Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 26 de novembro de 1996 Páx. 10.625

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 1996, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Remolcadores ferrolanos, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Remolcadores Ferrolanos, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-9-1996 subscrito en representación da parte económica polo representante legal da empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 8-8-1996, de conformidade co disposto co Art. 90.2º e 3, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordea-la súa inscripción no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordea-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 16 de setembro de 1996.

María Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial

PRIMEIRO CONVENIO COLECTIVO ENTRE O PERSOAL DE FLOTA E REMOLCADORES FERROLANOS, S.A.

Capítulo I

Extensión

1. Ámbito de aplicación.

1.1. O presente convenio é de aplicación obrigatoria e regula as condicións de traballo de todo o persoal de flota que presta os seus servicios a bordo dos buques remolcadores da empresa REFESA que realizan servicios de remolque no porto de Ferrol.

2. Exclusións.

2.1. Quedan excluídos expresamente da aplicación do presente convenio:

2.1.1. O persoal de alta dirección incluído dentro do ámbito de aplicación do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

2.1.2. O persoal de remolcadores dedicados exclusivamente a salvamento e/ou navegacións de altura.

2.1.3. O persoal técnico ó que se encomenda algún servicio determinado, sen continuidade no traballo a bordo.

2.1.4. O persoal administrativo.

Capítulo II

Vixencia, duración, prórroga e denuncia

3. Entrada en vigor.

3.1. O presente convenio entra en vigor a partir do día 1 de xaneiro de 1996.

4. Duración.

4.1. A vixencia ou duración deste convenio fíxase en cinco anos, contados a partir da data indicada no artigo 3, e producirá efectos ata o 31 de decembro do 2000.

5. Prórroga.

5.1. O convenio enténdese prorrogado por períodos anuais sucesivos se con tres meses de antelación, polo menos, ó seu vencemento inicial ou prórroga en curso, non o denunciase calquera das partes contratantes. Se as conversacións ou negociacións encamiñadas á elaboración dun novo convenio ou modificación do presente se prolongasen por un período que excedese o prazo de vixencia do que se encontre en vigor, entenderase este prorrogado ata a entrada en vigor do novo convenio.

6. Denuncia.

6.1. A denuncia do presente convenio deberá formalizarse por escrito polo menos con tres meses de antelación ó seu termo ou prórroga en curso, deberá ser comunicada a tódolos representantes sindicais e empresariais que o subscribiron, o ós que os substitúan, e deberá quedar constancia da recepción da comunicación efectuada.

Capítulo III

Globalidade, compensación e absorción

7. Globalidade.

7.1. As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

8. Compensación e absorción.

8.1. As condicións pactadas absorberán e compensarán en cómputo anual tanto as que anteriormente rexesen como as que no futuro se poidan establecer por disposición legal, de carácter xeral ou específico, para o sector, ou de calquera outro modo, e subsistirá este convenio nos seus propios termos e sen modificación nos seus conceptos, condicións e retribucións.

Capítulo IV

Lexislación aplicable e condición máis beneficiosa

9. Condicións máis beneficiosas.

9.1. En todo momento se respectarán as condicións máis beneficiosas que puidesen afecta-las normas e condicións deste convenio.

10. Lexislación aplicable.

10.1. No non regulado por este convenio será de aplicación o Estatuto dos traballadores e as demais disposicións legais vixentes.

Capítulo V

Comisión paritaria

11. Constitución e funcións.

11.1. No prazo máximo dun mes, contado desde a sinatura do presente convenio, crearase unha comisión paritaria, constituída por representantes da empresa e representantes dos traballadores do convenio, que terá como misión a interpretación e vixilancia do presente convenio; as súas funcións son, entre outras, as seguintes:

11.1.1. Interpretación do convenio

11.1.2. Actualización das normas do convenio.

11.1.3. Todas aquelas actividades que tendan á eficacia práctica do convenio.

11.2. As partes someterán cantas dúbidas, discrepancias ou conflictos puidesen derivarse da interpretación ou aplicación do convenio a esta comisión, que resolverá o que proceda no prazo máis breve posible, sen que este poida ser superior a cinco días laborables desde a súa reunión.

12. Procedemento: composición e funcionamento

12.1. A comisión paritaria estará composta por:

12.1.1. Un representante dos traballadores e un representante da empresa. As partes poderán ir acompañadas dun asesor, con voz e sen voto.

12.1.2. A convocatoria realizarase por escrito, onde conste o lugar, a data e hora da reunión, así como a orde do día, dentro dos dez días seguintes a aquel en que a comisión fose requirida. Enviaráselles ós membros cunha antelación mínima de cinco días.

12.1.3.5. Os acordos adoptaranse conxuntamente, entre as dúas representacións, e levantarase acta deles; é necesario para lograr acordo a unanimidade das partes.

12.1.4.6. En caso de non poder chegar a acordo no prazo de cinco días hábiles enviaráselles copia da acta da reunión ós interesados, na que se recollerá a posición de cada parte, co fin de deixar expedita a vía para que estes poidan acudir ós órganos da xurisdicción laboral ou aqueloutros que as partes acorden para a resolución do conflicto formulado.

12.1.5.7. A comisión paritaria establece a súa sede nas oficinas que a empresa ten en Ferrol.

12.1.6.8. A comisión paritaria deste convenio poder proceder á elaboración dun Estatuto de funcionamento propio; neste caso as normas previstas neste convenio referente á comisión paritaria e ó seu funcionamento, serano de forma subsidiaria e terán a consideración de mínimas.

Capítulo VI

Organización do traballo

13. Organización dos servicios e traballos en terra e a bordo.

13.1. A organización dos servicios e traballos en terra e a bordo, de conformidade cos preceptos deste convenio e demais normas xurídicas de aplicación, corresponde ó empresario ou armador, e no seu nome, como máxima autoridade, no que afecta o persoal embargado, ó que exerza o mando da embarcación.

14. O persoal a bordo

14.1. O persoal de a bordo, calquera que sexa a categoría e departamento a que estea adscrito, deberá de cumprir cantas ordes e servicios lle dea o armador e os seus lexítimos representantes relativas ás faenas relacionadas coa navegación ou cometido asignado a cada departamento ou servicio.

Capítulo VII

Clasificación e definicións do persoal

15. Xeral.

15.1. A enumeración do persoal é meramente enunciativa e non supón a obriga de ter provistas tódalas prazas que se mencionan se a necesidade e o volume non o require ou non aparecen impostas por disposicións emanadas da autoridade competente.

15.2. Sen embargo, cando se utilice a un traballador para que realice as funcións específicas dunha categoría profesional determinada, terá que ser remunerado coa retribución que a ela lle asigna este convenio, tendo en conta, no que se refire ó persoal titulado,

que deberán observarse as disposicións en vigor dictadas polas autoridades marítimas; poderá asignarse o salario correspondente ó título profesional esixido para cada embarcación, mesmo se a persoa que desempeñe o cargo posúa título de superior categoría, ou sendo de inferior, o exerza circunstancialmente, coas debidas autorizacións.

15.3. Naqueles casos en que as invocadas disposicións prevexan a posibilidade de que un determinado cargo poida ser exercido indistintamente polo persoal que posúa título de distinta categoría, o salario que se percibirá será o correspondente ó do título de inferior categoría.

16. Outras funcións

16.1. Sempre que un traballador realice habitualmente funcións atribuídas a distintas categorías, será clasificado na superior.

16.2. Consideraranse como funcións habituais as que se efectúen durante máis de cento oitenta días ó ano, sen que deban estimarse como tales aquelas que se leven a cabo por substitución dun tripulante con motivo de vacacións, enfermidade ou outros análogos.

O persoal.

17.1. O persoal afectado polo presente convenio comprende:

17.2. Persoal titulado.

17.2.1. Pertencen a el todos aqueles que para o desempeño da súa función profesional precisan estar en posesión do título correspondente expedido pola Dirección Xeral de Mariña Mercante ou autoridades marítimas delegadas dela.

Grupo I. Oficiais. Pertencen a este grupo os que están en posesión de título expedido pola Dirección Xeral de Mariña Mercante para a obtención do cal sexa necesario supera-los estudios de Mariña Civil nos seus diversos graos.

Comprenden as seguintes seccións:

1. Ponte:

a) Capitán da Mariña Mercante.

b) Piloto de primeira da Mariña Mercante.

c) Piloto de segunda da Mariña Mercante.

2. Máquinas:

a) Xefe de máquinas da Mariña Mercante.

b) Oficial de máquinas de primeira da Mariña Mercante.

c) Oficial de máquinas de segunda da Mariña Mercante.

Grupo II. De formación profesional náutico-pesquera.

Pertencen a este grupo os que estean en posesión do título expedido pola Dirección Xeral de Mariña Mercante para a obtención do cal sexa necesario supe

ra-los estudios de formación profesional náutico-pesqueira.

Comprende as seguintes seccións:

1. Cargos de mando e cuberta:

a) Patrón maior e cabotaxe.

b) Patrón de cabotaxe.

c) Patrón de tráfico interior.

2. Manexo dos equipos propulsores:

a) Mecánico naval maior.

b) Mecánico naval de primeira clase.

c) Mecánico naval de segunda clase.

d) Motorista naval.

17.3. Persoal non titulado.

Grupo III. Mestranza. Constituído este grupo polo persoal que se indica.

Contramestre. É o home de mar hábil e experimentado nas faenas mariñeiras, que, baixo as ordes do capitán, piloto ou patrón, é o xefe directo ou inmediato da mariñeiría e como tal dispón, de acordo coas instruccións recibidas, os pormenores para practica-los labores e traballos, repartindo equitativamente as faenas e vixiando persoalmente a rápida e exacta execución das ordes dadas ós especialistas ou simples subalternos que del dependan.

Grupo IV. Subalterno. Neste grupo distinguiranse dous grupos: especialistas e simples subalternos.

1. Especialistas:

a) Mariñeiro mecánico (Mecamar). É o mariñeiro especialista en posesión de competencia correspondente que está en condicións de desempeñar indistinta e simultaneamente servicios de cuberta e máquinas e leva a cabo os que como tal se lle ordenan.

b) Mariñeiro. É o que serve nas manobras das embarcacións para executa-las faenas de cuberta e arboradura; estará ás inmediatas ordes do contrameste, no caso de existir, e executando as faenas pertencentes á cuberta, costado e superestructuras; terá, así mesmo, ó seu cargo o entretemento do casco e aparello da embarcación.

c) Engraxador. É o que efectúa as faenas de engraxado de máquinas e motores e as demais operacións complementarias ou auxiliares, tales como o entretemento e conservación do equipo propulsor, que lle ordenen os seus superiores respecto ó departamento de máquinas e caldeiras.

d) Cociñeiro. É o encargado da preparación, condimentación e conservación dos alimentos da dotación do barco; deberá subministrar e consegui-lo seu adecuado rendemento ós víveres e demais artigos que se entreguen ou adquiran para tal fin.

2. Simples subalternos:

a) Mozo. É o que se inicia nas faenas propias dos mariñeiros ou engraxadores; realizará a bordo traballos de carácter auxiliar.

b) Marmitón. É o pinche de cociña.

18. Definicións

18.1. O contido das definicións que no artigo anterior se consignan pretenden tan só recolle-los trazos fundamentais das categorías definidas sen esgotar nin especifica-las funcións asignadas a cada unha delas, que en todo caso serán as atribuídas de acordo coas disposicións vixentes ou as establecidas por usos e costumes tradicionais en cada porto.

Capítulo VIII

Réxime de traballo

19. Dotacións.

19.1. As tripulacións das embarcacións comprendidas dentro do ámbito de aplicación do presente convenio serán as que permitan o seu perfecto funcionamento, e coincidirán coas fixadas como mínimas en cada momento pola autoridade de Mariña. Determinadas as dotacións dos buques, estas terán a consideración de mínimas.

20. Xornada de traballo, vacacións e descansos

20.1. Dadas as especiais características, natureza do traballo que se vai desenvolver, e de conformidade co regulamentado no Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro, e o Real decreto lei 1/1995, do 24 de marzo, do texto refundido do Estatuto dos traballadores, acórdase unha xornada ordinaria anual de 1.826 horas de traballo efectivo máximo, en aplicación da xornada semanal de corenta horas de traballo efectivo, a cal por razóns de servicio será levada a cabo en réximes de embarque continuados de 28 días, seguidos doutros 28 días de retén; despois dos anteriores corresponde un período de descanso de 28 días consecutivos.

20.2. O retén efectuarase como segue: desde as 8 ás 14 horas, de luns a venres, o persoal estará a bordo efectuando, ademais dos seus servicios, o mantemento dos remolcadores; das 14 horas en diante o persoal estará perfectamente localizable.

20.3. Os períodos de embarque extraordinarios, calquera que sexa a súa consideración, devengarán, independentemente da súa retribución económica, por cada día de embarque medio día de descanso (coeficiente 0,5).

20.4. Terán a consideración de embarques extraordinarios aqueles que en situacións normais non sexan de obrigado cumprimento para as tripulacións, polo que terán carácter de voluntario. Exceptúanse desta consideración toda aquela necesidade causada por forza maior, para a seguridade e integridade tanto da embarcación como da tripulación, para substituír a traballadores por motivos de enfermidade, e para os permisos especiais. Por un período máximo de 30 días.

20.5. Este réxime de traballo compensa e absorbe os descansos correspondentes a domingos, festivos e vacacións, considerándose polos traballadores como máis beneficioso no seu conxunto, tanto desde o punto

de vista organizativo como económico, como incluso para a prestación dos servicios.

21. Período de proba

21.1. O período de proba para as distintas categorías que integran o persoal das empresas, indistintamente do número de traballadores que as compoñan, será:

21.1.1. Para os capitáns, xefes de máquinas, oficiais, patróns e mecánicos navais de calquera clase o período de proba será de 90 días de traballo efectivo.

21.1.2. Para o resto do persoal, o período de proba será de 30 días de traballo efectivo, excepto para o persoal non cualificado, que será de 15 días laborables.

21.2. A incapacidade laboral transitoria derivada de accidente ou enfermidade, común ou laboral, interromperá o dito período de proba.

22. Ascensos

22.1. Para a provisión de vacantes de determinadas categorías seguirase, segundo os casos que no artigo seguinte se determinan, o sistema de antigüidade e o de elección, de modo que se asegure a idoneidade dos que teñan que ocupa-los ditos postos.

22.2. Os ascensos efectuarasen de acordo coas seguintes regras xerais:

22.2.1. O ascenso esixirá a existencia de vacante, entendéndose por tal non só as que se produzan no cadro de persoal, senón tamén as que sexan consecuencia de aumentos nas respectivas categorías.

22.2.2. Tanto nos ascensos por antigüidade como por elección, será condición precisa reuni-las condicións físicas necesarias e posuí-los coñecementos adecuados para o cargo que se trata de cubrir.

22.2.3. Cando un traballador ascenda de categoría ou cambie de especialidade, a súa retribución será a inicial ou de partida á que a súa nova situación corresponda, pero conservando a antigüidade recoñecida dentro da empresa para tódolos efectos.

22.2.4. O persoal, por conveniencia propia, poderá renunciar ós ascensos que lle correspondan, a renuncia dos cales será aceptada polo armador se as necesidades do servicio o permiten.

22.2.5. No caso de ascenso establécese un período de proba análogo ó que se fixa no artigo 21 deste convenio. Cumprido satisfactoriamente o período de proba, causarase baixa na anterior categoría, e adquirirase definitivamente a nova. En todo caso, computarase o tempo de servicio, ben na anterior categoría, se se volvese a ela, ou ben na nova, se se lle confirmase.

22.3. O posto de capitán, patrón e xefe de máquinas serán sempre de libre designación do armador, e poderán ser cubertos por persoal alleo ó cadro de persoal da empresa.

22.4. Como normas concretas para os ascensos observaranse as seguintes:

22.4.1. Mestranza. As vacantes que se produzan no grupo III cubriranas aqueles tripulantes subalternos da mesma empresa que, reunindo os títulos ou nomeamentos oficiais, se é o caso, e as condicións de discernimento, competencia e sentido de responsabilidade, ofrezan unha garantía de acordo co desempeño das categorías correspondentes, e poderán ser provistas con persoal alleo á empresa, sempre que a xuízo dela non exista ningún tripulante que reúna as condicións esixidas para exerce-los respectivos cometidos.

22.4.2. Subalternos. Ascenderán á categoría de mariñeiro os mozos ós que, pola súa antigüidade, lles corresponda.

Capítulo VIII

Traslados, permutas, cesamentos e despedimentos

Sección 1ª. Traslados e permutas.

23. Traslados

23.1. Enténdese por traslado o cambio permanente da residencia que o traballador tivese establecida.

23.2. Todo traslado acordado pola empresa e aceptado polo traballador obrigará a aboarlles ós interesados os gastos que o traslado puidese ocasionar.

24. Permutas

24.1. Os individuos pertencentes á mesma empresa poderán solicitar desta a permuta dos seus respectivos postos, sempre que concorran as seguintes circunstancias:

24.1.1. Que desempeñen cargos ou funcións da mesma categoría e especialidade con idénticas características.

24.1.2. Que reúnan ámbolos permutantes a aptitude necesaria para o novo destino, non tan só desde o punto de vista da súa competencia profesional, senón tamén debido a outras circunstancias que a empresa poida apreciar.

24.1.3. Que se funde en motivo xustificado.

24.1.4. Que ningún dos permutantes fose sancionado pola empresa.

24.2. Será facultade privativa da empresa acceder ou non ás ditas peticións, e a resolución que adopte deberá serlles notificada en forma ós interesados dentro dos trinta días seguintes ó recibo da petición.

24.3. De consumarse a permuta, o persoal afectado aceptará as modificacións que poidan producirse nas súas remuneracións.

Sección 2ª. Cambio de destino ou función.

25. Normas xerais.

25.1. O persoal poderá solicitar da empresa, e esta acceder ou non, ó cambio de destino ou función sempre que se trate de análoga categoría, aínda que sexa de distinta especialidade, e se reúna polo que aspira ó dito cambio as circunstancias de posuí-la aptitude

necesaria para o novo destino e fundarse en motivo xustificado.

25.2. No caso de que se acepte o cambio de destino solicitado, o traballador percibirá a retribución correspondente á súa nova categoría, aínda que conservando os beneficios derivados dos seus anos de servicio na empresa.

26. Traballos de categoría superior

26.1. Todo o persoal, en caso de necesidade, poderá ser destinado a traballos de categoría superior cos haberes que corresponda a ela.

26.2. Este cambio de categoría non deberá ser de duración superior a tres meses ininterrompidos, e o interesado deberá, ó cabo dese tempo, reintegrarse ó seu antigo costo.

26.3. No suposto de que o traballo de categoría superior que se vaia realizar esixise un período de tempo maior que o sinalado deberá proverse definitivamente o cargo superior, de acordo co disposto neste convenio.

26.4. O disposto nos parágrafos anteriores non é aplicable nos casos de substitución por servicio militar, vacacións, enfermidade ou accidente de traballo ou outros análogos, nos que a substitución poderá comprender todo o tempo que duren as circunstancias que motivasen o cambio.

27. Traballos de categoría inferior

27.1. Se por circunstancias eventuais da empresa se destina a un traballador, de modo circunstancial, e por un período inferior a 30 días, a non ser que exista acordo entre as partes, a traballos inferiores ós propios da súa categoría, sen que por iso teña que efectuar funcións que lle impliquen vexación ou menoscabo do seu cometido laboral, conservaranse os haberes correspondentes ó seu cargo. Non suporá menoscabo nin vexación efectuar traballos accidentais de categoría inferior intimamente relacionados coas súa función.

27.2. Se o cambio de destino á categoría inferior tivese a súa orixe en petición propia, a remuneración será a que corresponda ó novo cargo que se lle asigne.

28. Persoal con capacidade diminuída

28.1. As empresas procurarán destinar a traballos adecuados ás súas condicións físicas, no caso de existir posto dispoñible, ó persoal cunha capacidade diminuída pola idade ou outras circunstancias antes de reuni-las condicións necesarias para a súa xubilación, outorgándolles preferencia a aqueles que carezan de subsidio, pensión ou medios propios para o seu sostemento.

Sección 3ª. Comisións de servicio.

29. Comisión de servicio.

29.1. Entenderase por comisión de servicio a misión ou cometidos especiais que circunstancialmente se teñen que desempeñar fóra do barco no que figure enrolado.

29.2. Ningún desprazamento por comisión de servicio poderá durar máis de seis meses, salvo que a empresa considere que a natureza da función ou misión sexa de carácter persoal e intransferible; neste caso poderá ampliarse ata o total termo daquela.

29.3. Independentemente dos gastos de locomoción e axudas de custos a que se refire este convenio, o persoal en comisión percibirá, polo menos, iguais beneficios ós que viñese desfrutando no cargo que desempeña en propiedade, e terá en todo caso dereito a reintegrarse a el tan pronto como remate a misión confiada.

Sección 4ª. Cesamentos e despedimentos

30. Cesamentos.

30.1. O persoal poderá rescindir unilateralmente o seu contrato en calquera momento sen máis obriga que a de avisalo cun mes de antelación. A empresa neste caso terá dereito a prescindir dos seus servicios antes de que remate o expresado prazo, sen estar obrigada a satisfacer outra remuneración que a débeda ata a data en que efectivamente se produza o cesamento no traballo.

30.2. No caso de que o cesamento se efectuase sen o previo aviso que o parágrafo anterior establece, o traballador non terá dereito a percibi-la liquidación dos seus haberes, soldo, pagas extras, etc., ata a data en que a empresa efectúe o pagamento ó resto do persoal.

31. Despedimentos.

31.1. En tódolos casos en que sexa necesario efectuar algún despedimento de persoal, a empresa avisará con 30 días de antelación con excepción daqueles que sexan como consecuencia de falta ou sanción; deberán tramitarse de acordo coas disposicións legais que regularán esta materia.

Capítulo IX

Licencias, excedencias e servicio militar

Sección 1ª. Licencias

32. Xeral

32.1. Con independencia do período regulamentario de vacacións, establécense períodos de permiso retribuídos e de concesión obrigatoria por parte da empresa, de conformidade co disposto no Estatuto dos traballadores, coas seguintes particularidades:

32.1.1. Os días de permiso e licencia entenderanse como días naturais.

32.1.2. Os permisos retribuídos non son acumulables a períodos de descanso, agás os de matrimonio e natalidade. Tódolos demais permisos só producirán os seus efectos no momento do feito que orixine o dito permiso.

32.1.3. Os gastos de viaxe e manutención que orixinen os ditos permisos son a cargo exclusivo do traballador.

32.1.4. Cando un ou varios traballadores se encontren desfrutando de permiso ou licencia, a empresa á cal pertenzan poderá substituílo por algún traballador presente na flota propia, sempre e cando a dita substitución sexa posible e non vulnere as demais disposicións contidas neste convenio.

32.1.5. Nos casos de matrimonio incrementarase o previsto no Estatuto dos traballadores en cinco días. A empresa atenderá os casos particulares de cada tripulante co obxecto de incrementa-las licencias establecidas no estatuto.

32.2. Os traballadores poderán solicitar licencia por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora; en tal caso a licencia poderá concedela a empresa se o permiten as necesidades do servicio, por un período de un a dez días, sen que o interesado devengue haberes.

32.3. O persoal fixo que leve un mínimo de dous anos ó servicio da empresa tamén poderá solicitar licencia sen soldo por prazo non inferior a quince días nin superior a seis meses. É potestade do empresario concedela ou denegala atendendo ós fundamentos que expoña o solicitante, ó expediente persoal deste e ás necesidades do servicio.

32.4. Estes permisos serán improrrogables, e son causa de suspensión temporal do contrato de traballo; deberán pedi-lo pase á situación de excedencia voluntaria os que desexen un prazo superior ó indicado no parágrafo precedente, e non poderán solicitarse, nin por tanto outorgarse, máis dunha vez ó ano.

Sección 2ª. Excedencias.

33. Xeral.

33.1. Recoñécense dúas clases de excedencia, voluntaria e forzosa, pero ningunha delas dará dereito a salario mentres o excedente non se reincorpore ó servicio.

34. Excedencia voluntaria.

34.1. Poderá solicita-la excedencia voluntaria o persoal que leve polo menos dous anos de antigüidade na empresa.

34.2. As peticións de excedencia resolveranse dentro do mes seguinte á súa presentación, e serán atendidas sempre que o consintan as necesidades do servicio.

34.3. A excedencia voluntaria concederase por unha soa vez por un prazo non inferior a seis meses nin superior a cinco anos, e sen dereito a prórroga.

34.4. De non solicitarse o reingreso antes do remate do prazo sinalado, perderá o dereito ó seu posto na empresa.

34.5. O traballador que dentro dos límites fixados solicite o seu reingreso terá dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza da súa categoría profesional se non houbese persoal en situación de excedencia forzosa que a solicite, e se a vacante producida fose de categoría inferior poderá optar entre ocupala

co salario que a ela corresponde ou agardar a que se produza unha vacante das da súa categoría.

34.6. Para ningún efecto se computará o tempo que permaneza en situación de excedencia voluntaria.

35. Excedencia forzosa.

35.1. Dará lugar á situación de excedencia forzosa o nomeamento para cargo político ou sindical. A excedencia comprenderá todo o tempo que dure o cargo que a determina, e outorgará o dereito a ocupa-la mesma praza que desempeñase anteriormente, computándose o tempo de excedencia como en activo para efectos de antigüidade. O reingreso deberá solicitalo o interesado dentro do mes seguinte ó seu cesamento no cargo político ou sindical que posúa.

Sección 3ª. Servicio militar.

36. Xeral.

36.1. O persoal comprendido no presente convenio terá dereito a que se lle reserve o seu posto de traballo durante o tempo que dure o servicio militar activo; o traballador deberá pórse á disposición da empresa antes de transcorrer un mes contado desde a data do seu licenciamento, xa que, de non ser así, se entenderán extinguidas as relacións xurídico-laborais.

36.2. Unha vez que o traballador se reincorpore ó seu posto de traballo, a empresa queda facultada para prescindir dos servicios do que interinamente o viñese desempeñando.

36.3. O tempo de prestación do servicio militar obrigatorio e o voluntario, polo tempo mínimo de duración deste que se prestará para anticipa-lo cumprimento dos deberes militares, computarase para os efectos de antigüidade como se se realizase servicio activo.

Capítulo X

Representación dos traballadores

37. Exercicio do cargo sindical.

37.1. A designación para un cargo sindical faculta o seu titular a exercer libremente por toda a duración do seu mandato.

38. Facultades do cargo sindical.

38.1. Expresar con enteira liberdade as súas opcións nas materias concernentes á esfera da representación sindical.

38.2. Reunirse cos restantes membros da súa central sindical para deliberar sobre temas da súa actividade sindical.

38.3. Promove-las accións a que haxa lugar para a defensa dos seus dereitos ou do interese sindical dos seus.

38.4. Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia, que afecte ó exercicio libre das súas funcións.

38.5. Dispor das facilidades precisas para interrompe-la súa actividade laboral cando as esixencias da súa representación sindical así o impoñan e para

comunicarse cos seus representantes e informalos sobre asuntos de interese sindical común.

39. Eleccións sindiciais.

39.1. As eleccións sindicais realizaranse na data e pola duración que ámbalas partes acorden, dentro da normativa vixente.

40. Reserva de horas para asuntos sindicais

40.1. Os representantes sindicais disporán de 20 horas mensuais, que poderán ser empregadas nos seguintes casos:

40.1.1. Asistencia a congresos, asembleas consellos e, en xeral, a calquera clase de reunións que fosen convocadas polo seu sindicato.

40.1.2. Participación en seminarios, cursos de actividade de carácter formativo pola central sindical á que pertenzan.

40.1.3. Actos de xestión que deban realizar por encargo da central sindical á que pertenzan ou por razón das súas obrigas específicas.

41. Dereitos e funcións dos delegados de persoal.

41.1.1. Cando o delegado de persoal actúe en representación dos traballadores considerarase que se encontra en comisión de servicio, percibindo as axudas de custos establecidas e salario como se estivese traballando, para ter que negociar convenios ou calquera outro motivo que lles afecte ós traballadores e á empresa conxuntamente.

41.1.2. Ningún delegado de persoal poderá ser trasladado da localidade na que preste os seus servicios mentres dure o seu mandato.

41.1.3. Asegura-lo cumprimento das normas laborais, seguridade ou hixiene no traballo.

41.1.4. Control sobre a cantidade e calidade da comida a bordo.

41.1.5. Exercerá o control sobre as horas extraordinarias solicitadas pola empresa, así como a distribución equitativa delas.

41.1.6. Vixiará que se cumpran os períodos de embarque e vacacións previstos en cada empresa.

41.1.7. Respecto da utilización de servicios á empresa, tales como fotocopiadora, máquina de escribir, teléfono, télex, fonía, etc., será a cargo da empresa sempre que a dita utilización afecte a intereses de ámbalas partes. As que sexan meramente de carácter sindical serán por conta dos traballadores.

41.1.8. Ser informado de cantas medidas afecten directamente os traballadores, especialmente aquelas que puidesen adoptarse sobre:

41.1.8.1. Reestructuración de novos sistemas de traballo ou incentivos.

41.1.8.2. Novas construccións ou venda das actuais.

41.1.9. As medidas disciplinarias que imporá a empresa ou os seus representantes a calquera traballador, se se coidan moi graves, deberán ser postas en coñecemento do delegado de persoal.

41.1.10. A empresa facilitará información acerca da situación e marcha xeral dela.

41.1.11. Propoñerlle á empresa cantas medidas considere adecuadas en materia da organización da producción ou melloras técnicas.

41.1.12. E todos aqueloutros dereitos e funcións que se recollen no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

42. Dereito de asemblea.

42.1. Os tripulantes poderán exerce-lo seu dereito de reunión, logo de aviso á empresa con dous días de antelación, acordando con ela as medidas oportunas para que a dita reunión se produza de maneira que cause os menores prexuízos á empresa.

Capítulo XI

Condicións económicas

43. Salario base.

43.1. Todo o persoal afectado por este convenio percibirá o dito salario base, de acordo coa categoría para a que foi contratado, independentemente da súa titulación, académica ou profesional, actual ou futura, e segundo os niveis, que para as distintas categorías se establecen nas táboas retributivas dos anexos a este convenio.

44. Plus de antigüidade.

44.1. Este concepto salarial desaparece desde a entrada en vigor deste convenio. O persoal contratado con dereitos consolidados anteriores manterase na contía que percibirán segundo a táboa do anexo II denominada plus de contrato.

44.2. As contías especificadas na dita táboa absorben os dereitos adquiridos polos traballadores polo concepto de plus de antigüidade e contía será percibida polos traballadores afectados durante toda a súa vinculación laboral á empresa. Os importes da táboa non están suxeitos a revisión.

45. Plus de convenio.

45.1. O presente plus unifica, engloba, substitúe e absorbe os antigos pluses de dispoñibilidade, actividade e calquera outro que se devengase ou se puidese devengar. E aboarase na contía sinalada nas táboas anexas,

46. Gratificacións extraordinarias de verán e Nadal.

46.1. Tódolos traballadores afectados por este convenio percibirán cadansúa paga a razón de salario base, que se devengarán o 15 de xullo e o 15 de decembro, respectivamente.

47. Axudas de custos.

47.1. De forma xeneralizada para os traballadores e tendo en conta as condicións de traballo que requiren do traballador un desprazamento continuado do seu domicilio e a súa permanencia periódica e continuada no buque remolcador, convense o pagamento das axudas de custos que se devengarán e aboarán por día

natural segundo a contía establecida no anexo a este convenio.

48. Plus de salvamento.

48.1. Para os actos de auxilio ou salvamento establécese un plus para os tripulantes consistente no 40% do premio que polo dito servicio se perciba. O premio será o resultado de deducir da remuneración total os gastos en que se incorrese como consecuencia do dito auxilio ou salvamento.

48.2. Este premio correspóndelles a tódolos traballadores de flota no momento en que se produza, e repartirase a partes iguais.

49. Roupa de traballo.

49.1. A empresa facilitará a roupa de traballo. En calquera caso, os traballadores afectados por este convenio están obrigados a usar vestimenta e calzado de traballo.

50. Axuda escolar.

50.1. A empresa aboará en concepto de subvención para material escolar a cantidade de 15.000 ptas. anuais por cada fillo de empregado e ata que cumpra a idade de 25 anos, sempre que xustifique a súa escolaridade.

51. Perda de equipaxe.

51.1. En caso de perda de equipaxe da dotación dun remolcador por naufraxio, incendio, a empresa aboaralle ó afectado, como compensación, a cantidade de 60.000 ptas. pola perda total; e na proporción que resulte se a perda fose parcial.

52. Incapacidade laboral transitoria.

52.1. As situacións de incapacidade laboral transitoria, calquera que sexa a súa continxencia e mentres non sexa dado de alta o traballador, con curación ou proposta de invalidez, ou pase, polo transcurso do tempo, a percibi-las prestacións directamente do INSS ou da mutua patronal, serán complementadas pola empresa ata o 100% do salario total devengado durante o mes anterior.

53. Seguro complementario de accidentes.

53.1. A empresa obrígase a concertar e contratar ó seu cargo, e a favor de cada un dos traballadores, un seguro de accidentes coa seguinte cobertura:

53.1.1. Por morte: oito millóns de pesetas.

53.1.2. Por invalidez permanente: dez millóns de pesetas.

53.2. Todo iso sen prexuízo das pensións ou indemnizacións que polas ditas continxencias se acrediten con cargo á Seguridade Social ou entidades colaboradoras.

54. Revisión salarial.

54.1. Os salarios pactados neste convenio producirán unha variación anual en cada ano da súa vixencia equivalente á variación que experimente o índice de prezos ó consumo (IPC) real, publicado polo Instituto Nacional de Estatística para o conxunto nacional.

54.2. A táboa salarial anexa a este convenio está incrementada no 3,5% como adianto a conta do IPC real que resulte ó financiamento da anualidade 1996.

54.3. Anualmente, aplicarase na nómina de xaneiro unha suba salarial a conta, equivalente á previsión do IPC, de non existir tal previsión pactarase este incremento coa comisión negociadora.

55. Gastos de viaxe.

55.1. Os gastos normais de viaxe que ocasionen os traballadores desde o centro de traballo á súa residencia, agás os de permisos, licencias e excedencias, serán a cargo da empresa.

55.2. Non serán considerados como gastos de viaxe os que se deriven do traslado do traballador desde a súa residencia ó posto base do remolcador.

56. Traballos especiais.

56.1. Considéranse traballos especiais os que se derivan do anexo III e que teñan como obxecto final o pase de certificados de inspección de IBM e/ou sociedade de clasificación.

56.2. Tamén se inclúen no anexo III os traballos sucios e penosos que aboarán trala súa realización. Considéranse como tales as limpezas especificadas no dito anexo.

57. Premio de natalidade.

57.1. Establécese un premio consistente no pagamento único de 20.000 ptas. por nacemento de cada fillo.

Capítulo XII

Faltas e sancións

Sección 1ª. Das faltas en que poden incorre-los traballadores.

58. Xeral.

58.1. Consideraranse faltas para efectos laborais as accións ou omisións en que poidan incorre-los traballadores comprendidos neste convenio en relación cos traballos que teñan que realizar, ou os servicios que deben prestar, ou con ocasión ou como consecuencia deles.

58.2. Por razón da súa gravidade, atendendo á importancia e malicia das faltas, clasifícanse en leves, graves e moi graves.

59. Faltas leves.

59.1. Son faltas leves:

59.1.1. As de erro, demora ou neglixencia na execución de calquera traballo que non produza perturbación ou dano no servicio encomendado.

59.1.2. As de puntualidade inferior a quince minutos, sempre que no atraso non se derive prexuízo para o servicio que deba prestar; en tal caso terá a consideración de falta grave.

59.1.3. Abandonar sen motivo xustificado o traballo, aínda que sexa por breve tempo.

59.1.4. As discusións dos compañeiros de traballo. Se con elas producisen escándalo, serán consideradas como falta grave.

59.1.5. Incorrer en pequenos descoidos na conservación dos materiais e utensilios ou efectos que o traballador teña ó seu cargo.

60. Faltas graves.

60.1. Considéranse faltas graves:

60.1.1. Máis de tres faltas de puntualidade na presentación no posto de traballo non xustificadas e cometidas no período de tres meses. Cando tivese que relevar a un compañeiro abondará unha soa falta de puntualidade para que esta sexa considerada como falta grave.

60.1.2. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexa, estando de servicio.

60.1.3. Neglixencia ou descoido no traballo que afecte sensiblemente á súa boa marcha.

60.1.4. A imprudencia grave en actos de servicio, se implicase risco de accidentes para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.

60.1.5. A embriaguez habitual non estando de servicio.

60.1.6. Ausentarse do buque sen permiso do xefe correspondente.

60.1.7. A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio; se implicase quebranto de disciplina ou dela se derivasen prexuízos para a empresa ou para os compañeiros de traballo, poderá ser considerada moi grave.

60.1.8. As faltas de aseo e limpeza que produzan queixas xustificadas dos compañeiros de traballo.

60.1.9. Blasfemar, realizar xestos ou emitir palabras contrarias á moral.

60.1.10. A repetición de faltas leves dentro dun semestre, aínda que sexan de distinta natureza.

61. Faltas moi graves.

61.1. Son faltas moi graves:

61.1.1. Malos tratos de palabra ou de obra e a falta grave respecto e consideración ós xefes, compañeiros e subordinados.

61.1.2. A reincidencia en faltas de subordinación, disciplina ou cumprimento de servicio. Considérase como tal a negativa a efectua-lo traballo, calquera que sexa a natureza desta e a hora en que deba realizarse.

61.1.3. O abuso de autoridade por parte dos xefes ou superiores respecto ó persoal que lle está subordinado.

61.1.4. O abandono do servicio de garda.

61.1.5. A estafa, roubo ou furto cometidos dentro ou fóra do buque ou a comisión de calquera outro

delicto que poida ser motivo de desconfianza respecto ó seu autor.

61.1.6. O contrabando de mercadorías, divisas ou productos intervidos, mesmo se pola súa natureza ou circunstancias que concorran non chegue a constituír delicto ou falta sancionable pola lexislación vixente sobre a materia.

61.1.7. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o trato desconsiderado cos compañeiros de traballo ou calquera persoa ó servicio da empresa ou en relación de traballo con esta.

61.1.8. Facer desaparecer, inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en materiais e utensilios, ferramentas, maquinaria, aparellos, enxoval e documentos da empresa.

61.1.9. A embriaguez en acto de servicio.

61.1.10. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa, así como revelar a elementos extraños datos de reserva obrigada.

61.1.11. A blasfemia habitual.

61.1.12. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

61.1.13. Orixinar frecuentes rifas e pendencias cos compañeiros.

61.1.14. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.

61.1.15. A repetición de faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro do período dun ano desde a primeira.

Sección 2ª. Das sancións ós traballadores

62. Xeral.

62.1. Ós traballadores que, amparados nos dereitos que polo presente convenio se lles recoñecen, non teñan en conta as recíprocas obrigacións que aquel impón, e para corrixir precisamente as faltas que se observen no cumprimento do deber poderán imporse as sancións que nos artigos seguintes se determinan, observándose ó propio tempo as normas xerais que a seguir se indican:

62.1.1. Non se seguirá orde de prelación ningunha, e poderase impor indistintamente calquera sanción das que, segundo a cualificación da falta, sinala o artigo seguinte.

62.1.2. As sancións que, en orde laboral poidan imporse, entenderanse sen menoscabo da indemnización de danos e perdas a que houbese lugar.

63. Sancións.

63.1. As sancións que poderán imporse serán as seguintes:

63.1.1. Por faltas leves:

63.1.1.1. Amoestación verbal.

63.1.1.2. Amoestación por escrito.

63.1.2. Por faltas graves:

63.1.2.1. Suspensión de emprego e soldo dun día a tres meses.

63.1.3. Por faltas moi graves:

63.1.3.1. Suspensión de emprego e soldo de tres a seis meses.

63.1.3.2. Despedimento con perda total dos seus dereitos.

Capítulo XIII

Seguridade e hixiene no traballo

Sección 1ª. Medidas de carácter xeral.

64. Xeral.

64.1. Nos remolcadores deberán adoptarse tódalas medidas necesarias para garanti-la seguridade do persoal das dotacións, evitando os accidentes de mar e de traballo. Estas medidas comprenderán tanto os mecanismos e aparellos preventivos das máquinas como os medios de protección persoal.

65. Normativa.

65.1. Observaranse as disposicións vixentes da OIT, así como as do Regulamento xeral de seguridade e hixiene no traballo, e sen prexuízo do cumprimento de tales normas xerais e das dictadas ou que poida dicta-la Dirección Xeral da Mariña Mercante, terase en conta.

65.1.1. Sen excepción deben levar tódalas embarcacións unha caixa de urxencias con todo o material esixido polas disposicións de sanidade.

65.1.2. As embarcacións e particularmente os aloxamentos e servicios do persoal estarán sempre en perfectas condicións hixiénicas. Realizaranse as desinfeccións e desinfectacións precisas e deberanse reuni-las necesarias esixencias de limpeza.

Sección 2ª. Comité de seguridade e saúde

66. Xeral.

66.1. Co fin de velar para que normativa, no tocante a seguridade e hixiene no traballo, elaborada pola OIT e ratificada polo Estado español, sexa observada pola empresa, formarase no seo desta un comité de seguridade e saúde segundo a normativa vixente, cuns compoñentes que serán nomeados pola asemblea respecto ós representantes dos traballadores do dito comité.

66.2. Este comité de seguridade e saúde vixiará que tódolos traballos se realicen nas mellores condicións de seguridade e hixiene. Aquel redactará, de común acordo co empresario, a normativa que debe observa-la tripulación nesta materia.

66.3. Cando exista risco grave de accidente de traballo, este comité poderá proporlle ó capitán, patrón ou persoa responsable, a adopción de medidas para evitalo. A dita proposta deberá figurar no diario de navegación do buque que legalmente sexa preceptivo del.

Anexo I

Táboa salarial

(pesetas)

Salario

base

Plus

convenio

Axudas

de custos

Bruto

mensual

Paga

extra

Bruto

anual

Patrón maior170.59035.24185.120290.951170.5903.832.592

Mec. Nav.169.82832.35982.666284.853169.8283.757.892

Mecamar143.78522.58650.984217.355143.7852.895.830

Anexo II

Plus contrato

Traballador

Antigüidade

anterior

Plus

contrato

Carlos Fernández Peinado22.58522.585

Álvaro García Méndez35.14035.140

Fco. M. Silvar Domínguez3.8483.848

Gáspar González Vidal3.8483.848

Manuel García Fernández3.8483.848

Santiago Poole Pascual8.9048.904

ANEXO III

Traballos especiais sucios e penosos (En pesetas brutas)

Bomba ensamblada auga salgada do M.P.11.000

Arrefecedor de auga doce do M.P.13.000

Arrefecedor de aceite do motor principal (M. P.)13.000

Arrefecedor da turbo do motor principal11.000

Limpeza e picado de sentinas27.000

Limpeza do cárter do motor principal14.000

Desmontar/Reparar bomba auga salgada

auxiliares5.500

Desmontar/Reparar bomba de aceite

ensamblada22.000

Desmontar culata e pistón22.000

Desmontar culata11.000

Limpeza arrefecedor auga doce/aceite20.000

Limpeza de arrefecedor das turbos11.000

Desmontar camisa20.000

Desmontar/Montar bomba combustible5.500

Limpeza e encalichado de tanques auga doce11.000

Limpeza tanques auga doce4.000

Limpeza arrefecedores pa/reductora11.000

Limpeza tanques de combustible22.000

Limpeza gradicelas fondos8.800

Desmontar/Montar compresor de aire8.500

Desmontar/Montar e esmerilar válvulas

de fondo5.000

Desmontar/Montar e esmerilar válvulas

de costado2.000

Os traballos realizados que non se axusten a este anexo liquidaranse tomando como base un similar da táboa ou pactarase entre a empresa e os traballadores.

8337