Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 03 de decembro de 1996 Páx. 10.923

II. ACTUACIÓNS E PROCEDEMENTO Obxectivo I:

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se rectifica a do 2 de outubro de 1996 relativa ó convenio colectivo da empresa Kiwi Atlántico, S.A.

Vista a resolución desta delegación provincial de data 2 do presente mes, pola que se acorda a inscrición como convenio colectivo estatutario do convenio colectivo da empresa Kiwi Atlántico, S.A., e na que se di que foi subscrito o devandito convenio colectivo polos delegados de persoal, e unha vez constatada a inexistencia de delegados de persoal dado que o seu censo laboral constrinxe soamente a dous traballadores, e por canto se incorren na resolución de instancia no erro material antes escrito, procede que ó abeiro do disposto no artigo 105.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que lle concede á Administración pública a potestade de rectificar en calquera momento os erros materiais e de feito en que puidese incorrer, dicta-la presente resolución complementaria de rectificación do erro material no seguinte sentido ó respecto,

ACORDA:

Primeiro.-Rectifica-la resolución desta delegación provincial do 2 do presente mes, no senso de facer contar que o convenio colectivo da empresa Kiwi Atlántico, S.A., foi subscrito en representación da parte social polos dous únicos traballadores desta, que non ostentan representatividade sindical, Declaran ó respecto que por non posuí-la devandita empresa representación sindical, o citado convenio colectivo soamente poderá afectarlles ós traballadores asinantes del, polo que ten sentido a natureza de convenio colectivo, extraestatutario, dimanante á súa lexitimidade do dereito constitucional para o efecto de negociación colectiva dos traballadores, dos que consideramos non poden ser privados polo feito de non ter estes representación sindical, pero si posuí-lo dito convenio a natureza de estatutario.

Segundo.-Dado que o citado convenio xa foi inscrito no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, fágase constar na citada inscrición o carácter de convenio colectivo extraestatutario deste.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 10 de outubro de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

8868