Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 18 de decembro de 1996 Páx. 11.553

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de novembro de 1996 pola que se clasifica como de interese docente a Fundación Regino Giráldez Boo y Mª Carmen Groba Varela.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Regino Giráldez Boo y Mª Carmen Groba Varela, con domicilio en Ponteareas.

Supostos de feito.

1. Regino Giráldez Boo, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 30 de xullo de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Porriño, o día 24 de xullo de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Ernesto Regueira Núñez, co número setecentos oitenta e dous do seu protocolo por Regino Giráldez Boo e Mª del Carmen Groba Varela no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a satisfacción e colaboración de e en toda clase de temas e necesidades intelectuais, morais ou físicas e de beneficencia.

4. O padroado da fundación estará constituído por Regino Giráldez Boo como presidente, Eduardo Suárez Garra como vicepresidente, Francisco González Groba como secretario, e Adolfo Álvarez Castro, Manuel Ángel Viro Caamaño e Miguel Ángel García Correa, como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese docente da Fundación Regino Giráldez Boo y Mª Carmen Groba Varela, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así

como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. En vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día catro de novembro de 1996. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese docente a Fundación Regino Giráldez Boo y Mª Carmen Groba Varela e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

9043