O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, na sesión celebrada o día tres de outubro de mil novecentos noventa e seis, adoptou o acordo que ten unha parte dispositiva do seguinte teor literal:
Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Monte Comunal da Veiga, Regueiro, Ponte, Escusalla, Senra, Fontaíña e Requeixo de 65 ha de superficie, aproximadamente, a favor dos veciños dos lugares da Veiga, Regueiro, Ponte, Escusalla, Senra, Fontaíña e Requeixo, no concello de Pontedeva (Ourense), e coas estremas referenciadas no considerando terceiro, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.
Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.
Notifíqueselle esta resolución ó alcalde-presidente do concello, ó representante da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, logo da comunicación á que se refire o artigo 110. 3º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dous meses perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
O que por orde do presidente se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.
Ourense, 3 de outubro de 1996.
José Manuel Baltar Blanco
Secretario do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
8776