Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 03 de decembro de 1996 Páx. 10.910

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de outubro de 1996 pola que se dictan instruccións sobre o procedemento de solicitude e rexistro do libro de cualificacións de formación profesional, así como as normas para facilita-la tarefa dos centros para cubrilo.

A Orde do 30 de outubro de 1992 (Boletín Oficial del Estado do 11 de novembro), modificada pola Orde do 2 de abril de 1993 (Boletín Oficial del Estado do 15), establece para todo o Estado os elementos básicos dos informes de avaliación das ensinanzas de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garanti-la mobilidade dos alumnos.

O punto décimo cuarto apartado 1 da devandita orde establece que o libro de escolaridade será editado polas administracións educativas con plenas competencias en materia de educación, que establecerán tamén o procedemento de solicitude e rexistro do citado documento.

A Orde do 21 de xullo de 1994 (Boletín Oficial del Estado do 26) regula con carácter básico o libro de cualificacións de formación profesional como o documento oficial que reflicte os estudios cursados e as cualificacións obtidas polo alumno, dándolle, polo tanto, valor acreditativo dos estudios realizados. Nel recollerase, se é o caso, a información referida ós cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e a solicitude, por parte do alumno, da expedición do título correspondente, logo de superar tódolos módulos profesionais do ciclo formativo cursado.

A Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 21) establece no seu artigo 13 os documentos básicos do proceso de avaliación da formación profesional específica nesta Comunidade Autónoma, sinalando entre eles o libro de cualificacións como un dos garantes da mobilidade académica dos alumnos e alumnas.

Por todo isto procede dicta-las instruccións que regulen o proceso de solicitude e rexistro do libro de cualificacións de formación profesional, así como as normas que faciliten a tarefa dos centros para cubrilo.

En virtude do anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.

O libro de cualificacións de formación profesional é o documento oficial que reflicte os estudios cursados e as cualificacións obtidas polo alumno. Ten, polo tanto, valor acreditativo dos estudios realizados e posibilita a mobilidade dos alumnos entre os centros que impartan estas ensinanzas. No libro de cualificacións de formación profesional recollerase, se é o caso, a

información referida ós cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e a solicitude, por parte do alumno, da expedición do título correspondente, logo de ter superados tódolos módulos profesionais do ciclo formativo cursado.

Segundo.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, editará e controlará os libros de cualificacións de formación profesional.

2. A serie de libros iniciarase coas siglas GL separadas por un guión da letra da serie que se iniciará coa letra A en maiúscula, seguindo a orde alfabética. Cada serie constará de 100.000 exemplares. Comezará polo número 00000 e rematará co número 99.999. O número irá seguido das letras FP, separadas del por un guión.

Terceiro.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitiralles cada ano ás delegacións provinciais o número de exemplares de libros de cualificacións que se consideren necesarios. Nos libros figurarán a serie e o número que correspondan.

2. Os servicios de Inspección Técnica de Educación solicitaranlle á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa o número de libros de cualificacións de formación profesional que consideren necesarios no seu ámbito territorial para o curso escolar seguinte.

A citada solicitude deberá cursarse no mes de decembro de cada ano, segundo o modelo do anexo I.

3. Os directores dos institutos remitirán ó Servicio de Inspección Técnica de Educación, ó longo do mes de outubro, por duplicado, unha relación por orde alfabética dos alumnos para os que se solicita o libro de cualificacións de formación profesional.

A solicitude formularase de acordo co modelo que se inclúe como anexo II.

4. Os directores dos centros privados presentarán, por triplicado, a relación á que se refire o parágrafo anterior a través dos institutos de educación secundaria ós que estean adscritos. As citadas relacións deberán levar o visto e prace do director do instituto. Unha vez tramitadas coa dilixencia de autorización correspondente, un exemplar será arquivado no instituto que fixo o trámite e outro quedará no centro privado solicitante.

5. Cando por algunha circunstancia excepcional se solicite a expedición dun duplicado do libro, os directores dos centros incluirán os nomes dos alumnos na relación indicada nos punto 3 e 4 deste artigo e especificarán no apartado de observacións as razóns da devandita solicitude.

6. Unha vez expedido o duplicado do novo libro, farase constar, nas páxinas destinadas a observacións, unha dilixencia conforme o anexo III.

Cuarto.

1. Os servicios de Inspección Técnica de Educación rexistrarán os libros atribuíndo cada libro a un alumno e utilizando para o efecto as relacións remitidas polos centros.

Unha vez rexistrados, remitirán ós respectivos centros os libros de cualificación acompañados dunha das devanditas relacións coa dilixencia de autorización correspondente para o seu arquivo no centro, arquivando o duplicado no Servicio de Inspección, e constituíndo así o rexistro de libros da delegación provincial correspondente.

2. Cando se matricule no centro algún alumno procedente doutra Comunidade Autónoma, solicitaráselle ó centro de orixe o libro correspondente e anotarase no libro de rexistro establecido no artigo 13.5º da Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 21) coa serie e número que lle corresponda. Así mesmo notificaráselle á Inspección Educativa para a súa anotación no libro de rexistro de libros de cualificación de formación profesional.

3. Os servicios de Inspección Técnica de Educación remitirán á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ó longo do mes de decembro de cada ano unha relación, conforme o modelo do anexo I, na que se recollan o número de libros que foron rexistrados e o seu remanente, así como o número de exemplares que se consideren necesarios para o curso seguinte.

Quinto.

1. O centro no que se matricule o alumno para cursar estudios de formación profesional será o encargado de cubri-lo libro de cualificacións e, sempre que se trate dun inicio de estudios de formación profesional, da súa apertura.

2. O libro de cualificacións será custodiado polo centro educativo no que o alumno estea matriculado cursando estudios de formación profesional. Unha vez superados estes, farase entrega del ó interesado, quedando constancia da dita entrega no propio libro mediante a dilixencia correspondente da que se incluirá copia co xustificante de recepción do alumno no seu expediente académico.

3. O libro de cualificacións levará as sinaturas fidedignas das persoas que corresponda en cada caso, identificadas debidamente, facendo constar debaixo delas o nome e apelidos do asinante.

4. No caso de erro ó cubri-los datos, as correccións que procedan acreditaranse mediante dilixencia coa sinatura do secretario ou secretaria do centro, na mesma páxina, se é posible, ou nas páxinas reservadas para observacións.

5. Cando o espacio destinado a relaciona-los módulos profesionais que compoñen o ciclo formativo non sexa suficiente e a abreviatura puidera dar lugar a confusións, indicarase explicitamente o nome completo de cada módulo profesional e a abreviatura correspondente nas páxinas reservadas para observacións.

Sexto.

As cualificacións resultantes da avaliación final expresaranse nos termos establecidos no punto 2º, apartados 3 e 4, da Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 21).

Sétimo.

1. Nos libros correspondentes ós alumnos de centros privados, a dilixencia relativa á expedición do título de técnico ou técnico superior será cuberta polo instituto de educación secundaria ó que estean adscritos, unha vez cotexadas as cualificacións incluídas no libro coas que conteñen as actas.

2. Os libros de cualificacións dos alumnos que non superen o ciclo formativo quedarán baixo custodia do instituto no que cursaron estudios ou do centro ó que estea adscrito o centro privado.

Oitavo.

1. Cando un alumno ou alumna se traslade a outro centro, o centro de orixe remitirá ó de destino, e por pedimento deste, o libro de cualificacións de formación profesional, debidamente cuberto. O centro receptor anotará no libro de cualificacións de formación profesional a inscrición do alumno e abrirá un novo expediente académico, trasladando a el os datos que figuren no libro de cualificacións.

2. O traslado dos libros de cualificacións dos alumnos dos centros privados deberá efectuarse a través do instituto de educación secundaria ó que estean adscritos. Nestes casos, o instituto de orixe xuntará ó libro de cualificacións a certificación que se recolle no anexo IV.

3. No momento do traslado e para permiti-la adecuada inscrición no centro de destino, entrementres se reciba a documentación pertinente, o alumno deberá solicitar do centro de orixe unha certificación, segundo o modelo do anexo V, na que consten os estudios que realiza ou realizou nese ano académico.

Noveno.

Para os alumnos que se incorporen ás ensinanzas do novo sistema educativo nos ciclos formativos de grao medio e grao superior, será de obrigada utilización o libro de cualificacións de formación profesional. Os directores ou directoras dos institutos solicitarán o libro de cualificacións para os alumnos que iniciaran ciclos formativos de formación profesional.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o segundo parágrafo do artigo 13.4º da Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 21) pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional

ANEXO III

DILIXENCIA para facer constar que, con esta data, se estende o presente libro de cualificacións de formación profesional como duplicado, por (1)

,

e que se trasladan ás páxinas correspondentes os resultados de avaliación obtidos con anterioridade a esta data que constan no expediente académico do/da alumno/a.

..............., ... de...... de...

V. e pr.

O/A director/a O/A secretario/a

(cuño do centro)

Asdo:..............Asdo:..............

(1) Indica-la causa do duplicado

ANEXO IV

(Traslado do libro de cualificacións para alumnos de centros privados)

, secretario/a do,

ó que está adscrito o centro,

titular deste libro de cualificacións.

CERTIFICO: Que as cualificacións consignadas no presente libro son conformes ás que figuran nas actas de avaliación.

E para que así conste, por pedimento do centro e co fin de que se faga o correspondente traslado a este, emito a presente certificación.

..............., ... de...... de...

V. e Pr.

O/A director/a O/A secretario/a

(cuño do centro)

Asdo:..............Asdo:..............

ANEXO V

como secretario/a do centro

CERTIFICO: que o/a alumno/a cursou/está

a cursar durante o ano académico .../... os módulos

do ciclo formativo

..............., ... de...... de...

V. e pr.

O/A director/a O/A secretario/a

(cuño do centro)

Asdo:..............Asdo:..............

8887