Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 04 de decembro de 1996 Páx. 10.958

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que para a calidade dos cursos de formación ocupacional ten a preparación dos docentes responsables da súa impartición, non só desde o punto de vista dos coñecementos técnicos, senón tamén desde a perspectiva da metodoloxía didáctica que se vai empregar, está a pór en marcha un Plan Autonómico de Formación de Formadores, para complementa-los coñecementos pedagóxicos do profesorado.

Consecuentemente, procede agora dicta-la presente disposición co fin de concreta-la regulación do antedito plan, que terá como obxectivo fundamental capacitar para programar, impartir e avaliar cursos de formación ocupacional ós diferentes profesionais que imparten cursos incluídos nas programacións da consellería, tanto do plan nacional de formación e inserción profesional (FIP), coma do Fondo Social Europeo (FSE), considerando, en outras materias, a tipoloxía e o contido dos cursos, a forma de ofertalos e os criterios de selección dos alumnos, así como a formación do persoal encargado de impartilos.

A consecución deste obxectivo supón un reto organizativo tanto para a Dirección Xeral de Formación e Emprego como para as delegacións provinciais da consellería, tendo en conta que deben facilitarse os medios humanos e materiais para que tódolos docentes que actualmente imparten cursos ou aqueles que no futuro poidan impartilos, estean en disposición de cumpri-lo antedito requisito no momento no que o seu cumprimento sexa imprescindible.

Con base en todo o anterior, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais e o Consello Galego de Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto o establecemento da regulación do plan autonómico de formación de formadores, consistente nun conxunto de medidas tendentes a capacitar para programar, impartir e avaliar cursos de formación ocupacional ós diferentes profesionais que participan nos plans de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Tipoloxía dos cursos.

1. Para a execución do Plan Autonómico de Formación de Formadores desenvolveranse dous tipos de accións formativas: as básicas e as complementarias.

2. Como regra xeral, os cursos integrados na formación básica serán de carácter presencial, e considerarase, excepcionalmente, a posibilidade de realizalos na modalidade a distancia para aqueles profesionais que se vexan imposibilitados para asistir ós cursos, existindo, non obstante, neste caso, sesións presenciais.

A formación básica adquirirase a través da realización dun curso de metodoloxía didáctica de 150 horas lectivas de duración.

3. Dentro da formación complementaria impartiranse cursos monográficos de ata 40 horas para as persoas que superasen a formación básica e o seu obxectivo será profundar nos distintos módulos que conforman o contido dos cursos básicos, tendo a súa realización un carácter voluntario.

4. Os contidos e módulos dos cursos sinalados nos parágrafos anteriores, así como o material que se vai empregar neles, serán os que estableza a Dirección Xeral de Formación e Emprego, logo de consulta ós axentes sociais.

Artigo 3º.-Programación e convocatoria dos cursos.

1. A programación dos cursos que se van impartir en cada provincia e integrados no Plan Autonómico de Formación de Formadores realizana os respectivos delegados da consellería competente en materia de formación profesional ocupacional, en función dos medios humanos e materiais de que dispoña cada unha, no último trimestre do ano anterior.

2. A antedita programación será publicada no mes de decembro mediante orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Os interesados en participar nas distintas accións formativas que anualmente se convoquen poderán presenta-las correspondentes solicitudes, no modelo normalizado que se estableza na orde sinalada no parágrafo anterior, durante todo o ano.

4. Para a realización das tarefas previstas no presente decreto, os equipos de formación de formadores das delegacións provinciais deberán contar con medios materiais e administrativos de apoio.

Artigo 4º.-Criterios de selección dos asistentes ós cursos.

Os requisitos e criterios que hai que ter en conta para a selección dos asistentes ós cursos estableceranse nas respectivas ordes anuais de convocatoria.

Artigo 5º.-Validación doutros cursos.

1. Para os efectos do cumprimento do requisito establecido no Art. 7 do presente decreto, terá validez o diploma acreditativo da realización dos seguintes cursos:

a) Os de formación de formadores, de metodoloxía didáctica ou calquera outro de contido semellante, calquera que sexa a súa denominación, impartidos polo INEM desde o ano 1985 dunha duración igual ou superior a 150 horas lectivas.

b) Os de formación de formadores e de metodoloxía didáctica de 150 ou máis horas, impartidos por centros colaboradores da Consellería de Familia, Muller e Xuventude incluídos na súa programación anual e financiados por ela desde o ano 1993.

2. Por resolución expresa da Dirección Xeral de Formación e Emprego e para os efectos previstos no presente decreto, poderán validarse os diplomas acreditativos da realización dos cursos sinalados no parágrafo b) do apartado anterior, impartidos noutras comunidades autónomas con competencias asumidas na materia.

Artigo 6º-Rede de formación de formadores.

1. As accións formativas previstas na presente disposición impartiranas os equipos de formación de formadores das delegacións provinciais, integrados polos técnicos do cadro de persoal da consellería e polos docentes do catálogo de expertos que se contraten para a impartición puntual de cursos e polo persoal que, se é o caso, poida colaborar, en virtude de convenios de colaboación con outras administracións públicas.

2. Para a actualización pedagóxica e perfeccionamento técnico do persoal integrante da rede de formación de formadores elaborará no primeiro trimestre de cada ano a Dirección Xeral de Formación e Emprego un plan que conterá, entre outras, as seguintes accións:

a) Realización de cursos monográficos e de perfeccionamento técnico.

b) Un sistema de titorías e de seguimento dos cursos impartidos polos integrantes da rede.

Artigo 7º.-Obrigatoriedade dos cursos.

Na programación de cursos de formación ocupacional correspondente ó ano 2000, a posesión do diploma acreditativo de ter realizado algún dos cursos previstos nos artigos 2.2º e 5º será requisito imprescindible para a súa impartición.

Disposicións adicionais

Primeira.-Por orde da conselleira de Familia, Muller e Xuventude poderá ampliarse o prazo para a entrada en vigor do requisito sinalado no Art. 7 se, chegado o ano 2000, non se puidesen impartir un número de cursos suficientes para atende-las

demandas dos expertos e docentes de cursos de formación ocupacional.

Segunda.-A impartición das accións formativas previstas no Art. 2, na súa modalidade a distancia, estará supeditada á elaboración dos correspondentes materiais didácticos por parte da Dirección Xeral de Formación e Emprego.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto e, en concreto, a disposición adicional terceira do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Disposicións derradeiras

Primeira-Autorízase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

7050