Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 27 de novembro de 1996 Páx. 10.668

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da primeira transformación da madeira.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da primeira transformación da madeira (código 2700445), da provincia de Lugo, asinado o día 9 de setembro de 1996, pola representación da Asociación Provincial de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira, Rematantes e Aserradores de Lugo e das centrais sindicais UGT, USO e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 4 de outubro de 1996.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo provincial da primeira transformación da madeira da provincia de Lugo

Aartigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo de traballo é de aplicación a tódolas empresas dedicadas ás actividades de serradoiro de madeira, industria de chapa e parquet, así como remate de madeira, que se rexan polo convenio colectivo estatal da madeira, publicado no Boletín Oficial del Estado do 20 de maio de 1996, coa excepción feita daquelas empresas que no día da data teñan aprobado convenio colectivo propio ou estén pendentes da súa aprobación.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídos no seu ámbito funcional, agás os menores de 16 anos que está prohibida a súa contratación.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio será desde o 1 de abril de 1996 ata o 31 de marzo de 1997, entrando en vigor o día da súa publicación no BOP, con efectos económicos desde o 1 de abril de 1996.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio son de aplicación ás empresas de Lugo e maila súa provincia, ós seus traballadores e as empresas que tendo o seu domicilio noutra provincia os seus traballadores presten os servicios nesta. Do mesmo xeito quedan obrigadas cantas empresas poidan constituirse no futuro na provincia de Lugo e queden enmarcadas no ámbito funcional do presente acordo.

Artigo 5º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase por períodos anuáis, agás na materia salarial, de non denunciarse por calquera das partes cunha antelación dun mes respeto a data do seu remate.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

Para interpreta-lo contido do presente convenio, vixia-lo cumprimento e exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas e cuestións plantexados como consecuencia da aplicación do mesmo constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes desde convenio, que estará formado por nove representantes da asociación empresarial asinante, 5 da central sindical UXT, 3 da central sindical USO e 1 da central sindical CC.OO, igualmente asinantes. Caso de non chegar a acordo a referida comisión, ámbalas dúas partes sométense a competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e maila xurisdición competente.

A dita comisión terá competencias en materia de desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo e da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio, son compensables e absorbibles en cómputo anual, de conformidade coa lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma, salvo a antiguedade consolidada de conformidade co establecido no artigo 15 e cos límites establecidos no artigo 13.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral durante a vixencia do presente convenio será de 1.812 horas anuais de traballo efectivo.

As empresas poderán distribui-la xornada establecida no párrafo anterior ó longo do ano, mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, que afecten a uniformidade ou irregularidade, ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso, a distribución irregular da xornada respectará os topes mínimos e máximos de distribución previstos no artigo 43 do convenio colectivo estatal da madeira.

Para os efectos dunha maior organización do traballo, as empresas poderán establecer un calendario anual no que se recolla a distribución da xornada pactada ó longo do ano.

Artigo 9º.-Vacacións anuais.

1. O período de vacacións anuais retribuídas, non substituíbles por prestación económica, será de 30 días naturais. Principiarán a disfrutarse sempre en días laborais, preferentemente entre o día 20 de xuño e o 30 de setembro.

2. O período do seu disfrute fixarase de común acordo entre o empresario e mailo traballador, que tamén poderán acorda-la división en dous períodos das vacacións totais.

A falta de acordo estarase ó disposto nos convenios colectivos sobre planificacións anuais das vacacións, respectándose, en todo caso os seguintes criterios:

a) O empresario poderá excluír como período vacacional, aquél que coincida coa maior actividade productiva estacional da empresa, previa consulta cos representantes legais dos traballadores.

b) Por acordo entre o empresario e mailos representantes legais dos traballadores, poderanse fixa-los períodos de vacacións de todo o persoal, xa sexa en quendas organizadas sucesivamente, xa sexa con suspensión total da actividade laboral, sin máis excepcións cas das tarefas de conservación, reparación e semellantes.

c) Cando exista un réxime de quenda de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia para que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

d) Se existise desacordo entre as partes, a xurisdición competente fixará as datas de disfrute das vacacións, sendo a súa decisión irrecurrible. O procedemento será sumario e preferente.

e) O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas nas que lle corresponde disfruta-las vacacións dous meses antes, alomenos, da data de comezo destas.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá o promedio da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, agás das horas extraordinarias e gratificacións extraordinarias.

Artigo 10º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores que contraian matrimonio terán dereito a 21 días de permiso. Por cambio de domicilio dous días, para os demáis supostos aplicarase ó establecido no cadro de permisos e licencias recollido no anexo II do convenio colectivo estatal da madeira e na lexislación laboral vixente.

Artigo 11º.-Horas sindicais.

Os delegados de persoal disporán dun crédito mínimo de 16 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións. sen prexuízo do establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Salario.

Comprende as retribucións que na xornada normal de traballo figuran na táboa de salarios anexa.

Artigo 13º.-Sobresoldo de asistencia.

Establécese un sobresoldo de asistencia para tódalas categorías profesionais a percibir por día efectivamente traballado. Perderase por acumulación de dúas faltas inxustificadas. Non será absorbible polos aumentos sobre o salario mínimo.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias, unha delas denominada paga de verán, que se aboará antes do 30 de xuño, e outra en decembro, denomindada paga de Nadal, que se aboará antes do 20 do citado mes.

A contía das pagas mencionadas será de 30 días de salario base maila antigüidade e a compensación por perda da antigüedade.

As pagas extraordinarias reguladas no presente artigo devengaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se devengase o salario base.

Artigo 14º (bis).

Como consecuencia do disposto na disposición transitoria segunda do convenio colectivo estatal da madeira, que obriga a adapta-las retribucións anuais a doce mensualidades e dúas pagas extraordinarias, procedeuse a traslada-lo importe da antiga paga extraordinaria de beneficios ó salario base,

sin que iso supoña incremento ou diminución das retribucións anuais pactadas.

Artigo 15º.-Complemento de antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996 non se devengarán por este concepto novos dereitos quedando, polo tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen ou xeren antes do 30 de setembro de 1996, novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na dita data. A contía mencionada figurará na nómina de cada traballador como complemento persoal baixo ou concepto de antigüidade consolidada e non será tal contía absorvible nin compensable. Para tales efectos fíxase na táboa salarial anexa o importe do quinquenio consolidado para cada unha das categorías profesionais.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición do concepto de antigüidade, percibiranse durante o ano 1996 as contías que figuran na táboa salarial anexa baixo o concepto de compensación antigüidade, e que baixo este mismo concepto figurará na nómina.

Artigo 16º.-Axudas de custo.

Todo traballador con dereito a axudas de custo percibirá as contías que se indican a continuación ou ben gastos a xustificar, á elección da empresa.

-Media axuda de custo: 1.325 ptas.

-Axuda de custo completa: 2.465 ptas.

Artigo 17º.-Xubilación.

Os traballadores comprendidos no presente convenio, que se xubilen cunha antigüidade de 5 anos na empresa, percibirán 30 días de salario, e con máis de 10, percibirán 60 días.

Artigo 18º.-Xubilación voluntaria ós 64 anos.

Os traballadores con 64 anos cumpridos, incluídos no ámbito persoal desde convenio, que desexen acollerse á xubilación co 100% dos dereitos, poderán facelo, estando, neste caso, a empresa obrigada a contratar outro traballador perceptor de subsidio de desemprego, acolléndose a calquera das modalidades de contratación previstas na lexislación vixente.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene.

1. O traballador, na prestación dos seus servicios, terá dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene.

2. O traballador estará obrigado a cumprir e utilizar no seu traballo as medidas legais e regulamentarias de seguridade e hixiene.

3. Na inspección e control das referidas medidas, que sexan de cumprimento obrigado polo empresario, o traballador terá dereito a participar por medio dos seus representantes legais no centro de traballo, se non se conta con órganos ou centros

expecializados competentes na materia, dacordo coa lexislación vixente.

4. O empresario está obrigado a facilitar unha formación práctica axeitada en materia de seguridade e hixiene ós traballadores que contrate, ou cando cambien de posto de traballo ou teñan que aplicar unha nova técnica de poida ocasionar riscos graves para o propio traballador ou para os compañeiros ou terceiros, ben sea por servicios propios ou coa intervención dos servicios oficiais correspondentes. O traballador está obrigado a seguir ditas ensinanzas e a realiza-las prácticas cando se celebren dentro da xornada de traballo ou en outras horas, pero con desconto naquelas do tempo empregado nas mesmas.

5. Os órganos internos da empresa, competentes en materia de seguridad e hixiene e, no seu defecto, os representantes legais dos traballadores no centro de traballo, que constaten un risco grave de accidente pola inobservancia da lexislación aplicable á materia, requerirán ó empresario por escrito para que adopte as medidas oportunas que fagan desaparecer o estado de risco; si a petición non fose atendida no prazo de catro días, dirixiranse a autoridade competente; ésta si constatase a veracidade das circunstancias alegadas, mediante resolución fundada requerirá o empresario para que adopte as medidas de seguridade apropiadas ou suspenda as actividades na zona ou local de traballo. Tamén poderá ordenar, cos informes técnicos precisos, a paralización inmediata da actividade si estimase un risco grave e inminente de accidente.

Se o risco de accidente fose inminente, a paralización das actividades poderá ser acordada por decisión dos órganos competentes da empresa en materia de seguridade ou polo setenta e cinco por cento dos representantes dos traballadores en empresas con procesos discontinuos, e da totalidade dos mesmos naquelas nas que o proceso sexa contínuo; tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e maila autoridade laboral, a que, en 24 horas, anulará ou ratificará a paralización acordada.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralles ós traballadores dúas fundas ó ano, unha cada seis meses, así como todos aqueles articulos de seguridade que especifique a lexislación vixente, especialmente ós traballadores desprazados no monte que realicen funcións de poda ou tronzado entregaranselle botas axeitadas.

Artigo 21º.-Recoñecementos médicos.

Sempre que as mutuas patronais ou laborais que cubran os riscos de accidente de traballo en cada empresa, desexen realizar recoñecementos médicos sobre posibles enfermidades profesionais, así como cando o Gabinete de Seguridade e Hixiene de Lugo propoña recoñecementos no sector, as empresas estarán obrigadas a facilita-lo tempo necesario para realizar estos servicios médicos, previa a corres

pondente citación por escrito na que deberá figurar día, hora e lugar de recoñecemento.

Cando os resultados do recoñocemento médico rutineiro fagan ve-la necesidade dunha atención máis especializada en materia de saúde laboral, acudirase ó Gabinete de Seguridade e Hixiene de Lugo.

Artigo 22º.-Póliza de seguros.

As empresas afectadas polo presente convenio, estarán obrigados a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguro que cubra no caso de accidente de traballo, así declarado pola Seguridade Social, os riscos de falecemento e invalidez permanente nos graos de total, absoluta e gran invalidez.

As contías da citada póliza serán de 2.750.000 ptas. no caso de falecemento e 3.250.000 ptas. no caso de invalidez permanente en calquera dos seus tres graos.

O incremento de 250.000 ptas. que se establece na contía da póliza, respecto do convenio anterior, soamente afectará os procesos iniciados a partir do 1 de abril de 1997.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida percibi-lo traballador da Seguridad Social, mutualidade ou montepío.

Non obstante, a indemnización que se perciba con cargo ó seguro aquí establecido, considerarase como entrega a conta da indemnización que, se é o caso, puderán declarar con cargo á empresa, os tribunais de xustiza, compensándose ata donde aquela alcance.

Artigo 23º.-Vinculación á totalidade.

Como queira que as condicións pactadas no presente convenio colectivo son o resultado da súa

adaptación ó convenio colectivo estatal da madeira, se se dese o caso de que a xurisdicción competente anulase ou invalidase algúns ou tódolos seus pactos e, polo tanto, quedase sen efecto o convenio colectivo estatal pola aplicación do seu artigo 16, o convenio colectivo estatal deixará de rexer no futuro no que respecta ó presente convenio colectivo provincial.

Por outra banda, e no suposto de que a xurisdicción competente considerase que algunha das condicións pactadas no presente convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros, e como queira que este convenio, na súa redacción actual, constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz, e a comisión negociadora deberá reconsidera-lo seu contido íntegro.

Normas supletorias.

No non recollido no presente convenio, serán de aplicación as normas xerais legais e, en especial, o convenio colectivo estatal da madeira, publicado no Boletín Oficial del Estado do 20 de maio de 1996.

Disposicións adicionais

Primeira.-As partes asinantes deste convenio consideran o acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo como o canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Segunda.-As empresas disporán dun prazo de 30 días desde a publicación deste convenio no BOP para aboa-las diferencias salariais entre as cantidades que viñeran percibindo e as que se pactan neste convenio, en concepto de atrasos desde a 1-4-1996 ata a data da publicación.

Táboa salarial vixente do 1-4-1996 ó 31-3-1997

Categorías profesionaisSalario basePlus

asistencia

Compensación

antigüidade

(ano)

Compensación

antigüidade

(mes)

Quinquenio

consolidado

Total anual

Encargado, xefe de oficina2.77611918.2561.30457.0461.225.010
Oficial de 1ª, viaxante, serrador, medidor, conductor2.71811917.8781.27755.8581.199.982
Afiador, oficial de 2ª, serrador de serra circular2.67811917.6121.25855.0441.182.716
Axudante2.59911917.0941.22153.4161.148.623
Peón especialista2.59111917.0381.21753.2401.145.167
Peón vixilante2.57711916.9401.21052.9541.139.119
Aprendiz2.06411913.58097042.416917.734

7752