Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A. (código 2700282), da provincia de Lugo, asinado o día 12 de xullo de 1996, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 31 de xullo de 1996.

(Decreto 13/1994, do 20-1)

Carlota Novo Ríos

Secretaria provincial

Convenio colectivo da empresa Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación en tódolos centros de traballo que a empresa Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A. ten establecidos ou poida establecer durante a vixencia del na provincia de Lugo.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio colectivo afecta a tódolos traballadores do cadro de persoal da empresa, dentro do ámbito territorial expresado no artigo 1º, así como os que se incorporasen dentro da vixencia del, coa excepción dos apoderados.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O convenio colectivo afecta a tódolos traballadores comprendidos no ámbito territorial expresado no artigo 1º que presten os seus servicios nos centros de traballo denominados:

Minas: San Andrés, Fontado, Ramón, Gela, Monte Castelo e outras que puidesen pórse en explotación dentro da provincia de Lugo.

Lavadoiro: de Burela, con tódalas súas dependencias e posibles ampliacións.

Oficinas: de Burela.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O presente convenio colectivo de traballo terá unha vixencia de dous anos e rexerá ata o 31 de decembro de 1997. Retrotraerase nos seus efectos económicos ó primeiro de xaneiro de 1996.

Entenderase prorrogado de ano en ano mentres que calquera das partes solicite en forma legal e por escrito a súa revisión ou rescisión cun mes de antelación, polo menos, ó seu termo ou ó de calquera das súas prórrogas.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

Será de 40 horas de media semanal para todo o persoal da empresa.

Na xornada continuada poderase desfrutar un tempo de descanso de media hora retribuída, coa consideración de tempo efectivamente traballado, sempre que se manteña a producción actual.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

c) Horas extraordinarias necesarias por pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural, derivadas da natureza da actividade de que se trate: mantemento, sempre que non caiba a utilización temporal ou parcial de persoal contratado previsto pola lei.

A dirección da empresa informará periodicamente ó comité de empresa sobre o número de horas extraordinarias realizadas especificando as causas e, se é o caso, a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e dos criterios máis arriba sinalados, a empresa e os representantes legais dos traballadores determinarán o carácter e a natureza das horas extraordinarias.

Artigo 7º.-Festas.

Tódolos días festivos segundo o calendario laboral publicado no DOG terán carácter de aboables e non recuperables.

Para a determinación dos días festivos de carácter local, a empresa atenderá peticións dos representantes legais dos traballadores para o seu cambio se este non incide de forma desfavorable na producción.

Así mesmo, terá o mesmo carácter, e será considerada como festa de convenio, o martes de entroido.

Artigo 8º.-Vacacións.

Para todo o persoal de Explotaciones Cerámicas Españolas, S.A., as vacacións anuais terán unha duración de 30 días naturais, e deberán ser desfrutadas en dous períodos: un fixo de 8 días de duración en decembro, que comprenda os días 24 e 31, ambos inclusive, e outros de 22 días de duración entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de cada ano, agás as persoas que, desexando desfrutar este segundo período de 22 días fóra das datas indicadas, o solicitasen voluntariamente e cun mes de antelación á data en que se pretenden desfrutar e sempre antes do 1 de abril do ano correspondente, á dirección da empresa para a súa aprobación.

O calendario anual de vacacións será exposto no taboleiro de anuncios antes do 30 de abril.

Se, por conveniencia da empresa, o traballador se vise obrigado a desfrutar parte dos 22 días vacacionais de verán fóra do período indicado anteriormente, o tempo de desfrute incrementarase en 7 días naturais.

Se, por conveniencia da empresa, o traballador se vise obrigado a desfrutar parte dos 8 días vacacionais de nadal fóra das datas indicadas anteriormente, o tempo de desfrute incrementarase en 3 días naturais, dos cales dous se farán coincidir cos días de Noiteboa e Noitevella, se estes coinciden en días de traballo, e no caso de que non o fosen, a empresa notificaralle ó comité de empresa as datas de desfrute para eses tres días.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito á remuneración diaria como se efectivamente estivese traballando, polas causas seguintes:

a) Parto de esposa: 5 días naturais, ampliables a outros 2 en casos xustificados.

b) Enfermidade grave de calquera dos cónxuxes ou parentes ata segundo grao de afinidade ou consanguinidade: 5 días naturais, 2 días máis se é fóra da provincia.

c) Morte de calquera dos cónxuxes ou parentes ata segundo grao de afinidade ou consanguinidade: 5 días naturais, 2 días se é fóra da provincia.

d) Dous días por traslado do seu domicilio habitual.

Refírese este artigo ós seguintes familiares: fillos, netos, pai, nai, avó, avoa e irmáns do traballador ou do seu cónxuxe.

Para o non previsto no presente artigo haberá que aterse ó disposto nas vixentes normas xerais.

Artigo 10º.-Permisos non retribuídos.

Con aviso previo de 48 horas, o traballador poderá dispor de dous días para asuntos propios que se descontarán das súas vacacións ou se recuperarán se as necesidades da producción así o aconsellan.

Unicamente poderán ser denegados estes permisos cando na quenda de traballo para o que se solicita a súa concesión puidesen xurdir problemas funcionais debidos ás ausencias previstas doutros traballadores; comunicaránselle ó solicitante as causas de tal denegación.

No suposto de que coincidan varias solicitudes que non se poidan atender polas razóns expostas no parágrafo anterior, atenderanse as que sexa posible e por orde de presentación.

As causas de denegación serán notificadas ó comité de empresa.

Artigo 11º.-Roupas de traballo.

Tódolos traballadores manuais sen excepción terán dereito a que a empresa lles proporcione dous equipos anuais, un no mes de xaneiro e outro no mes de xullo, consistentes cada un deles nunha funda en inverno e un pantalón e unha cazadora en verán, guantes e mandil apropiado para o persoal masculino. Así mesmo, terán dereito a que a empresa lles proporcione un par de zapatóns ou dous pares de botas de goma anualmente; é opción de cada traballador a elección ben dos zapatóns ou das botas. Os traballadores quedan obrigados ó uso das ditas pezas de roupa e ó seu coidado e limpeza. Os guantes serán repostos segundo a necesidade de cada un.

O persoal feminino recibirá en efectivo o valor do equipo nos meses de xaneiro e xullo.

Artigo 12º.-Persoal con capacidade diminuída.

Serán considerados como persoal de capacidade diminuída aqueles traballadores que sufrisen unha limitación funcional ou psíquica derivada, tanto de enfermidade como de accidente, sexa ou non laboral, ou desgaste físico natural por razón da idade que sen supor unha diminución invalidante total ou absoluta, afecte ós traballos da súa profesión habitual e impida o seu desenvolvemento cun rendemento normal.

O persoal nestas circunstancias que non perciba pensión pola súa incapacidade, deberá ser destinado pola empresa a traballos adecuados ás súas condicións, sempre que existan posibilidades para iso; sinálase a súa clasificación profesional de acordo

con tales traballos, así como o soldo ou salario que lle corresponda no novo posto de traballo.

Para a determinación do novo posto de traballo procederase de acordo co comité de empresa e co asesoramento do seu médico.

Artigo 13º.-Vacantes.

En caso de producirse vacantes nalgún dos postos da empresa, terán preferencia para a súa ocupación os fillos dos traballadores.

De haber maior número de aspirantes que de prazas considerarase a antigüidade na empresa.

Artigo 14º.-Carné de conducir.

Cando no cumprimento das obrigas laborais puidese producirse a retirada de carné de conducir por causas de avarías mecánicas e ineptitudes nas probas para a súa renovación, a empresa destinará o traballador afectado a funcións que non requiran este requisito; sinalarase a súa clasificación profesional de acordo con tales traballos, así como o soldo ou salario que lle corresponda no novo posto.

Artigo 15º.-Baixas.

No caso de baixa por accidente laboral ou no de baixa por enfermidade común con hospitalización, ou no de accidente non laboral con hospitalización, a empresa aboaralle ó traballador afectado o complemento necesario á prestación económica que satisfaga a Seguridade Social, ou se é o caso a mutua patronal, para que coa suma de ámbalas percepcións alcance o importe do xornal completo correspondente ó tempo de duración da baixa nos casos indicados, exceptuando o plus de transporte e a cuarta quenda.

Este complemento farase efectivo polo tempo en que dure a situación de incapacidade laboral transitoria por accidente de traballo, accidente non laboral con hospitalización e enfermidade común con hospitalización; extínguese esta obriga empresarial e o correspondente dereito do traballador cando se produza proposta de incapacidade permanente ou o traballador pase á situación de invalidez provisional.

Artigo 16º.-Faltas e sancións.

Co obxecto de evita-lo absentismo laboral establécense as seguintes sancións:

a) Por perda dun día de traballo sen xustificación, o traballador perderá o dereito a percibi-lo salario e demais conceptos relativos ó dito día e o plus de asistencia correspondente a un mes.

b) Se se producise a falta ó traballo durante dous días consecutivos ou alternos no prazo de 30 días, sen causa xustificada, o traballador perderá o dereito á prima de producción e o plus de asistencia correspondente a tres meses.

c) Se a inasistencia ó traballo se producise sen causa xustificada durante tres días ou máis no período de tempo comprendido entre dous meses, apli

caránselle as normas comprendidas no artigo 34 do vixente Estatuto dos traballadores e no non previsto nesta disposición, na Regulamentación nacional de traballo de minas de fosfato, potasa, talco e outras. Este criterio aplicarase conforme as ditas disposicións por acumulación de faltas, pola súa cualificación. Correspóndelle á empresa establece-las medidas previstas nas ditas normas legais, entre as que se encontra o despedimento disciplinario.

En caso de despedimento, se este resultase improcedente como consecuencia da decisión da Administración de xustiza, o traballador terá dereito de opción entre a súa reincorporación ó posto de traballo ou a indemnización pertinente.

Artigo 17º.-Dereitos dos membros do comité de empresa.

Tódolos membros do comité de empresa terán dereito a 24 horas mensuais retribuídas por e para atencións sindicais. Estas horas poderán ser acumuladas polo conxunto dos membros do comité de empresa. Calquera membro del poderá ser beneficiario desta acumulación sen superar un índice de 32 horas mensuais. Os membros do comité de empresa poderán desfruta-las horas necesarias para o cumprimento das súas obrigas aínda que superasen as 24 horas mensuais ou as que resulten por acumulación sen retribucións.

Artigo 18º.-Asembleas.

A empresa disporá de lugares habilitados para asembleas dos traballadores, reunións do comité de empresa, reunións do comité de seguridade e hixiene no traballo e reunións de seccións sindicais, sempre que o necesiten e se lle comunique á empresa con 48 horas de antelación. En xeral, remítese ó disposto no artigo 78 do vixente Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Desígnase unha comisión paritaria integrada por tres membros do comité de empresa e igual número de membros por parte desta, a cal terá como finalidade resolve-los conflictos que, sobre a interpretación deste convenio, poidan suscitarse.

De non haber acordo entre as partes, someteranse ó que dictamine a xurisdicción laboral.

Artigo 20º.-Reunións empresa-comité.

O comité de empresa reunirase cos representantes dela unha vez ó mes, logo de convocatoria, co fin de estudia-los temas que poidan suscitarse así como o seguimento da productividade e o absentismo.

Artigo 21º.-Réxime económico.

Para o ano 1996 incrementaranse nun 3% os salarios base contidos na táboa salarial correspondente ó ano 1995. Unha vez publicado polo INE o IPC real resultante do ano 1996, se este superase o 3% actualizaranse as táboas salariais no exceso e terán carácter retroactivo o 1 de xaneiro de 1996, aboán

doselle-la diferencia ós traballadores no mes seguinte ó da publicación do IPC real, e serán estas táboas salariais actualizadas as que servirán de base para 1997.

Para o ano 1997 incrementaranse as táboas salariais de 1996 no IPC previsto para o ano 1997 que dean a coñece-los medios de comunicación do Estado. Unha vez publicado polo INE o IPC real resultante do ano 1997, se este superase o IPC previsto para o dito ano, actualizaranse as táboas salariais no exceso e terán carácter retroactivo o 1 de xaneiro de 1997, aboándose a diferencia ós traballadores no mes seguinte ó da publicación do IPC real, e serán estas táboas salariais actualizadas as que servirán de base para a negociación do convenio colectivo de 1998.

Artigo 22º.-Pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias de xullo e Nadal quedan establecidas, para cada unha delas, en 30 días de salario base incrementadas polas porcentaxes de aumento por ano de servicio vixentes en cada momento.

Artigo 23º.-Participación en beneficios.

Devengarase en concepto de participación de beneficios a cantidade lineal de 73.656 ptas. para o ano 1996 que se aboará no mes de marzo de 1997.

Para o ano 1997 a cantidade que se vai percibir por este concepto será a resultante de aplicarlle á correspondente de 1996 a porcentaxe de elevación salarial para 1997 considerada no artigo 21º, sobre réxime económico, que se aboará no mes de marzo de 1998.

Estas cantidades percibiraas cada un dos traballadores por este convenio.

Artigo 24º.-Plus de nocturnidade.

O traballador que realice xornada de traballo nocturna percibirá un plus do 65% que incrementará o valor da hora de traballo calculada segundo os salarios base deste convenio.

Artigo 25º.-Plus de penosidade e toxicidade.

Os traballadores que realicen os traballos tóxicos ou penosos percibirán un plus do 25% do salario base deste convenio.

Este plus devengarao o persoal de canais, soldadores, mantemento de caldeira e cámaras de secado na forma actualmente establecida. Así como o persoal da planta de áreas.

Artigo 26º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de asistencia ó traballo na contía de 5.079 ptas. mes para tódalas categorías profesionais durante o ano 1996; e en 1997 na cantidade resultante de aplicar sobre as 5.079 ptas. mes de 1996 a porcentaxe de elevación salarial estipulada para 1997 no artigo 21º, sobre réxime económico.

O devengo destas cantidades será mensual. A falta de asistencia ó traballo levará consigo a perda de 226 ptas. por xornada no ano 1996 e en 1997 unha perda por xornada igual ó resultado de dividir por 22,5 xornadas a cifra mensual resultante dese ano recollida no parágrafo anterior.

Artigo 27º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de compensación ó transporte consistente en 148 ptas. por día para o ano 1996, e para o ano 1997 o resultante de aplicar a 148 ptas. por día a porcentaxe de elevación salarial considerado no artigo 21º para o dito ano 1997.

Este plus soamente será percibido polos traballadores que teñan na actualidade ou no futuro o seu domicilio a unha distancia superior a dous quilómetros do centro de traballo.

Artigo 28º.-Subvención de estudios e formación profesional.

Co fin de contribuír ós gastos en materia de estudios e formación cultural dos fillos dos traballadores, ata que non se complete a gratuidade do ensino, a empresa concederá unha exuda en metálico de 659 ptas. mensuais, por cada fillo que acredite a súa condición de estudiante mediante declaración xurada do pai.

Artigo 29º.-Prima de producción.

O seu aboamento será mensual na contía de 4.800 ptas./mes para os traballadores das quendas de producción.

O persoal do lavadoiro non incluído en quendas de producción cobrará a mesma prima que estes devenguen.

Para o resto do persoal as primas seguirán de acordo co reflectido no anexo III, táboas de primas de producción.

Artigo 30º.-Traballo a quendas.

A dirección da empresa poderá establecer libremente, segundo as súas necesidades, o funcionamento a tres ou catro quendas de trballo, sen máis trámite e segui-lo acordo a acadar que o da súa notificación, con dous meses de aviso previo, ó comité de empresa e ó persoal afectado polo cambio de quenda de traballo.

A distribución das quendas de traballo será a que segue en cada caso:

a) Funcionamento a tres quendas: traballarase de luns a venres de cada semana, ambos inclusive, en tres relevos ó día de 8 horas de duración cada un , mañá, tarde e noite, que rotarán semanalmente.

b) Funcionamento a catro quends: a distribución por relevos do funcionamento a catro quendas de traballo axustarase á que segue:

Indicando por A, B, C e D cada unha das catro quendas de traballo, e por M, T, N e X os relevos de mañá, tarde, noite e descanso repectivamente. Esta distribución é repetitiva cada catro semanas.

c) Mentres persista a necesidade de utilizar persoal en canais, e só no caso de traballar a catro quendas

na seccion de caolíns, manterase para este persoal a distribución de tres quendas de traballo en dous relevos ó día de mañá e tarde, segundo:

Indicando por E, F e G cada unha das tres quendas de traballo e por M, T e X os relevos de mañá, tarde e descanso respetivamente. Esta distribución é repertitiva cada tres semanas.

No caso do funcionamento a tres quendas, caso a), o persoal de canais farao na forma habitual de traballo a dúas quendas en relevo de mañá e tarde con rotación semanal.

Os relevos de mañá, tarde e noite axustaranse en tódolos casos ó horario de 6 a 14 h, 14 a 22 h e 22 a 6 horas, respectivamente.

Os traballadores que presten servicio nas quendas de producción en sábados ou domingos percibirán, ademais do seu salario, a cantidade de 1.486 ptas. por cada sábado ou domingo efectivamente traballado no ano 1996, e a cantidade resultante de aplicar a 1.486 ptas. o incremento salarial recollido no artigo 21º, para o nao 1997 por cada sábado ou domingo efectivamente traballado.

Artigo 31º.-Paga de outubro.

Establécese a pago do mes do outubro en 71.346 ptas. lineais por traballador durante o ano 1996 e en 1997 na cantidade resultante de aplicarlles ás 71.346 ptas. anteriores a porcentaxe de elevación salarial considerada no artigo 21º para o dito ano 1997, as cales serán aboadas no mes de outubro do ano correspondente.

Esta paga terá o mesmo tratamento para efectos salariais de calquera outra das regulamentariamente establecidas de aboamento non mensual.

Artigo 32º.-Bolsa de Nadal.

Establécese a abriga empresarial de conceder unha bolsa de Nadal na dita festividade. Será entregada a cada un dos traballadores na segunda decena do mes de decembro.

Artigo 33º.-Fondo social.

Nutrirase dunha contribución anual de 500.000 ptas. achegadas pola empresa. A súa administración corresponderá ó comité de empresa, actuando como interventora dos acordos que se adopten a dirección da empresa.

Artigo 34º.-Seguro de invalidez e morte.

A empresa manterá as actuais pólizas de seguro colectivo de invalidez e morte que ten establecidas con independencia do seguro de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, con indemnizacións de 750.000 e 1.500.000 ptas. en cada suposto.

Artigo 35º.-Xubilación.

En caso de que os traballadores incluídos no ámbito persoal do presente convenio quixesen acollerse ó Real decreto 14/1981, para xubilárense con 64 anos cumpridos co 100% dos dereitos, a empresa só se verá obrigada a substituír ó traballador xubilado cando a praza ocupada por este non sexa amortizable.

Os traballadores que se xubilen encontrándose activamente ó servicio da empresa ata os 65 anos quedan relevados da súa actividade durante os dous últimos meses, os cales, non obstante, lles serán retribuídos.

Artigo 36º.-Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que con anterioridade a este convenio viñesen desfrutando de mellores condicións que as aquí pactadas, serán respectadas por tódolos conceptos salvo polo que se refire ó artigo anterior no que respecta á xubilación voluntaria ós 64 anos,

que, en calquera caso, estaría en vigor o especificado no presente convenio.

Aqueles traballadores que, non estando afectados polo convenio colectivo anterior, soliciten a súa inclusión neste ou nos sucesivos, terán as condicións xerais nel pactadas con expresa renuncia ás que tivese anteriormente.

Artigo 37º.-Antigüidade.

As variacións do complemento de antigüidade, establecido para premia-la permanencia continuada do traballador ó servicio da empresa, rexeranse polas seguintes regras:

Primeira: os aumentos por ano de servicio para os traballadores cunha antigüidade na empresa anterior ó 1 de xaneiro de 1995 devengaranse na forma que segue:

Ós 3 anos: 5%.

Ós 6 anos: 10%.

Ós 11 anos: 20%.

Ós 16 anos: 30%.

Ós 21 anos: 40%.

Ós 26 anos: 50%.

Ós 31 anos: 60%.

Este complemento de antigüidade ten un límite de percepción do 60% do salario base. Alcanzada a dita porcentaxe, esta queda consolidada. A partir dese momento a antigüidade será revisada cada ano para manter inalterable a citada porcentaxe do 60% do salario base que exista en cada momento.

Segunda: os traballadores que a partir do 1 de xaneiro de 1995 pasen a ser fixos da empresa devengarán os aumentos por ano de servicio exclusivamente por trienios. Cada trienio cumprido devengará o 3% do salario base que o traballador perciba en cada momento.

O complemento de antigüidade terá un límite de percepoión do 21% do salario base.

As porcentaxes de antigüidade son acumulativas ata o 21%. Alcanzada a dita porcentaxe, esta queda consolidada. A partir deste momento a antigüidade revisarase cada ano para manter inalterable a citada porcentaxe do 21% do salario base que exista en cada momento.

Terceira: se calquera traballador con contrato eventual ó asinamento do presente convenio pasase a fixo, respectaráselle para a antigüidade a data do citado contrato.

Cuarta: como consecuencia do novo concepto de antigüidade que figura na regra segunda deste artigo, a empresa comprométese, durante a vixencia do presente convenio, a pasaren a fixas a oito traballadores dos eventuais existentes. A empresa informará ó seu comité do persoal que pase a fixo.

Cláusulas adicionais

Primeira. Mediante solicitude da central sindical correspondente e logo de conformidade do traballador, reteráselle a este o importe da cota de afiliación sindical, poñéndoa á disposición daquela ou ingresándoa na conta bancaria que indique; deberá en cada caso sinala-lo importe da cota que se vai reter.

Segunda. Os traballadores que, por aplicación da cuarta quenda de traballo, non realicen o mesmo número de xornadas efectuadas durante o ano polo persoal de xornada partida, regularizarán a súa situación como máximo, nos primeiros quince días do ano seguinte; de tal forma que ó traballador que, por aplicación de descanso ou outras circunstancias, exceda en días traballados dos do persoal de xornada partida, compensaráselles neses quince días primeiros do ano seguinte, como máximo, as xornadas ás que sexa acredor, e o persoal que non chegue a cumpri-lo número de xornadas anteriormente sinaladas do persoal de xornada partida deberá como máximo neses mesmos días, cubrir coa súa débeda de traballo coa empresa. Esta regularización non implica que en circunstancias singulares de común acordo a empresa e o traballador poida ser compensada doutra forma, tanto economicamente como en descansos alternativos ó longo do ano, no caso do traballador ó que a empresa debe obrigas pendentes ou, para o

caso contrario, o chegar a acordos que permitan a prestación de traballos en distintas épocas ás sinaladas dos quince primeiros días do ano seguinte.

Burela, 12 de xullo de 1996.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL CONVIDA PARA O ANO 1996

a) Persoal de producciónSalario diarioSalario anual

Encargado de quenda2.650 ptas.1.126.250 ptas.(*)

Oficial 1ª2.369 ptas.1.006.825 ptas. (*)

Oficial 2ª2.285 ptas.971.125 ptas. (*)

Oficial 3ª peón especialista2.248 ptas.955.400 ptas. (*)

b) Persoal administrativoSalario mesSalario anual

Oficial 1ª76.747 ptas.1.074.458 ptas. (*)

Oficial 2ª71.356 ptas.998.984 ptas. (*)

Analista76.896 ptas.1.076.544 ptas. (*)

(*) Nos salarios anuais están incluídas as pagas extraordinarias de xullo e Nadal.

Os salarios anuais incrementaranse co importe correspondente ós seguintes conceptos: participación en beneficios; paga de outubro; plus de nocturnidade; plus de penosidade e toxicidade; plus de asistencia; plus de transporte; plus 4ª quenda; subvención de estudios; primas de producción e bolsa de Nadal, ós traballadores que lles correspondesen segundo o estipulado no presente convenio, así como a antigüidade correspondente na forma establecida.

ANEXO II

TÁBOA DE PRIMAS DE PRODUCCIÓN PARA OS ANOS 1996 E 1997

Operarios de escavadora entullo e lavadoiro: 9.670 ptas./mes.

Operarios de escavadora de caolín bruto: 1,40 ptas./Tm.

Choferes de entullo: 11,50 ptas./viaxe.

Choferes de transporte por estrada: 45,50 ptas./viaxe.

Choferes cisterna: 7.150 ptas./mes.

Choferes prima mínima: 6.450 ptas./mes.