Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 03 de decembro de 1996 Páx. 10.913

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 29 de novembro de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 155/1996, do 9 de maio, polo que se regulan os horarios do persoal adscrito ó servicio de protección de recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O Decreto 155/1996, do 9 de maio, regula os horarios do persoal adscrito ó Servicio de Protección de Recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, establecendo a xornada de traballo e, de forma xenérica, o réxime de realización de quendas e o dereito a compensacións económicas polas características do servicio.

Para a concreción destas medidas, o artigo 2 do decreto remite a unha orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que fixará os horarios ós que deben axustarse as quendas de traballo. Así mesmo, cómpre especifica-las compensacións económicas derivadas do especial réxime de traballo deste persoal, así como os órganos encargados da programación das quendas e do control horario.

Por todo o anterior, e en virtude do disposto na disposición derradeira segunda do Decreto 155/1996, do 9 de maio,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O persoal adscrito ó Servicio de Protección de Recursos realizará o seu traballo entre as 00 horas e as 24 horas adaptando o seu horario ás necesidades do servicio, de conformidade coas quendas programadas semanalmente pola Subdirección Xeral de Protección de Recursos. Estas quendas confeccionaranse por proposta dos xefes de base e do xefe de sección de inspección e serán postas en coñecemento do persoal cunha antelación mínima dun mes.

No establecemento das quendas procurarase a rotación semanal do persoal, determinándose o persoal necesario para atende-los servicios en sábados, domingos e festivos.

En calquera caso o dito persoal non poderá realizar máis dunha quenda de traballo dentro da mesma xornada natural, e entre unha quenda e outra dispoñerá dun período de descanso de polo menos 12 horas, salvo nos casos previdos no artigo 6º da presente orde e no artigo 4 do Decreto 155/1996, do 9 de maio.

Establécese un descanso semanal mínimo de 48 horas consecutivas.

Artigo 2º

Considerarase horario diurno o realizado entre as 8 horas e as 21 horas e horario nocturno o efectuado entre as 21 horas e as 8 horas.

No suposto de que unha quenda se inicie dentro do horario diurno e se remate en horario nocturno, ou viceversa, entenderase realizada integramente neste último horario, sempre que se presten mais de dúas horas do tempo de traballo da quenda no horario nocturno.

Artigo 3º

Terán a consideración de quendas de fin de semana as realizadas entre as 21 horas do venres e as 8 horas do luns e entre as 21 horas da véspera de festivo e as 8 horas do día seguinte ó festivo.

Cando a quenda se inicie no horario diurno e remate no horario de fin de semana ou viceversa, aplicaranse as normas previstas no parágrafo segundo do artigo anterior.

Artigo 4º

O control do horario deste persoal levarao a cabo a Subdirección Xeral de Protección de Recursos, mediante os partes que diariamente remitan os xefes de base e o xefe de sección de inspección a ese centro directivo.

Artigo 5º

A Subdirección Xeral de Protección de Recursos poderá, por causas xustificadas, cambia-las quendas programadas sempre e cando non supoñan prolongación de xornada nin quenda extraordinaria.

Neste caso o persoal percibirá a compensación económica que resulte máis beneficiosa.

Artigo 6º

Circunstancialmente e só por causas excepcionais, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer quendas extraordinarias. En tal suposto e sempre que as circunstancias o permitan, avisarase con antelación ó persoal afectado, sendo preferente para a realización da dita quenda o que desfrutase de maior tempo de descanso.

Así mesmo, establecerase unha quenda extraordinaria cando sexa necesaria a continuación do servicio despois de transcorrido o prazo sinalado no artigo 4 do Decreto 155/1996.

Artigo 7º

Cando o persoal de protección de recursos efectúe quendas extraordinarias ou prolongación de xornada terá dereito a unha compensación horaria de 1.25 horas por cada hora que exceda da xornada ordinaria de traballo en cómputo mensual.

Estas horas libres desfrutaranse nos dous meses seguintes á realización dos servicios que deron dereito a elas.

Esta compensación horaria podería sufrir modificación no suposto a que se refire a disposición adicional do Decreto 155/1996.

A prestación de servicios en quendas nocturnas e de fin de semana ou festivos dará lugar ás seguintes compensacións horarias:

a) Por cada hora en quenda nocturna: 0.25 horas.

b) Por cada hora en fin de semana ou festivos: 0.50 horas.

Artigo 8º

O persoal adscrito ó Servicio de Protección de Recursos percibirá as seguintes contías retributivas, todas elas en concepto de complemento de productividade de acordo co disposto no artigo 64.3 c) da Lei 4/1988, da función pública de Galicia:

a) Pola adaptación do seu horario ás necesidades do servicio (quendas) ata 17.500 ptas./mensuais.

b) Por cada quenda de servicio prestado en horario nocturno 4.000 ptas.

c) Por cada quenda de servicio prestada en horario de fin de semana ou festivos 4.000 ptas.

En calquera caso, a aplicación orzamentaria do complemento de productividade establecido pola actividade extraordinaria que regula esta orde e en consonancia cos módulos retributivos fixados, quedará limitada ás dotacións orzamentarias iniciais que anualmente se establezan para a consellería e sempre tendo en conta o disposto no apartado e) do artigo 12 da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

No presente exercicio de 1996, a dotación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura é de sesenta millóns de pesetas.

Artigo 9º

As compensacións establecidas nos apartados b) e c) do artigo 8 son incompatibles entre si, polo que, en ningún caso, se percibirá máis dunha compensación económica pola realización dunha soa quenda de traballo.

En calquera suposto, a percepción das compensacións económicas previstas na presente orde estará supeditada á efectiva prestación do servicio. Para estes efectos, a compensación prevista no punto a) do artigo 8 será proporcional, dentro de cada mes, ó tempo de servicios efectivamente prestados, computándose como tal o período vacacional de cada traballador.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, sendo, non obstante, aplicable o seu contido económico desde o un de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 1996.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

8856