Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 28 de novembro de 1996 Páx. 10.737

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLO CONSULTIVO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 1996 pola que se ordena a publicación do acordo do pleno do 16 de outubro de 1996 polo que se convoca concurso para o acceso ó corpo de letrados do dito organismo e a provisión de tres prazas vacantes nel.

En virtude das competencias que lle corresponden conforme o artigo 22 do Decreto 287/1996, do 12 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de orga

nización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, esta presidencia

RESOLVE:

Facer público o acordo plenario do 16 de outubro de 1996 polo que se convoca concurso para o acceso ó corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia e a provisión de tres prazas vacantes, que se xunta a esta resolución, e ordena-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 1996.

José Antonio García Caridad

Presidente do Consello Consultivo

Acordo do pleno do Consello Consultivo de Galicia do 15 de outubro de 1996 polo que se convoca concurso para o acceso ó corpo de letrados de dito organismo e a provisión de tres prazas vacantes nel.

Ó carecer de integrantes o corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia e existir tres prazas vacantes correspondentes a quenda do apartado b) do artígo 22 da Lei 9/1995, do 10 de novembro, segundo a relación de postos de traballo aprobada polo Consello da Xunta de Galicia e publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de setembro de 1996, e sen prexuízo de ulterior convocatoria de oposición para a provisión de prazas no dito corpo, pola quenda da letra a) do artigo 22 da lei citada (artigo 62 de Regulamento de organización e funcionamento aprobado por Decreto 287/1996, do 12 de xullo), a medida que as necesidades do consello o esixan e as previsións orzamentarias o permitan, o Pleno do Consello Consultivo de Galicia, na súa reunión do día 15 de outubro de 1996, ó abeiro do artigo 15, i) do regulamento citado, resolveu convocar concurso para o acceso ó corpo de letrados do dito organismo e a provisión de tres prazas vacantes nel, consonte coas seguintes bases:

I. Requisitos dos candidatos.

Segundo o disposto no artigo 22, b) da Lei 9/1995, do 10 de novembro (artigo 62 do regulamento), poderán tomar parte no concurso:

a) Os funcionarios da escala de letrados da Xunta de Galicia; e,

b) Os xuristas funcionarios de carreira que exerzan a súa actividade sometidos a unha relación de dereito público.

Todos eles poderán facelo calquera que sexa a situación administrativa en que se atopen, agás que esta sexa a de suspensos en firme.

Consonte co disposto no artigo 33 da Lei da función pública de Galicia, os candidatos deberán acredita-lo coñecemento da lingua galega, a través dalgún dos cursos, estudios ou titulacions expedidas pola Administración ou homologados por ela.

O cumprimento dos requisitos que habilitan os candidatos para tomaren parte no concurso haberá de referirse á data de presentación da súa solicitude e acreditarase documentalmente no xeito indicado na base seguinte.

II. Presentación de solicitudes.

Os candidatos que desexen tomar parte no concurso deberán presentar solicitude dirixida ó presidente do Consello Consultivo de Galicia, rúa Algalia de Abaixo 24, 2ª planta, Santiago de Compostela, no prazo de quince días a partir do seguinte o da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

No caso de facer uso dos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común, dirixirán simultaneamente telegrama á Presidencia do Consello Consultivo, indicando a data e lugar da presentación.

Na solicitude, inescusablemente, farase consta-lo grupo ó que pertence o funcionario solicitante, dos referenciados na base primeira e o cumprimento dos restantes requisitos mencionados nela, e enumerará pola súa orde os méritos que posúe, de acordo co anexo da presente convocatoria. Do mesmo xeito, xuntarase xustificación documental compulsada polo organismo competente ou autenticada notarialmente dos ditos extremos, agás cando se trate da xustificación dos particulares do apartado B) 2 do baremo.

O solicitante autobaremará os seus méritos, de acordo coa puntuación contida no anexo.

Non serán obxecto de consideración méritos distintos ós citados, nin os que son condición habilitante do candidato para o acceso ó concurso segundo a base primeira do presente acordo.

Rematado o prazo, as solicitudes presentadas vincularán ó peticionario, sen que poidan ser obxecto de modificación ou complemento, sen prexuízo da petición de corrección de erros materiais, aritméticos ou de feito.

III. Tribunal.

O concurso será avaliado por un tribunal composto polos seguintes conselleiros do Consello Consultivo de Galicia

Presidente:

Antonio Carro Fernández-Valmayor, por delegación do presidente de dito órgano.

Vocais:

José Luis de la Torre Nieto.

José María Gómez y Díaz-Castroverde, quen fará as funcións de secretario.

En caso de imposibilidade, actuará como suplente outro dos restantes conselleiros do dito órgano, por

orde de antigüidade ou, de se-la mesma, por orde de idade, de maior a menor. En calquera caso o tribunal non poderá actuar sen a presencia dos seus tres membros.

IV. Desenvolvemento do concurso.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal examinará a documentación presentada polos aspirantes e procederá a confirmar ou modifica-la puntuación dos méritos alegados e avaliados por eles de acordo co baremo anexo da presente convocatoria.

O acordo do tribunal farase público no taboleiro de anuncios da sede do Consello Consultivo de Galicia, ordenando ós aspirantes segundo a puntuación obtida. Quedarán excluídos das restantes fases do concurso os que non acadasen a puntuación mínima de 40 puntos, así como os que non acreditasen a titulación suficiente para participar no concurso de acordo coas esixencias da base primeira. No caso de modificación da puntuación resultante da autobaremación do candidato, e no de exclusión deste das sucesivas fases do concurso, farase constar na publicación o motivo da dita circunstancia, e notificaráselle individualmente a resolución ó interesado.

Publicada a anterior relación e cursadas, de se-lo caso, as notificacións individuais, concederáselles ós aspirantes un prazo de dez días para a presentación de reclamacións e, unha vez rematado, no prazo de dez días, o tribunal publicará a resolución procedente sobre elas.

Se por non alcanzaren a puntuación mínima todos ou algún dos candidatos quedasen as prazas convocadas total ou parcialmente desertas, o tribunal poñerao en coñecemento do Pleno do Consello Consultivo, para os efectos da publicación da dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e ulterior convocatoria de novo concurso.

Os candidatos que alcanzasen a puntuación mínima serán convocados polo tribunal a unha entrevista, na que en primeiro termo e por tempo máximo de quince minutos expoñerán perante o tribunal un resumo dos seus méritos profesionais e formación xurídica, así como o modo en que os estiman axeitados ó desenvolvemento das funcions que, legal e regulamentariamente, corresponden ós letrados do Consello Consultivo de Galicia. A continuación, o tribunal poderá formularlle ó candidato as aclaracións que estime oportunas.

As ditas entrevistas realizaranse co tribunal constituído en sesión pública e a orde de actuación dos candidatos comezará por aqueles que o seu primeiro apelido empece pola letra Z, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 15 de marzo de 1996 pola que se fai público o resultado do sorteo ó que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 67, de 3 de abril de 1996). En ningún

caso a entrevista terá o carácter de exame xeral dos coñecementos xurídicos do candidato.

En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada ó candidato nun máximo do 25 por cento da que lle correspondese por aplicación do baremo.

A puntuación resultante da entrevista farase pública ó remate da sesión en que tivera lugar. Rematadas a totalidade das entrevistas, o tribunal fará pública por orde de puntuación a relación dos tres candiadatos, se os houber, que alcanzasen o máximo dela, remitíndolle certificación desta ó Consello Consultivo de Galicia. En ningún caso poderá incluirse na relación maior número de candidatos có de prazas convocadas.

No caso de empate na puntuación conxunta dimanante da aplicación do baremo e a realización da entrevista, a orde decidirase en favor do aspirante que acadase maior puntuación por aplicación do baremo contido no anexo e, de persisti-la igualdade, en favor do aspirante de maior idade.

Publicada a anterior relación, o presidente do Consello Consultivo de Galicia comunicaralle o resultado do concurso ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, co obxecto de que se expidan os correspondentes nomeamentos.

Así mesmo, ordenará a publicación do resultado definitivo do concurso no Diario Oficial de Galicia. A orde dos candidatos contida en tal relación determinará a de ingreso no corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia e a situación na escala respectiva.

V. Toma de posesión.

Co fin de proceder á efectiva cobertura das prazas nos termos do artigo 22 da Lei 9/1995, os candidatos seleccionados deberán tomar posesión dos seus postos ante o presidente do Consello Consultivo no prazo de tres días a partir do seguinte ó da publicación, se o nomeamento non implicase cambio de residencia, e no de vinte días se a esixira ou implicara o reingreso ó servicio activo.

Os que non tomasen posesión nos prazos indicados, de non mediar causa debidamente xustificada, entenderase que renuncian ó nomeamento obtido.

Os destinos adxudicados entenderanse acadados voluntariamente, e non darán lugar a indemnización ningunha.

VI. Normativa de aplicación.

A presente convocatoria rexerase polas súas bases e, no que non estea previsto nelas, polo disposto nas Leis 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común, 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, o Decreto 287/1996, do 12 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento

do mesmo, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola lei 3/1995, do 10 de abril, Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e Decreto 95/1991, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

VII. Facultades do Tribunal.

O tribunal estará facultado para resolver sobre a interpretación das bases da presente convocatoria e as cuestións suscitadas en relación con elas.

Efectuados os nomeamentos, as incidencias que puidesen suscitarse en relación coas situacions administrativas dos afectados serán resoltas polo presidente do Consello Consultivo de Galicia.

VIII. Publicación de acordos.

Agás as mencións expresas que o presente acordo realiza ó Diario Oficial de Galicia, e para as resolucións nel mencionadas, o resto de acordos publicarase no taboleiro de anuncios da sede do Consello Consultivo.

IX. Recursos.

Contra o presente acordo e as resolucións dictadas polo tribunal avaliador do concurso en actos definitivos ou que fagan imposible a continuación do procedemento para o afectado poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses computados a partir da publicación dos acordos ou, de se-lo caso, da notificación individual ó interesado.

ANEXO

Baremo de méritos.

Puntuación total: 100 puntos.

A) Méritos xerais: ata 83 puntos.

1. Grao persoal consolidado en relación co posto de traballo que se convoca. Máximo 16 puntos:

a) Igual: 16 puntos.

b) Menor:-nivel 28 ou 29: 12 puntos.-nivel inferior ó 28: 8 puntos.

2. Traballo desenvolvido: máximo 43 puntos.

2.1. En servicio activo:

2.1.1. Desempeño de postos de nivel 30, 1 punto por ano completo, ata un máximo de 6 puntos.

2.1.2. Desempeño de postos de nivel 29, 1 punto por ano completo, ata un máximo de 5 puntos.

2.1.3. Xefatura de unidades dedicadas ó desenvolvemento de actividade xurídica consultiva ou contenciosa en defensa das administracións públi

cas, 3 puntos por ano completo, ata un máximo de 18 puntos.

2.1.4. Outro destino nos postos de traballo mencionados no apartado anterior (2.1.3), 2 puntos por ano completo ata un máximo de 10 puntos.

2.2. En servicios especiais: 1 punto por ano completo ata un máximo de 4 puntos.

3. Cursos de formación ou perfeccionamento en materias xurídicas. Só se tomarán en consideración os expedidos por universidades ou centros oficiais de formación que expidan certificación de asistencia ou diploma. Máximo de 12 puntos:

a)Ata 10 horas de duración: 0,25 puntos por curso ata o máximo de 2 puntos.

b)Ata 50 horas de duración: 1 punto por curso ata o máximo de 4 puntos.

c) Máis de 50 horas: 1,5 puntos por curso ata o máximo de 6 puntos.

Cada curso non poderá computarse en máis dun dos apartados anteriores.

4. Antigüidade na carreira administrativa. Máximo de 5 puntos, a razón de 0,25 puntos por ano completo.

5. Titulación en cursos de galego, excluída a de iniciación, non referidos a linguaxe xurídica: 3 puntos. Os posteriores ó primeiro obtido non computan.

6. Titulación de cursos de galego sobre linguaxe xurídica: 4 puntos. Os posteriores ó primeiro obtido non computan.

B) Méritos específicos: ata 17 puntos.

1. Titulacións universitarias oficiais: 12 puntos máximo.

a) Doutor en dereito: 7 puntos

b) Doutor en materias relacionadas coa socioloxía, as ciencias políticas ou a economía: 2 puntos.

c) Licenciado en materia diferente a dereito: 2 puntos.

d) Diplomado noutra materia: 1 punto

A acreditación dun título superior exclúe o cómputo dos previamente obtidos na mesma materia. O total de puntuación non pode exceder, en ningún caso, os 12 puntos.

2. Publicacións en materias xurídicas: máximo 5 puntos.

a) Publicacións cientifico-xurídicas: ata 5 puntos.

b) Relatorios, memorias ou traballos similares presentados en centros oficiais ou recoñecidos oficialmente; ou publicados por servicios dependentes deles: ata 3 puntos.

A acreditación das publicacións do presente apartado farase coa súa presentación; e a da presentación dos relatorios, memorias ou traballos coa súa aportación e certificación do centro correspondente.

8531