Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 13 de decembro de 1996 Páx. 11.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 10 de decembro de 1996 pola que se dictan as disposicións necesarias para facilita-la constitución da comisión xestora encargada de rexer e administrar o novo e independente Concello da Illa de Arousa (Pontevedra) ata as próximas eleccións municipais.

De conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 451/1996, do 21 de novembro, polo que se aprobou a segregación de parte do termo municipal de Vilanova de Arousa (provincia de Pontevedra), para a posterior constitución dun novo e independente municipio chamado A Illa de Arousa, este rexerase e administrarase, ata as próximas eleccións municipais, por unha comisión xestora que designará a Deputación Provincial de Pontevedra conforme os resultados das eleccións municipais, na mesa ou mesas correspondentes ó territorio segregado.

Tendo en conta, por unha parte, que as fases do procedemento que se seguirán para a constitución deste tipo de comisións non están debidamente formalizadas, e, por outra, a facultade á que se refire a disposición derradeira primeira do decreto sina

lado, faise necesario o dictado da presente orde, mediante a que se pretende garanti-la efectividade do Decreto 451/1996, do 21 de novembro, procedendo para iso á formalización do procedemento de constitución da Comisión Xestora da Illa de Arousa, integrando, para o efecto, a distinta normativa concreta que o regula e outras normas que se poden e deben aplicar por analoxía ou supletoriamente.

Así, conforme o disposto nos artigos 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia; 148.1º.2 da Constitución española; na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, modificada pola Lei orgánica 1/1987, do 2 de abril, de réxime electoral xeral, así como nos artigos 16, primeiro, do R.D. 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais; 4 e disposición derradeira primeira do Decreto 368/1994, do 15 de decembro; e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Primeiro.-A designación dos membros da Comisión Xestora da Illa de Arousa será realizada pola Deputación Provincial de Pontevedra, oídos previamente os representantes de cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores, de acordo cos

resultados das eleccións municipais, na mesa ou mesas correspondentes ó territorio segregado. Ó efecto, o presidente da deputación realizará a oportuna consulta que lles será notificada ós representantes citados; estes disporán dun prazo de dez días, contados desde o seguinte ó de recepción da notificación, para remiti-la súa proposta, consistente nunha lista ordenada de vocais que poderían integra-la comisión xestora e que terá efectos análogos ós das listas de candidatos a concelleiros ós que se refire a lexislación electoral con carácter xeral.

Unha vez designados polo Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra os vocais que integrarán a comisión xestora, que non poderá exceder o número de trece membros, corresponderá ó presidente da deputación a convocatoria da sesión extraordinaria para a constitución da devandita comisión.

A comisión constituirase no prazo máximo de dez días contados desde o da designación dos vocais pola deputación provincial.

Segundo.-As normas sobre organización e funcionamento do Pleno e demais órganos das entidades locais, ás que se refiren a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; o R.D.L. 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local e o R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, serán de aplicación á Comisión Xestora da Illa de Arousa.

Terceiro.-Para a constitución da comisión xestora formarase unha mesa de idade, integrada polos vocais designados presentes de maior e menor idade, que será presidida polo vocal de maior idade, actuando como secretario o que designe a Deputación Provincial de Pontevedra.

Formada a mesa, esta comprobará as credenciais presentadas ou as acreditacións da personalidade dos vocais designados. Posteriormente procederase á toma de posesión.

Realizadas as operacións anteriores, a mesa declarará constituída a comisión xestora, se concorren a maioría absoluta dos vocais designados. En caso contrario, celebrarase sesión dous días despois; daquela quedará constituída, calquera que fose o número de vocais presentes.

Na mesma sesión constitutiva procederase á elección, por maioría de votos, do presidente da comisión xestora, que unha vez proclamado e antes de comeza-lo exercicio das súas funcións, deberá xurar ou promete-lo cargo ante o pleno da comisión xestora.

Cuarto.-Serán de aplicación ós vocais e ó presidente da comisión xestora tódalas disposicións referentes a incompatibilidade ás que se refire a lexis

lación xeral de réxime local e a lexislación electoral de carácter xeral.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 1996.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais