Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Luns, 16 de decembro de 1996 Páx. 11.439

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

DECRETO 431/1996, do 29 de novembro, polo que se regulan os órganos competentes para a imposición de sancións por infraccións cometidas en materia de medicamentos veterinarios.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía para Galicia, establece no seu artigo 33.3º que lle corresponde á comunidade autónoma a execución da lexislación do Estado sobre productos farmacéuticos.

Os productos farmacéuticos veñen regulados na Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento, lei que se desenvolve polo que se refire ós medicamentos veterinarios no Real decreto 109/1995, do 27 de xaneiro.

Dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia é a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, a que ten facultades para exerce-las funcións inherentes sobre a materia de medicamentos veterinarios.

Conforme o anterior, considérase conveniente por razóns de seguridade xurídica, así como de potestade de autoorganización administrativa, establece-los órganos competentes na comunidade autónoma para a imposición de sancións por infraccións cometidas en materia de medicamentos veterinarios.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintenove de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Instrucción.

A instrucción dos expedientes sancionadores incoados por infraccións cometidas en materia de medicamentos veterinarios corresponderá ós servicios provinciais de Producción e Sanidade Animal e Vexetal das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 2º.-Competencias sancionadoras.

Os órganos competentes para a imposición de sancións polas infraccións cometidas en materia de medicamentos veterinarios, reguladas nos artigos 106 a 112 do Real decreto 109/1995, do 27 de xaneiro, no ámbito territorial da comunidade Autónoma de Galicia, serán os seguintes:

a) Os delegados provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para as infraccións leves no seu grao mínimo.

b) O director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para as demais infraccións leves e para as infraccións graves no seu grao mínimo.

c) O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes para as infraccións graves nos seus graos medio e máximo.

d) O Consello da Xunta de Galicia para as infraccións moi graves, así como, se é o caso, o peche temporal do establecemento, instalación ou servicio.

Artigo 3º.-Recursos.

Contra as resolucións dos delegados provinciais e do director xeral recaídas nos procedementos sancionadores, caberá a interposición polos interesados do recurso ordinario no prazo dun mes, ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, de acordo co disposto no artigo 114.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 34.7º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Contra as resolucións que esgoten a vía administrativa poderán exercerse as accións que legalmente procedan na vía xurisdiccional.

Disposición transitoria

Ós procedementos sancionadores incluídos no ámbito de aplicación deste decreto e iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor, seralles de aplicación a presente normativa.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

9154