de Exportadores de Pescado, S.A. -UEPSA- e Comisións Obreiras -CC.OO.-, de conformidade co disposto no artigo 85, apartado a) da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas polo presente convenio colectivo estarán obrigadas a facilita-la realización dun recoñecemento médico con carácter anual, que se efectuará nas respectivas entidades aseguradoras de cada empresa. O tempo empregado en cada recoñecemento será contabilizado como tempo de traballo.

Artigo 23º.-Formación profesional.

Establecerase unha comisión paritaria de formación, con funcións de planificación, negociación e xestión dos cursos de formación, e aprobarase un plano de formación do sector, pactado cos representantes dos traballadores.

Artigo 24º.-Xubilación.

A xubilación voluntaria será ós 64 anos, segundo as normas do A.I. (Acordo Interconfederal) e A.E.S. (Acordo Económico e Social).

A xubilación obrigatoria será ós 65 anos; cumpridaa a dita idade, o traballador causará baixa na empresa, salvo que non reúna o tempo mínima de carencia para causar dereito á pensión de xubilación, caso no

que poderá seguir traballando polo tempo indispensable para iso.

Artigo 25º.-Plus de prolongación de xornada.

Naqueles casos nos que a xornada teña que prolongarse máis do establecido, aboarase un plus de 24.307 ptas. mensuais para 1996, e a dita cantidade mailo incremento previsto para 1997.

IV. Disposicións derradeiras

Artigo 1º.-En todo o non previsto no presente convenio, haberá que aterse ó que dispón o Estatuto dos traballadores e normas complementarias.

Artigo 2º.-No caso de que, por incremento do salario mínimo interprofesional garantido, se modificasen os correspondentes a algunha ou algunhas categorías laborais, as diferencias absolutas existentes no momento da súa entrada en vigor entre as categorías laborais manteranse.

Táboa salarial

Empresas alugueiro de caixas

1 Xefe administrativo92.590

2 Oficial administrativo90.487

3 Auxiliar administrativo76.058

4 Encargado93.458

5 Conductor89.286

6 Especialista88.994

96-8929