Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 29 de novembro de 1996 Páx. 10.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 31 de outubro de 1996 pola que se declara a alienabilidade de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Abegondo, Bergondo, Camariñas, Oroso, Porto do Son, Touro, Zas e Láncara.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres, establece que o Consello da Xunta de

Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cederlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario.

Os concellos de Abegondo, Bergondo, Camariñas, Oroso, Porto do Son, Touro, Zas e Láncara solicitaron a cesión de uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais, pertencentes ás extintas cámaras agrarias locais.

Mediante Decreto 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), desafectáronse, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Abegondo, Bergondo, Camariñas, Oroso, Porto do Son, Touro, Zas e Láncara.

Unha vez obtida a inscrición nos correspondentes rexistros da propiedade dos ditos bens inmobles a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade conforme o disposto nos artigos 24 da dita Lei 3/1985 e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, con obxecto de posibilita-la cesión do dereito de uso destes.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen a continuación:

1) Edificio sito no lugar de San Marcos, termo municipal de Abegondo (A Coruña), composto de planta baixa e un piso alto, distribuído en arquivo, secretaría, sala de xuntas e oficinas, dunha superficie construída aproximada de setenta e dous metros cadrados por planta, rodeado por tódolos seus ventos por terreo destinado a labradío de tres áreas, trinta e nove centiáreas. Forma todo un só predio de superficie de catro áreas dezanove centiáreas e linda ó norte, máis de Manuel Barros Otero; ó sur, inculto propiedade do Concello de Abegondo; ó leste, a estrada de Herves a Fontán e ó oeste, camiño público de San Marcos á Peneda.

O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos, no tomo 1.457 xeral, libro 191 de Abegondo, folio 72, predio nº 11.798, inscrición 4ª.

2) Casa sinalada co número dez do lugar de Sobre da Igrexa, parroquia de Guísamo, termo municipal de Bergondo (A Coruña), composta de planta baixa, dividida en varios compartimentos destinados a oficinas, que ocupa unha superficie de 180 m. Rodéaa

por tódolos seus ventos un terreo destinado a labradío de 3 áreas 77 centiáreas e forma todo un só predio de 5 áreas 57 centiáreas, que linda: ó norte, herdeiros de Carmen Galán; ó sur, predio que se reserva Manuel Fafián Babío; ó leste, estrada de Guísamo á ponte do Pedrido; e ó oeste, remata en punta por ser triangular.

O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos no tomo 1.474, libro 192 de Bergondo, folio 33, predio nº 11.307, inscrición 4ª.

3) Rústica, labradío, no sitio dos Ventos, de dúas áreas e setenta e nove centiáreas en Allo, parroquia de Ponte do Porto, concello de Camariñas (A Coruña), que linda ó norte, Manuel Allones Cibrán; ó sur, Manuela Suárez Álvarez; ó leste e oeste, estrada de Vimianzo a Camariñas, sobre a que se atopa construída unha casa, composta de planta e piso alto, de oitenta metros cadrados. Ten a súa fronte ó oeste. A planta baixa destínase a almacén. A planta alta destínase a oficinas. Linda por tódalas súas partes co predio no que se atopa emprazada.

O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Corcubión no folio 182 do tomo 530, libro 47 do concello de Camariñas, predio nº 5.663, inscrición 2ª.

4) Rústica, predio nº 1.655 do plano oficial de concentración da zona de Oroso-Gándara-Deixebre-Trasmonte, concello de Oroso (A Coruña), toxal no sitio de Devesa da Eira, de cinco áreas cincuenta centiáreas que linda ó norte, sur e leste, José Castro Matelo (1656) e ó oeste, estrada de Sigüeiro á estación de Oroso. O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Ordes no tomo 557, libro 66 de Oroso, folio 14, predio nº 11.299, inscrición 2ª.

5) Solar sito no Campo da Feira, da vila de Porto do Son (A Coruña) cunha superficie de 104,50 m que linda ó norte, con herdeiros de Rosa Vinagre Ares; ó sur, herdeiros de Manuel Tomé Tomé; ó leste, rúa sen nome e ó oeste, campo da feira, nº 13 do inventario de propios do concello de Porto do Son. Sobre o dito predio construíuse, ocupando a súa total superficie, un edificio composto de planta baixa, dedicada a almacén graneiro e un piso destinado a oficinas desta, da situación e lindeiros antes expresados, cos súa fronte ó oeste, por onde está sinalada co número 9; e ten outra entrada para planta baixa polo límite leste, por onde está sinalada co número 3, se ben accédese tamén ó baixo pola fronte ou entrada principal.

O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Noia no tomo 889, libro 121 de Porto do Son, folio 194, predio 6.034 duplicado, inscrición 4ª.

6) Predio sito na parroquia de Loxo, no concello de Touro (A Coruña), dunha superficie de 279 m. Linda: norte, labradío de Andrés Ciñeira García; sur, coa estrada de Boimorto a Muros; leste, monte

de José Barreiro Santos, Andrés Iglesias Millán e Andrés Ciñeira García; oeste, labradío de Andrés Ciñeira García. Sobre este soar construíuse un edificio de 86 m de planta baixa.

O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 556, libro 83 de Touro, folio 74, predio 6.146, inscrición 4ª.

7) Rústica, predio Campos, inculto, de cento oitenta e oito metros cadrados, sito en termos da parroquia e termo municipal de Zas (A Coruña), que linda ó norte e ó leste, coa estrada de Santiago a Camariñas; ó sur, camiño de servicio e parcela segregada, e oeste, camiño público e parcela segregada. Sobre a dita parcela atópase construído un edificio, composto de semisoto, baixo e piso, sito en termos da parroquia de Zas, e que ocupa unha superficie de cento sesenta metros cadrados. Destínase o soto a almacén-graneiro, cunha superficie útil de cento vintetrés metros cadrados, a planta baixa consta de seis locais para oficina, un aseo e un vestíbulo, e o piso alto componse de sala de estar, despacho, aseo e salón de actos. Linda por tódolos seus ventos co predio no que se atopa enclavado.

O dito ben inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Corcubión no tomo 369, libro 47 do concello de Zas, predio 160, predio nº 4.826, inscrición 4ª.

8) Edificio sito na parroquia de San Vicente de Carracedo, termo municipal de Láncara (Lugo), composto de planta baixa onde están o portal e as escaleiras que comunican coa planta alta e o resto destinado a almacén, cunha superficie útil de 94 m e 29 dm e planta baixa cunha superficie útil de 92 m e 45 dm, destinada a oficinas, despacho, salas de xuntas, arquivo e servicios, que ocupa a superficie do soar sobre o que está construído, que linda: ó norte, con resto do predio matriz; ó sur, con outra parcela denominada Candedo; ó leste, con resto do predio matriz; e ó oeste, con Ángel Rivera.

O dito inmoble atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria, no tomo 341, libro 57, folio 176, predio 5.360, inscrición 2ª.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

96-8614