Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo único para o persoal laboral do Concello de Ribadeo.

Visto o texto do convenio colectivo único pára o persoal laboral do Concello de Ribadeo (código 2700740), desta provincia de Lugo, asinado pola representación de ámbalas dúas partes, o día 29 de xullo de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mencionado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 30 de agosto de 1996.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo para o persoal laboral ó servicio do Concello de Ribadeo

Limiar.

As partes asinantes do presente convenio asumen como seu o acordo FEMP-Sindicatos publicado no BOE de data 30 de xuño de 1995, que servirá como punto de referencia e interpretación para o presente texto.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio estende a súa aplicación ó persoal laboral do Concello de Ribadeo. Para o caso do persoal laboral de carácter eventual ou temporal aplícase tamén este acordo por analoxía coas condicións dos postos fixos existentes no cadro de persoal que lle resulten máis semellantes atendendo a criterios como a titulación esixida, etc.

Artigo 2º.-Período de vixencia.

Este convenio conxunto terá unha vixencia desde o 1 de xaneiro de 1996 ata o 31 de decembro de 1997 e prorrogarase tacitamente agás que calquera das partes o denuncie ou sexa revisado, sempre cunha antelación mínima de tres meses á data de remate. Nembargantes non se considerarán prorrogadas cláu

sulas que puideran resultar contrarias á lexislación estatal na materia.

Denunciado o convenio, as partes asinantes comprométense a iniciar negociacións un mes antes do remate da vixencia do convenio, entendéndose este prorrogado ata a sinatura dun novo, sen prexuízo do que o novo acordo determine respecto da súa retroactividade.

Artigo 3º.-Comisión de interpretación e seguimento.

Créase unha comisión paritaria de interpretación e seguimento que terá como funcións:

-Interpretación do articulado.

-Intervención obrigatoria con carácter previo á presentación de calquera conflicto colectivo ou impugnación.

-Calquera outra que expresamente se sinale neste convenio.

Fíxase como composición desta comisión: representando á Administración o alcalde-presidente, e polos empregados ou delegado sindical do persoal laboral. Dado o carácter paritario da comisión, ámbalas dúas partes á marxe do número dos seus compoñentes atópanse en situación de igualdade.

Artigo 4º.-Sistema retributivo.

4.1. Aplícase ó persoal laboral a estructura retributiva recollida no Real decreto 861/1986, de 25 de abril.

4.2. Sen prexuízo do incremento do 3,5% establecido na Lei de orzamentos do Estado para 1996 as retribucións dos diferentes postos serán as establecidas na RPT aprobada polo Concello Pleno en sesión do 8 de xullo de 1996 e que figura como anexo a este convenio.

4.3. Os niveis de complemento de destino recollidos na RPT manterán cando menos a súa vixencia para os exercicios 1996 e 1997. Con efectos do 1 de xaneiro de 1998 os seguintes postos do grupo D verán incrementado o seu nivel de CD un punto: 0005, 0106, 0202, 0611, 0701, 0705, 0711, 0712, 1001, 1002, 1011, 1021, 1022 e 1031.

4.4. A contía das horas extras para o persoal laboral fíxase nas seguintes:

Horas extras:

GruposNormaisFestivos/nocturnos

A3.7105.560

B2.3903.575

C1.8952.840

D1.5702.360

E 9801.475

S.M.I. 7151.250

Réxime especial de gratificacións por asistencia a sesións.

GruposContías

A6.000

B5.000

C4.000

D/E3.000

A consideración de horario nocturno fíxase entre as 22 horas e as 7 horas.

5. Nocturnidade.

5.1. Aquelos postos de traballo que teñen esablecido o seu servicio normal ou parcialmente en horario nocturno teñen retribuído este concepto dentro do seu complemento específico segundo valoración asignada pola RPT.

5.2. O réxime de nocturnidade da polícia local, ademais do recollido no apartado anterior, queda suxeito ás seguintes especialidades:

a) Todo axente que supere o número de 10 noites ó ano terá en compensación un día de descanso a maiores por cada noite realizada.

b) Os días de compensación serán desfrutados xuntos ou por separado en datas a elixir polo axente coa única salvidade de que non afecten ó normal desenvolvemento dos servicios, preferentemente xunto cos seus propios de descanso e en fins de semana.

c) Estes días desfrutaranse no mesmo ano ou no seguinte.

d) Os días de descanso comunicaranse ó xefe da policía local.

6. Fondo de garantía salarial.

En cumprimento do previsto no acordo FEMP-sindicatos a desviación que, se é o caso recolla a Lei de orzamentos xerais do Estado para 1996 incorporase ás retribucións do soldo base, trienios e compelemento de destino con efectos do 1 de xaneiro de 1996, pero sen afectar ó complemento específico (CE) e sen dar lugar a unha paga de atrasos. Aplicarase este mesmo réxime para o exercicio 1997.

7. Anticipos.

O Concello de Ribadeo comprométese a mante-la mesma consignación vixente no orzamento municipal para esta finalidade incrementada nun 10% para 1996. A contía máxima dos anticipos a que ten dereito cada empregado será de 3 mensualidades ou ata catro no caso de emerxencia xustificada. A amortización do anticipo realizarase en dez, vinte ou trinta mensualidades segundo a súa contía.

Soamente terán dereito a anticipo o persoal laboral fixo. En caso de cesamento o anticipo deberá amortizarse anticipadamente.

8. Composición de tribunais.

En tódolos tribunais do Concello de Ribadeo para o acceso á función pública un vocal será designado pola representación sindical manténdose o establecido regulamentariamente respecto da súa composición técnica e titulación dos seus membros.

9. Promoción interna.

O 50% das prazas obxecto da oferta de emprego de cada ano reservaranse á promoción interna. No

caso de que existise un só posto reservarase a este mesmo sistema sempre que resulte posible. Nas probas selectivas da promoción interna suprimiranse aqueles exercicios referidos a coñecementos acreditados para o acceso á praza de orixe.

10. Formación.

O Concello incluirá nos orzamentos de cada ano consignación suficiente para facer fronte ós custos de matrícula, axudas de custos e quilometraxe xerados pola asistencia do persoal municipal a cursos de formación. Estes cursos deberán estar directamente vinculados coas funcións que desempeñe o interesado e a asistencia do funcionario quedará condicionada a que as necesidades do servicio o permitan: fíxase en 40 horas anuais o crédito de que dispón cada empregado municipal para asistencia a cursiños de formación agás nos supostos especiais nos que se supere este límite, limitándose neste caso a un curso anual máximo.

11. Réxime de traballo.

Establécese o horario semanal de 37,5 horas para todo o persoal municipal, manténdose como festas non recuperables as fixadas con este carácter a nivel estatal, autonómico e local, ademáis inclúese como festa non recuperable o día de Santa Rita. No suposto de que éste día coincida con festivo, sábado ou domingo substituirase por outro día hábil. En todo caso quedarán garantidas as necesidades mínimas dos servicios.

12. Vacacións.

Aplicarase o réxime xeral previsto no Estatuto dos traballadores. O cedro de vacacións da policía local posibilitará que un dos seus membros poida desfruta-las vacacións durante a primeira quincena de xullo e setembro.

13. Saúde laboral.

13.1. 0 Concello de Ribadeo comprométese á realización dunha revisión médica anual e gratuíta para todo o seu persoal.

13.2. Nos supostos de baixa por enfermidade ou accidente o concello aboará ó seu persoal o cen por cento das súas retribucións agás o complemento de productividade durante os 18 meses da invalidez provisional.

14. Xubilación.

Establécese como idade de xubilación para o persoal laboral os 65 anos de idade, referidos ó momento do seu cumprimento.

Nos supostos de empregados que cumpridos os 65 anos non tiveran cotizado o suficiente para ter dereito á pensión completa, o concello logo do informe da comisión de seguimento e control poderá, de xeito voluntario para o interesado, proceder á xubilación compensando a mingua de prestacións.

Do mesmo xeito, e logo do informe da comision de seguimento e control, poderá establecerse unha xubilación anticipada entre os 60 e 64 anos que será obxecto dunha subvención como premio dunha xubilación anticipada.

15. Seguridade e hixiene.

En desenvolvemento da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, do 8 de novembro increméntase o número de delegados de prevención a catro, dous deles que serán designados polos sindicatos CC.OO. un por CSIF e outro polo delegado sindical do persoal laboral.

O comité de seguridade e hixiene estará composto polo alcalde e mailos delegados de prevención que sexan designados polas centrais sindicais segundo o parágrafo anterior.

16. Réxime disciplinario.

Mantense o réxime xeral que o Estatuto dos traballadores establece para o persoal laboral con carácter xeral e sen prexuízo doutras disposicións especiais.

17. Defensa xurídica.

Polo que respecta ós custos de defensa en xuízo, as partes acordan por unanimidade que o Concello de Ribadeo asumirá os custos procesarais naqueles supostos nos que un empregado municipal sexa demandado en vía xudicial por calquera asunto directamente relacionado coas súas funcións públicas e sempre que finalmente resulte a súa inocencia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A aplicación, que seguindo os criterios de equiparaci6n, se fai do CD ás pagas extras do persoal laboral está suxeita na súa vixencia ó resultado do recurso contencioso-administrativo interposto polo Goberno Civil contra o acordo da mesa de negocisción de 1993 que establece a súa aplicación para o persoal funcionario.

Segunda.-A oferta de emprego do Concello de Ribadeo para 1996 intégrase por: un auxiliar de Administración xeral mediante oposición libre, dous axentes de policía local mediante oposición libre, un administrativo para xestión orzamentaria-administración xeral mediante promoción interna.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Dado o carácter conxunto, para persoal funcionario e laboral, da presente negociación terá unha dobre natureza a de convenio colectivo e maila de acordo marco de determinación das condicións de traballo dos funcionarios. Esta dualidade de réxime implica o cumprimento dos dous procedementos de tramitación diferentes, sen prexuízo da súa plasmación final en dous textos semellantes conxunto coas salvidades e excepcións a que haxa lugar.

Segunda.-Recoñécese a todo o persoal laboral os trienios e antigüidade como elemento das retribucións básicas. Computaranse retroactivamente desde a data de sinatura do último contrato.

Disposición derrogatoria

Unica.-Quedan derrogados tódolos acordes municipais en materia de persoal, regulamentos de réxime interno e calquera disposición anterior ó presente convenio ou que se opoña ó seu texto.

Os anexos correspondentes ás claves utilizadas, á valoración do C.T. e do C. de productividade e descrición dos postos figuran no correspondente expediente coa dilixencia da Secretaría Municipal.

Ribadeo, 29 de xullo de 1996.

Polo Concello de RibadeoPolo persoal laboral

Xosé Carlos Rodríguez AndinaJosé Luis Gegunde López

Delegado persoal laboral