Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 27 de novembro de 1996 Páx. 10.675

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Magnesitas de Rubián, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Magnesitas de Rubián, S.A. (código 2700362), da provincia de Lugo, asinado o día 9 de setembro de 1996, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 27 de setembro de 1996.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de traballo da empresa Magnesitas de Rubián, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación a tódolos centros de traballo da empresa Magnesitas de Rubián, S.A., que ten na provincia de Lugo.

Artigo 2º.-Ámbito persoal e funcional.

O presente convenio afectará a tódolos traballadores de Magnesitas de Rubián, S.A. que presten

os seus servicios nos ditos centros de traballo, así como ós que ingresen durante a súa vixencia, coa excepción dos técnicos titulados e persoas asimiladas a estes, integrados na primeira nómina e non incluídos no convenio.

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o suxeito á Regulamentación do traballo nas minas de fosfato, xofre, potasa, talco e demais comprendidas noutra regulamentación, Estatuto do mineiro e Estatuto do traballador.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 1996 para tódolos seus efectos.

Artigo 4º.-Duración e denuncia.

A duración deste convenio será dun ano, contando desde o 1 de xaneiro de 1996.

Poderá ser denunciado por unha ou ámbalas partes, sempre que se faga cun mes de anticipación á finalización da súa vixencia. En caso de non ser denunciado por ningunha das dúas partes, este convenio prorrogarase automaticamente por un ano máis, excepto na súa parte económica, que se incrementaría no aumento do IPC do ano anterior. A denuncia do convenio non significará modificación ningunha no articulado do texto, que se continuará aplicando ata a súa substitución polo novo que se negocie.

Artigo 5º.-Revisión.

A parte salarial deste convenio revisarase automaticamente o 31 de decembro de 1996, se o índice de prezos do consumo establecido polo INE chega a supera-lo 3,75% e na diferencia que exceda, con carácter retroactivo ó 1 de xaneiro deste ano.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras do presente convenio establécense como mínimo dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas que as aquí comprendidas.

Artigo 7º.-Compromiso de emprego.

A sociedade comprométese durante o ano 1996 a mante-las persoas existentes no centro de traballo no momento da sinatura deste convenio, coa excepción das que voluntariamente se xubilen ou causen baixa. Ademais axustarase ás actas asinadas na delegación de Traballo para o expediente de regulación de emprego, do 14 de xaneiro de 1994, o texto íntegro do cal é o seguinte:

«En Vilademouros (O Incio), Lugo o 14 de xaneiro de 1994.

Dunha parte Eduardo Jiménez Domínguez, representante da sociedade Magnesitas de Rubián, S.A., en suspensión de pagamentos, asistida para os efectos legais procedentes polos interventores designados no expediente; e, de outra, como representantes dos traballadores, os membros do comité de

empresa, Mario Docasar Docasar, José Ramón Gacio Méndez, Hortensio Rodríguez Díaz, José Manuel González Sánchez e José Antonio Méndez.

EXPOÑEN:

Que unha vez efectuada unha votación na asemblea xeral pola totalidade dos traballadores de Magnesitas de Rubián, S.A..

ACORDAN:

1. Aprobar de mutuo acordo o expediente de regulación de emprego de 14 traballadores.

2. Comunicarlle ó INSS e ó INEM a finalización do expediente de suspensión temporal aprobado baixo o nº 55/1993 e que está vixente actualmente.

3. Que a sociedade Magnesitas de Rubián, S.A. lles ofrece ós traballadores as seguintes garantías:

a) Iniciación inmediata dos traballos.

b) Apoio económico dos accionistas.

c) Busca de novos mercados e productos.

d) Busca de apoio financeiro externo.

e) Garantía de non proceder a realizar ningún expediente de regulación de emprego nun prazo de tres anos, e no suposto de que se realizase un expediente de regulación de emprego a partir do terceiro ano, aboarase unha indemnización mínima de 45 días por ano de servicio.

f) Garantía por parte de Magnesitas de Rubián, S.A. de non realizar ningunha mobilidade xeográfica do persoal actual e de negociar cos comités e resto de representacións sindicais ou delegados dos traballadores as mobilidades funcionais que puidesen ser necesarias.

g) Garanti-lo cobro das nóminas pendentes a todo o persoal que permanece na empresa.

Este pagamento realizarase nun prazo non superior a 10 días desde a sinatura do expediente.

h) A empresa comprométese, en caso de considerase necesario, a que, no suposto de que se supera a situación na que se encontra e a súa actividade mercantil e productiva se normaliza, incorporar con carácter preferente os traballadores que agora ven resoltos os seus contratos de traballo. Esta preferencia na contratación será tamén respectada nos supostos dunha contratación temporal necesaria.

4. Ámbalas representacións, empresarial e social, para mellorar no posible o expediente de regulación de emprego, solicitarán subvencións e financiamento á Administración autonómica galega co fin de que apoie a empresa para garanti-la súa continuidade a través de investimentos.

Así mesmo, solicítase un apoio económico para mellora-las indemnizacións que se acordaron para os traballadores que extinguiron o seu contrato, xa

que se acordaron as mínimas por esta-la empresa en suspensión de pagamento.

De acordarse estas subvencións, crearase un comité paritario por ámbalas representacións para controlar tanto o seu reparto como o seu gasto.

E en proba de conformidade e para o efectivo coñecemento e seguimento deste acordo, asínase a presente acta en presencia do delegado de Relacións Laborais, Xustiza e Interior».

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, en fábrica, e 35 no interior da mina. Co fin de determina-lo tempo de traballo efectivo, este contabilizarase con referencia á hora de entrada e saída da empresa, en función dos horarios existentes ou os que no futuro se puidesen establecer. O tempo de toma de bocadillo será contabilizado como tempo de traballo efectivo e terá unha duración de 30 minutos por xornada.

Horario de verán.

O persoal eléctrico e mecánico durante o período do 1 de maio ó 30 de agosto acollerase á xornada continua de 7 a 15 horas.

Artigo 9º.-Salario base.

Os valores dos novos salarios base, que rexerán a partir do 1 de xaneiro de 1996, son os que figuran no anexo I deste convenio.

Artigo 10º.-Antigüidade.

Ós salarios indicados no anexo I do artigo anterior aplicaránselle-las seguintes porcentaxes

Cunha antigüidade de máis de 2 anos o 5%.

Cunha antigüidade de máis de 4 anos o 10%.

Cunha antigüidade de máis de 9 anos o 20%.

Cunha antigüidade de máis de 13 anos o 25%.

Cunha antigüidade de máis de 16 anos o 30%.

Cunha antigüidade de máis de 19 anos o 40%.

Cunha antigüidade de máis de 24 anos o 50%.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Prohíbese a realización de horas extraordinarias. En caso de realización de horas extraordinarias estructurais, o seu valor será o estipulado no anexo II.

Estas horas serán realizadas con preferencia polos traballadores que habitualmente ocupen este posto de traballo co límite máximo que marca a lei. A empresa comunicaralle ó comité de empresa relación e motivos das realizadas en forma mensual.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse catro pagas extraordinarias de 30 días cada unha denominadas verán, San Miguel, Nadal e beneficios; todas elas serán aboadas a razón de

salario base, antigüidade e plus convenio facéndose efectivas os días 22 de xuño, 28 de setembro, 22 de decembro de 1996 e 15 de marzo de 1997 respectivamente.

Todas estas gratificacións serán aboadas proporcionalmente ós días traballados, considerándose como tales para estes efectos as vacacións, licencias retribuídas e enfermidade ou accidente laboral cando deban ser retribuídas co 100%.

As pagas correspondentes a verán e Nadal serán aboadas proporcionalmente ó tempo traballado no primeiro semestre e no segundo respectivamente.

As pagas de San Miguel e beneficios calcularanse proporcionalmente ó tempo traballado no ano, comprendido no primeiro caso entre o 28 de setembro de 1995 e o 28 de setembro de 1996, e o segundo, desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1996.

Artigo 13º.-Plus de distancia.

Establécese un plus de distancia de 20,45 ptas./km, contando desde o primeiro quilómetro tanto os de ida como os de volta, cun máximo de 90 km en total.

Artigo 14º.-Plus de convenio.

Establécese un plus de convenio que se aboará por día traballado e na contía que se especifica no anexo III.

Artigo 15º.-Plus de toxicidade.

Percibirase un plus de 458 ptas. por día traballado ou fracción de máis de medio día.

Artigo 16º.-Plus de quenda rotativa.

Aqueles traballadores que realicen as súas funcións en tres quendas percibirán mensualmente e por este concepto, vixilantes, oficiais 1ª, 2ª e 3ª e peóns 21.013 ptas.

Artigo 17º.-Plus de nocturnidade.

Para aqueles obreiros que non estean sometidos ó réxime de quendas e realicen traballos esporadicamente de noite, o valor da hora de traballo será o resultado de incrementar nun 25% o prezo da hora extraordinaria establecido no anexo II.

Os cambios de xornais que impliquen o traballo en horas nocturnas, incrementaranse nun 25%.

Todos aqueles que realicen traballos nas noites de Noiteboa, Fin de Ano e Reis percibirán unha prima de noite de 11.248 ptas.

Artigo 18º.-Prima de productividade.

a) Óxido de magnesio.

Os perceptores desta prima corresponderán unicamente ó persoal deste centro de traballo e o seu aboamento será proporcional ós días realmente traballados, considerándose como tales as vacacións laborais.

Aplicarase para produccións de 4.250 a 5.250 toneladas mensuais a seguinte fórmula:

P= 4,8110 Tn - 6.009

Sendo Tn as toneladas producidas.

Para produccións superiores a 5.250 empregarase:

P= 9,6239 Tn - 31.496

Garántese unha prima mínima de 9.188 ptas.

B) Carbonato de magnesio.

Aboaranse 2,50 ptas. por tonelada e productor no momento de saída de fábrica.

Artigo 19º.-Permisos e licencias retribuídas.

O persoal terá dereito a desfrutar, logo de solicitude, de permiso nos seguintes casos:

Por casamento do empregado 15 días.

Por matrimonio de fillos ou irmáns 1 día e ata 2 máis se é fóra da provincia.

Por parto da esposa de 2 a 5 días.

Por cumprimento dun deber inescusable de carácter público, o tempo indispensable.

Por falecemento do pai, cónxuxe ou fillos, de 3 a 5 días.

Por falecemento de irmáns lexítimos ou políticos, avós ou netos, de 2 a 5 días.

Por falecemento de pais políticos, de 2 a 5 días.

Por enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos, tíos e irmáns, de 2 a 5 días.

Por cambio de domicilio, 2 días.

Estes permisos retribuídos aboaranse con soldo base, antigüidade, plus convenio, prima producción e quenda rotativa.

Artigo 20º.-Servicio militar.

Os traballadores que se encontren no servicio militar recibirán unha gratificación da empresa de 51.750 ptas. distribuídas en dúas entregas de 25.875 ptas. ós 5 e 10 meses de estar no servicio militar.

O persoal que obteña algún permiso e solicite prestar servicios na empresa mentres dure aquel, poderase incorporar ó seu posto de traballo ou un similar, percibindo o salario que lle corresponda nos días de traballo.

O tempo de servicio militar computarase coa antigüidade.

Artigo 21º.-Póliza de seguro de morte e invalidez.

A empresa contratará un seguro colectivo de accidente para todo o persoal, coas seguintes coberturas:

-Morte por causaas naturais: 3.000.000 ptas.

-Morte ou invalidez absoluta ou total por accidente: 4.000.000 ptas.

Artigo 22º.-Axuda ó traballador con fillos subnormais.

A empresa completará as prestacións da Seguridade Social coa cantidade de 11.385 ptas. mensuais por cada fillo subnormal, sempre que os fillos dependan economicamente do traballador.

Artigo 23º.-Excedencias.

A empresa concederá excedencia ós empregados que cunha antigüidade mínima de 1 ano a soliciten. O período de excedencia voluntaria non poderá ser inferior a seis meses nin superior a tres anos, non podendo o mesmo traballador pedir outra ata transcorridos outros dous anos, como mínimo, de terminada a anterior.

Terminada a excedencia, o productor terá dereito a ocupar inmediatamente un posto igual ou similar ó que tiña sen rebaixarlle en ningún caso a categoría profesional e sen que perda a antigüidade do período anterior á excedencia.

Artigo 24º.-Viuvez.

A empresa completará as prestacións á Seguridade Social ata un total de 56.925 ptas. mensuais ás viúvas ou fillos con dereito a orfandade de traballadores que non perciban ningunha outra pensión da Seguridade Social, Estado, provincia ou municipio.

Artigo 25º.-Socorro de falecemento.

En caso de falecemento do productor, percibirá da empresa o cónxuxe, fillos ou parentes máis próximos, que vivisen ou dependesen economicamente del, e en data inmediata, o importe bruto de tres mensualidades equivalente á de un traballador da súa categoría e antigüidade.

Artigo 26º.-Complemento prestacións Seguridade Social.

En caso de baixa, tanto de accidente como de enfermidade, a empresa completará as prestacións da Seguridade Social ata percibi-lo 100% do salario total excepto o plus de distancia. A comisión formada por un dos representantes dos traballadores pertencentes ó comité de empresa, e outro da empresa, encargarase de controla-lo proceso de baixa e determinará se non corresponde aboarlle o 100% a que se fai referencia.

Artigo 27º.-Consulta médica e usos propios.

A empresa concederá os días necesarios no ano para consultas médicas, os cales serán aboados como un permiso retribuído. Estes permisos deberanse xustificar mediante certificado facultativo.

Estes permisos solicitaranse previamente.

A empresa concederá ademais dous días ó ano para usos propios. Estes permisos deberanse solicitar con 48 horas de anticipación e serán retribuídos.

Artigo 28º.-Vacantes en postos de traballo.

Para cubrir vacantes que se produzan en postos de traballo ou para ocupar outros que se creen nun futuro, seguirase sempre baixo o criterio de con

tratación máis apto para cada posto de traballo e en iguais condicións a seguinte orde de preferencia:

1º.-Os orfos e fillos de traballadores da empresa.

2º.-Os traballadores cesados por finalización de contrato

3º.-Os afectados pola marcha da fábrica e explotación mineira.

Artigo 29º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio desfrutará dun período anual de vacacións retribuídas de 30 días naturais ou 21 de traballo.

Entrarán na retribución os seguintes conceptos:

-Salario base.

-Antigüidade.

-Plus convenio.

-Prima productividade.

-Plus quenda rotativa, exclusivamente para o persoal suxeito ó réxime de quenda rotativa

-Plus dispoñibilidade.

Durante o mes de xullo e agosto, o persoal deberá tomar como mínimo o 50% das súas vacacións. O resto das vacacións será de común acordo entre traballadores e empresa.

Artigo 30º.-Festividades.

Celebraranse as festividades de carácter nacional que figuran no calendario anual de festas laborais aprobadas pola Consellería de Traballo.

Igualmente celebraranse as festas con carácter local nos días martes de entroido e 29 de setembro, así como a festividade de Santa Bárbara o día 4 de decembro, patrona dos mineiros.

Os días 24 e 31 de decembro considéranse media xornada á segunda quenda.

Artigo 31º.-Producción anual.

Na segunda quincena do mes de xaneiro de 1997, en caso de alcanzarse as produccións sinaladas, e de forma gradual aboaráselle a cada productor da súa masa salarial bruta de 1996 as seguintes porcentaxes:

54.000 Tm.: 0,70%.

56.000 Tm.: 0,80%.

58.000 Tm.: 0,90%.

60.000 Tm.: 1,00%.

62.000 Tm.: 1,10%.

64.000 Tm.: 1,20%.

66.000 Tm.: 1,30%.

68.000 Tm.: 1,40%.

70.000 Tm.: 1,50%.

72.000 Tm.: 1,60%.

74.000 Tm.: 1,70%.

Artigo 32º.-Percepcións brutas.

No anexo IV reflíctense as percepcións brutas aproximadas anuais que percibirán as distintas categorías especificadas, cantidades que variarán debido a circunstancias persoais e primas variables.

Artigo 33º.-Sistema especial de xubilación.

Todo traballador, cumprida a idade de 64 anos, poderá solicitar voluntariamente a súa xubilación na empresa; neste caso, a empresa substituirá o traballador xubilado por un traballador desempregado ou perceptor do subsidio de emprego, contratado a través de calquera das modalidades establecidas pola lexislación laboral vixente en cada momento.

Os traballadores poderán solicita-la aplicación dos coeficientes reductores que a lei conceda para a súa xubilación.

Artigo 34º.-Seguridade e hixiene.

Aplicarase o disposto na normativa vixente dándoselle cumprimento ó artigo 33 do Estatuto do mineiro, así como á Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 35º.-Roupa de traballo.

En todo o referente a este apartado, aplicarase o disposto na ordenanza de seguridade e hixiene no traballo. Entregaranse no primeiro mes dúas fundas para cada traballador, así como dous pares de botas de seguridade e roupa contra a chuvia nos casos precisos.

Artigo 36º.-Asembleas.

Os traballadores teñen dereito a reunirse en asemblea, que poderá ser convocada polo comité de empresa ou polos delegados de persoal ou por un número de productores non inferior ó 33% do cadro de persoal.

A asemblea será presidida en todo caso por el ou polos delegados de persoal, que serán responsables do normal desenvolvemento dela, así como da ausencia de persoas estrañas nelas, non considerándose persoa estraña un asesor por cada sindicato con afiliados na empresa.

O lugar de reunión será o centro de traballo, se as condicións deste o permiten, logo de solicitude cunha anticipación de 24 horas.

Artigo 37º.-Horas sindicais.

Tódolos delegados de persoal terán dereito a desfrutar de 16 horas retribuídas ó mes para resolución de problemas laborais ou sindicais. O tempo poderá ser acumulado polo conxunto dos distintos membros do comité de empresa en un ou varios dos seus compoñentes sen excede-lo máximo total do ano.

Artigo 38º.-Cota sindical.

Logo de solicitude dos traballadores afiliados ás centrais sindicais, a empresa descontará a cota sindical na nómina do solicitante.

Para que a empresa realice esta operación, o traballador interesado nesta forma de pagamento da súa cota sindical solicitaraa por escrito á dirección, facendo constar na orde do desconto o sindicato a que está afiliado e a conta bancaria onde a empresa deberá face-lo ingreso.

Artigo 39º.-Nóminas.

Especificarase en nómina o posto do traballador e categoría que cada productor desempeña regularmente.

Artigo 40º.-Viaxes en coche propio.

Non se poderá utiliza-lo coche propio para servicios da empresa.

En caso de que por causas imprescindibles (auxilio por accidente, etc.) tivesen que realizar un servicio no propio coche, pagaráselle o quilómetro a 32,30 ptas.; caso de que no transcurso da viaxe o traballador sufrise un accidente, este, en todo caso, terá a consideración de accidente de traballo.

Artigo 41º.-Persoas con capacidade reducida.

Os traballadores con capacidade física diminuída serán destinados a postos de traballo menos penosos de acordo coas súas circunstancias e coas posibilidades da empresa.

Ó quedar vacante un destes postos, como báscula, almacén, etc., este persoal terá sempre preferencia sobre o resto dos traballadores da sociedade.

Artigo 42º.-Fondos de garantía.

Durante o ano 1996 crearase un fondo de garantía de 4 millóns de pesetas. A empresa facilitará préstamos para acceso á adquisición de vivenda, conforme os seguintes puntos:

A) Poderán acceder ó préstamo tódolos traballadores de Magnesitas de Rubián, S.A.

B) O reintegro das cantidades prestadas, cun máximo do 50% do salario bruto anual, farase en prazos mensuais, ata 3 anos máximo, cun xuro do 7,25%, descontándose da súa nómina mensual.

Para a aprobación do préstamo, necesítase que o traballador facilite a documentación suficiente sobre compra ou construcción da súa vivenda, que será examinada por unha comisión integrada polos membros do comité en presencia dun representante da empresa.

Así mesmo, créase un fondo de 1 millón de pesetas para préstamos de contía máxima de 72.000 ptas., que se devolverán nun ano, sen xuros, e descontándoo da nómina mensual.

Artigo 43º.-Bonos de chamada.

Aboarase como bono de chamadas imprevistas ou de emerxencia a cantidade de 3.014 ptas. para compensa-la intempestividade da chamada e dificultade de traslado.

Artigo 44º.-Plus de dispoñibilidade.

Aplicarase a cantidade de 26.917 ptas. mensuais ó persoal de mantemento en situación de garda localizada, para a atención de chamadas en caso de necesidades imprevistas ou de emerxencia.

Artigo 45º.-Premio á constancia.

Todo o persoal que cumpra 20 anos consecutivos de servicio á empresa terá unha paga equivalente ó salario mínimo interprofesional, que será aboado no momento de cumprirse o citado período de permenanencia na empresa.

Artigo 46º.-Comisión mixta paritaria.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento ou exercer funcións de arbitraxes sobre problemas ou cuestións suscitadas por tales motivos, nomearase unha comisión paritaria formada polos delegados de persoal e outros tantos da dirección.

Despois de ter sido comprobado o texto indicado do convenio colectivo de Magnesitas de Rubián, S.A. polos compoñentes da comisión deliberadora, dáse por conforme e apróbase enviar copia desta acta unha vez asinada ós organismos competentes, dándose por terminada esta sesión ás 14 horas do día citado ó comezo.

ANEXO I

Salario base.

1. Licenciados 117.948 ptas.

2. Titulados grao medio 100.234 ptas.

3. Xefes Admón. e mestres taller 88.939 ptas.

4. Axdtes. non titulados e xefes equipo 79.991 ptas.

5. Oficiais administrativos 77.618 ptas.

6. Subalterno 77.422 ptas.

7. Auxiliar administrativo 72.681 ptas.

8. Oficial 1ª 2.579 ptas.

9. Oficial 2ª 2.532 ptas.

10. Oficial 3ª 2.486 ptas.

11. Peón 2.415 ptas.

ANEXO II

Horas extraordinarias estructurais.

-Axudantes non titulados 1.858 ptas.

-Oficial 1ª 1.827 ptas.

-Oficial 2ª 1.795 ptas.

-Oficial 3ª 1.761 ptas.

- Peón 1.731 ptas.

ANEXO III

Plus convenio.

1. Licenciados 1.652 ptas.

2. Títulos grao medio 1.525 ptas.

3. Xefes Admon. e mestres taller 1.436 ptas.

4. Axdtes. non titulados e xefes equipo 1.365 ptas.

5. Oficiais administrativos 1.343 ptas.

6. Subalternos 1.307 ptas.

7. Auxiliar administrativo 1.301 ptas.

8. Oficial 1ª 1.307 ptas.

9. Oficial 2ª 1.282 ptas.

10. Oficial 3ª 1.255 ptas.

11. Peón 1.228 ptas.

ANEXO IV

1. Licenciados 4.550.422 ptas.

2. Títulos grao medio 3.896.700 ptas.

3. Xefes Admon. e mestre taller 3.781.336 ptas.

4. Axdtes. non titulados

e xefes equipo 2.852.025 ptas.

5. Oficiais administrativos 2.691.799 ptas.

6. Subalternos 2.307.257 ptas.

7. Auxiliares administrativos 2.294.438 ptas.

8. Oficial 1ª 2.332.892 ptas.

9. Oficial 2ª 2.243.166 ptas.

10. Oficial 3ª 2.153.440 ptas.

11. Peón 1.922.714 ptas.

8552